culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Emilia Pardo Bazán

As incursións científicas dunha relevante escritora

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 05/01/2014

Extras de Emilia Pardo Bazán: 

Extras sobre Emilia Pardo Bazán:

Galeria


Emilia Pardo Bazán de moza. Fotografía de Luis Sellier.

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2014], “Emilia Pardo Bazán”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 19/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=496
Untitled Document

Emilia Pardo Bazán de moza. Fotografía de Luis Sellier.

Datos biográficos:

  • Nacemento: A Coruña 1851
  • Falecemento: Madrid 1921
Precoz escritora -con quince anos publicou un primeiro conto-, ocuparía un salientable lugar na literatura e cultura española do seu tempo. En 1868 casou, aos dezaseis anos, con José Quiroga. O seu pai, José Pardo Bazán, foi elixido deputado tras a revolución de 1868, no inicio do sexenio liberal, e a familia trasladouse para Madrid. O Papa Pío IX nomearíao conde pontificio de Pardo Bazán en xuño de 1871, pola defensa nas Cortes dos intereses da Igrexa. A evolución política non lle agradaba ao novo conde, preocupado pola “radicalización”, e a familia marchou de viaxe por Europa. Esa estadía, iniciada o 1 de xaneiro de 1873, constituiu, como pon de manifesto o profesor González Herrán nun extra que acompaña esta biografía, unha auténtica pelegrinaxe carlista da nosa protagonista. O texto que redactou recollendo as súas impresións salienta polo seu conservadurismo e posicións reaccionarias. Por outra banda, a viaxe resultou importante para a formación intelectual da futura escritora, pois facilitoulle o coñecemento de idiomas e o acceso ás preocupacións culturais dos países europeos. Coa Restauración borbónica volveron a España. En 1876 Emilia tivo o seu primeiro fillo e deuse a coñecer como escritora ao gañar o concurso convocado en Ourense para celebrar o centenario de Feijoo. Sempre amosou un grande interese polas novidades e o protagonismo e unha especial capacidade para relacionarse con persoas de ideas moi diversas.

Ciencia e catolicismo a fins do século XIX

A viaxe por Europa convenceuna do crecente prestixio da ciencia e de que esta constituía un ingrediente básico da cultura contemporánea, posición que mantivo ao longo da súa vida. O acceso á obra de diversos científicos, entre eles algúns polémicos, como Haeckel (Bravo-Villasante, 1962), fíxoo desde a perspectiva dunha católica, nun momento no que a Igrexa estaba a definir a súa posición con respecto ao coñecemento científico.

Para a Igrexa, e durante séculos para o ámbito universitario, a filosofía axeitada viña sendo a tomista, escolástica, que supeditaba todo saber á verdade revelada, o que supoñía evidentes atrancos ao desenvolvemento da ciencia experimental. O Papa Pio IX establecera, co Syllabus Errorum, un listado de erros que supuña un rexeitamento da opción política liberal e dos seus compoñentes culturais. A ciencia era observada con desconfianza pola Igrexa, que condenaba teorías “equivocadas” e defendía a dependencia á revelación divina de calquera saber. Esa posición agradaba aos sectores integristas católicos, porén apartaba da Igrexa a amplas capas da poboación interesadas polo progreso científico.

Preocupados por ese distanciamento, científicos católicos crearon en 1875 a Société Scientifique, con sede en Bruselas, publicando desde 1877 a Revue des Questions Scientifiques (Pelayo, 1988). En España xurdiría a revista La Ciencia Cristiana, dirixida por José Manuel Ortí y Lara. Co lema significativo de «verdadera ciencia, cultivada únicamente por los católicos», adoptaba como modelo La Civiltá Cattolica, dos xesuítas do Colexio Romano (Sala, 1987; Pelayo, 1988).

