culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Francisco Guitián Ojea

Creador da escola de edafoloxía compostelá

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
  • Data de alta: 25/04/2014

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2014], “Francisco Guitián Ojea”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 16/10/2017] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=995
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: A Teixeira (Ourense) 1921
  • Falecemento: Santiago de Compostela 2009
Estudos e primeiros traballos

Realizou os estudos de bacharelato en Ourense e Monforte desde 1931 a 1937. Mobilizado pola Guerra Civil, non puido comezar a carreira universitaria ata o remate da mesma. Iniciou os estudos universitarios na Facultade de Ciencias, Sección de Químicas, por ensinanza oficial, que simultaneou cos de Farmacia, por libre. Rematou as dúas licenciaturas, ao mesmo tempo, no ano 1943. Durante os anos 1943 e 1944 foi nomeado Profesor Axudante de Clases Prácticas de Química Analítica, co profesor Bermejo Martínez. Durante os anos 1944 a 1946 foi de novo mobilizado como Oficial de Complemento de Artillería, realizando numerosos levantamentos topográficos na provincia de A Coruña, como Xefe da Plana Maior dun dos Grupos do Rexemento de Artillería número 28.

Do ano 1947 a 1953 traballou como químico na empresa Libersa, S.A., dedicada a explotacións forestais e mineiras, e realizou para a mesma numerosas prospeccións na provincia de A Coruña. Tamén traballou como director técnico no Laboratorio Farmacológico Español , situado no barrio de Pitelos en Santiago e creado durante a Guerra Civil por Francisco García-Valdecasas Santamaría.

Profesor en Santiago

No ano 1954 decidiu volver á universidade e tomou contacto con Muñoz Taboadela, catedrático de Xeoloxía Aplicada da Facultade de Farmacia, que había dous anos chegara a Compostela. Ese mesmo ano comezou a súa tese de doutoramento sobre o problema do encalado dos solos galegos, e foi nomeado bolseiro do Instituto de Edafoloxía e Fisioloxía Vexetal de Santiago, do C.S.I.C., e Profesor Adxunto interino de Xeoloxía Aplicada. Doutorouse en Farmacia en 1956, coa tese Encalado de los suelos de zona húmeda, sendo esta a primeira tese de doutoramento lida nos tempos modernos na Universidade de Santiago. Dous anos despois, en 1958, doutorouse en Ciencias coa tese Capacidad de cambio de cationes y grado de saturación.

En 1956 foi nomeado colaborador temporal do C.S.I.C., e en 1957, Profesor Adxunto por oposición. Este mesmo ano recibiu unha bolsa da Fundación Juan March e en 1958 acadou o nomeamento de Xefe de Sección de Corrección de Solos do Instituto de Edafoloxía e Fisioloxía Vexetal. Compaxinou esta rápida carreira docente e investigadora cos estudos sobre a acedume dos solos de zona húmida e a súa corrección mediante o encalado, que se converteu na súa liña fundamental de investigación nesta época. Tamén foi relevante o seu labor como colaborador directo de Muñoz Taboadela, no seu obxectivo de deseñar as diferentes liñas de investigación (corrección da acedume, materia orgánica, oligoelementos, etc.) que ían constituír o grupo de traballo que puxo en marcha o estudo sistemático dos solos galegos. Neste mesmo sentido foron importantes as súas achegas aos estudos agrobiolóxicos que se puxeron en marcha neses anos (Caldas, Betanzos, etc.) e , sobre todo, a participación no equipo que comezou os traballos cartográficos a escala 1:200.000 da zona húmida española (1959-1968).

No ano 1963 realizou unha estancia de varios meses no Laboratoire des Sols do INRA de Quimper, en Bretaña-Francia, en colaboración co investigador Coppenet, onde traballou sobre o cobre en solos. En 1964, o CSIC publicou o seu libro Técnicas de Análisis de Suelos, que no seu momento foi a principal referencia analítica para os edafólogos de fala hispana. Tería unha nova edición, agora desde Galicia e coa colaboración de T. Carballas, en 1976.

Coordinador dos estudos edafolóxicos da zona húmida española

A prematura morte de Muñoz Taboadela, en 1963, obrigou a Guitián Ojea a coller o relevo na dirección dos diferentes traballos comezados polo incipiente equipo de edafólogos composteláns: remate das teses iniciadas (T. Carballas, 1965; E. Martínez, 1965) e, sobre todo, concluír a cartografía de solos a escala 1.200.000 de Lugo, Asturias, Cantabria e zonas húmidas de León, Palencia e Huesca. Tamén, para completar o abano de estudos edafolóxicos, abriu novas liñas de investigación, que se traduciron, seguindo a sistemática xa consolidada no equipo, coa realización de tesiñas e teses de doutoramento, como a de Díaz-Fierros (1967) sobre física do solo ou a de Villar sobre mineraloxía.

