culturagalega.org

Salustio Alvarado Fernández

Principal autor de libros de texto de Bioloxía en España no século XX

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 17/01/2014

Extras de Salustio Alvarado Fernández: 

Galeria


Fotografía de Salustio Alvarado Fernández (cortesía de Salustio Alvarado Socastro).
alvarado_2_web.jpg
alvarado_2_web.jpg
alvarado_3_web.jpg
alvarado_3_web.jpg

Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2014], “Salustio Alvarado Fernández”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 14/12/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=498
Untitled Document

Fotografía de Salustio Alvarado Fernández (cortesía de Salustio Alvarado Socastro).

Datos biográficos:

  • Nacemento: A Coruña 1897
  • Falecemento: Madrid 1981
Procedía dunha familia republicana. O avó, Salustio Víctor Alvarado, avogado e notario de Viveiro, participou no Liceo de la Juventud compostelán, fundado en 1847, e do que formaron parte Eduardo Pondal, Rosalía de Castro, Manuel Murguía, etc. Colaborou co Ateneo Científico, Literario y Artístico de La Coruña, e resultou premiado nos Xogos Florais da cidade herculina (1861). Militou no partido republicano, foi deputado en 1873 e gobernador civil de Lugo (Barreiro Fernández, 2003). A familia Alvarado estableceu unha estreita relación co institucionismo (Institución Libre de Enseñanza, ILE) (Gurriarán, 2006). O fillo, Francisco, tamén avogado, pai do noso biografiado, mantivo correspondencia continuada co líder do krauso-institucionismo, Francisco Giner.

Salustio cursou o Bacharel en Oviedo, Barcelona e Valencia. Na cidade levantina foi alumno de César Arévalo Carretero, introdutor dos estudos de Limnoloxía e Hidrobioloxía en España (Casado de Otaola, 1997). Este singular e emprendedor investigador, autor de libros de texto, tivo unha influencia decisiva na súa orientación (Alvarado, 1972). O 25 de outubro de 1913 constituíuse a Sección de Valencia da Real Sociedad Española de Historia Natural nun local do Instituto de ensinanza secundaria. Entre os participantes estaba Salustio Alvarado, que xa estudaba o primeiro curso universitario, e Arévalo foi elixido secretario da Sección (Santos de Otaola, 1997). Rematou a licenciatura en Ciencias Naturais en Madrid.

En 1920 acadou a cátedra de Historia Natural do Instituto de Girona, onde tivo como alumna a Magda Ballester Escalas, con quen casaría, pasando dous anos despois ao de Tarragona, onde exerceu de director en 1931 e 1932. En 1932 gañou, por oposición, a cátedra de Organografía e Fisioloxía Animal da Universidade de Madrid. O seu perfil investigador estaba máis orientado cara o ámbito botánico, pero, probablemente, o feito de que a cátedra de Organografía e Fisioloxía Vexetal estivera ocupada levouno a optar por outra.

Na Guerra Civil impartiu docencia na Facultade de Ciencias de Valencia. Ao remate volveu á cátedra madrileña ata a súa xubilación en 1967, encargándose tamén das clases de Bioloxía. Foi subdirector do Museo Nacional de Ciencias Naturales (MNCN) e director do Instituto José Acosta do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC). Presidente da Real Sociedad Española de Historia Natural no ano 1951, e presidente honorario desa institución en 1977, o 3 de marzo de 1960 foi nomeado membro da Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, cargo do que tomou posesión o 15 de marzo de 1972, nun acto no que leu o discurso El mundo sensorial del hombre y de los animales (Alvarado, 1972).

Tivo catro fillos, todos naturalistas, Rafael, Francisco, Rosa-Magda e Elvira. Rafael Alvarado Ballester ocupou a cátedra de Zoología de Invertebrados da Universidade Complutense de Madrid. Presidente da Real Sociedad Española de Historia Natural, foi académico correspondente da Academia de Cirugía y Medicina de Galicia e membro numerario da Real Academia Española de la Lengua.

Autor de libros de texto

Salustio Alvarado salienta no panorama español do século XX como autor de libros de texto e materiais didácticos ou de apoio ao ensino secundario e universitario das Ciencias Naturais. Segundo os datos de que dispoñemos, iniciou ese labor en 1925 coa publicación dun Curso práctico de Biología celular e histología; logo publicou un primeiro libro de texto sobre Historia Natural para “3º de Bachillerato” (curso 1927-28), e rematou coa decimo quinta edición, en 1981, da Biología General.