No Estado español na Igrexa dominaban as posicións integristas. Coa Restauración borbónica e o ascenso ao Papado de León XIII en 1878 mudou algo a perspectiva do Vaticano, o que levou a postergar na xerarquía o integrismo carlista e apostar polo liberalismo conservador que encarnaba o novo Réxime. Ese cambio favoreceu unha maior diversidade dentro do pensamento católico, posibilitando a aparición de posicións “concordistas”, que pretendían establecer unha certa harmonía entre os principios da Igrexa e os avances científicos. Un camiño que non estaba exento de problemas. En primeiro lugar, ficaban por resolver as situacións nas que a ciencia contradicía o saber tradicional da Relixión, que incluía o contido literal dos textos bíblicos. Asemade, a ciencia non está constituída só por enunciados e datos novos; na creación do coñecemento científico é chave a liberdade intelectual, que require unha total autonomía con relación a outros saberes e creencias.

Polémicas científicas con Octavio Lois Amado

Interesada en difundir os coñecementos científicos, Emilia Pardo Bazán animouse a publicar unha serie de artigos de temática física, que apareceron entre 1876 e 1877 na publicación católica de Santiago Revista Compostelana, baixo o título de “La ciencia amena”. En diferentes entregas abordou “el calórico”, “la luz”, “la electricidad” e “la circulación del movimiento”. Os textos supoñen unha descrición de certos mecanismos da natureza, nos que a autora realiza diversas referencias a Deus, algo lóxico se temos en conta que están elaborados a partir das publicacións do astrónomo xesuíta Angelo Secchi, responsable do Observatorio Vaticano.

Octavio Lois Amado, que daquela cursaba estudos universitarios de Dereito en Santiago, publicou un comentario crítico sobre eses artigos na mesma Revista Compostelana: “Observaciones al artículo de la señora Doña Emilia Pardo Bazán sobre el Calórico” (Lois, 1877). Sinalaba que «Notando en ellos, aparte de un estilo elegante y claro, ciertas conclusiones y opiniones no muy conformes, en mi juicio, con las nociones de la ciencia moderna, me tomo el atrevimiento, y obligado estoy desde ahora a ello, de probar con mis escasas fuerzas las inexactitudes a que aludo…» (Lois, 1877: 121). Despois de concretar as súas discrepancias, amosando algunhas limitacións nos coñecementos científicos da escritora, rematou indicando que «… los asuntos científicos exigen mucha delicadeza al ser tratados…» (Lois, 1877: 123).

A escritora respondería cun novo artigo, “Apología sobre El Calórico" (Pardo Bazán, 1877), no que comezaba dicindo que ela pretendía «escribir unas sencillísimas conferencias populares sobre física, y no abrir polémica». Incómoda pola alusión de Lois a «dos hipótesis que pertenecen a lo que pueden llamarse fantasía de la ciencia» (Lois, 1877: 122), contesta á mesma e remata indicando de onde sacou os datos expostos, cinco libros e diversos números da Revue scientifique de la France. Non continuou publicando “La ciencia amena”. Parece que a discusión de Lois continuaría tempo despois na revista coruñesa El Comercio Gallego, co título de "La finalidad de la civilización".

Octavio Lois situábase nunha postura ben distante da de Emilia Pardo Bazán, pois identificábase claramente co positivismo e o evolucionismo. En 1881 publicaría un libro Recreaciones científicas (Lois, 1881), no que cuestiona diversas opinións de Secchi e defendía unha visión mecánica do universo. Coidamos que a intervención de Lois non é allea ao labor do núcleo de pensadores e científicos progresistas con actividade na cidade de Pontevedra, concretamente a Indalecio Armesto. Este xornalista, no seu libro Discusiones sobre la Metafísica (Armesto, 1878), incluído polo arcebispo de Santiago no Índice de libros prohibidos, defendera unha ciencia positiva e un evolucionismo xeral e, o que é máis importante para a polémica comentada, cuestionaba algunhas das afirmacións de Angelo Secchi, o inspirador científico de Emilia Pardo Bazán.

O interese da escritora pola divulgación científica manifestouse repetidas veces. Así, por exemplo, na Revista de Galicia, que dirixiu en 1880 (Freire López, 1999), recolle novidades científicas e técnicas. A publicación incorporaba unha sección, “Crónica científica”, e diversas colaboracións, entre as que salientaba a do químico José Rodríguez Mourelo.

