culturagalega.org

Juan José Barcia Goyanes

Anatómico, neurólogo, psiquiatra, humanista, decano, reitor e fundador da neurocirurxía española

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Ponte Hernando, Fernando; Pascual Bueno, J.; González-Castroagudín, Sonia
  • Data de alta: 23/01/2014

Extras de Juan José Barcia Goyanes : 

Extras sobre Juan José Barcia Goyanes :

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Ponte Hernando, Fernando; Pascual Bueno, J.; González-Castroagudín, Sonia ([2014], “Juan José Barcia Goyanes ”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 15/12/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=499
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Santiago de Compostela 1901
  • Falecemento: Valencia 2003
Juan José Barcia Goyanes naceu en Santiago de Compostela, na Algalia de Arriba nº 4, non lonxe da Porta da Pena nº 10-12, domicilio do seu avó, o catedrático de Anatomía e Psiquiatra D. Juan Barcia Caballero, a quen estivo moi vinculado. Foi o primeiro de seis irmáns dos que algúns falecerían antes da idade adulta: Maruxiña, a maior das nenas, en 1911 de meninxite; Santiago, o menor dos varóns, en 1917 dunha nefrite; e Juan Luis, o seu gran aliado e compañeiro de xogos, en 1924 sendo estudante de Medicina, dunha oclusión intestinal da que foi operado por D. Ángel Baltar. Dada a coincidencia do nome de Juan cos dous irmáns, o periódico El Progreso deu por morto e enterrado a Juan José os días 14 e 15 de Marzo de 1924.

Era fillo de Juan Barcia Eleizegui, médico militar e pediatra, e de María dos Ángeles Goyanes Cedrón, irmán de Vicente e curmán do gran cirurxián monfortino de fama internacional José Goyanes Capdevila. Pola vida militar do seu pai, tivo cambios de residencia durante a súa infancia e xuventude. Viviu en Santiago ata 1905, logo en Ourense e máis tarde nas Illas Chafarinas, A Coruña e Ceuta. Barcia Eleizegui, que tamén foi novelista e poeta e, como tal, unha persoa inclinada ao mundo do pensamento e da fantasía, non permitiu que os seus fillos recibisen unha formación inicial fóra da súa casa -examinábanse por libre-, polo que Barcia Goyanes non foi á escola nin coñeceu a ningún mestre ata chegar á universidade.

Formación

Barcia Goyanes comezou Medicina en Santiago con 16 anos, en xaneiro de 1918, xa que se atrasou o inicio do curso pola terrible pandemia de gripe que asolaba unha Europa que, ademais, entraba no último ano da I Guerra Mundial. Habendo dúas prazas para catro candidatos, conseguiu unha de alumno interno de Anatomía por oposición a finais de 1918. Para iso estivera facendo prácticas de disección en coellos co seu avó, de quen sería alumno.

Consideraba os seus grandes mestres ao seu avó e aos profesores Rodríguez Cadarso, en Anatomía, Nóvoa Santos, en Patoloxía, e a Ángel Baltar, en Cirurxía. A Cadarso axudáballe a escaiolar enfermos, estudaba anatomía con el, preparáballe as diseccións -cóntase que Cadarso, ao falecer un axudante seu de sepsis, tras ferirse facendo unha disección, colleulle pánico e negábase a disecar- e traducíalle textos do alemán.

Comezou a publicar no Boletín de Medicina e Cirugía, órgano dos alumnos internos do Hospital Clínico, dirixido José de Eleizegui, primo do seu pai, activísimo médico e publicista que dirixiu moitos anos España Médica. Tamén publicou, por mediación de Cadarso, artífice dunha importante colaboración científica con Portugal, en Arquivo de Anatomía de Lisboa. Colaborou así mesmo, en España Médica, na que publicou, o 10 de abril de 1920, sendo aínda estudante e axudante de Anatomía, o traballo titulado “Verdadeiro concepto da Protuberancia anular”, e na Revista de Ciencias de Varsovia. Isto favoreceu a súa formidable carreira de políglota, que chegou a coñecer bastante máis dunha ducia de idiomas, pois xa sabía inglés e francés e, durante a carreira, estudou alemán e latín clásico.

