culturagalega.org

Indice alfabético


Disciplinas científicas

Emilio Anadón Frutos

Profesor de Bioloxía e biólogo mariño

comparte esta páxina:

Ámbitos de ocupación:

Autor/a da biografía:

  • Mato Domínguez, Alfonso
  • Data de alta: 09/05/2014

Galeria



Como citar esta páxina:

  • Mato Domínguez, Alfonso ([2014], “Emilio Anadón Frutos”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 06/12/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/
    albumdaciencia/detalle.php?id=997
Untitled Document

Datos biográficos:

  • Nacemento: Barcelona 1917
  • Falecemento: Oviedo 1997
Iniciou os seus estudos de Ciencias Naturais pouco antes do comezo da Guerra Civil e rematounos na Universidade Central de Madrid, na que obtivo a Licenciatura en Ciencias (Sección de Naturais), en 1941, con Sobresaínte e Premio Extraordinario, cualificación que tamén conseguiu cando se doutorou en Ciencias, na mesma Sección, en 1949. Nos anos que discorreron entre a licenciatura e o doutorado, ademais de dedicarse ás tarefas de investigación relacionadas coa súa tese no laboratorio do Museo de Ciencias Naturais baixo a dirección do seu mestre Salustio Alvarado, foi axudante de clases prácticas de Bioloxía Xeral (1942-3) e gañou por oposición a cátedra de Ciencias Naturais do Instituto de Ensino Medio Santa Irene de Vigo, centro onde exerceu a docencia entre 1943 e 1959 e no que desempeñou os cargos do secretario (1945-1957) e director (1957-9). Durante os anos que estivo como profesor do Instituto de Vigo, foi bolseiro dos laboratorios que tiña na cidade o Instituto Español de Oceanografía (IEO) (1948-9) e o Instituto de Investigacións Pesqueiras (IIP) (1952-9). Tamén, cooperador do Centro de Investigacións Zoolóxicas do Instituto “José Acosta” do CSIC (1957-1965), do que máis tarde pasou a ser Profesor Agregado (1957-1965) e Profesor Agregado Honorario (a partir de 1965).

En 1959 obtivo a cátedra de Ciencias Naturais do Instituto San Isidro de Madrid, cidade a que se trasladou coa súa familia e na que permaneceu ata que gañou, en 1967, a cátedra de Zooloxía de Invertebrados non Artrópodos da Universidade de Oviedo, institución na que tamén exerceu os cargos de director de departamento de Zooloxía e Ecoloxía (1967-1985), decano da Facultade de Ciencias (1969-1976) e vicerreitor de Ordenación Académica (1976-1980). Durante a súa vida académica como catedrático universitario (1967-1989) e profesor emérito (1989-1994) dirixiu 11 teses doutorais e 27 memorias de licenciatura, e centrou os seus proxectos de investigación na Histoloxía e na Bioloxía mariña.

Entre 1957 e 1966, Emilio Anadón foi vogal, entre outros organismos e comisións, do Padroado da Misión Biolóxica de Galicia (1957-9), da Comisión de Bibliografía da Real Sociedade Española de Historia Natural (1965), da Primeira Comisión elaboradora dos Programas Oficiais de Oposicións a Cátedras de Instituto (1965), da Comisión de Ensino do II Plan de Desenvolvemento Económico e Social (1966), vogal suplente do Consello Nacional de Educación, como representante dos Institutos Nacionais de Ensino Medio e da Comisión Ditaminadora do Plan de Ensino Medio (1967). Ademais, participou activamente en moitas xuntanzas científicas, como asistente ou conferenciante, e en reunións de catedráticos de Ciencias Naturais de Ensino Medio, convocadas pola Dirección Xeral de Ensino Medio para perfeccionar o ensino das ciencias naturais e da bioloxía no bacharelato e a formación dos docentes.

Hai que salientar tamén o seu labor como autor de obras de divulgación científica e de libros de texto para o bacharelato: Biología (1964), en colaboración con Dimas Fernández-Galiano e Arturo Valls; os tratados Biosy Geos, publicados en 1968 en colaboración con Luis Solé Sabarís e Ana Torras; os seus libros de Ciencias Naturales para os cursos de 1º e 2º de bacharelato, editados en 1976 e 1977 en colaboración con M. E. Álvarez e R. Simancas; os seus artigos sobre bioloxía do Diccionario de la Ciencia y de la Técnica (1968) e o volume 3, Invertebrados, da Enciclopedia Temática de Asturias (1983).