Intervención no debate darwinista: «no llegaremos a semidioses pero no fuimos ni seremos bestias»

Se a primeira participación da escritora en temas científicos rematou cun debate, a segunda cuestión que escolleu para manifestarse non podía ter maior contido polémico, o darwinismo. Efectivamente, ao longo dos anos 1877 e 1878 publicaría, en diferentes artigos, “Reflexiones científicas contra el darwinismo”, na revista La Ciencia Cristiana (Pardo Bazán, 1877-1878).

A nova afirmación de que os seres vivos actuais proceden doutros anteriores, dos que se orixinaron por mor de mecanismos naturais, revolucionou a ciencia e foi consolidándose ao longo do século XIX. O transformismo convulsionou á sociedade da época, afectou a concepcións fundamentais establecidas e desbordou os límites habituais do debate científico. No caso galego (e español), as ideas proevolucionistas foron minoritarias e moi localizadas. Asemade, sobresae a presenza da discusión extra científica, ideolóxica, e a escasa orixinalidade das intervencións (Fraga, 1992).

Coa publicación dos textos antidarwinistas Emilia Pardo Bazán deu un paso importante cara a visualizar a súa presenza pública. Polo tema en si e por escoller, por vez primeira, unha publicación editada en Madrid, unha revista dirixida polo profesor integrista José Manuel Ortí y Lara. Nun panorama como o español de 1877, caracterizado pola escasa entidade dos textos antidarwinistas, os artigos da Pardo Bazán acadaron certa sona. Para algúns historiadores neles salientan dous elementos: a corrección formal, situándoo como o traballo «más matizado y erudito que hasta entonces se había hecho en el campo católico» (Sala, 1987: 103), e o seu carácter conservador: «el trabajo es notable por su carácter reaccionario, encubierto por la pulcritud de la intelectualidad ortodoxa» (Glick, 1982: 40).
A cita que encabeza os artigos, tomada de Angelo Secchi, é ben reveladora do propósito da autora: «Algunas personas supondrán que combatimos precisamente el darwinismo por motivos religiosos: más no es así. La cuestión aquí es puramente científica: combatimos esta teoría, porque carece de pruebas directas para ser racional y empíricamente establecida».

Efectivamente, a Pardo Bazán explica a súa preocupación pola ampla aceptación do darwinismo e o efecto nos católicos «sencillos y asustadizos, teniendo el darwinismo por doctrina altamente perniciosa, y repugnando hasta su nombre, no aciertan a sacudir un género de hondo recelo de que la evolución sea en realidad doctrina demostrada, que, fundándose en los hechos engendre total y angustioso conflicto entre la fe y la razón» (Pardo Bazán, 1877: 290). Fronte a iso afirma que «el sistema de Darwin no es la última palabra de la ciencia», e «deben no alarmarse sin fundamento» (Pardo Bazán, 1877:290). Constatamos, pois, un evidente fin pedagóxico-utilitario fronte ao pánico duns ou satisfacción doutros e, que, de feito, foi un xeito distinto de responder ao darwinismo, evitando descualificacións groseiras que só servían para un público fiel, cada vez máis escaso.

Desde esta intelixente estratexia, Darwin non é presentado como un tolo ridículo e ignorante, senón como «hombre de suyo reflexivo y posado» (Pardo Bazán, 1877: 294), que é «harto más que un aficionado» (Pardo Bazán, 1877: 294-5). Tentando tranquilizar aos lectores, Emilia Pardo Bazán cita diversos pronunciamentos críticos co darwinismo desde posicións científicas dun certo prestixio (como a do científico antievolucionista Jean Louis de Quatrefagues). Afasta o caso doutro darwinista, Ernst Haeckel, sendo presentado como un «extremista»; unha liña argumental que tiña bastante eco nos círculos conservadores europeos, nos que non se perdoaba ao grande biólogo alemán o seu monismo científico e compromiso progresista.