Licenciouse en 1923, adiantando un ano, con tan boas cualificacións -todas matrículas de Honra menos notable en Hixiene e sobresaínte en Patoloxía Cirúrxica- que a Real Academia Nacional de Medicina concedeulle o Premio Rodríguez Abaytúa ao mellor expediente nacional. O diario El Compostelano recolle, o 29 de setembro de 1923, o xantar de camaradería que celebrou con Ramón Baltar, Alfonso Rivero de Aguilar e outros condiscípulos con tal motivo.

Obtivo o grao de licenciado con sobresaínte, tras os tres exercicios de rigor, o 28 de setembro de 1923. No terceiro correspondéronlle con sorte os temas: “Valor diagnóstico da percusión constante e Mecanismos e síntomas das fracturas da base do cranio”. O tribunal compoñíano os profesores Francisco Romero Molezún, presidente, Alejandro Rodríguez Cadarso, vogal, e Salvador Piñeiro Parga, secretario.

Inicios profesionais

Ao acabar a carreira foi nomeado axudante de clases prácticas de Anatomía, asunto que non quedou sen crítica, por ser neto de quen era, nun epígrafe titulado “Un neto do seu avó” na páxina 2 do diario Galicia de Vigo do 6 de Outubro de 1923, o que fortaleceu a súa vontade de lograr unha cátedra por oposición.

Entrou a traballar no Sanatorio Cirúrxico Baltar, primeiro que se fundou en Galicia, en 1908, polos doutores Baltar e Varela Radío, da man de Ángel Baltar Cortés, pai do seu íntimo amigo e compañeiro Ramón Baltar Domínguez. Á morte do seu avó, en 1926, foi nomeado tamén médico do Manicomio de Conxo.

En marzo de 1925 leu a súa tese doutoral, que realizou axiña para poder opositar á cátedra de Anatomía de Valencia.

Matrimonio e Familia

Casou con María de la Encina Salorio Suárez, de distinguida familia coruñesa. Tiveron catro fillos: María de la Encina, nai do bailarín Nacho Duato; Juan Luis, primeiro catedrático de Neurocirurxía de España; Demetrio, catedrático de Psiquiatría; e a pequena, María de los Ángeles, relixiosa das Esclavas do Sagrado Corazón, que o coidou tras quedar viúvo, os últimos anos da súa vida.

Ideas e creencias

Barcia foi, neste campo, un home claro e meridiano. Católico convencido, desde mozo participou en movementos asociativos -foi presidente da Asociación de Estudantes Católicos da Facultade de Medicina, na que tamén lía as súas poesías e daba conferencias como “A vellez e a morte como consecuencia da diferenciación” (6 de abril de 1922)- e en actividades relixiosas como procesións, charlas e certames poéticos, frecuentemente en compañía do seu avó. Foi 30 anos presidente de Acción Católica en Valencia e membro da Adoración Nocturna. Na política era igualmente diáfano. Falanxista de maneira breve e circunstancial e leal a Franco de por vida, tal como di el mesmo no libro La Saga de los Barcia (p. 196): «Yo fui siempre y sigo siendo monárquico, aunque haya aceptado el caudillaje de Franco y no sea la constitucional la forma de monarquía que considero la ideal». Católico sincero e fervente, pero espírito libre, Barcia non se encolleu á hora de criticar con gran dureza (La Saga de los Barcia, (p. 211) certas actitudes da xerarquía eclesiástica, un tanto proclive a negar a evidencia do seu pasado de apoio ao réxime de Franco. Entre outras cousas molestáballe que se quixese ocultar, de modo vergoñento, a matanza dos crentes, laicos e relixiosos, que se produciu durante a guerra civil.

O Cardinal Agustín García Gasco, arcebispo de Valencia, impulsou a apertura da causa de beatificación do profesor Barcia Goyanes en 2009.

