culturagalega.org

Juan López Suárez

Dinamizador de proxectos científicos en Galicia durante décadas

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Fraga Vázquez, Xosé A.
  • Data de alta: 21/02/2014

Extras de Juan López Suárez: 

Extras sobre Juan López Suárez:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Fraga Vázquez, Xosé A. ([2014], “Juan López Suárez”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 15/12/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=504
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: O Saviñao (Lugo) 1884
  • Falecemento: Madrid 1970
Juan López Suárez, “Xan de Forcados”, xogou un singular papel na modernización científica de Galicia. O seu excepcional labor pode consultarse en Fandiño (2003) e Gurriarán (2006), quen o cualifica do «galego de maior incidencia no desenvolvemento científico de Galicia» (Gurriarán, 2006: 174), e nos fondos documentais citados nesta biografía.

Formación e percorrido profesional

Realizou os estudos de Bacharelato no Colexio dos Escolapios de Monforte, que rematou en xuño de 1900. Iniciou a carreira de Medicina en Santiago, sendo compañeiro de Roberto Nóvoa Santos e Alejandro Rodríguez Cadarso. Fixo os dous últimos cursos en Madrid, onde se licenciou en 1907.

Como médico traballou un ano nas minas de Peñarroya, e logo volveu a Madrid para exercer de asistente do Dr. Juan Madinabeitia Ortiz de Zárate. Foi un dos primeiros bolseiros da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE), e un dos de estadía máis ampla no estranxeiro, o que lle permitiu acadar unha excelente formación científica. En 1911 obtivo unha bolsa dun ano para Estrasburgo (Alemaña), co fisiólogo Hoffmeister e con Spiro, experto en nutrición, para estudar Química fisiolóxica. Completou o semestre en Berlín, no Instituto de Patoloxía, con Bickel. Nas vacacións de verán trasladouse a Múnic para traballar en Química cuantitativa con Bender e Hobein. O labor realizado e a elaboración dunha memoria, “Formación del ácido clorhídrico en las glándulas gástricas”, facilitarían a concesión dunha prórroga na bolsa. Obtivo a ampliación por dezasete meses máis: traballou en Estrasburgo e máis visitou os laboratorios de Berlín, Frankfurt, Heidelberg, Londres e Cambridge. Abordou unha investigacións que daría lugar á súa tese de doutoramento: “Relación entre el trabajo de la mucosa gástrica y la reacción de la orina”, presentada en 1913 na Facultade de Medicina de Madrid.

Rematada a formación en Alemaña presentouse, en 1915, á cátedra de Patoloxía Xeral da Universidade de Salamanca. Ademais de no ter éxito, a experiencia supúxolle unha profunda decepción canto o sistema de influencias que determinaron o desenvolvemento da oposición. Non volvería a presentarse a outra.

En 1915 obtivo unha terceira bolsa, neste caso para os EEUU, cara onde marchou en 1916. Permaneceu máis de dous anos na Fundación Rockefeller (Nova York), realizando estudos de Medicina experimental aplicada á fisiopatoloxía do aparato dixestivo e á nutrición. Fíxoo na sección de química biolóxica co Dr. Phoebus Aaron Levene, relevante bioquímico de orixe lituana especialista na estrutura das proteínas e ácidos nucleicos. Resultado do seu traballo alí foron os dous artigos que publicou con Levene no Journal of Biological Chemistry (Levene & López-Suárez, 1916a, 1916b). Asemade, visitou diversas localidades e institucións e traballou con salientables investigadores, como Alexis Carrel (Nobel en 1912), o xaponés Nagouchi e Jacques Loeb.

Á volta de USA, dirixiu o Laboratorio de Bioquímica da JAE, situado na Facultade de Farmacia. En abril de 1923 abriu consulta privada en Madrid. Entre 1924 e 1929 traballou no Laboratorio de Patoloxía Xeral da Universidade de Madrid, «onde compartiu ensinanzas e tratamento dos enfermos do aparato dixestivo e nutrición con Roberto Nóvoa Santos» (Fandiño, 2003: 17), antigo compañeiro recen chegado ao mundo universitario madrileño.

Viviu de diversos cargos, pero sobre todo dos seus propios recursos e, dise, da xestión do patrimonio dos Duques de Alba en Galicia. No testamento, designou “contador-partidor testamentario” a Manuel Varela Uña, fillo do catedrático de Xinecoloxía Manuel Varela Radío. Liberal moderado, home de acción, colaborou coas institucións republicanas, foi detido en Madrid en agosto de 1936, ao pouco liberado, e manifestou unha certa ambigüidade política.