Pasando a cuestións concretas, a Pardo Bazán aborda o importante tema da variabilidade das especies. Coida que os darwinistas aproveitaron os erros lóxicos de clasificacións antigas para cuestionar a fixeza e para considerar á especie como algo formal. A falla de formación científica da escritora maniféstase cando argumenta, erroneamente, sobre determinados temas: «La mayor parte de los hechos que se agrupan contra la realidad de la especie, son suministrados por la morfología, ciencia que según un sabio francés (M. Ludwig), no tiene ningun valor científico, ni puede considerarse más que como una ingeniosa broma» (Pardo Bazán, 1877, IV: 482).

Bota man de Quatrefagues para cuestionar a identificación que, supón, fan os darwinistas entre variación e transformación ou creación de novas especies. Continua utilizando ao científico francés para afirmar que Darwin confunde especie, variedade e raza. Estas afirmacións e o apoio continuo noutros autores fainos dubidar da lectura directa do libro de Darwin por parte da escritora, semellando que estamos perante unha ordenada exposición das opinións de diversos especialistas. Empraza, con Quatrefagues, a que: «... en tanto no se halle grupo zoológico en el cual, independientemente de la forma, todas las especies morfológicas se mezclen produciendo formas mixtas indefenidamente fecundas, la variabilidad de los transformistas no podrá ser científicamente demostrada» (Pardo Bazán, 1877, IV: 485), e recolle a dificultade de formar novas especies a partir da domesticación.

A hora de abordar a loita pola existencia e a selección natural, semella que a Pardo Bazán se move con máis dificultade, como ela mesma recoñece. Comenta que a selección natural non preserva aos mellores, porén interpreta a estes nun sentido vulgar, de escala biolóxica lineal, de inferior a superior. Realiza comparacións carentes de sentido biolóxico e interpreta a existencia dunha posíbel loita entre os seres vivos como hipotético medio de que se vale o Creador para manter o «equilibrio de la Creación» (Pardo Bazán, 1877, IV: 487), recoñecendo a existencia dunha aparente confusión na natureza, que agacha unha real harmonía.

Ao rexeitar a orixe evolutiva humana, non pode evitar comentar, no estilo dos habituais propagandistas católicos que pretendía superar, que «no llegaremos a semidioses pero no fuimos ni seremos bestias» (Pardo Bazán, 1878, V, n. 30: 481). Como remate do texto, resume os cargos científicos contra a teoría e, nun exceso, quizás motivado polo intenso seguimento do texto de Quatrefagues, chega a denunciar que o darwinismo desatende o método positivo, crítica que podía ser válida en boca do autor francés, pero oportunista por quen a fai e na publicación en que a realiza, ámbalas dúas nas antípodas do positivismo. O carácter conservador do texto resulta evidente. Neste sentido, Glick (1982), ao estudar a resposta católica ao darwinismo, sitúa á Pardo Bazán no grupo intransixente. Non coincidimos totalmente con esa apreciación, pois coidamos que o traballo, na época da súa publicación, amosa un certo cambio na estratexia nas posicións antidarwinistas. Isto maniféstase no afán de distanciar a Darwin de Haeckel, de darlle importancia ao debate, recorrendo a argumentos e abandonando o recurso ao insulto; neste sentido, debe salientarse como precursor dun novo xeito de crítica ao darwinismo. De feito, coidamos que o principal mérito do texto reside nesa recepción da argumentación de autores europeos e o seu intento divulgador.

Uns anos despois, o químico galego José Rodríguez Mourelo, amigo da escritora, publicaría un artigo comentado eses textos antidarwinistas en La Ilustración Gallega y Asturiana (Rodríguez Mourelo, 1881). Cualificaba os artigos de «algo apasionados, acaso por llevar a la libre investigación el prejuicio de ciertas ideas...». Non lle gustou moito á autora ese comentario, pois queixase en carta ao naturalista Víctor López Seoane (12 abril de 1881): «… ¿Qué es la ciencia? Verdad demostrada ¿Qué es la religión? Verdad revelada. Pues, ¿cómo ha de invalidar una verdad a la otra? Esos miedos sí que son sacrílegos. Supongamos que ahora, por un azar que no podemos prever, demostrase Darwin plenamente todos sus asertos: que su teoría se probase, como se prueba, v.g., que el calor se transforma en movimiento: ¡lucidos quedarían los católicos que dicen que la confirmación de las doctrinas de Darwin es el materialismo, el ateísmo, etc!».

