culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Santiago Castroviejo Bolibar

Unha vida dedicada á Botánica

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Bugallo, Ánxela
  • Data de alta: 27/02/2014

Extras sobre Santiago Castroviejo Bolibar:

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Bugallo, Ánxela ([2014], “Santiago Castroviejo Bolibar”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 24/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=505
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Tirán, Moaña (Pontevedra) 1946
  • Falecemento: Madrid 2009
A formación de Castroviejo

As súas raíces sempre permaneceron pegadas á casa familiar de Galicia. Era fillo de María Francisca Bolibar e do famoso xornalista e escritor do trasmundo José María Castroviejo, doador de varias das pezas zoolóxicas que hoxe conforman a colección de Fauna de Galicia do Museo de Ciencias Naturais da Universidade de Santiago.

Precisamente o seu primeiro interese profesional, tras licenciarse en Bioloxía pola Universidade Complutense en 1969, centrouse na Zooloxía, disciplina onde publicou os seus primeiros traballos (Castroviejo et al., 1969, 1970; Garzón, Castroviejo y Castroviejo, 1971). Mais estudando o hábitat dos animais, e seguramente logo influído polo seu mestre Bellot, foi como descubriu a súa verdadeira vocación, a Botánica, á que dedicou a súa vida profesional (Castroviejo, 1983).

Pouco despois de obter a licenciatura, foi nomeado profesor adxunto interino do Departamento de Botánica e Fisioloxía Vexetal da Facultade de Ciencias da Universidade Complutense. Considerado polos seus compañeiros como un home de ideas avanzadas, estivo encadrado nos sectores antifranquistas máis progresistas da institución madrileña.

A súa vocación botánica uniuse á súa terra natal cando se doutorou na mesma universidade cunha tese dedicada á flora e á vexetación da Península do Morrazo, coa que obtivo o Premio Extraordinario de Doutorado en 1972. Os resultados do traballo publicáronse gradualmente (Castroviejo, 1971, 1973a, b, c, 1975, 1977a; Castroviejo et al., 1974) ata 1977, ano no que se editou a monografía Estudio sobre la vegetación de la Sierra del Invernadero (Castroviejo, 1977b), nunha dedicación ao estudo da flora de Galicia que nunca abandonou (Castroviejo, 1982, 1983, 1992; Castroviejo y Lago, 1990). Asistiu a varias saídas do Grupo Botánico Galego (Trevinca, Invernadeiro, etc.).

Durante ese período dos anos setenta realizou estadías en Alemaña e Gran Bretaña e, ata 1974, simultaneaba o cargo de profesor cunha bolsa do Centro Superior de Investigaciones Científicas no Real Jardín Botánico de Madrid, dirixido daquela por quen fora o seu director de tese, o catedrático de Fitografía Francisco Bellot Rodríguez. Foi o comezo dunha unión científica co Jardín Botánico que xa nunca abandonará. Ese mesmo ano de 1974 gañou a praza de colaborador científico no Jardín Botánico, chegando doce anos despois a investigador científico e en 1990, a profesor de investigación.

Aínda que a súa formación e investigacións fóra comezaran en Alemaña, ao longo de toda a súa vida profesional estivo colaborando principalmente con varios centros do Reino Unido, onde pasou longas tempadas, sobre todo nos Royal Botanic Gardens de Kew en Richmond (Crespo, 2009).

A flora tropical

En 1975 iniciou o seu primeiro proxecto propio, orientado á flora tropical, traballando sobre a vexetación das sabanas venezolanas en colaboración co Jardín Botánico de Caracas. No Jardín Botánico de Madrid atesourábanse os materiais das expedicións que se sucederan pola América tropical e Filipinas entre os séculos XVIII e XIX. Pregos, coleccións de froitos e madeiras e as fermosas láminas que ilustraban as floras eran pasto do desinterese dende que o botánico José Cuatrecasas fora forzado a abandonar España por razóns políticas tras o alzamento franquista, sen posibilidade de deixar continuadores do seu gran labor sobre a flora tropical americana (Castroviejo, 1997). Foi Santiago Castroviejo quen volveu de novo aos estudos sobre a botánica tropical estudando os Llanos de Venezuela, unha grande variedade de ecosistemas terrestres e acuáticos que se asolagan durante o período de chuvias.