Colaborador da JAE. Xestor de innovacións e excelencia

A Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE), creada en 1907, tivo un papel relevante no desenvolvemento científico e cultural da España do primeiro terzo do século XX. Xurdiu pola necesidade de formar unha comunidade científica acorde coas necesidades da sociedade e do sistema produtivo e procedía dun movemento cultural e político con moitos anos de actividade previa, o institucionismo krausista, unha rede difusa de renovación e apoio mutuo que incluía a Institución Libre de Enseñanza (ILE).

No ámbito galego, a armazón institucionista estaba constituída por solidarios cos profesores expulsados pola “Segunda Cuestión Universitaria”, amigos próximos á contorna do “mestre” Francisco Giner, ex alumnos e algúns seguidores pedagóxicos. A actividade da JAE apoiouse nesa rede institucionista establecida en base a persoas próximas. Estas xogaron un papel relevante, pois a selección de bolseiros, proxectos e organización das actividades partían dunha información previa delas. Os principais informadores galegos procederían da familia Varela, Ramón Varela de la Iglesia e o seu sobriño Manuel Varela Radío, catedrático de Obstetricia e Xinecoloxía. A familia Casares tiña en José Casares Gil unha personalidade de peso na JAE.

A ciencia na Galicia de principios do século XX ficaba condicionada polo escaso número de institucións específicas, de limitada entidade e con reducida vocación investigadora, máis atentas á divulgación e á aplicación de técnicas. Equipos de traballo de mínimas dimensións, con escasa relación coas vangardas científicas, persoal de limitada formación e afrontando poucas liñas de traballo. Estableceuse un perverso círculo vicioso no que a falta de institucións xeraba unha raquítica comunidade científica, o que á súa vez favorecía o estancamento institucional e a limitación nos temas estudados.

Ese é o contexto no que desenvolvería o seu labor Juan López Suárez. El foi a persoa que acadou un papel sobranceiro como “axente” dinamizador da JAE en Galicia, quen actuou como o auténtico motor da armazón formativa, representante “de facto” da JAE en Galicia. Asesor vocacional, mantivo un contacto permanente co secretario da JAE, José Castillejo, quen remataría sendo o seu cuñado, ao casar con Mariana Castillejo. O contacto xa o establecera, por iniciativa propia, cando estaba de bolseiro en Alemaña. Desde alí enviou a Castillejo diversos informes que incluían a súa opinión sobre o funcionamento do sistema de bolsas, mecanismo de selección de bolseiros e actitude destes. Iniciouse así no papel de confidente do seu futuro cuñado. Na estadía americana fixo de «representante e introdutor da JAE nos EEUU» (Fandiño, 2003: 15).

En 1915 atopouse co seu irmán Xulio e un colega deste, Cruz Gallástegui, na finca de Lamaquebrada. Os tres idean poñer en marcha un proxecto de granxa experimental nas fincas dos López Suárez e unha escola agrícola nocturna para mozos, que xa estaba en pleno rendemento en 1916 (Fandiño, 2003: 14). Marchou como bolseiro a USA en 1916, pero deixou a Gallástegui e ao irmán traballando no proxecto. Na volta do periplo americano ideou a creación dun “Instituto Galaico” con sede en Santiago. A esta iniciativa sumaríanse outras moitas e variadas, no ámbito da ciencia aplicada ou alleo a ela. Por exemplo: industrias no agro, defensa das Murallas de Lugo, da contorna de Colexio do Cardeal en Monforte, bolseiros persoais, pagados por el, cursos de música, estradas, etc. E institucións como o Centro de Praticultura de Lugo, para producir sementes melloradas de pratenses en Galicia, proxecto que non atopou a necesaria colaboración da Deputación provincial, polo que non non foi adiante, ou a Estación Vitícola-Enolóxica de Ourense, que estivo preto da súa posta en marcha en diversas ocasións.