Emilia Pardo Bazán apostaba por un certo “concordismo”. Integrar desde unha posición conservadora as novidades científicas, un camiño que, como vimos, non estaba exento de contradicións. En moitos temas adoptou esa posición, partir do tradicional, co que sempre quixo estar a ben, pero explorar novidades con intención conciliadora, o que lle levou a desvirtualas. Muller culta, non podía ignorar avances evidentes e ficar satisfeita nunha mentalidade tan pecha como a do tradicionalismo daquel tempo nestas latitudes.

Alusións á ciencia na obra literaria

A escritora mantivo ao longo de case toda a súa extensa obra referencias á ciencia. De feito, foi sinalada como «the novelist of her generation most engaged with science» (Pratt, 2001: 104). A súa primeira novela levaba por título Pascual López. Autobiografía de un estudiante de Medicina (Pardo Bazán, 1879). A trama desenvólvese en Santiago e trata dun científico algo trastornado que pretende transformar carbón en diamantes e que, preso do seu desatino, acaba na ruína. Ademais do moralismo do texto, salienta o tema da transformación da materia. Segundo Clemessy (1982), isto tiña a súa orixe na afección da Pardo Bazán pola Química, os seus contactos con Antonio Casares e as experiencias deses anos sobre a transformación de carbono en diamante. Sobre o asunto publicaría José Rodríguez Mourelo un artigo: “El diamante artificial” (Rodríguez Mourelo, 1880).

Un tema que suscitou un importante debate foi o do naturalismo literario, unha cuestión que gardaba unha certa relación coa problemática científica. En primeiro lugar, o naturalismo ten como base propostas científicas, sobre todo biolóxicas. Por outra banda, o punto central da polémica era a relación entre a obra literaria e un principio moral alleo, de xeito similar a como o pensamento tradicional introducía unha consideración moral e límites alleos na actividade científica. Na concepción convencional, a obra aparecía supeditada a un fin moral, que na práctica social da época quería dicir moral católica; pola contra, o realismo literario pretendía reflectir unha realidade libre de prexuízos (Ferreras, 1988). Segundo a formulación de Émile Zola, o naturalismo é unha expresión desta corrente, na que se fai especial fincapé na presentación de situacións totalmente libres de condicionamentos previos. Onde os personaxes se desenvolven segundo a influencia exclusiva das condicións naturais e biolóxicas, cunha limitada posibilidade de acción fronte estas circunstancias, que xogan un papel decisivo na narración. O naturalismo literario, pois, cuestionaba a concepción moral da literatura e resultaba repulsivo para as mentalidades tradicionais, polo determinismo que presenta, os temas que escolle, a linguaxe que emprega, etc. A relación directa co positivismo francés e o experimentalismo de Claude Bernard é ben coñecida.

Entre os estudosos da obra da Pardo Bazán abunda a idea da influencia do darwinismo na súa literatura (por exemplo, Kirby, 1964, Chirico, 2009). Esa posición deriva nalgunhas ocasións de certa confusión entre as teses positivistas que seguían científicos como Claude Bernard, relevante inspirador de Zola, e as propostas darwinistas.