Ensaios e literatura

Barcia escribiu algúns ensaios, como Los intentos de construcción de un ser viviente, e poesías, chegando a publicar algúns libros sobre estas materias, entre eles Salterio, compendio de poesías adicadas á Virxe, súas, de seu pai e de seu avó; Canto de Cisne e Como el Eco. Xa en 1917, con 16 anos, foi premiado no certame literario da Revista Maruxa en compañía de outras futuras celebridades como Antonio Villar Ponte, Evaristo Correa Calderón e Leandro Carré Alvarellos, segundo recolle El Correo de Galicia do 27 de Xullo.

Carreira docente e profesional

Salamanca. En decembro de 1925, entre nove aspirantes a cinco prazas de auxiliares de diversas ramas, só el obtivo unha, a auxiliaría de Anatomía. Na primeira oposición ás cátedras en Valencia, en xullo de 1925, con 13 aspirantes, non tivo éxito. Cos mesmos opositores e tribunal, nesa época, acudiu á praza de Salamanca, que tampouco aprobou, lográndoa en 1926, antes de cumprir os 25 anos. Tras cesar nos postos de traballo que exercía en Compostela, marchou á capital charra, onde tomou posesión o 4 de marzo de 1927. A súa praza de Conxo ocupouna, a instancias de Barcia, quen sería logo catedrático de Medicina Legal e pai da psiquiatría galega, José Pérez López-Villamil.

Foi bolseiro en Praga, centro destacado nos estudos do sistema nervioso, e, posteriormente, en Lovaina, con Van Gehuchten.

Inaugurou na Facultade un anfiteatro anatómico. A cátedra resultou estar francamente mal dotada pois ata escaseaban os osos, que houbo que ir a mercar a Lisboa, aínda que o macabro tráfico lle causara algúns problemas na aduana de Fontes de Oñoro. As condicións, na fría capital castelá, eran tales que os alumnos acudían á clase de disección con abrigo e sombreiro. Ademais, impartía as leccións de Psiquiatría do programa de Medicina Legal. Tamén impulsou un pequeno dispensario psiquiátrico.
En 1927 escribiu La vida, el sexo y la herencia, fundamentos científicos de la Anatomía, publicado en 1928, libro no que inicia o seu interese pola xenética e que segundo o noso bo amigo, o profesor Glick, é o mellor comentario do pensamento darwiniano en España.

Barcia Goyanes trasladouse, por concurso, a Valencia, en 1929, ao estar en excedencia Pedro Ara, na Universidade de Rosario, en Arxentina, onde se fixo célebre polos embalsamamentos de Lenin e Eva Duarte de Perón, non volvendo á cátedra levantina. Neste mesmo ano participou nas Xornadas Médicas Galegas cunha comunicación sobre “Teleoloxía e Psicoterapia”.

Na capital do Turia estaba todo por facer. As instalacións da Facultade, a carón do Hospital Provincial, na rúa Guillem de Castro, apenas eran as dun vello casal con tres aulas pequenas medio en ruínas, unha diminuta sa de profesores e un cuarto que servía de Decanato.

Integrouse axiña na Facultade de Medicina de Valencia. Publicou en Crónica Médica e formou parte do comité de redacción da revista por invitación do seu director, o profesor Peset, catedrático de Toxicoloxía e Medicina Legal, que tamén o invitou a dar cursos de doutorado en Psiquiatría, sobre “La interpretación de los sueños” ou “El Psicoanálisis”, estando entre os seus alumnos Pedro Laín Entralgo (1908-2001), do que chegaría a ser gran amigo e camarada.

A este respecto, hai que pensar que o calendario de implantación de Psiquiatría e Psicoloxía nos plans de estudos das Facultades de Medicina españolas é o que sigue:
1933: U. Central. Cátedra de Psiquiatría en doutorado.
1933: U.A. Barcelona: Cátedra de Psiquiatría e Psicoloxía.
1944: Psiquiatría obrigatoria no plan de estudos.
1952 - 53: Obrigatoriedade da materia de Psicoloxía.

Por tanto, Peset e Barcia impulsaron o tema cunha anticipación duns catro anos sobre os precursores “oficiais” e de dez sobre o Plan Xeral de Estudos de Medicina a nivel nacional.

Tamén deu algunha conferencia no Instituto Médico Valenciano, asociación fundada en 1841, como “El sueño normal y sus alteraciones”, que se publicou na revista citada en marzo de 1930.