A súa visión tecnocrática e elitista e o pouco aprecio polo que entendía propostas teóricas, definían un estilo de actuación moi persoal que lle permitiu acadar notables éxitos. A metodoloxía de traballo tiña como orientación obter resultados prácticos que permitiran unha modernización económica e social. Analizaba, en base a datos acadados por el mesmo ou polos seus contactos, as necesidades dun lugar ou sector e concluía as medidas que consideraba precisas para mudar a situación. A continuación buscaba as persoas necesarias para afrontar o labor e realizaba xestións directas coas institucións e dirixentes co fin de superar os atrancos. Nese sentido, mantiña boas relacións con xente de variada ideoloxía. Da lectura dos seus escritos despréndese un eficaz programa de reformas que partía dunhas obxectivas necesidades, porén, observadas desde unha certa distancia. No xeito de López Suárez de afrontar o atraso apreciamos unha consideración excesivamente negativa e distante da realidade social galega.

Participación nas bolsas de formación

No proceso modernizador a formación de especialistas era básico. A JAE levou a cabo un novo e intenso esforzo para a formación cualificada de investigadores e docentes que transformaran o precario panorama científico existente. Pretendía que accederan a estancias no estranxeiro para establecer contacto coas vangardas científicas co obxectivo de que á volta constituíran un elemento dinamizador e transformador que permitira consolidar unha infraestrutura científica moderna. Os bolseiros nutrirían á “rede de coñecemento”, ás institucións e ao resto do sistema científico. Foron eles quen asentaron as novas institucións creadas pola JAE (Misión Biolóxica de Galicia, Estación de Bioloxía mariña de Marín, Comisión de Estudios de Galicia, etc.), renovaron as xa existentes ou constituídas nese tempo (Universidade de Santiago, Granxa Agrícola, Laboratorio Oceanográfico de Vigo, Estación de Fitopatoloxía, etc), colaboraron con outras (Seminario de Estudos Galegos), mudaron métodos de traballo, formaron equipos, mantiveron relacións cos expertos europeos e abordaron novas liñas de traballo. Construíron, en suma, unha auténtica comunidade científica. E tamén algúns bolseiros irían aos centros de educación secundaria para contribuír a un aspecto básico do modelo científico, o ensino e difusión de novidades.

As bolsas eran convocadas anualmente. Os peticionarios debían presentar unha memoria, en relación coa bolsa pretendida, traballos previos e indicación dos profesores que poderían avalar a súa capacidade. Como remate, tiña lugar unha entrevista persoal con Castillejo e unha proba de idioma, pois a maior parte dos bolseiros acudiron a institucións científicas estranxeiras. A eles debemos engadir outra categoría, a dos equiparados, aqueles que acadaban a “condición de bolseiro”. Non accedían á axuda económica da JAE, pero esta os habilitaba dándolle apoio académico, autorizacións oficiais e certificados.

Juan López Suárez axudaría a moitos galegos para obter bolsas. Unha parte dese labor correspondería ao seu cometido na Comisión de Estudios en Galicia desde 1928, pero, como vimos, xa iniciara antes ese tipo de xestións. Era totalmente partidario dunha selección baseada nos contactos persoais. No seu testamento, cando deixa establecidos recursos para bolsas de formación, indicou: «No se podrán hacer exámenes o concursos para designar los becarios. Los testamentarios los han de designar en virtud de sus averiguaciones e informaciones» (Fandiño, 2003: 56). Entre os bolseiros beneficiados significamos a: Baldomero Rodríguez Marbán e Isaac Mosquera y Quiroga, estudantes en Zurich, que obtiveron a consideración de bolseiros, presentando o seu aval López Suárez, en 1916, ou o seu curmán Dimas Suárez Suárez; o avogado monfortino Román Piñeiro Pardo e Pedro Garrone Ollino. A eses debemos engadir outros como Parga Pondal, Fernández Armesto, García Sabell, Cervigón Díaz, Andrade Cimadevila, etc. Ás veces escribía el mesmo as instancias dalgúns galegos, como no caso do avogado monfortino Julio Otero López, que estaba en Berlín e solicitaba unha bolsa dun ano. Tamén interveu directamente na concesión dalgunhas bolsas significativas, como as de Castelao, Bal y Gay ou Vicente Risco. Asemade, López Suárez tamén exercería de titor e de conselleiro dos estudantes galegos en Madrid, facendo un seguimento dos seus estudos, en constante contacto con eles e coas súas familias.