El mesmo embarcouse na recollida de mostras, con auténticas campañas que se encadraban nesa vella tradición expedicionaria cara ao Novo Mundo. Así, recolleu para a colección do Jardín Botánico, 18.000 números, considerando que a recolección era unha fase crucial da investigación e debía estar baseada na capacidade de observación ben adestrada e nun bo deseño previo de obxectivos (Crespo, 2009).

O seu interese pola flora tropical non o abandonará nunca, e nos anos noventa embarcouse na aventura de dirixir a catalogación da biodiversidade do Parque Nacional da illa de Coiba, en Panamá (Cardiel et al., 1997; Castroviejo,1997a, b; Castroviejo e Ibáñez, 2001; Velayos et al., 1997), onde pretendía crear unha estación biolóxica dependente do CSIC. O proxecto conxunto de estudo da flora e da fauna permitiulle trazar lazos moi estreitos coa comunidade de zoólogos, principalmente cos dedicados á Taxonomía, cos que defendeu conxuntamente a importancia desta disciplina (García-Valdecasas e Castroviejo, 2000). Nos anos seguintes continuou traballando sobre a biodiversidade tropical e, máis concretamente, sobre a panameña a través dunha serie de estudos sobre Bahía Honda (Castroviejo e Ibáñez, 2006).

Froito desas expedicións a América foron numerosos traballos, sobre todo libros, monografías temáticas ou territoriais, referidas a Colombia (Diez et al., 1995), Panamá (Castroviejo, 1997) ou Venezuela (Colonello et al., 1988). Colaborou persoal e institucionalmente no desenvolvemento científico en Iberoamérica a través da formación de investigadores e docentes e abriu unha valiosa porta de colaboración entre especialistas peninsulares e centros americanos.

Tamén traballou no Suroeste de Asia i en África (Jiménez et al., 2007), especialmente no Sáhara e na Guinea Ecuatorial, onde destacou un recolector permanente, posibilitando a elaboración dun estudo completo sobre a flora deste país.

Castroviejo: un home de vangarda na ciencia

En 1976 iniciou o estudo da vexetación do Parque Nacional de Doñana, en colaboración co profesor Salvador Rivas Martínez. Como resultado da revisión da flora, deron unha nova interpretación da dinámica da vexetación deste espazo protexido que publicaron a través dunha monografía e diversos artigos (Castroviejo et al., 1980; Costa et al., 1977; Rivas et al., 1981). Concluíron, entre outros aspectos importantes, que a urbanización do litoral, a transformación agrícola e a extracción de auga do seu acuífero estaban ameazando a supervivencia do Parque (Crespo, 2010).

Nesa época tamén abordou un tema de vangarda que se converterá nun dos seus principais obxectivos científicos e vitais, a conservación. Proxectou o estudo de especies e, máis concretamente, de vexetación sobre un problema máis amplo, os cambios de uso que transforman as diversos paisaxes peninsulares e introduciu conceptos como a sustentabilidade planetaria. Fidel a ese principio participou na creación das primeiras asociacións conservacionistas de flora e fauna e de protección do medio. E estivo nos inicios da Asociación de Licenciados en Biología de España (ALBE), pulando pola súa apertura cara aos novos temas de conservación e xestión dos recursos (Crespo, 2009).

En 1978 publicou Ecología y política en España, onde mostrou o pensamento desa nova xeración de biólogos, relacionando directamente a política e a xestión dos recursos coas súas consecuencias no benestar e no impacto ambiental. Aplicou ese paradigma ético da sustentabilidade no seu traballo en Galicia (Castroviejo, 1979) e tamén nos países tropicais, pulando pola protección específica de lugares concretos e pola inclusión no mundo científico da voz dos botánicos daqueles países que proporcionan ao planeta o maior número de especies e ambientes.