Máis de cincuenta anos escribindo e editando manuais, que tiveron numerosas edicións e chegaron a miles de estudantes. En 1972, Florencio Bustinza Lachiondo, no seu discurso de resposta ao de ingreso de Alvarado na Academia de Ciencias, indicou: «No hay naturalista en España, no hay ningún opositor a cátedras de Ciencias Naturales, que no haya leído y aprendido en los libros de don Salustio. Son decenas de millares los estudiantes de bachillerato y preuniversitario los que han utilizado sus libros y también son millares los estudiantes de Ciencias, de Medicina y de Farmacia, que han leído su documentada Biología».

Formación e itinerario investigador

No ámbito investigador Salustio Alvarado especializouse en Citoloxía e Histoloxía vexetal e animal. A súa formación tivo lugar no relevante tecido formativo que desenvolveu durante décadas o institucionismo (ILE), especialmente a Junta para Ampliación de Estudios(JAE). Alvarado, que estivo na Residencia de Estudiantes entre 1915 e 1919, traballou como bolseiro nese período, no Museo Nacional de Ciencias Naturales (MNCN), dirixido por Ignacio Bolívar, do que foi colaborador desde 1916. En 1917 participou nunha excursión científica ao Cantábrico organizada polo Museo.

O ourensán Antonio García Varela, catedrático de Organografía e Fisioloxía Vexetal da Universidade Central, asumiu a dirección do Laboratorio de Fisioloxía vexetal da JAE, creado a raíz dun curso impartido en 1920 polo profesor Lewis Knudson (Universidade de Cornell, New York), no Jardín Botánico de Madrid, no que Luis Crespí actuou de coordinador (Baratas, 1998). Ao segundo curso de Knudson (abril a xuño de 1921) asistiu Alvarado, se ben non á totalidade, por restricións impostas polo Ministerio.

A pesar de traballar e residir en Girona, Alvarado iniciou neses anos o contacto coa sobranceira escola histolóxica española, localizada en Madrid, e realizou unha serie de viaxes de formación. No curso 1921-22 acudiu aos cursos que se impartían no laboratorio de Histoloxía de Pío del Río-Hortega, que dirixía o Laboratorio de Histoloxía da JAE instalado na Residencia de Estudiantes. A relación con este científico e con Nicolás Achúcarro Lund deulle acceso á utilización da tinción histolóxica que estes investigadores deseñaran e así adquiriu experiencia nas técnicas de impregnación arxéntica, que aplicou ao estudo microscópico de diversos seres vivos. Asemade, facilitoulle a concesión dunha bolsa da JAE para estudar en Alemaña en 1922 e 1923. A súa tese de doutoramento, sobre histoloxía das medusas, dirixida por Achúcarro, presentouna en 1923.

Segundo a Memoria da JAE (Anónimo, 1925), dispuxo dunha bolsa dun ano, catro meses e vintecatro días para estudar Citoloxía e Histoxénese vexetal. Primeiro acudiu ao Pflanzenphysiologischen Institut da Universidade de Berlín, onde traballou baixo a dirección do profesor Gottlieb Haberlandt, publicando “Die Entstehung der Plastiden aus Chondriosomen in den Paraphysen von Muium, cuspidatum" (1923). Despois pasou ao Instituto botánico da Universidade de Freiburg im Breisgau, co profesor Friedrich Oltmans. Da actividade resultou o traballo "El origen de los cloroplastos en las hojas de Cicer arietinum" (1923). Por último, acudiu a Múnic, onde traballou co profesor Karl Ritter von Goebel no Pflanzenphysiologischen Institut da Universidade, en morfoloxía e embrioloxía experimental das plantas.

Aplicou os seus coñecementos histolóxicos a diversos seres vivos, animais e vexetais. Como vimos, na tese atendeu ás medusas, pero nos momentos previos e nos anos sucesivos especializouse en histoloxía vexetal. Despois de acadar a cátedra volveu ao estudo histolóxico animal, con traballos sobre a quetoxénse e capilares dos Poliquetos e as traqueobranquias rectais dos Anisópteros. Progresivamente foi deixando o labor investigador e nas últimas décadas en activo centrouse na edición de libros de texto e nas actividades institucionais. Parece que non xerou escola de investigación (Varios, 1982).