Papel decisivo na creación e posta en marcha da Misión Biolóxica de Galicia

Xan de Forcados estaba dotado de grande capacidade de iniciativa e habilidade na distinción e promoción de talentos, así como no establecemento de relacións e na elaboración de valiosos proxectos. Cando o seu irmán Julio estivo realizando estudos de Agricultura en Alemaña, en 1913, coñeceu a Cruz Gallástegui. En 1915, como vimos, coincidiu cos dous en Lamaquebrada e barallaron a creación dun “Instituto galaico” para o ensino científico e literario. Esta idea sería o xerme da Misión Biolóxica de Galicia (1921), da que foi promotor, encargando da dirección ao seu amigo Cruz Gallástegui. Nas notas que sobre o tema se conservan no Museo de Pontevedra, explica, en terceira persoa, a súa versión do acontecido, incluíndo o proceso de formación de Gallástegui, que evidencia a transcendencia da intervención de López Suárez e o seu control do proceso: «En 1917, López Suárez, en aquella fecha miembro del Instituto Rockefeller de Nueva York, llevó a Gallástegui, a quien tenía al frente de su finca de Monforte, a Norteamérica, a estudiar Genética aplicada a la agricultura con East, profesor de la Universidad de Harvard, y el hombre más importante del mundo entonces en esa ciencia. Cuando en 1921 Gallástegui volvió a España, López Suárez le tenía creada la Misión Biológica en Santiago» (reproducido en Fandiño, 2003: 75).

En 1920, a JAE, nun dos seus primeiros xestos descentralizadores, fixera pública a intención de crear laboratorios científicos “en provincias”, invitando ás entidades privadas e oficiais a participar. A Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago ofreceu a súa colaboración e a proposta resultou aceptada, creándose a Misión Biolóxica de Galicia. Constituíuse un comité con José Rivero de Aguilar, director da Sociedad Económica de Amigos del País, Gallástegui, López Suárez, Rof Codina e Areses. A Misión permanecería entre 1921-26 en Santiago, nos locais da Escola de Veterinaria. Coa supresión da antedita Escola, a Misión foi acollida pola Deputación de Pontevedra, presidida por Daniel de La Sota, quen adquiriu para albergala o pazo de Gandarón, en Salcedo (Pontevedra), onde permanece na actualidade. Co paso á cidade do Lérez, o Padroado estaría integrado polo propio de La Sota, que ocupará a Presidencia, Rafael Areses, Aureliano Ferreiro, Antón Losada e Cruz Gallástegui. Posteriormente, incorporaríase Bibiano Fernández Osorio-Tafall.

O home chave do proxecto foi Juan López Suárez. Favoreceu a “apertura madrileña”, a disposición da JAE a establecer os laboratorios “en provincias”, animou á Sociedad Económica de Amigos del País para realizar a petición, escolleu ao seu amigo Cruz Gallástegui como director, formou parte do Padroado e axudou continuamente ao labor, persoalmente ou desde a Comisión de Estudios de Galicia, a partir de 1927. Cruz Gallástegui foi a figura científica central desta institución, que abordou importantes estudos sobre o castiñeiro, xenética animal e vexetal. Formaban o equipo de traballo da Misión, Cruz Gallástegui, Ramón Blanco, Miguel Odriozola, Bibiano Fernández Osorio-Tafall e Vicente Boceta, científicos formados en centros punteiros do estranxeiro.

Colaboración co Seminario de Estudos Galegos

O Seminario de Estudos Galegos (SEG) foi constituído en 1923 por mozos universitarios preocupados pola desatención dos medios académicos do momento ao estudo da realidade do país. Desenvolveron diversas actividades, entre as que salientaban as excursións científicas e estudos das comarcas. Entre as persoas do ámbito científico que foron socios do SEG figuraron Isidro Parga Pondal, Luis Iglesias Iglesias, José Vázquez Garriga (profesores e alumno de Ciencias na Universidade), José García Blanco e Juan Rof Codina (Medicina), Cruz Gallástegui (Misión Biolóxica), Bibliano Fernández Osorio-Tafall (Instituto de Pontevedra, Misión Biolóxica e Estación de Marín), Ramón Sobrino Buhigas (Instituto de Pontevedra, Estación de Marín), o enxeñeiro de minas Primitivo Hernández Sampelayo e o xeólogo Jesús Carballo Taboada.

