culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Enrique Vidal Abascal

Xeómetra e astrónomo

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Moreno Castillo, Ricardo
  • Data de alta: 12/01/2014

Extras sobre Enrique Vidal Abascal:

Galeria



VidalAbascalAutorretrato.jpg
VidalAbascalAutorretrato.jpg
VidalAbascalEnrique2.jpg
VidalAbascalEnrique2.jpg

Como citar esta páxina:

  • Moreno Castillo, Ricardo ([2014], “Enrique Vidal Abascal”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 19/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=497
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Oviedo 1908
  • Falecemento: Santiago de Compostela 1994
Naceu en Oviedo porque o seu pai fora destinado circunstancialmente alí, pero as súas raíces familiares estaban en Lalín e sempre se considerou galego. Estudou o bacharelato no Instituto de Santiago e en Madrid a licenciatura de Ciencias Exactas, que rematou en 1931. Dous anos despois gañou unha cátedra de instituto, que exerceu por distintas vilas ata recalar en Santiago, no Instituto Arcebispo Xelmírez. En 1944 defendeu na Universidade Complutense a súa tese de doutoramento, dirixida por don Ramón Aller, sobre o problema da órbita aparente das estrelas dobres visuais. En 1953 estivo en Suíza, traballando co profesor de Rham, e en 1955 obtivo por oposición a cátedra de Xeometría Diferencial da Universidade de Santiago. Dende 1971 foi membro de número da Real Academia Galega, ocupando a vacante que deixara don Ramón Aller.

Os traballos do profesor Vidal superan con moito o medio centenar, a meirande parte deles sobre xeometría diferencial, e polo seu carácter especializado son difíciles de resumir. Falaremos tan só dalgúns de carácter elemental. Nun artigo aparecido en 1947, Vidal Abascal proporcionou novas demostracións dunhas fórmulas descubertas a mediados de século XIX polo matemático suízo Jacob Steiner. Mediante elas podemos calcular a área dunha elipse partindo do centro e dun triángulo inscrito ou circunscrito respectivamente. Para demostrar estas fórmulas considerou unha circunferencia afín á elipse, procedemento xa utilizado anos antes por el mesmo cando abordou o problema de calcular as órbitas das estrelas dobres visuais.

Dos artigos dedicados á xeometría diferencial, o campo de estudo predilecto de don Enrique, sinalaremos tan só un deles, no que demostra algúns resultados facilmente entendibles, mesmo para quen non estea moi ó tanto nesta materia. Trátase dun traballo aparecido en 1944, no cal chega á ecuación diferencial das curvas esféricas dun modo máis sinxelo que o habitual, e tamén a dous novos teoremas. O primeiro di que toda curva cerrada esférica posúe cando menos dous puntos con tanxentes paralelas; o segundo que en toda curva cerrada sobre a esfera hai polo menos dous puntos con normais principais paralelas.

Vidal Abascal creou unha importante escola e dirixiu ata quince teses de doutoramento. Son moitos os catedráticos de xeometría diferencial en España que se consideran discípulos seus. Tamén tivo certa dedicación á historia da ciencia e da cultura, na que deixou algúns traballos que merecen ser recordados. Ademais de artigos biográficos sobre don Ramón Aller, está o discurso de apertura do curso académico 1973-1974, titulado “Influencia de algunos matemáticos y universitarios en el renacimiento cultural de Galicia”, e unha breve historia da xeometría integral e outra da xeometría diferencial publicadas na Revista Matemática Hispano Americana, ambas de moi grata e instrutiva lectura.

Ademais dun bo matemático, Vidal Abascal salientou como home dunha moi grande capacidade organizativa. Fixo as xestións pertinentes para trasladar o Observatorio Astronómico de Lalín a Santiago, e igualmente tivo que ver coa creación dunha cátedra de astronomía para don Ramón Aller. Ao redor do observatorio, tamén por iniciativa súa, foi creado un seminario matemático bautizado co nome de “Durán Loriga”. Ademais, organizou os Coloquios Internacionais de Xeometría Diferencial, que tiveron lugar en Santiago con certa regularidade a partir de 1959. Grazas a estes coloquios, moitos estudantes e profesores puideron ver e tratar a matemáticos estranxeiros de primeira fila. A piques de xubilarse, fundou e impulsou a Academia de Ciencias de Galicia, da que foi o seu primeiro presidente.

Vidal Abascal foi unha persoa preocupada pola sociedade na que lle tocou vivir e pola ausencia de liberdades que nela había. En calquera manifesto de adhesión a profesores ou estudantes represaliados polo franquismo nunca faltaba a súa firma, nin tampouco o seu óbolo cando se trataba de recoller cartos para axudar a xente multada por manifestarse pacificamente. Morreu a tempo de ver definitivamente instalado en España un réxime de democracia e liberdade.



Bibliografía:




Fontes impresas:

VIDAL ABASCAL, E. (1944): El problema de las órbitas aparentes de las éstrellas dobles visuales, Publicaciones del Observatorio de Santiago.

VIDAL ABASCAL, E. (1944): Algunas propiedades de las curvas esféricas, Revista Matemática Hispano-Americana, 4ª serie, t. IV, páxs. 238-242.

VIDAL ABASCAL, E. (1947): Sobre fórmulas de Steiner para el área de una elipse, Revista de Geofísica, t. XXIII, páxs. 425-431.

VIDAL ABASCAL, E. (1952): Sobre los fundamentos de la geometría integral, Revista Matemática Hispano-Americana, 4ª serie, t. XII, páxs. 290-310.

VIDAL ABASCAL, E. (1957): Estado actual, métodos y problemas de la geometría diferencial, Revista Matemática Hispano-Americana, 4ª serie, t. XVII, páxs. 38-58, 161-171, 238-257, 299-312; e t. XVIII, páxs. 28-54.

VIDAL ABASCAL, E. (1966): Don Ramón M. Aller Ulloa, Gaceta Matemática, 1ª serie, t. XVIII, páxs. 123-129.

VIDAL ABASCAL, E. (1973): Influencia de algunos matemáticos y universitarios en el renacimiento cultural de Galicia, Santiago de Compostela: Secretariado de Publicaciones de la Universidad de Santiago de Compostela.

VIDAL ABASCAL, E. (1985): Don Ramón María Aller y sus ojos, en el cielo, El Correo Gallego, 12 de Mayo de 1985.

VIDAL ABASCAL, E. & VIDAL COSTA, E. (1999): Dous matemáticos Galegos, Lugo: Consellería de Educación Universitaria.


Bibliografía secundaria:

CORDERO, A., HERVELLA, L. (1994): Enrique Vidal Abascal, in memoriam, Revista de la Real Academia de Ciencias, v. XIII, páxs. 175-189.

MASA VÁZQUEZ, X. Mª. (1985): Eu fun alumno de Vidal Abascal, El Correo Gallego, 19 de maio de 1985.

MASA VÁZQUEZ, X. Mª. (1995): Discurso lido no Acto Académico In Memoriam do Profesor D. Enrique Vidal Abascal, In Memoriam Profesor Dr. D. Enrique Vidal Abascal, Santiago de Compostela: Universidade.

MORENO CASTILLO, R. (1992): Pensamento Matemático en Galicia, O Castro-Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.

SOUTO SALORIO, Mª J. e TARRÍO TOBAR. A. D. (2016): Enrique Vidal Abascal (1908-1994). Un renacentista en el siglo XX, La Gaceta de la RSME, vol. 19, 2: 385-406.

VIDAL COSTA, E. (1985): Mi padre en zapatillas, El Correo Gallego, 19 de maio de 1985.