O Hospital Universitario de Valencia era, de feito, o Hospital Provincial ou Xeral. Os diferentes servizos dirixíanos os Catedráticos, agás os de Medicina Interna e Cirurxía, que estaban duplicados, e o de Neuropsiquiatría. Barcia, por isto, explicou Neuroloxía, ata que, en 1966, inaugurouse o novo Clínico.

En 1930 converteuse o Servizo de Enfermidades Nerviosas en Servizo de Neuropsiquiatría e Neurocirurxía, onde faría, en 1931, a primeira intervención neurocirúrxica da historia española, abrindo a duramadre para evacuar un hematoma subdural crónico, con éxito, segundo a técnica de Harvey Cushing. Cóntao el mesmo en La Saga de los Barcia: «Aquella intervención del 22 de noviembre hubo de realizarse por un neurocirujano improvisado y autodidacta, con la ayuda de un gastroenterólogo para el diagnóstico y de un ginecólogo como primer ayudante. Una anestesia por éter, gota a gota, un aspirador portátil que se rebelaba cada diez minutos calentándose y exigiendo descanso, un bisturí eléctrico, más hecho para cortar que para hemostasiar al hacerlo; una imposibilidad para trasfundir sangre, que no se pudo realizar de rutina hasta seis años más tarde, durante nuestra guerra. Y, en el postoperatorio, la inexistencia de antibióticos y sulfamidas, el frio glacial de las salas y la ausencia de asistencia técnica, que la familia o la visita esporádica de una Hermana debían suplir, ponían a prueba la resistencia del enfermo». É preciso aclarar que, nesta data, outro gran impulsor da neurocirurxía española, o doutor Sixto Obrador (1911-1978), aínda estaba a dous anos de rematar a súa licenciatura, que acadaría, ós 22, en 1933.

Antes destes sucesos, a Junta para Ampliación de Estudios, fundada en 1907, concedeulle unha bolsa para estudar a organización da ensinanza da Xenética en Alemaña. Saíu de A Coruña a finais de xullo de 1931, cara Portsmouth e Amberes, onde puido visitar, no Tropikaal Institut, o servizo de A. Kappers, de quen admiraba os seus traballos sobre Anatomía Comparada do Sistema Nervioso. Despois pasou a Utrecht, para visitar ao sabio neurólogo C. Winkler, e a Berlín, onde coñeceu o servizo de C. Vogt, no Kaiser Wilhelm Institut, quen lle ensinou a parte adicada á Xenética. Logo foi a Múnic, onde o recibiu o doutor Rüdin, experto en herdanza e enfermidade mental, e a Praga, a visitar as universidades, alemana e checa.

A doutora C. Leal Cercós, catedrática de psiquiatría, defíneo como profesor: «De porte distinguido, serio, algo distante, excelente maestro; iba siempre acompañado de sus colaboradores, muchos de los cuales fueron después mis maestros, Demetrio Barcia, Enrique Amat, José Mª Morales, por lo cual siempre he considerado que él también lo fue».

A paréntese da Guerra Civil

O comezo da Guerra sorprendeuno en Santander, en compañía de Pedro Laín Entralgo, con quen ía a disertar sobre “La crisis de la Medicina”, na Universidade de verán, para dar a coñecer a Medicina Psicosomática e o pensamento de V. von Weizsäcker. Tras certas vicisitudes administrativas e algún susto coas autoridades da Fronte Popular, conseguiron embarcar no contratorpedeiro alemán Seeadler, pasando a Francia e de alí á “España Nacional”, marchando Barcia á A Coruña e quedándose Laín en Pamplona.

O 27 de agosto presentouse na Xefatura de Sanidade da 8ª División en A Coruña. Tras un mes de exercicios militares, o 27 de setembro foi nomeado cirurxián do Hospital Militar e o 5 de novembro asimilado a Capitán Médico. Operou numerosos e graves feridos que chegaban da Fronte asturiana e axiña se lle encomendaron os de cabeza e nervios.