O seu labor investigador

Como xa dixemos, o labor de investigación do profesor Emilio Anadón estivo centrado na histoloxía, na bioloxía mariña e na bioloxía pesqueira aplicada. Aquí comentaremos, sobre todo, os traballos científicos relacionados coa súa colaboración nos laboratorios de Vigo do IEO e do IIP, centro este último que axudou a montar e a organizar, avaliando favorablemente as instalacións do que fora Colexio Alemán como sede do organismo, e no que exerceu como bolseiro de histoloxía e estadística, aínda que Guerra y Prego (2003) subliñan que o seu perfil axustábase máis á figura actual do «investigador visitante», a pesar de que a súa dedicación foi diaria.

Entre os seus traballos de histoloxía sobre peixes, citaremos: “Nota sobre un tumor en Trachurus trachurus L.” (Investigaciones Pesqueras, 1957); ou o dedicado aos órganos luminosos da lampadena, “Anatomía e histología de las placas luminosas caudales de Lampadena nítida (Tunning)” (Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, nº 55, 1957). Do seu interese polos problemas biomatemáticos (tiña unha boa formación en matemáticas a través do seu pai, profesor desa disciplina na universidade), xurdiron traballos como “Un procedimiento para el recuento de vértebras en los peces”, ou o realizado en colaboración con Andreu y Arte, “Sobre el significado de las variaciones de la media vertebral de la Sardina pilchardus Walb”, ambos publicados na revista de bioloxía aplicada do Instituto Español de Oceanografía.

Desde os seus primeiros traballos nos laboratorios oceanográfico e de investigacións pesqueiras de Vigo, mostrou Emilio Anadón o seu interese pola investigación en bioloxía pesqueira aplicada, que logo desenvolveu como investigador en solitario, coordinador de proxectos ou director de teses e memorias de licenciatura sobre o tema. Seguindo o artigo que o profesor Rafael Alvarado (1999) lle dedicou ao labor docente e investigador de Emilio Anadón, base desta biografía, citaremos as notas máis sobranceiras que escribiu sobre bioloxía pesqueira. Foi pioneiro no estudo de poboacións de pequenos peláxicos, da súa variación temporal e da dinámica plurianual das súas poboacións. Neste campo destacan os seus traballos: “Sobre sustitución alternativa en el litoral gallego de los llamados peces emigrantes (Sardina, Espadín, Anchoa y Jurel) (1950); “Estudios sobre la sardina del Noroeste español” (1954); “Movimientos de población. Consideraciones sobre formación de bancos y biología de peces pelágicos” (1955). Ademais, realizou estudos sobre a alimentación e o comportamento de diversas especies de peixes: “Observaciones sobre bancos y conducta alimenticia de Aterían presbyter, Mugil provenzalis, Diplodus sargusy Diplodus vulgaris” (1964); “Observaciones sobre bancos y conducta alimenticia de Trachurus trachurus y Pagellus cantabricus”. Entre 1957 e 1961, en colaboración con Sáiz e López-Benito publicou na Revista de Investigaciones Pesqueras, un extenso e pioneiro traballo, dividido en tres partes, sobre a hidrografía dunha ría: “Estudio hidrográfico de la Ría de Vigo”.

En canto á bioloxía mariña, salientar a identificación e publicación, en colaboración co seu fillo Ricardo Anadón, da primeira cita para España de un foronídeo (“Primera cita para España del phylum Phoronida”, Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, nº 71, 1973), e dentro da ecoloxía do litoral a tese que lle dirixiu ao seu fillo Ricardo: “Estudio ecológico de la playa de La Foz, Ría de Vigo, España, durante los años 1973-75” (1978). Esta tese é un bo exemplo da colaboración que Emilio Anadón seguiu mantendo, desde a súa cátedra de Oviedo, cos investigadores do laboratorio de Vigo do IPP, centro no que deixou unha importante influencia, sobre todo no referente a estudos histolóxicos e biomatemáticos.



Bibliografía:




Bibliografía secundaria:

ALVARADO, R. (1999): Emilio Anadón, un auténtico e integral naturalista, Boletín de Ciencias de la Naturaleza RIDEA, Universidad de Oviedo, 45: 159-176.

ARRIBAS JIMENO, Siro (1984): La Facultad de Ciencias de la Universidad de Oviedo. Estudio histórico, Oviedo: Universidad.

GUERRA SIERRA, Ángel; PREGO LEBOREDO, Ricardo (2003): El Instituto de Investigaciones Pesqueras: tres décadas de historia de la investigación marina española, Madrid: CSIC.


Queremos agradecer públicamente as aportación que fixeron a esta biografía os fillos de Emilio Anadón: Ricardo, Nuria e Araceli Anadón, Catedrático Honorario de Ecoloxía, Catedrática de Zooloxía e Profesora Titular de Zooloxía, respectivamente, da Universidade de Oviedo.