Depuración, darwinismo e posibles discordias co institucionismo

Alvarado estaba en Tarragona, lugar habitual de veraneo da súa familia por seren a residencia dos seus sogros, o 18 de xullo de 1936. Posteriormente trasladouse a Valencia, onde viviu en casa do seu cuñado Martín Plaja Martí e acudiu á convocatoria gobernamental do profesorado para impartir docencia universitaria nesa localidade, na zona leal á República. Ao remate da contenda volveu para Madrid e retomou o seu labor docente na Universidade. Os seus mestres, Ignacio Bolívar e Pío del Río-Hortega morreron no exilio. No caso de Río-Hortega rexeitando a volta a España ofrecida polos enviados do xeneral Franco, preocupados pola imaxe internacional da posible concesión do Premio Nobel a un científico exiliado.

Iniciada a Guerra Civil, o bando fascista tomou rápidas e contundentes medidas para a “depuración” do profesorado, co fin de revisar o perfil ideolóxico dos docentes e asegurarse a lealdade ao novo Réxime. O decreto 66 de 8 novembro de 1936, publicado no BOE o 11 de novembro, creou comisións encargadas dese proceso. Os membros delas eran designados polo presidente da Junta Técnica del Estado a proposta da Comisión de Cultura y Enseñanza, que presidía José María Pemán, que nunha circular de 7 de decembro concretaba o procedemento, partindo dunha demonización do labor da Junta para Ampliación de Estudios. As comisións debían elaborar un informe sobre os profesores “depurados”, co prego de cargos e defensa do inculpado, tomando a decisión final a Comisión de Cultura y Enseñanza, na que a presenza de membros de Acción Española, grupo católico de dereitas, era moi notable (Claret Miranda, 2006).

A Comisión depuradora inicial, Comisión A, deu lugar nos primeiros meses de 1939 a catro comisións (aparte Tribunal de Responsabilidades Políticas). No caso da Universidade de Madrid foi designado como xuíz instrutor da comisión o catedrático de Patoloxía Fernando Enríquez de Salamanca y Dánvila, de Acción Española, decano da Facultade de Medicina ata 1951, quen se comprometeu totalmente na tarefa, incorporando aos procedementos as súas opinións subxectivas (Claret Miranda, 2006). Este catedrático foi quen asumiu o proceso de “depuración” de Salustio Alvarado. Na folla de cargos remitida por este inquisidor fascista acusábao de ter pertencido a “partidos políticos de izquierdas”, de non facer nada para sumarse ao “Movimiento”, percibir os haberes en “zona roja”, desempeñando unha cátedra e, curiosamente, que «en los libros por él escritos, de Historia Natural, apuntaba ideas evolucionistas sin la neutralización debida, extremo este de gran trascendencia puesto que puede suponer una desviación espiritual de nuestra juventud estudiosa».

Alvarado respondeu que formou parte, antes da II República, da Agrupación al Servicio de la República e máis tarde do Partido Republicano Radical, de Alejandro Lerroux, pero indicaba, con razón, que non era unha formación de esquerdas e que non pertenceu á Fronte Popular. Afirmaba que non puido sumarse ao “Movimiento” porque en Tarragona a guarnición militar non se sublevou, pero que se identificou con el e que era publicamente un “elemento faccioso”. Nese sentido, manifestaba como boicoteou a elaboración do plan de estudos de Ciencias Naturais na Universidade de Valencia. No tema darwinista dicía que o evolucionismo non «ataca ni a las doctrinas políticas y sociales de la Nueva España ni a los dogmas de nuestra Religión católica»; afirmaba que sempre indicou nos seus textos que a teoría da evolución non excluía a creación divina e que se trataba o tema nos manuais era para atender ao cuestionario oficial.

Á vista dos datos presentados, o xuíz instrutor, Enríquez de Salamanca, propuxo que Alvarado fose rehabilitado na súa función docente, se ben, «inhabilitado durante el período de un año para ocupar cargos directivos y de confianza». Efectivamente, Alvarado retornou e continuou a súa carreira académica sen problemas. De feito, como vimos, accedeu a numerosos cargos e postos de responsabilidade.