Outro dos campos no que entrou, da man do seu amigo Enrique Valdés Bermejo, foi o da citotaxonomía, onde realizou publicacións a partir dos anos 80 (Castroviejo, 1981a, b; Castroviejo y Nieto, 1986; Lago y Castroviejo, 1993; García y Castroviejo, 2003).

Flora Ibérica

Mais o gran proxecto vital e profesional de Santiago Castroviejo foi sen dúbida, Flora ibérica, un proxecto imprescindíbel emprendido en 1980 co apoio económico da CAICYT, consistente na catalogación crítica e descrición das especies de plantas vasculares que se recoñecen na Península Ibérica e Illes Balears. Este estudo da flora chegou logo de case un século sen actualización da temática e converteuse nun dos proxectos de flora máis importantes do mundo. Un bo número das 7.500 especies ibéricas recoñecidas precisaban revisión ou nova descrición ou discusión taxonómica. Santiago foi o catalizador necesario para a formación da ampla equipa que era preciso para levar adiante este proxecto de catalogación masiva da Biodiversidade na Península Ibérica, o primeiro de entre os proxectos emprendidos a partir dos anos 80 sobre varios grupos de organismos.

O primeiro volume da Flora veu a luz en 1986 (Castroviejo et al., 1986) e, tras a morte de Castroviejo, logo de case 35 anos de traballo, tiñan publicados 14 dos 21 volumes programados e a equipa medrara ate integrar a máis de 300 autores de 33 países e 31 editores de familias. Incrementou nun vinte por cento o número de especies coñecidas e converteuse nun dos grandes proxectos científicos de España e Portugal. Leva anos sendo a obra máis vendida do Servizo de Publicacións do CSIC e unha referencia internacional como base de coñecemento das plantas ibéricas e como fonte de investigacións futuras no tema.

A consulta das coleccións de estudo, a experiencia adquirida e a ampliación da equipa de investigación explican o alto nivel da obra, segundo os expertos, e o seu tratamento taxonómico é moi completo e actual. Está considerado polos especialistas en Botánica como a maior achega á sistematización do coñecemento da biodiversidade vexetal europea, dende os tempos de Maurice Wilkomm e John Lange no século XIX (Nieto, 2009). O propio Castroviejo estivo en Coimbra, onde se conserva o herbario de Wilkomm, e asegurou a participación esencial dos botánicos portugueses no proxecto de Flora Ibérica.

Outros proxectos internacionais tamén contaron coa súa participación activa, como o Euro+MED Project, o proxecto que achega sistemas de información e bases de datos de plantas vasculares de Europa e Rexión Mediterránea. De feito, nos seus últimos anos estaba a cargo en España do proxecto europeo Key to nature, parte da iniciativa eContentPlus, deseñado para facer o contido dixital europeo máis accesíbel (Castroviejo, 2008; Ferrer, Castroviejo, 2009) a través da implantación de ferramentas dixitais para o ensino da biodiversidade. Participaban 14 institucións de 11 países europeos, que desenvolvían diferentes funcións: como fornecedores de datos (Real Jardín Botánico de Madrid, Natural History Museum de Londres,...) ou como innovadores na aprendizaxe dixital (Centro de Investigación da Universidade de Lovaina, Giumti Labs,...). Ese obxectivo de poñer a información botánica ao servizo da sociedade aplicando as innovacións tecnolóxicas xa tivera como froito a base de datos ANTHOS (Castroviejo et al., 2006), unha facilidade telemática que permitía o acceso aos datos morfolóxicos, ecolóxicos e imaxes de calquera especie de planta ibérica, tratando de ofrecer libremente canta información existía nos bancos de datos de Flora Ibérica.

Director do Jardín Botánico de Madrid

A parte da traxectoria profesional, a relación de Santiago Castroviejo coa vida institucional do Jardín Botánico comezou en 1979, cando foi nomeado Secretario, cargo que ocupou ata 1980. Nese comezo da década dos oitenta o Jardín era un centro antigo e prestixioso pero anquilosado, con instalacións pouco axeitadas e fortes tensións entre o seu persoal (García Novo, 2010).