O 2 de xaneiro de 1937 foi nomeado xefe do Equipo Cirúrxico do Hospital Militar de San Caetano, en Santiago -hoxe sede da Xunta-. onde estivo ata o 22 de febreiro, data na que acadou o nomeamento de director do Hospital Militar de Labaca, en A Coruña, e xefe de Neurocirurxía. Nesta mesma data, o doutor Fernando Alsina preguntábase no seu diario se Barcia non ía á fronte por ser fillo do tenente coronel. Alí pasou o resto da guerra, agás do 21 de setembro ao 26 de Outubro de 1937 que estivo en León atendendo feridos de Asturias, chegando ir a unha reunión a Salamanca, sede temporal da Xefatura do Estado, como vocal da Xunta de Hospitais.

En agosto de 1938 foi nomeado secretario provincial de Falanxe e o 29 de setembro, presidente da Deputación, cargo no que estará ata o fin da Guerra, simultaneándoo ca súa asistencia ao Hospital, a onde chegaban enfermos menos agudos que antes.

Regreso a Valencia

Cando rematou a contenda foi nomeado Comandante Médico Honorario, e volveu a Valencia, onde a súa casa fora saqueada e só recuperará a prata que escondeu unha asistenta.

Ao crearse o CSIC acadou o cargo de xefe de Neuroloxía do Instituto Cajal, que englobaba Neuropsiquiatría e Neurocirurxía, constituíndose en referencia do que hoxe denominamos Neurociencias. Con el formáronse moitos catedráticos e xefes de servizo destas áreas científicas.

Revistas e Sociedades Científicas

Xa durante a guerra fundou Medicina Española, revista na que colaborou un impresionante elenco de sabios da época: Laín, López Ibor, Enríquez de Salamanca, Jiménez Díaz e moitos outros.

Fundou, así mesmo, Archivo Español de Morfología, órgano oficial de neuroanatomía do CSIC, e Revista Española de Otoneurooftalmología y Neurocirugía, órgano da Sociedade Luso-Española de Neurocirurxía, foro que fundaron os doutores Almeida Lima e Vasconcellos Marqués, por parte portuguesa, e Barcia, Obrador, Adolfo Ley e Eduardo Tolosa pola española.

Barcia foi tamén presidente dos mandatos da Sociedades Española de Neuroloxía e un da de Anatomía, e membro de Honra das Sociedades Neurocirúrxicas de Alemaña, Italia, Francia, Holanda, Inglaterra e varias americanas.

Decano e Reitor

O profesor Barcia ocupou o decanato da Facultade de Medicina de Valencia entre 1945 a 1964. Conseguiu medios para construír a nova Facultade e inaugurou tamén o hospital clínico. Recuperou a Biblioteca histórica e creou a nova Biblioteca e Hemeroteca. Tivo para iso a colaboración do profesor, logo insigne catedrático e mestre da Historia da Medicina, José María López Piñero; con Sánchez Granjel, Agustín Albarracín e Diego Gracia, un dos mellores e principais discípulos do seu amigo Pedro Laín.

Neste ambiente favorable, nos anos 70, López Piñero puido crear o Instituto de Historia da Medicina. O seminario e a cátedra de Historia da Medicina da Universidade de Valencia foron, así, o núcleo xerminal do actual Instituto López Piñero, entidade científica, orgullo de Valencia a nivel internacional no século XXI.

Como Reitor, dende 1965 ata a súa xubilación en 1971, Barcia fomentou a creación de novas Facultades e Seccións, duplicando sobradamente o número de alumnos da Universidade de Valencia. Inaugurou os Centros Universitarios de Castellón e Alacante, que logo daría lugar á formación da Universidade de Alacante.

Nos dous cargos tocoulle organizar e presidir numerosos congresos e reunións, algúns xa en tempos próximos á transición política, como o Primer Congreso de Historia del País Valenciano, que foi un rotundo éxito internacional a pesares de suscitar algunhas suspicacias na xerarquía do Réxime franquista. Ostentou outros moitos cargos directivos académicos, ademais de ser autor dunha abondosa produción científica e de dirixir numerosas teses doutorais.

Obra científica de Barcia Goyanes

A obra de Barcia é moi abondosa e sumamente plural, abarca varias Neurociencias e Humanidades.