A súa proxección docente, primeiro na Facultade de Farmacia e, sobre todo, despois e a partir de 1971, na Sección de Bioloxía, da de Ciencias, supuxo o dar a coñecer unha nova disciplina como era a da edafoloxía. Ao mesmo tempo, o enfoque aplicado de cara aos problemas galegos (por exemplo, o efecto das especies forestais de medra rápida sobre os solos) que se lle deu a estes coñecementos xerou unha corrente de interese entre os estudantes que orixinou unha afluencia importante de candidatos á realización de tesiñas e teses de doutoramento e, posteriormente, como docentes no departamento.
A investigación foi deseñada tamén tendo en conta os dous centros nos que se dispuña de infraestruturas e persoal. O Instituto do CSIC, onde a colaboradora científica (1969) Tarsy Carballas desempeñou a coordinación baixo as directrices de Guitián, e na Facultade de Farmacia, na que contaba co Profesor Adxunto (1971) Francisco Díaz-Fierros. Inicialmente, os estudos de cartografía de solos e materia orgánica desenvolvéronse na primeira institución e, posteriormente, coa creación da estación de lisímetros, os de balances de nutrientes e auga. O resto das investigación leváronse a cabo nos laboratorios da Facultade de Farmacia.

O coñecemento dos diferentes tipos de solos da zona húmida española que se obtivo a partir dos traballos cartográficos a escala 1.200.000 deu orixe a unha liña de investigación que practicamente mantivo Guitián en toda a súa vida científica: o estudo dos factores de formación dos solos de zonas húmida, así como a análise e caracterización dos principais tipos de solos. En 1967, iniciou nos Anales de Edafología y Agrobiología unha serie de traballos que se alongaron ata o ano 1985 baixo o título “Suelos de Zona Húmeda Española”. Neles, nun total de doce apartados, descríbense as principais relacións dos solos de zona húmida co clima, xeoloxía, topografía e tempo, así como as tipoloxías dos solos máis singulares ou representativos.

Son importantes, pola singularidade que aínda representaban na universidade galega, as súas relacións coas empresas. Nos anos 1969-71, coa empresa mineira Rio Tinto, promoveu a realización da prospección xeoquímica do terreo no que despois se situarían as explotacións de Touro e Aríns. En 1971, coa empresa Calfensa, financiou a continuación dos estudos sobre o encalado en Galicia, coa construción de dúas estacións lisimétricas, unha en Santiago, no Instituto de Edafoloxía e Agrobioloxía, e outra, en Lugo, no Instituto Fingoy. En 1973, iniciou as colaboracións coa empresa Sargadelos, que se mantiveron durante moitos anos e deron orixe a importantes traballos na caracterización dos materiais cerámicos así como en novas aplicación destes na industria e na medicina. O primeiro microscopio de varrido da Universidade de Santiago foi mercado e instalado na Facultade de Farmacia ao abeiro deste convenio. Tamén as explotacións mineiras de As Pontes e, sobre todo, de Meirama, mantiveron contactos e colaboracións para o estudo dos problemas ambientais dos entullos. No ano 1983, primeiro co financiamento da Deputación de A Coruña e despois con outras institucións, iniciou o estudo da alteración dos monumentos galegos. Estas investigacións sobre alteración e técnicas de conservación do patrimonio monumental galego as coordinou Guitián practicamente ata o final da súa vida científica. Entre os anos 1988-90, financiado pola Xunta de Galicia, realizou os traballos de campo e a publicación do importante Atlas Geoquímico de Galicia (1992).

En convocatorias competitivas, puxo en marcha tamén diferentes proxectos que tiñan como obxectivo a definición das zonas protexidas de Galicia ou o estudo dos procesos de degradación do solo na zona húmida. Coordinou tamén o mapa de solos de Galicia a escala 1:500.000 coa nova sistemática da FAO para súa integración no mapa de España correspondente.

Directa ou indirectamente formou a un numeroso grupo de edafólogos galegos que difundiron os estudos e a ensinanza dos solos en todas as universidades galegas e nos diferentes centros de investigación de Galicia que teñen o estudo do medio natural como obxectivo. O actual Instituto de Cerámica de Galicia da Universidade de Santiago creouse en 1991 a iniciativa súa e tomando como base os numerosos contactos de asistencia técnica que xa tiña establecido coa maioría das empresas cerámicas do país.