Castroviejo vai participar na reestruturación dese centro en franca penuria e abandono. Asumiu a dirección de 1984 ata 1994, sendo un dos motores do cambio que se produce nos anos oitenta. Durante os seus dez anos de mandato e, a pesares das dificultades, reorganizou as equipas, mellorou as instalacións e dotou á institución dunha infraestrutura científica moderna. Os edificios históricos foron rehabilitados, impulsando o uso do pavillón de Villanueva como espazo para exposicións. Construíronse outros novos, destacando un invernadoiro dedicado á exhibición, inaugurado en 1993, e outro anexo de investigación. Estas obras representaron a construción dunha infraestrutura científica, que habería de completar o estudo das propias coleccións do herbario, transformando así os xardíns en recursos científicos e difundindo o coñecemento botánico ao gran público a través das exposicións temporais e das visitas (Armada, Castroviejo, 1994, 2007). A súa concepción do centro incluíu a dotación de persoal e medios das unidades complementarias, como o arquivo, os herbarios e os propios invernadoiros. Tamén conseguiu importantes doazóns para institución, como o arquivo de Cavanilles, ou adquisicións, como o herbario de Malato-Beliz (Nieto, 2010). O Botánico acabou representando así a oferta científica no núcleo de grandes museos que o acompañan nese excepcional recanto cultural de Madrid.

Tamén impulsou a revista Anales del Jardín Botánico, onde ademais de publicar as súas numerosas e valiosas achegas no campo da Taxonomía, incorporou, como director, un equipo de revisores que mellorara o seu nivel ata incluíla no Science Citation Index (García Novo, 2010). E nunha iniciativa coherente coa súa defensa da Taxonomía, fundou e dirixiu a revista Ruizia. Monografías del Real Jardín Botánico.

Foi vicepresidente da Real Sociedad Española de Historia Natural no bienio 2000-01 e presidente no 2002-03, ampliando e mellorando as publicacións da institución, impulsando as reunións científicas e pulando por integrar á Sociedad nos medios científicos.

Ademais desa labor nas publicacións das entidades que dirixiu, Santiago Castroviejo ten unha obra propia numerosa, con máis de 190 achegas científicas, a parte do seu labor como director de 22 teses doutorais e tesiñas. A súa relación con Galicia non só se ve nos seus estudos sobre a flora galega, senón tamén nas súas colaboracións na Nova Acta Científica Compostelana (Bioloxía), nos Cadernos da Área de Ciencias Biolóxicas do Seminario de Estudos Galegos e nas publicacións da Misión Biolóxica de Pontevedra.

A súa excelente e polifacética traxectoria levouno tamén a ser membro de diversas institucións científicas e amplamente coñecido nos círculos científicos da Península Ibérica e de Sudamérica, así como nos principais centros botánicos. Os grandes xardíns, como os Kew Gardens, eran o seu lugar de estudo e tamén dende onde era chamado para consultas ante as dúbidas taxonómicas naqueles grupos nos que estaba especializado.

A súa vocación era tal que durante a súa enfermidade seguiu a traballar, facendo campañas científicas, completando o Herbario do Jardín Botánico de Madrid e, sobre todo, completando a súa grande obra, a Flora Ibérica. O 1 de xullo do ano 2009 dedicóuselle no Jardín Botánico o pavillón de exhibición, e durante o acto Santiago Castroviejo anunciou os obxectivos que aínda perseguía: concluír o proxecto Flora ibérica e ver aclimatarse e abrochar no invernadoiro, una plántula de Amorphophallus titanum que conseguira, unha especie cuxa floración é un acontecemento social pola súa envergadura e mal olor.

Finou escaso tempo despois, o 30 de setembro de 2009, deixando rematada poucas semanas antes a terceira entrada do volume XII de Flora Ibérica. Foi enterrado en Tirán porque, como lembrou o seu irmán José María Castroviejo, «o traballo de Santiago como científico levouno a percorrer boa parte do mundo. Pero agora volve para repousar connosco, na terra onde naceu». Moitos dos seus compañeiros na botánica lembrarán sempre a Tatayo –así lle chamaban- como o galego de Tirán-Moaña, onde foi nomeado fillo predilecto o 21 de agosto de 2010, lendo o discurso de homenaxe o seu amigo Fermín Bouza.