Emilia Pardo Bazán publicaría La cuestión palpitante (Pardo Bazán, 1883), na que trata sobre a obra literaria de Zola, amosando o seu interese por certos aspectos da mesma pero criticando o determinismo moral. A confusión con que a Pardo Bazán accede a este tema fica posto de manifesto na carta que lle remesa ao seu amigo, o conservador Menéndez Pelayo: «Lo que hay en el fondo de la cuestión es una idea admirable, con la cual soñé siempre: la unidad de método en la ciencia y en el arte. ¡Ahí es nada! La división arbitraria ha desaparecido, y la observación y experimentación se aplican lo mismo a la novela que a los estudios anatómicos. Esta madeja está todavía embrollada, pero si se desenreda, que hermosa tela va a tejer el siglo XX». O texto é claramente contraditorio con outras posicións e a práctica literaria da escritora, pois cuestiona a concepción moral da ciencia e da literatura que Menéndez Pelayo defendía e da que a Pardo Bazán non se daba desprendido.

A obra posterior da escritora farase eco da súa peculiar interpretación “naturalista”, usando algúns dos recursos formais desta corrente. Inicia o camiño coa publicación de La Tribuna, onde, a imitación da novela Germinal, de Zola, os protagonistas son proletarios, neste caso proletarias coruñesas. A novidade formal vai misturada coa presenza de conceptos morais e ideolóxicos reaccionarios que a Pardo Bazán utiliza para poñer en evidencia as limitacións dese proletariado, que coida inxenuo e estúpido polo seu apoio á I República española.

O activo grupo católico compostelán reaccionou con contundencia e rapidez ao naturalismo (Fraga, 1992). A toma de posición máis importante deste grupo ten lugar coa publicación por Juan Barcia de La cuestión palpitante. Cartas amistosas a la Sra. Da. Emilia Pardo Bazán (Barcia Caballero, 1884), onde fai unha crítica ao naturalismo desde as posicións tradicionais defendendo a moralidade (católica) da obra de arte. Para Barcia, autor antievolucionista (Fraga, 2005), o naturalismo é unha «… escuela literaria nacida del positivismo filosófico, que profesa y práctica la doctrina de la finalidad artística, doctrina perniciosísima por arrancar al arte de su objeto propio y hacerle invadir la esfera de acción de la ciencia» (Barcia Caballero, 1884: 125).

Canto os contidos, nas novelas Los pazos de Ulloa (1886) e La Madre Naturaleza (1887) están presentes diversas referencias a cuestións científicas, se ben os defensores das teses darwinistas son ridiculizados, como acontece cos personaxes con ideas progresistas, convertidos en caricaturas. Nunha novela escrita con posterioridade, La piedra angular (1891), coidamos que se aprecia un certo cambio de actitude na novelista. O protagonista, Dr. Moragas, representación do Dr. Pérez Costales, darwinista convencido, é tratado con certa comprensión.

Sobre o feminismo e a súa relación coa ciencia

A pesar de formar parte da elite social, Emilia Pardo Bazán debeu afrontar numerosas dificultades para desenvolver o seu labor cultural nunha sociedade tradicional e machista. Así, por exemplo, a misoxinia da Real Academia de la Lengua Española impediu que acadara un posto nela.

Nese tempo, as posicións misóxinas estaban moi estendidas e afectaban a diferentes ámbitos ideolóxicos. Ao conservadorismo cómpre sumar, nas filas progresistas e liberais, numerosas mostras, tal é o caso, por exemplo, de Ramón Pérez Costales, Francisco Pi i Margall, José Ortega y Gasset, Ramón Pérez de Ayala, Urbano González Serrano, etc. Esas posicións levaban a cuestionar a utilidade social do acceso feminino ao voto. Mesmo entre os médicos positivistas xurdiu un antifeminismo “con base científica”. En España tivo un notable eco a aparición en castelán do libro do médico e psiquiatra alemán Paul Julius Moebius, La inferioridad mental de la mujer, coincidente na súa posición misóxina coa do filósofo austríaco Otto Weininger, autor de Sexo y carácter. Estes textos foron moi populares en medios progresistas, de feito, as dificultades para unha crítica ás teorías da inferioridade feminina nese ámbito ideolóxico foron enormes (Aresti, 2001). O médico galego Roberto Nóvoa Santos foi dos que salientou na busca da “base científica” da inferioridade da muller. As súas dúas principais publicacións sobre o tema son: La indigencia espiritual del sexo femenino. Las pruebas anatómicas, fisiológicas y psicológicas de la pobreza mental de la mujer. Su explicación biológica (1908) e La mujer, nuestro sexto sentido y otros esbozos (1929).