Aínda que de filosofía política distinta, pois o SEG tiña orientación galeguista, daríase unha clara coincidencia de obxectivos coa JAE e a Comisión de Estudios, o que levou a unha intensa colaboración. No seo do galeguismo político houbo persoas moi vinculadas e identificadas coa JAE, como Joam Vicente Viqueira, e outras críticas como Castelao, bolseiro da JAE, que cualificou á ILE de “hespañolista” e referiuse aos institucionistas como “xesuítas laicos”. López Suárez mantiña unhas relacións fluídas coas diferentes correntes ideolóxicas. De feito, colaborou co SEG, con quen organizou a excursión de 1927 aos Ancares, favoreceu nas xestións polos laboratorios e animou a moitos no seu labor, apoiando, asemade, diversas iniciativas. Así, por exemplo, en 1929 acolleu en Lamaquebrada a membros da Sección de Prehistoria e Arqueoloxía do SEG para que completaran a catalogación arqueolóxica da comarca monfortina e estudaron as mámoas de Saviñao, publicando un traballo sobre o tema (Cuevillas, Fraguas, Lorenzana, 1930).

A Universidade de Santiago –a iniciativa do Reitor Rodríguez Cadarso– e o SEG impulsaron, coa colaboración da JAE, a creación do Instituto de Estudos Regionales. O Instituto incluía dous laboratorios na Facultade de Ciencias, o Consultorio de pragas o campo (1933), dirixido por Luís Iglesias, e o Laboratorio de Xeoquímica (1935). López Suárez sería o encargado de realizar as xestións, para o que contou co apoio da Fundación Nacional para Investigaciones Científica y Ensayos de Reforma (FNICER), que impulsara e xestionaba José Castillejo para desenvolver o incipiente mundo da transferencia de coñecemento entre o labor científico e a economía.

Comisión de Estudios en Galicia. A sala de máquinas de Juan López Suárez

A Comisión ten a súa orixe en 1927, aínda que o seu órgano reitor constituíuse en 1928, ano no que comezou a funcionar. Na constitución aparecen numerosos científicos e intelectuais galegos membros da JAE: José Casares Gil, Fernando A. de Sotomayor, Marqués de Figueroa, Pilar García Arenal, Francisco J. Sánchez Cantón, Antonio García Varela, López Suárez e Ramón María Tenreiro. A súa formación sufriu algúns atrasos porque o nome inicial, “Misiones”, no lle parecía axeitado ao sector científico galeguista afín, agrupado no Seminario de Estudos Galegos, polo que se modificou.

Pretendían traer especialistas salientables para estudar nas diferentes áreas, contactar coas xentes do país dedicadas á investigación e propoñer ás persoas adecuadas para dispoñer dunha bosa no estranxeiro. Juan López Suárez impulsou a creación e o labor do que sería a delegación da JAE en Galicia; realmente, na práctica, a Comisión era el. A parte fundamental do labor da Comisión foi o estímulo e selección de bolseiros, a axuda á Misión biolóxica e a elaboración de proxectos como unha residencia universitaria, a formación dos laboratorios do Instituto de Estudios Regionales da Universidade e o SEG, e unha Estación enolóxica para Ourense. No ámbito científico sobresaíu a “Exploración naturalista e folclórica realizada nos Ancares e montes do Invernadeiro” baixo a dirección de Luís Crespí, profesor do Instituto-Escola de Madrid, coa cooperación do profesor Sampaio, da Universidade de Porto, e de Luís Iglesias, da Universidade de Santiago e do SEG, acompañados do sobranceiro director do Instituto de Botánica aplicada de Leningrado, Nikolai Vavilov.

A Guerra Civil e a incidencia sobre o labor da JAE en Galicia. Novas iniciativas

A acción da JAE en Galicia contribuíu de xeito substancial a dinamizar a actividade científica. A formación de especialistas e creación de institucións supuxo un cambio cualitativo no panorama científico do país, permitindo a constitución de equipos de investigación, creación de novas liñas de traballo e aumento singular dos contactos coas vangardas científicas mundiais, nun crecemento espectacular das redes de coñecemento. Iso contribuíu decisivamente á consolidación dunha comunidade científica imprescindible para o funcionamento dunha sociedade moderna.

O golpe fascista de 1936 incidiu de xeito brutal en toda esa valiosa rede de excelencia que tanto se fixera agardar e que requirira numerosos esforzos. Desapareceu o sistema de bolseiros, a Comisión de Estudios e o Seminario de Estudos Galegos. As institucións que permaneceron “adaptáronse” aos novos tempos; víronse afectadas nos seus planos de actuación, coa eliminación de proxectos renovadores, e pola persecución dalgúns dos seus membros. As redes de coñecemento perderon consistencia; a iso contribuíu a autarquía posterior, polo que foi necesario que pasaran algúns decenios para igualar o nivel científico acadado nos anos trinta.