O seu esforzo, a capacidade organizativa e a súa inmensa vocación fixéronse presentes nos principais movementos de renovación científica europeos sobre a investigación botánica e sobre a súa difusión, pois consideraba esta última como un elemento indispensábel para o progreso das ciencias ambientais e da bioloxía evolutiva (Crespo, 2009).

O 25 de novembro de 2009 a Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales celebrou unha sesión científica de homenaxe ao Académico de Número Santiago Castroviejo, que foi publicada no ano seguinte e onde se recolle unha espléndida relación da súa obra. Foi galardoado, a título póstumo, co Premio Nacional de Investigación Alejandro Malaspina 2009, na área de Ciencias e Tecnoloxías dos Recursos Naturais, polo conxunto da súa obra científica, realizada durante máis de 30 anos de dedicación á investigación, polo seu merecido prestixio a nivel nacional e internacional e pola súa contribución ao progreso e divulgación da Ciencia no campo da Botánica Sistemática. Foi o primeiro botánico merecente de tal distinción. O premio foi recollido pola súa viúva, Carmen Avendaño.

Como sinala a súa amiga Ana Crespo (2010), a obra científica de Santiago Castroviejo é a dun naturalista dos de «bota, non de bata», dos que recolecta e patea. Engadamos que é a dun home que entende mellor ca ninguén o traballo en equipa, sempre disposto así a enfrontar as grandes empresas científicas.



Bibliografía:



Unha relación da obra de Santiago Castroviejo Bolibar pode consultarse en:
REAL ACADEMIA DE CIENCIAS EXACTAS, FÍSICAS Y NATURALES (2010): Homenaje al Excmo. Sr. Santiago Castroviejo Bolibar (1946-2009), Madrid: Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales.


Fontes impresas:

CASTROVIEJO, J., S. CASTROVIEJO, J. GARZÓN y M. MEIJIDE (1969): Nuevas citas de aves para el Sistema Ibérico septentrional, Ardeola, 14: 163-165.

CASTROVIEJO, J., S. CASTROVIEJO y A. SALVADOR (1970a): Algunos datos sobre la distribución de la lagartija de turbera, Lacerta vivipara, en España, Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat. (Biol.), 68: 135-145.

SALVADOR, A., J. CASTROVIEJO, S. CASTROVIEJO, J. GARZÓNHEYDT, M. MEIJIDE y M. G. DE VIEDMA (1970b): Primeras notas sobre la herpetofauma del sistema ibérico septentrional, Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat. (Biol.), 68: 123-133.

CASTROVIEJO, S. (1971a): Sobre la flora gallega, Trab. Dep. Bot. Fisiol.Veg., 3: 9-14.

GARZÓN HEYDT, J., S. CASTROVIEJO y J. CASTROVIEJO (1971b): Notas preliminares sobre la distribución de algunos micromamíferos del norte de España, Säugertierk. Mitt., 13: 217-222.

CASTROVIEJO, S. (1973a) Notas preliminares sobre la vegetación del tramo occidental de la Cordillera Cantábrica (Sierra de los Ancares), Asturnatura, 1: 59-70.

CASTROVIEJO, S. (1973b): El área suroccidental de los brezales gallegos, Anal. Inst. Bot. Cavanilles, 30: 197-213.

CASTROVIEJO, S. (1973c): Sobre la flora gallega, II, Trab. Dep. Bot.Fisiol. Veg., 6: 15-22.

CASTROVIEJO, S. (1974): Notas preliminares sobre el dinamismo de la vegetación de la Sierra del Invernadeiro, Bol. Est. Central Ecol., 2 (4): 3-10.

CASTROVIEJO, J., J. GARZÓN-HEYDT, F. PALACIOS y S. CASTROVIEJO (1974): Sobre el lirón gris (Glis glis pyrenaicus Cabrera, 1908) en España, Doñana Acta Vertebrata, 1 (1): 121-142.