Emilia Pardo Bazán constatou a incapacidade do liberalismo do seu tempo para establecer no tema da muller un discurso alternativo ao tradicional. E no tema da educación da muller adoptou unha postura innovadora: «No es la naturaleza; es la sociedad tal cual hoy se encuentra constituída quien acaso desequilibra a la mujer» (1892; en Aresti, 2001:31).



Bibliografía:




Fontes impresas:

PARDO BAZÁN, E. (1876): La ciencia amena, I. Revista Compostelana, 3: 17-18; La Ciencia amena. II. El calórico, Revista Compostelana, 4: 25-27; La Ciencia amena. III. El calórico, Revista Compostelana, 6: 41-43; La Ciencia amena. IV. El calórico, Revista Compostelana, 7: 49-51; La Ciencia amena. V. La luz, Revista Compostelana, 8: 57-59; La Ciencia amena. VI. La luz, Revista Compostelana, 9: 65-67; La Ciencia amena. VII. La luz, Revista Compostelana, 10: 73-75; La Ciencia amena. VIII. La luz, Revista Compostelana, 11: 81-83; La Ciencia amena. IX. La electricidad, Revista Compostelana, 12: 89-91; (1877): La Ciencia amena. X. La electricidad, Revista Compostelana, 13: 97-99; La Ciencia amena. XI. La circulación del movimiento, Revista Compostelana, 14: 105-107; (1877): Apología sobre "El Calórico", Revista Compostelana, 17: 129-131.

PARDO BAZÁN, E. (1877-78): Reflexiones científicas contra el darwinismo, La Ciencia Cristiana, IV, 1877, 22: 289-298; 393, 24: 481-493; V, 1878, 27: 218-233; 29: 393-410; 30: 481-495. Madrid.

PARDO BAZÁN, E. (1879): Pascual López. Autobiografía de un estudiante de Medicina, Madrid: Establecimiento Tipográfico de los Sres. M. P. Montoya y Compañía.

PARDO BAZÁN, E. (1883): La cuestión palpitante, Madrid: Impr. Central.

PARDO BAZÁN, E.(1886):Los Pazos de Ulloa, Barcelona: Daniel Cortezo y Cía.

PARDO BAZÁN, E.(1887): La Madre Naturaleza, Barcelona: Daniel Cortezo y Cía, 2 vls.

PARDO BAZÁN, E. (1891): La piedra angular, Madrid: Imprenta de A. Pérez Dubrull.


Bibliografía secundaria:

ARESTI, Nerea (2001): Médicos, donjuanes y mujeres modernas: los ideales de feminidad y masculinidad en el primer tercio del siglo XX, Bilbao: Servicio Editorial de la Universidad del País Vasco.

ARMESTO, I. (1878): Discusiones sobre la Metafísica, Pontevedra: Imprenta R. Quintáns.

BARCIA CABALLERO, J. (1884): La cuestión palpitante. Cartas amistosas a la Sra. Dña. Emilia Pardo Bazán, Santiago: Imprenta del Seminario Conciliar.

CHERICO, R. (2009): The Struggle with Darwin in the Turn-of-the-Century Spanish Novel. Emilia Pardo Bazán, Miguel de Unamuno and Pío Baroja, Saarbrucken: VDM Verlag Dr. Müller.

CLEMESSY, N. (1973): Emilia Pardo Bazán romanciere, Paris: Centres de Recherches Hispaniques.

CONRY, I. (1974): L'Introduction du Darwinisme en France au XIX siecle, Paris: Vrin.

FAUS SEVILLA, P. (2003): Emilia Pardo Bazán: su época, su vida, su obra, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2 vls.

FERRERAS, J. I. (1988): La novela en el siglo XIX (desde 1868), Madrid: Taurus.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (1992): Bioloxia na Galiza na segunda metade do século XIX (1868-1903): ensino, divulgación, debates, produción, institucionalización e recepción de novidades, Santiago de Compostela: Universidade.