Tese doutoral. Aproveitando que o seu avó era o director do Manicomio de Conxo, desenvolveu a súa tese, Variedades atávicas y las detenciones en el desarrollo estudiadas en el maxilar superior de los locos, na que da conta de catro casos dun oso supernumerario que denominou «hueso incisivo superior», e que o profesor López Oliveros de Granada propuxo que se chamase «hueso de Barcia», que parece tratarse dunha variación regresiva que comporta unha detención do desenvolvemento. A súa conclusión principal foi que nos pacientes con esquizofrenia hai un atraso no desenvolvemento cranial, o que comporta un atraso no desenvolvemento do encéfalo. Segundo Demetrio Barcia, esta hipótese reelaborouse nos últimos tempos como responsable dalgúns casos de esquizofrenia.

Anatomía. En canto á Anatomía fixo relevantes colaboracións no que se refire á propia concepción anatómica, comezado en España a Anatomía da recapitulación, integrando a morfoloxía comparada e filoxenética, citoloxía, histoloxía, embrioloxía e a xenética, xunto coas colaboracións de von Uexküll, fundador da ecoloxía contemporánea. Actualizou algúns aspectos do coñecemento do Sistema Nervioso, como os relacionados co tálamo óptico, o lóbulo temporal, a vía auditiva ou a vía piramidal e a súa cirurxía en relación ca supresión do tremor na enfermidade de Parkinson.

En 1948, Barcia publicou con Carlos Recio unha adaptación da Nómina de Jena á nomenclatura usual en España. Despois, en 1960, con M. Moncayo, publicou La Nómina anatómica de París (PNA) y su concordancia con la Nómina Anatómica de Jena (IAN) y las denominaciones usuales en español, e nela engadiu algúns términos que se introduciron na linguaxe científica.

Onomatoloxía Anatómica Nova. Ao xubilarse en 1971, Barcia Goyanes comezou o ímprobo labor de revisar, gracias aos seus enormes coñecementos científicos e lingüísticos, a nomenclatura anatómica ao uso. Titulou a súa obra, en honra da Onomatología anatómica de Hyrtl, publicada en Viena en 1880, como Onomatología anatómica nova. Trátase dun traballo extraordinario, de carácter persoal, que, afortunadamente, a súa lúcida e longa ancianidade lle permitiu rematar. Nesta obra explica e revisa etimoloxías e orixe de denominacións anatómicas, con enorme calidade e cultura enciclopédica, fixando posicións, corrixindo enerxicamente epónimos equivocados e erros históricos, con non poucos achádeos novos e explicacións dalgunhas denominacións seculares cuxa orixe era unha incógnita. O primeiro tomo publicouse en 1978 e o décimo e último en 1992.

Realizou tamén interesantes estudos sobre o concepto de forma. Nese tema, a súa formulación da Anatomía transcende á anatomía do cadáver, cunha comprensión integral do corpo humano.

En El Mito de Vesalio, Barcia reduce as 266 citas de Vesalio corrixindo a Galeno a 19, pero Vesalio comete 15 erros. No seu profundo traballo Barcia chega á conclusión de que “Vesalio non aportou á anatomía ningunha idea nova”. Esta revolucionaria afirmación baséase en que a fama actual do Bruselense débese ó amplo prólogo de Boerhaave e Albinus nunha edición das súas obras anatómicas e cirúrxicas de 1725, en que Albinus non é moi entusiasta das afirmacións vesalianas, pero o gran prestixio clínico de Boerhaave, fai que as súas inexactitudes calasen fondo entre médicos e historiadores, chegando ata os nosos días.

Neuropsiquiatría e Neurocirurxía. Barcia transformou o antigo Servizo de Enfermidades Nerviosas no Servizo de Neuropsiquiatría e Neurocirurxía, a longo prazo un auténtico Departamento de Neurociencias do Instituto Ramón y Cajal do CSIC que englobou: Neurocirurxía, Psiquiatría, Neuroloxía, con Seccións de Anatomía Patolóxica, Neurofisioloxía, Electroencefalografía, Neuro-oftalmoloxía, etc, de onde saíron numerosos discípulos que encherían cátedras e xefaturas de servizo de toda España. Innovacións de Barcia foron: a modificación da ventriculografía de Dandy, mediante punción parietal do ventrículo no lugar da occipital de Dandy, que daba lesións na cisura calcarina; o uso da ventriculografía deixando un catéter para mellorar a hipertensión endocranial; a palencefalografía, método de exploración da circulación cerebral que consistía en recoller as vibracións cerebrais que produce a entrada do sangue no mesmo. Realizou colaboracións á arteriografía cerebral, como a seriación desta técnica, e puxo en marcha o primeiro electroencefalógrafo de España.