CASTROVIEJO, S. (1975a): Sobre la flora gallega, III, Trab. Dep., Bot. Fisiol. Veg. , 7: 11-17.

CASTROVIEJO, S. (1975b): Algunos datos sobre las comunidades nitrófilas vivaces (Artemisietea vulgaris) de Galicia, Anales Inst. Bot. Cavanilles, 32 (2): 489-502.

CASTROVIEJO, S. (1977a): La vegetación halófila costera del suroccidente gallego, Docum. Phytosociol., 9 (14): 51-63.

CASTROVIEJO, S. (1977b): Estudio sobre la vegetación de la Sierra del Invernadeiro, Madrid: Publ. Agrar. Minist. Agric.

COSTA, M., S. CASTROVIEJO, S. RIVAS-MARTÍNEZ y E. VALDÉS-BERMEJO (1977c): Sobre la vegetación de terófitos efímeros de las dunas fósiles del Coto de Doñana, Colloq. Phytosociol., 6: 101-108.

VALDÉS-BERMEJO, E. y S. CASTROVIEJO (1977d): Notas cariosistemáticas sobre Flora española, II Anales Inst. Bot. Cavanilles., 34 (1): 325-334.

CASTROVIEJO, S., M. A. MURADO, R. SILVA y ROY XORDO (1978): Ecología y política en España, Madrid: Editorial H. Blume.

CASTROVIEJO, S. (1979): Consecuencias ecolóxicas e sociais das repoboacións forestais. CIES, O monte e noso, Vigo: Clave: 38-44. Galaxia.

CASTROVIEJO, S., E. VALDÉS-BERMEJO, S. RIVAS-MARTÍNEZ y M. COSTA (1980): Novedades florísticas de Doñana, Anales Jard. Bot.Madrid, 36: 203-244.

CASTROVIEJO, S. y R. CALVO (1981a): Datos citotaxonómicos en Sedum serie Rupestria Berger, Anales Jard. Bot. Madrid, 38 (1): 37-50.

CASTROVIEJO, S. y R. CALVO (1981b): Notas citotaxonómicas sobre Sedum acre L. (Crassulaceae), Trab. Dep. Bot. Fisiol. Veg., 11: 49-57.

RIVAS-MARTÍNEZ, S., M. COSTA, S. CASTROVIEJO y E. VALDÉS-BERMEJO (1981c): Vegetación de Doñana (Huelva, España), Lazaroa, 2: 5-190.

CASTROVIEJO, S. (1982): Sobre la flora gallega, IV, Anales Jard. Bot. Madrid, 39 (1): 157-165.

CASTROVIEJO, S. (1983a): In Memoriam. Francisco Bellot Rodríguez (1911-1983), Anales Jard. Bot. Madrid, 40 (1): 3-4.

CASTROVIEJO, S. y E. VALDÉS-BERMEJO (1983b): Notas sobre los tojos gallegos, Anales Jard. Bot. Madrid, 40 (1): 73-81.

AÑÓN, C., S. CASTROVIEJO y A. FERNÁNDEZ ALBA (1983c): El Real Jardín Botánico de Madrid. Pabellón de Invernáculos, Madrid: Real Jardín Botánico.

CASTROVIEJO, S., M. A. GARCÍA DORY, S. MARTÍNEZ y F. PRIETO (1985): Política forestal en España: ¿Producción o conservación?, Arbor, 477. CXXI: 13-40.

CASTROVIEJO, S. y G. NIETO FELINER (1986a): Citotaxonomic notes on some Spanish plants, Willdenowia, 16: 213-219.

CASTROVIEJO, S., M. LAÍNZ, G. LÓPEZ GONZÁLEZ, P. MONTSERRAT, F. MUÑOZ GARMENDIA, J. PAIVA y L. VILLAR (eds.) (1986b): Flora Iberica. Plantas vasculares de la Península Ibérica e Islas Baleares. Vol. I (Lycopodiaceae-Papaveraceae), Madrid: Real Jardín Botánico.