FRAGA VAZQUEZ, X.A. (2005): Influencias ideológicas en la recepción del darwinismo en Morfología biológica a finales del siglo XIX. Los casos de los médicos Francisco Romero Blanco y Juan Barcia Caballero, Llull, XXVII: 401-422.

FRAGA VÁZQUEZ, X. A. (2009): O darwinismo que percorreu Galicia no século XIX. Unha historia de confusións e resistencias, Díaz-Fierros, F. (ed.) O darwinismo en Galicia, Santiago de Compostela: Universidade; p. 15-54.

FREIRE LÓPEZ, A. Mª. (1999): La Revista de Galicia de Emilia Pardo Bazán (1880), A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.

FREIRE LÓPEZ, A. Mª. (editora) (2003): Estudios sobre la obra de Emilia Pardo Bazán: Actas de las Jornadas conmemorativas de los 150 años de su nacimiento A Coruña, A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.

GONZÁLEZ HERRÁN, J.M. (editor) (1989): La cuestión palpitante. Emilia Pardo Bazán, Barcelona: Ed. Anthropos.

GONZÁLEZ HERRÁN, J.M. (1997): Estudios sobre Emilia Pardo Bazán: in memoriam Maurice Hemingway Santiago de Compostela: Universidade.

GLICK, T. H. (1982): Darwin en España, Barcelona: Ediciones Península.

GLICK, T. F. (2003): Sexual Reform, Psychoanalysis, and the Politics of Divorce in Spain in the 1920s and 1930s, Journal of the History of Sexuality, v. 12, n. 1. January.

HENN, D. (1988): The Early Pardo Bazán. Theme and Narrative Technique in the Novels of 1879-89, Liverpool: Francis Cairns Publications.

KIRBY, H. L., Jr. (1964): Pardo Bazán, Darwinism and “La madre naturaleza”, Hispania, 47, 4: 733-737.

LOIS, O. (1877): Observaciones al artículo de la señora Doña Emilia Pardo Bazán sobre el calórico, Revista Compostelana, 16: 121-123.

LOIS, O. (1881): Recreaciones científicas, Pontevedra: Tip. J. A. Antúnez.

MOEBIUS, P.J. (1904): La inferioridad mental de la mujer. La deficiencia mental fisiológica de la mujer, Valencia: Editorial Sempere (orixinal 1900).

NÓVOA SANTOS, R. (1908): La Indigencia espiritual del sexo femenino. Las pruebas anatómicas, fisiológicas y psicológicas de la pobreza mental de la mujer. Su explicación biológica, Valencia: F. Sempere y Compañía.

NÓVOA SANTOS, R. (1929): La mujer, nuestro sexto sentido y otros esbozos, Madrid: Biblioteca Nueva.

PELAYO, F. (1988): Ciencia y religión en España durante el siglo XIX, Asclepio , XL, 2: 187-207.

PRATT, D. J. (2001): Signs of Science. Literature, Science, and Spanish Modernity since 1868, West Lafayette (Indiana): Purdue University Press.

RODRÍGUEZ MOURELO, J. (1880): El diamante artificial, La Revista de Galicia, 9: 78-79.

RODRÍGUEZ MOURELO, J. (1881): Emilia Pardo Bazán, La Ilustración Gallega y Asturiana, 8 Abril, p. 111. Madrid.

SALA, J. (1987): Ideología y Ciencia Biológica en España entre 1860 y 1881. La difusión de un paradigma, Madrid: Cuadernos Galileo de Historia de la Ciencia, CSIC.

SCARI, R.M. (1992): Bibliografía descriptiva de estudios críticos sobre la obra de Emilia Pardo Bazán, Valencia: Albatros Hispanofila.

VALES VÍA, J. D. (2005): Doña Emilia Pardo-Bazán y su efímero título nobiliario, Anuario Brigantino, 28: 265-276.

WEININGER, O. (1945): Sexo y carácter, Buenos Aires: Editorial Losada, (orixinal, 1903).