No que respecta á Psiquiatría fixo estudos sobre a psiquiatría dinámica, analizando as diferencias entre Freud y Adler, determinados aspectos da psicoterapia, onde se inclinou máis por Adler, e o electrochoque e a leucotomía, tan en boga no seu momento.

Condecoracións e recoñecementos

Barcia Goyanes foi recoñecido, entre outras moitas condecoracións e cargos honoríficos civís e científicos, nacionais e estranxeiros, coa medalla de ouro da Cidade de Valencia, as Grandes Cruces da Orde Civil de Sanidade e de Alfonso X el Sabio, e a medalla Castelao 2002 da Xunta de Galicia.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Barcia Goyanes, Juan José. Expte persoal, Arquivo Histórico Universitario de Santiago, Legajo 102, Expte. 4.


Fontes Impresas:

BARCIA GOYANES, J.J. (1925): Las Variedades atávicas y las detenciones en el desarrollo, estudiadas en el maxilar superior de los locos, Madrid: Universidade Central. Facultade de Medicina. Tese Doutoral.

BARCIA GOYANES, J.J. (1928): La vida el sexo y la herencia, fundamentos científicos de la Anatomía, Madrid: Ed. Javier Morata.

BARCIA GOYANES, J.J. (1929): Teleoloxía e psicoterapia, Libro de Actas de I Jornadas Médicas gallegas.

BARCIA GOYANES, J.J., LÓPEZ IBOR, J; MARCO MERENCIANO, F, et al. (1941a): El sentido de la enfermedad en Pensamiento médico y moral profesional, Valencia: Instituto Médico Valenciano; p. 67-80.

BARCIA GOYANES, J.J. (1941b): Los tumores cerebrales, Barcelona: Salvat.

BARCIA GOYANES, J.J., RECIO AMAT, C. (1948): La nómina anatómica de Jena (I.N.A.) y su concordancia con la nomenclatura anatómica usada en España, Valencia: Librería Médica de F. García Muñoz.

BARCIA GOYANES, J.J., CALVO, W; BARCIA SALORIO, J.L (1956): Un nuevo método de exploración del encéfalo: La Palencefalografía, Revista española de oto-neuro-oftalmología y neurocirugía, 83, 84.

BARCIA GOYANES, J.J. (1960): La nómina anatómica de Paris (P.N.A.) y su concordancia con la nómina anatómica de Jena (I.N.A.) y las denominaciones anatómicas usuales en español, Valencia: Librería Médica de F. García Muñoz.

BARCIA GOYANES, J.J. (1975): Aproximación histórica a la evolución de la terminología anatómica del sistema nervioso, Valencia. Separata de Medicina Española. Tomo 73, Febrero.

BARCIA GOYANES, J.J. (1977): Acerca de un supuesto error anatómico de Galeno, Libro homenaje al Prof. Dr. Angel Jorge Echeverri, Santiago de Compostela: Universidade; p. 27-35.

BARCIA GOYANES, J.J. (1978-1986): Onomatología Anatómica Nova: Historia del lenguaje anatómico, 10 vols. Valencia: Universidad.

BARCIA GOYANES, J.J. (1980): El concepto galénico del esternón, Libro de Actas del I Congreso Nacional de Reales Academias de Medicina y Cirugía, La Coruña: Real Academia de Mediciña e Cirurxía de Galicia; p. 174-179.

BARCIA GOYANES, J.J. (1980b): Las correcciones de Vesalio a la anatomía de Galen, Medicina Española, 79, enero-febrero.

BARCIA GOYANES, J.J. (1982a): Los Términos osteológicos de La Fábrica y la evolución del lenguaje anatómico hebreo en la Edad Media, Madrid. Separata de Sefarad, XLII: 299-326.