DOMÍNGUEZ, J., F. GUITIÁN, F. BELLOT, B. CASASECA y S. CASTROVIEJO (1986c): Estudio agrobiológico de la provincia de Pontevedra, Pontevedra: Misión Biológica de Galicia.

COLONELLO, G., S. CASTROVIEJO y G. LÓPEZ GONZÁLEZ (1988): Comunidades vegetales asociadas al río Orinoco en el sur de Monagas y Anzoátegui (Venezuela), Mem. Soc. La Salle Ci. Nat., 46: 127-167.

CASTROVIEJO, S. y E. LAGO (1990): Una Linaria (Scrophulariaceae) de la Costa gallega, mal interpretada, Nova Acta Científica Compostelana (Bioloxia), 1: 5-10.

CASTROVIEJO, S. (1992a): O monte, o lume e o eucalipto en Galicia, Cadernos da Area de Ciencias Biolóxicas. Seminario de Estudos Galegos, 4: 87-88.

LAGO, E. y S. CASTROVIEJO (1992b): Nuevos datos cariológicos de Chenopodiaceae Ibericas, Nova Acta Científica Compostelana (Bioloxía), 3: 201-203.

LAGO CANZOBRE, E. y S. CASTROVIEJO (1993a): Estudio citotaxonómico de la flora de las costas gallegas, Sada-A Coruña: Ediciós do Castro, Publicacións do Seminario de Estudos Galegos.

LUCEÑO, M. y S. CASTROVIEJO (1993b): Cytotaxonomic studies in the sections Spyrostachyae (Drejer) Bailey and Ceratocystis Dumort. of the genus Carex L. (Cyperaceae), with special reference to Iberian and North African taxa, Bot. Journ. Linnean Soc., 112 (4): 335-350.

ARMADA, J. y S. CASTROVIEJO (1994): Real Jardín Botánico de Madrid, Madrid: Editorial Fundación Caja Madrid.

DIEZ, S. ; TELLEIRA, M.T. ; CASTROVIEJO, S.; JARAMILLO, W.; RUIZ, P.; LOZANO, G. (eds.) (1995): Flora de Colombia, Santa Fé de Bogotá: Universidad Nacional de Colombia, Real Jardín Botánico de Madrid-CSIC, Instituto Colombiano de Cultura Hispánica.

CASTROVIEJO, S. (1997): In memoriam. José Cuatrecasas Arumí (19-III-1903 / 23-V-1996), Anales Jard. Bot. Madrid, 55: 3-7.

CASTROVIEJO, S. (1997a): Flora y fauna del Parque Nacional de Coiba (Panamá). Inventario preliminar, Panamá: Agencia Española de Cooperación internacional.

CASTROVIEJO, S. (1997b): Introducción y consideraciones biogeográficas, en S. Castroviejo (ed.), Flora y fauna del Parque Nacional de Coiba (Panamá) , Panamá: AECI; p. 1-8.

CARDIEL, J. M., S. CASTROVIEJO y M. VELAYOS (1997c): El Parque Nacional de Coiba: el medio físico, en S. Castroviejo (ed.), Flora y fauna del Parque Nacional de Coiba (Panamá), Panamá: AECI.

VELAYOS, M., C. MONGE, F. POSSE y S. CASTROVIEJO (1997d): Guía de Campo del Parque Nacional de Coiba (Panamá), Panamá: Editorial Agencia Española de Cooperación internacional, INRENARE.

GARCÍA-VALDECASAS, A., S. CASTROVIEJO y L. F. MARCUS (2000): Reliance on the citation index undermines the study of Biodiversity, Nature, 403 (6771): 698.

CASTROVIEJO, S. y A. IBÁÑEZ (2001a): Origen y análisis de la diversidad biológica de la Isla de Coiba, Quercus, 188: 29-32.

BRUMMITT, R. K., S. CASTROVIEJO, A. C. CHUKUNI, A. E. ORCHARD, G. F. SIMITH y W. L. WAGNER (2001b), The Species Plantarum Project, an international collaborative initiative for higher plant taxonomy, Taxon, 50: 1217-1230.