As relacións internacionais de Guitian, por vontade propia, non foron abondas, xa que deixando a breve estancia en Quimper só serían de destacar as que estableceu con Duchafour, sobre todo a través da súa colaboradora Carballas e con motivo do estudo do ranker atlántico, e as que mantivo para o estudo dos solos policíclicos cos holandeses Mucher, Jungerius e Krooneenberg.

En 1969 foi nomeado agregado da Universidade de Madrid, posto que non chegou a desempeñar, e en 1971, catedrático de Edafoloxía da Facultade de Farmacia de Santiago. Ademais, foi Director do Colexio Universitario de Ourense, Decano da Facultade de Farmacia, de 1975 a 1978, Profesor Emérito (1988-1993) e académico numerario da Academia Galega de Ciencias.

Valoración científica da súa obra

Cando morreu Muñoz Taboadela, en 1963, os estudos dos solos galegos estaban xa iniciados a partir dun pequeno equipo de colaboradores e unha dotación de infraestruturas, boa para a época, que permitía resolver os problemas máis inmediatos. Cando, trinta anos despois, Guitián Ojea deixa a Universidade, a docencia da edafoloxía pasou de ser nese período unha pequena parte doutra disciplina a estar implantada en todas as universidades galegas, explicada como tal ou diversificada en numerosas especializacións (máis de 30 materias reguladas e diferentes cursos e mestrados de especialización, no ano 2003). O persoal de titulación superior dedicado á investigación superaba os oitenta, en 2003.

O estudos edafolóxicos realizados por Guitián e os seus colaboradores chegaron a ter unha entidade especial en España, non só pola singularidade dos solos de zona húmida, aos que se dedicaban, ben diferenciados en xeral dos do resto da península, se non polo énfase que sempre se lle deu aos factores de formación e ao contexto ecolóxico no que se desenvolvían. A importancia como obxecto de estudo dos usos dos solos e, en xeral, dos aspectos aplicados da edafoloxía, foron tamén signos distintivos dos traballos deste colectivo de investigadores. Por esta razón, podíase falar con propiedade de “escola edafolóxica compostelá”.

Como resumo, pódese sinalar que a grande complexidade do solo, tanto nas súas propiedades como nos seus procesos xenéticos, foron considerados na súa integridade, cando se definían as diferentes liñas de investigación. Deste xeito, esta etapa dos estudos dos solos galegos pódese considerar como esencialmente “expansiva” no sentido de intentar abranguer toda a heteroxeneidade do solo e seu contorno. A transdisciplinariedade estivo sempre presente nas metodoloxías empregadas e a proxección social de moitos traballos nunca se descoidou. Finalmente, as relacións coas empresas galegas supuxeron tamén un referente das relacións nas que se debería desenvolver a proxección da universidade cara á sociedade.



Bibliografía:




Fontes impresas:

GUITIÁN OJEA, F. (1964): Técnicas de análisis de suelos,.Monografías de Ciencia Moderna, nº 70, Madrid: C.S.I.C.

GUITIÁN OJEA, F.; CARBALLAS, T.; MUÑOZ TABOADELA, M. (1982): Suelos naturales de la provincia de Lugo, Madrid: C.S.I.C.

GUITIÁN OJEA, F.; CARBALLAS, T. (1982): Suelos naturales de la provincia de Orense, Madrid: C.S.I.C.

GUITIÁN OJEA, F.; CARBALLAS, T.; DÍAZ-FIERROS, F.; PLATA ASTRAY, M. (1985): Suelos naturales de Cantabria, Madrid: C.S.I.C.

GUITIÁN OJEA, F.; CARBALLAS, T.; MUÑOZ TABOADELA, M.; ALBERTO JIMÉNEZ, F. (1985): Suelos naturales de Asturias, Madrid: C.S.I.C.

GUITIÁN OJEA, F. (1992): Atlas Geoquímico de Galicia, Santiago: Xunta de Galicia.


Bibliografía secundaria:

CARBALLAS, T.; DÍAZ-FIERROS, F.; MACIAS, F. (2003): 50 Aniversario de la Edafología en Galicia, Santiago: Universidade.

CALLEJA SUÁTEZ, J. Mª (recop.) (2006): Doutores pola USC da Facultade de Farmacia, Santiago: Universidade.

GURRIARÁN, R. (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago: Universidade.

MÁIZ ELEIZEGUI, R. (1961): Historia de la enseñanza de Farmacia en Santiago. Cien años de vida de la Facultad (1857-1957), Santiago: Facultad de Farmacia.