BARCIA GOYANES, J.J. (1982b): La doctrina de los tejidos simples, Estudios dedicados a Juan Peset Aleixandre, Valencia: Universidad.

BARCIA GOYANES, J.J. (1982c): Dos bizarros nombres del apéndice xifoides: "cartílago epiglottalis" y "gheroni", Valencia. Separata de Dynamis.

BARCIA GOYANES, J.J. (1982d): Dos nombres enigmáticos del trocánter mayor: tharuca y carchametra, Valencia. Separata de Medicina Española.

BARCIA GOYANES, J.J. (1982e): Los nombres de la vena "saphena parva", Valencia. Separata de Medicina Española.

BARCIA GOYANES, J.J. (1984a): Los arabismos en las ediciones latinas del libro I del Colliget de Averroes, Valencia. Separata de Medicina Española.

BARCIA GOYANES, J.J. (1984b): Los términos árabes en la osteología de Vesalio, Al-qantara, 5: 293-327.

BARCIA GOYANES, J.J. (1994): El Mito de Vesalio, Valencia: Universitat.

BARCIA GOYANES, J.J. (1997): El ayer de las ciencias neurológicas. Revista Papeles del Padre Cofre. Edición electrónica Internet: http://www.medired.com/spcv/papeles/N1/art2.htm

BARCIA GOYANES, J.J. (2003): La Saga de los Barcia, Valencia: Artes Gráficas Soler.


Bibliografía secundaria:

ALSINA GONZÁLEZ, F. (1937): Diario de la Guerra de 1936. Manuscrito Inédito.

ANGOSTO, T. (1985): D. José Pérez-López Villamil o la pasión por el recuerdo, Rev. Asoc. Esp. Neuropsiquiatría, 15: 484-492.

BARCIA SALORIO, D. (2004): Prof. Juan José Barcia Goyanes (1901-2003). In Memoriam, Revista de Psicogeriatría, 4, 1: 15-30.

BÉRTOLO BALLESTEROS, J.M; FERRO PEGO, L. (2010): La casa de Barcia en San Miguel de Cora (A Estrada), A Estrada: Miscelánea Histórica y cultural, 13: 119-138.

LEAL CERCÓS, C. (2004): Prof. Juan José Barcia Goyanes. Necrológica, Revista de Psicogeriatría, 4, 1: 6.

PASCUAL BUENO, J. (2013): Inventario y Estudio del Archivo del Dr. Juan José Barcia Goyanes legado a la Generalitat Valenciana. Universidad Católica de Valencia San Vicente Mártir. Tese Doutoral.

PONTE HERNANDO, F.J. (2011): Dr. Ángel Baltar Cortés (1868-1934), maestro de Cirujanos, A Coruña: Ed. Inéditor-Grupo Towers.

PONTE HERNANDO, F.J.; VALLE-INCLÁN ALSINA, J. del (2011): Roberto Nóvoa Santos: Las primeras páginas, prólogo de Thomas F. Glick, Santiago de Compostela: Eds. Auga, Universidade de Santiago.

PONTE HERNANDO, F.J. (2013): El Niño en la obra del Psiquiatra D. Juan Barcia Caballero (1852-1926): Médico y poeta, Cuadernos de Historia de la Pediatría española, 6.

PONTE HERNANDO, F.J. (2014): La Nómina Anatómica: Historia breve, Cadernos de Atención Primaria, 20, 2: 116-120.

REGADERA MEROÑO, J; MARTÍNEZ HIDALGO, Mª N. (2004): La obra científica de Barcia Goyanes con especial análisis de sus ideas antropológicas para una psicoterapia, 5º Congreso Virtual de Psiquiatría, Interpsiquis.

SANTOS FERNÁNDEZ, C. (2012). Antonio López Ferreiro (1837-1910): Canónigo Compostelano, historiador y novelista, Santiago de Compostela: Cabildo de la Catedral, Consorcio de Santiago.

SIMÓN LORDA, D. (2005): Locura, Medicina y Sociedad. Ourense 1875-1975, Ourense: Xunta de Galicia.