Unha parte dos galegos formados pola JAE, ou docentes e/ou investigadores foráneos no país, deberon fuxir cara o exilio. Tal foi o caso de Antonio Baltar e Gumersindo Sánchez-Guisande (Arxentina), Alejandro Otero, Faustino Miranda, Bibiano Fernández Osorio-Tafall, Francisco Giral e Carlos Velo (México), Leoncio Jaso Roldán, José María Souto Candeira (Venezuela), Paulino Suárez (Cuba) e Manuel Martínez-Risco (Francia). A outros tocoulles vivir o exilio interior. E bastantes deberon sobrevivir no seo das institucións (Universidade, Misión Biolóxica, Estación de Fitopatoloxía, etc.), soportando marxinacións.

López Suárez, probablemente polo pragmatismo que o caracterizaba, foi quen retomar a acción nestes escuros tempos. Coa chegada do franquismo mantivo o mesmo perfil de actuación e similares relacións co poder. De feito, pasada a Guerra Civil, seguiu tratando de influír no novo poder político, co que mantivo cordiais relacións. Continuou apoiando, de xeito altruísta, a persoas que precisaban orientación e axuda para a súa formación (como foi o caso do químico José Blanco Figueiras) e mantendo contactos cos seus vellos amigos científicos, como Cruz Gallástegui.



Bibliografía:




Fontes documentais:

Fondo Juan López Suárez, Arquivo Histórico Universidade de Santiago.

Fondo López Suárez, Museo de Pontevedra.

Juan López Suárez. Expediente personal, 88/318. Archivo Residencia de Estudiantes, Junta para Ampliación de Estudios.

LÓPEZ SUÁREZ, J. (1913): Relación entre el trabajo de la mucosa gástrica y la reacción de la orina, Tese de doutoramento, Universidad de Madrid, 13 follas, 7 x 23 cm. Depósito Biblioteca Facultad de Medicina, signatura Ca 2690(2656).


Fontes impresas:

LEVENE, P. A. & LÓPEZ-SUÁREZ, J. (1916a): The conjugated sulfuric acid of the mucin of pig's stomach (mucoitin sulfuric acid): First paper, Journal of Biological Chemistry, 25: 511-516.

LEVENE, P. A. & LÓPEZ-SUÁREZ, J. (1916b): The conjugated sulfuric acid of the mucin of funis mucin (mucoitin sulfuric acid). II, Journal of Biological Chemistry, 26: 373-378.

LÓPEZ SUÁREZ, J. (1962): Don Cruz Gallástegui, modelo de hombre sabio, bueno y eficiente, Revista de Economía de Galicia, nº 25-30, xaneiro-decembro.


Bibliografía secundaria:

CUEVILLAS, F.; FRAGUAS, A.; LORENZANA, Mª P. (1930): Mámoas do Saviñao. A anta de Abuime e a necrópole do Monte da Morá, Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, V: 63-91.

FANDIÑO, X. R. (2003): Juan López Suárez ou “Xan de Forcados”, O Castro-Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.

FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1988): Infraestrutura e organización da investigación agropecuaria en Galicia durante o primeiro terzo do século XX, Ingenium, 1: 11-25.

FERNÁNDEZ PRIETO, L. (1992): Labregos con ciencia, Vigo: Xerais.

FRAGA, X.A. & GURRIARÁN, R. (2007): Galicia y la JAE, Puig-Samper, M.A. (editor) Tiempos de investigación. JAE-CSIC cien años de ciencia en España, Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas; p. 187-195.

FRAGA, X. A. & GURRIARÁN, R. (2007): Redes de coñecemento. A Junta para Ampliación de Estudios e a ciencia en Galicia, Navarra: CSIC.

FILGUEIRA, J. (1985): El Doctor López Suárez (Saviñao, 1884-Madrid, 1970), Museo de Pontevedra, 39: 381-392.

FILGUEIRA, J. (1989): La Comisión de Estudios en Galicia, Sánchez Ron, coord., 1907-1987. La Junta para Ampliación de Estudios e investigaciones científicas 80 años después, v. II, Madrid: CSIC; p. 103-117.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.

MATO, A. (2001): O Seminario de Estudos Galegos, O Castro-Sada (A Coruña): Ediciós do Castro