En diferentes documentos presentados no proceso alúdese a un distanciamento entre Alvarado e o mundo institucionista, especialmente cos dirixentes da JAE e do MNCN. É unha cuestión que debe tomarse con certa precaución, pois ao remate da Guerra Civil esas institucións eran, como indicamos, obxectivo da persecución do bando fascista e era lóxico que os imputados amosaran distancía a efectos de evitarse problemas. Arturo Caballero Segares, catedrático de Fitografía y geografía botánica, afondou na súa declaración no tema. Cómpre ter en conta que este profesor ocupou un posto de especial confianza para as autoridades fascistas, o de xuíz instrutor da comisión de depuración do profesorado das universidades, excluídas as de Madrid, Barcelona e Valencia (Claret Miranda, 2006). Caballero afirmou que Alvarado fora despedido do MNCN «por su carácter independiente», o que lle levou a opositar á cátedra do Instituto de Girona. Asemade, sinalaba discrepancias coa JAE. Non dispoñemos de datos que poidan corroborar esas afirmacións, en todo caso, como vimos, Salustio Alvarado procedía dunha contorna moi próxima ao institucionismo e a súa formación tivo lugar, de xeito inequívoco, na rede investigadora e docente xeradas por este. E seguiu colaborando intensamente despois de 1920 coa JAE, que lle concedeu unha bolsa no estranxeiro.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Expediente personal del Salustio Alvarado Fernández, Archivo General de la Administración, Educación, 21/20405.


Fontes impresas:

Á marxe dos numerosas edicións dos libros de texto, indicamos algunhas das publicacións de Alvarado.

ALVARADO, S. (1918): Plastosomas y leucoplastos en algas fanerógamas”, Trabajos del Museo Nacional de Ciencias Naturales, serie botánica, 13: 3-48.

ALVARADO, S. (1918): Sobre el estudio del condrioma de la célula vegetal con el método tano-argéntico, Boletín Real Sociedad Española de Historia Natural, XVIII: 434-446.

ALVARADO, S. (1923): Contribución al conocimiento histológico de las medusas, Trabajos del Museo Nacional de Ciencias Naturales, serie zoológica, 47.

ALVARADO, S. (1923): Die Entstehung der Plastiden aus Chondriosomen in den Paraphysen von Mnium cuspidatum, Berichten der Deutschen Botanischen Gesellschaft, Bd. XLI, 2: 85-96.

ALVARADO, S. (1923, abril): El origen de los cloroplastos en la hojas de “Cicer Arietinum, Trabajos del Museo Nacional de Ciencias Naturales, serie botánica, 17: 3-44.

ALVARADO, S. (1925): Sobre la estructura de la epidermis foliar de las “Selaginella”, Trabajos del Museo Nacional de Ciencias Naturales, serie botánica, 19: 3-30.

ALVARADO, S. (1925): Constitución morfológica y filogenia del calículo de las "Dipsacáceas", Trabajos del Museo Nacional de Ciencias Naturales, serie botánica, 21: 3-29; Madrid: Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Cientificas

ALVARADO, S. (1972): El mundo sensorial del hombre y de los animales: discurso de recepción leído por el Académico electo Salustio Alvarado Fernández el día 15 de marzo de 1972, y contestación del Sr. Florencio Bustinza Lachiondo, Madrid: Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales.


Bibliografía secundaria:

ANÓNIMO (1925): Memoria correspondiente a los cursos 1922-3 y 1923-4, Madrid: Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas.

BARREIRO FERNÁNDEZ, X. R. (coord.) (2003): Parlamentarios de Galicia. Bio- grafías de deputados e senadores (1810-2003), 2ª ed. corrixida e aumentada, Santiago de Compostela: Parlamento de Galicia, Real Academia Galega. 2 vols.

BARATAS DÍAZ, Al. (1998): La Ciencia española ante la crisis del 98: semillas, frutos y agostamiento, Cuadernos de Historia Contemporánea, 20: 151-163.

CLARET MIRANDA, J. (2006): El atroz desmoche. La destrucción de la Universidad española por el franquismo, 1936-1945, Barcelona: Crítica.

CASADO DE OTAOLA, S. (1997): Los primeros pasos de la ecología en España, Madrid: Ministerio de Agricultura/Publicaciones de la Residencia de Estudiantes.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.

OTERO CARVAJAL, L. E. (dir.) (2006): La destrucción de la ciencia en España, Madrid: Editorial Complutense.

VARIOS (1982): Sesión necrológica en recuerdo de Don Salustio Alvarado Fernández, presidente honorario de la Sociedad, Actas RSEHN, LXXX: 17-34.