GARCÍA GARCÍA, M. A. y S. CASTROVIEJO (2003): Estudio citotaxonómico de las especies Ibéricas del género Cuscuta L., Anales Jard. Bot. Madrid, 60: 33-44.

CASTROVIEJO, S. (2004): De familias, géneros y especies. La eterna búsqueda de la estabilidad en la clasificación biológica. Discurso leído en el acto de recepción como Académico de Número del Excmo. Sr. Santiago Castroviejo Bolibar, Madrid: Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales.

CASTROVIEJO, S., C. AEDO y L. MEDINA (2006): Management of floristic information on the Internet: the Anthos solution, Willdenowia, 36 (1-Special Issue): 127-136.

CASTROVIEJO, S. y A. IBÁÑEZ (2006): Estudios sobre la biodiversidad de la región de Bahía Honda (Veraguas, Panamá) / Studies on the Biodiversity of the Bahía Honda Region (Veraguas, Panamá), Madrid: C.S.I.C., IdE y RACEFyN.

IBÁÑEZ, A., S. CASTROVIEJO, J. L. FERNÁNDEZ ALONSO y M. D. CORREA (2006): Catálogo de la flora de la región de Bahía Honda (Veraguas, Panamá) / Catalogue of the flora of the Bahía Honda Region (Veraguas, Panama), en S. Castroviejo y A. Ibáñez (eds.), Estudios sobre la biodiversidad de la región de Bahía Honda (Veraguas, Panamá) / Studies on the Biodiversity of the Bahía Honda Region (Veraguas, Panama), Madrid: C.S.I.C., IdE y RACEFyN; p. 177- 317.

ARMADA, J. y S. CASTROVIEJO (2007a): Plantas dibujadas en las láminas de la colección van Berkhey ordenadas según el sistema de van Royen, en P. San Pío (ed.), La colección van Berkhey del Real Jardín Botánico. Un atlas del Reino Vegetal en el Siglo XVIII , Madrid: C.S.I.C., Editorial Lunwerg; p. 240-249.

JIMÉNEZ-MEJÍAS, P., M. LUCENO y S. CASTROVIEJO (2007b): Schoenoplectus corymbosus: a tropical Old-World sedge (Cyperaceae) discovered in Spain and Morocco, Nordic Journal of Botany, 25: 70-74.

CASTROVIEJO, S. (2008): E-flora; a new interactive floristic and chorologic information system on the Internet, South African Journal of Botany, 74: 363-373.

FERRER CANAL, M.; CASTROVIEJO, S. (2009): Key to Nature: Herramientas digitales para la enseñanza de la biodiversidad, ARBOR Ciencia, Pensamiento y Cultura, CLXXXV, 737, mayo-junio (2009): 635-637.

QUINTANAR, A. & S. CASTROVIEJO (2013): Taxonomic Revision of Koeleria (Poaceae) in the Western Mediterranean Basin and Macaronesia, Systematic Botany, 38(4): 1029-1061.


Bibliografía secundaria:

CARRASCO, M.A. (2010): In memoriam Santiago Castroviejo Bolívar, Botanica Complutensis, 34: 129-130.

CRESPO DE LAS CASAS, A.M. (2010): Santiago Castroviejo: Científico, maestro y amigo, en Homenaje al Excmo. Sr. Santiago Castroviejo Bolibar (1946-2009), Madrid: Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales.

GARCÍA NOVO, F. (2010): El Académico Santiago Castroviejo, en Homenaje al Excmo. Sr. Santiago Castroviejo Bolibar (1946-2009), Madrid: Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales.

MONTSERRAT, P. (2009): Santiago Castroviejo Bolibar (1946-2009), Collectanea Botanica, 28: 151-152.

NIETO FELINER (2009): In memoriam Santiago Castroviejo Bolívar, ARBOR. Ciencia, Pensamiento y Cultura, 740: 7-11.

NIETO FELINER, G. (2010): Santiago Castroviejo y el resurgimiento del Jardín Botánico, en Homenaje al Excmo. Sr. Santiago Castroviejo Bolibar (1946-2009), Madrid: Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales.