ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza  e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Fermín Bescansa Casares
Un gran ficólogo recoñecido tardiamente
Nacemento:A Coruña 1874. Falecemento: A Coruña 1957
Autor/a da biografía: Bugallo, Ánxela
Data de alta: 21/03/2012

Ámbitos de ocupación: Botánica /


Neto de Antonio Casares Rodríguez, estudou o bacharelato no Instituto da Coruña, onde obtivo o grao de bacharel en 1890. Cinco anos máis tarde licenciouse en Farmacia pola Universidade de Santiago e conseguiu o premio extraordinario co exercicio Estudio botánico, químico y farmacéutico de las Crucíferas, que se conserva no Arquivo da citada universidade. En 1896 acadou a licenciatura de Ciencias Físico-Químicas na Universidade de Salamanca e, un ano despois, o doutoramento en Farmacia na de Madrid. Durante os seis anos seguintes exerceu como auxiliar numerario da Sección de Ciencias do Instituto de Santiago, encargándose de substituír temporalmente os profesores das cátedras científicas.

En marzo de 1903 foi nomeado por oposición catedrático numerario de Historia Natural e Fisioloxía e Hixiene do Instituto de Soria, mais aos dous meses trasladouse ao de Ourense. A pesar do curto da estadía, Bescansa aproveitou a súa permanencia na provincia soriana para coñecer a flora da zona, pouco explorada, e enviar as mostras recollidas á Sección da Sociedad Española de Historia Natural para a redacción da Flora Hispano-Lusitana. Como se recolle no Boletín, os membros da Sociedad admitían o seu descoñecemento da flora da zona soriana, achacándoo ao frío intenso da rexión e á carencia de excursións nas estacións calorosas do ano. Bescansa realizara dúas excursións botánicas entre os meses de marzo e maio. Das plantas recollidas e clasificadas na maior parte por el mesmo, moitas eran comúns a case todas as provincias, pero destaca entre todas unha especie non citada anteriormente. Logo da revisión dos herbarios do Real Jardín Botánico e do herbario de Blas Lázaro, así como da revisión do xénero en toda a bibliografía botánica, chegaron á conclusión de que era unha especie nova. No mesmo Boletín, Gredilla (1903), director do Jardín Botánico, describe a especie e dálle o nome de Potentilla bescansae, en honra a Bescansa, que a recollera nas beira do río Douro ao seu paso por Soria. Bescansa foi admitido como socio numerario da Real Sociedad Española de Historia Natural, na sesión do 4 de novembro de 1903, presentado por Ignacio Bolívar como catedrático de Historia Natural do Instituto de Ourense, especialista en Botánica. O seu labor como recadador tamén influíu no seu nomeamento, en 1904, como correspondente do Museo de Ciencias Naturales de Madrid.

En 1908, publicou en Ourense Sobre la determinación de los puntos de ebullición y su importancia para el conocimiento de la constitución química de los cuerpos y la determinación de pesos moleculares, obra en que define a ebulición e as súas leis, analizando as causas que modifican o punto de fervor dos líquidos e a súa constitución química, da que deriva o coñecemento da fórmula e peso molecular dos líquidos.

Un gran paso para a Ficoloxía en Galicia

O principal tema de traballo científico de Bescansa foi a Botánica, sobre todo a Ficoloxía. A partir da súa chegada a Ourense, desenvolveu un inxente labor de recollida e formación de herbarios de Galicia, incluída a recolleita de algas. Desta actividade son boa mostra varios herbarios de traballo que se conservan depositados na Universidade de Santiago. Compartía o seu interese pola Botánica non só co seu avó, senón tamén co seu irmán Luis e os seus tíos Antonio Casares Gil, o primeiro briólogo peninsular, e José Casares Gil, químico de grande influencia na súa formación. Grazas a esa ansia recadadora apareceron outras especies interesantes, como as mostras do musgo luminescente Schistostega pennata, tamén coñecido como oro de duende. A cita desta rechamante especie foi publicada por Antonio Casares en 1921, quen informa de que os exemplares foran recollidos polo investigador Fermín Bescansa Casares, o seu neto, na Cova das Choias, no concello lucense da Pobra de Brollón, onde se localiza unha importante colonia deste raro musgo.

O traballo de Dosil Mancilla (2007) sobre o noso autor subliña a importancia da relación científica cos seus tíos á hora de establecer contactos. Fora o seu tío Antonio Casares Gil quen lle recomendara contactar co ficólogo menorquino Rodríguez Femenías para iniciarse no estudo das algas mariñas. Na relación epistolar que mantivo con el, Bescansa confesáballe o seu escaso coñecemento ficolóxico e solicitáballe consellos para a preparación dos exemplares e recomendacións bibliográficas para poder levar a cabo as identificacións. As recomendacións do ficólogo insular incluíron tamén o envío dunha colección, que empregou Bescansa para a determinación das especies máis comúns. Este intercambio epistolar, que rematou en 1904, un ano antes da morte de Rodríguez Femenías, permitiulle a Bescansa percorrer os primeiros pasos no mundo da Ficoloxía.

A desaparición do seu colaborador non interrompeu o seu labor, e nos anos seguintes recolleu algas continentais e elaborou as listaxes das algas conxugadas. Dende a súa cátedra do Instituto de Ourense, comezou o estudo das algas e publicou diversos traballos, como os dedicados ás conxugadas (Bescansa, 1907, 1908). Animado polo seu tío, o químico José Casares Gil, en maio de 1909 solicitou unha pensión da Junta para Ampliación de Estudios (JAE), para o estudo das algas en Alemaña. A familia Casares mantiña unha fonda relación coa JAE. José Casares Gil era vogal da xunta executiva e realizou, co apoio da JAE, varias viaxes institucionais a diversos países. Outros Casares, como o seu irmán Antonio Casares Gil, especialista en Brioloxía, ou Miguel Gil Casares, catedrático de Patoloxía, van tamén lograr bolsas no estranxeiro para ampliar os seus estudos.

Fermín Bescansa consegue a bolsa da JAE para estudar no laboratorio do profesor Goebel, da Universidade de Múnic. Os resultados desta estadía aparecen recollidos na publicación Memoria sobre el estudio de las algas (Bescansa, 1911), na que explica a metodoloxía de traballo docente e de investigación no Laboratorio, e destaca o amplo equipamento tecnolóxico e a completa biblioteca. Contaba con todas as obras principais de Botánica, Fisioloxía, Anatomía e Taxonomía, así como numerosas revistas de varios países, o que permitía que o graduado puidese, sen perder tempo, coñecer todo o publicado ata o día sobre o seu tema de estudo. Tamén resalta como preparaban aos alumnos para poder enfrontar a actividade práctica: “[...] a cada estudiante se le proporciona un microscopio, los reactivos más corrientes [...] y los materiales para su reconocimiento bajo la dirección del profesor y doctores del laboratorio”. O equipo de Goebel estaba practicando procedementos modernos de cultivos de algas doceacuícolas, necesarios para o seu correcto estudo e polos que Bescansa se mostrou moi interesado. Precisamente defende a importancia dada á preparación dos cultivos e dos traballos micrográficos na investigación, considerando que debe superarse a antiga sistemática das algas, baseada en exclusiva no recoñecemento morfolóxico dos exemplares, e debe atenderse ao ciclo de vida das algas, observando todas as fases vitais, para o que se debe recorrer aos cultivos. Considera que estes permitirían un estudo controlado dos cambios nas algas e resolverían as incógnitas sobre “la descendencia de estos seres y el establecimiento de su clasificación filogenética, la variabilidad, formación de razas, mutaciones y sus causas” (Bescansa, 1911: 343). Rematou de redactar a Memoria en Ourense, en decembro de 1910, e manifestou que a estadía lle permitira adquirir unha formación sólida en Botánica e poñerse ao día cos procedementos de estudo das algas microscópicas. O seu traballo abarcara todos os grupos de algas, tanto os que coñecía previamente, como aqueles que non estudara especialmente. As detalladas descricións que aparecen na Memoria reflicten a asimilación dunha nova metodoloxía para desenvolver as investigacións algolóxicas dende unha perspectiva moderna. Mais a súa satisfacción non era completa pola escasa atención que se lles prestaba ás macroalgas, polo que solicitou á JAE visitar un laboratorio de algas mariñas para completar a súa estadía. Co visto e prace da JAE partiu á Universidade de Kiel, onde traballou no seu laboratorio tres semanas, estudou as algas mariñas, tanto bentónicas como planctónicas, practicou as técnicas de recollida e preparación de exemplares e aprendeu aspectos básicos da súa taxonomía.

Logo do seu regreso de Alemaña, trasladouse á cátedra de Historia Natural do Instituto da Coruña e realizou recollidas sistemáticas de algas mariñas na cidade herculina e Baiona, con máis de vinte enclaves de mostraxe. Da Coruña proceden a metade das mostras recollidas (51%), e o resto da costa próxima á cidade, como a de Arteixo, e da ría de Baiona. Apréciase claramente que nos meses lectivos, cando impartía clases no instituto, as recolleitas concéntranse na cidade e arredores, mentres no verán e vacacións de inverno aproveitaba para recoller algas preto de Baiona, vila natal da súa muller.

Como un “experto ficólogo” cualifica Dosil Mancilla (2007) a Bescansa logo de analizar as identificacións dos exemplares do seu herbario: máis dun milleiro de mostras, recollidas entre 1905 e 1950 nas costas galegas (principalmente entre 1914 e 1917), que foron sen dúbida o seu traballo máis valioso. Os datos achegados por Bescansa indican a especie, familia, localización e data de recollida, sinalando novas especies en Galicia non citadas anteriormente. Nel figuran varios exemplares de algas comúns recollidas en 1905 e coa palabra Kiel, que pode indicar que levou a Alemaña para a súa identificación, recollidas con anterioridade á súa viaxe. A preparación dos exemplares e o seu estudo microscópico foron realizados no modesto laboratorio do Instituto coruñés, que foi o receptor do seu herbario, mellor dito herbarios, pois aínda se conserva na actualidade outro herbario ficolóxico, elaborado probablemente por Bescansa, pero neste caso non de investigación senón con fins didácticos. Na actualidade este herbario forma parte dos fondos do antigo centro provincial que se trasladaron ao instituto de bacharelato Salvador de Madariaga da Coruña. Tamén remitiu diversas remesas de plantas ao Real Jardín Botánico, entre elas unha pequena colección de algas mariñas recollidas na Coruña, a maioría delas no mes de abril de 1915.

Sobre o herbario de traballo de Bescansa, especialistas actuais como Bárbara et al. (1994) conclúen que as determinacións son de grande calida e reflicten o seu coñecemento taxonómico e morfolóxico. Destacan a calidade das herborizacións, tanto pola representatividade dos exemplares como pola sagacidade do botánico para descubrir taxons difíciles, case non citados ata daquela (Dosil, 2007). Consérvanse, xunto co herbario, debuxos realizados por Bescansa sobre as súas observacións microscópicas e anotacións.

A outra gran contribución de Bescansa, xunto co seu herbario, é o catálogo publicado polo propio autor na Coruña, en 1948, baixo o título de Herborizaciones algológicas en La Coruña, Nigrán y Bayona, que pasou inadvertido para a maioría dos ficólogos españois, que incluso non consideraron as súas novas citas. Na obra figuran 184 taxons, seguidos das localidades e nalgúns casos de observacións xerais da comunidade ou do hábitat, ou con descricións morfolóxicas dos exemplares. Sabemos pola súa obra que o herbario actual está incompleto, faltan cando menos 26 taxons que aparecen citados no catálogo, así como a colección que recibira de mans de Rodríguez Femenías.

Ademais destas achegas principais, Bescansa realizou outros traballos sobre Ficoloxía, como as listaxes das algas conxugadas de medios continentais de Ourense e de Galicia, que publicou en 1907 e 1908, pero das que non se coñece material de herbario conservado. Participou no verán de 1920 no curso sobre Bioloxía mariña impartido na Coruña polo Museo Nacional de Ciencias Naturales. O seu papel tamén foi determinante para o descubrimento de novas especies de fungos. O botánico galego envioulle ao micólogo Romualdo González Fragoso diversos exemplares de fungos que na actualidade se conservan no Real Jardín Botánico. Entre as mostras apareceron dúas especies parasitas de algas que resultaron ser especies novas para a ciencia: Plowrithgia pelvetiae, recollida en 1915, e De Tonisia bescansae, en 1924 (Dosil, 2007).

En definitiva, as contribucións de Fermín Bescansa, xunto coas de Faustino Miranda e Luis Bellón, están consideradas como “a etapa de florecemento (1905/1939)” da Ficoloxía mariña, unha historia chea de esperanzadores proxectos, logros notorios e grandes fracasos e esquecementos (Dosil, 2001). A acción da JAE favoreceu a diversificación dos estudos botánicos, permitindo o desenvolvemento de disciplinas ata daquela marxinais, como a Ficoloxía. Porén a Guerra Civil frustrou as grandes expectativas de futuro, botou por terra os avances institucionais e expulsou ao exilio numerosos científicos, entre eles Faustino Miranda. Segundo os datos que recolle Negrín Fajardo (2006), Fermín Bescansa foi sometido, como todo o profesorado en activo, ao proceso de depuración do novo Réxime e logo confirmado no seu posto por resolución do 30 de abril de 1941. O estudo da súa obra tivo que esperar case medio século ata acadar o recoñecemento que non se lle dera con anterioridade e, sobre todo, para descubrir e empregar para esa nova ciencia da Ficoloxía, o grande avance que significou o seu estudo exhaustivo das algas das costas de Coruña e Baiona.

Bibliografía:



Fontes documentais:

Bescansa Casares, Fermín, Arquivo Histórico da Universidade de Santiago, Serie Expedientes Persoais, cartafol 132.


Fontes impresas:

BESCANSA CASARES, F. (1907): Algunas «conjugadas» de la provincia de Orense, Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat., 7: 65-68.

BESCANSA CASARES, F. (1908a): Conjugadas para la flora de Galicia, Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat., 8: 234-238.

BESCANSA CASARES, F. (1908b): Sobre la determinación de los puntos de ebullición y su importancia para el conocimiento de la constitución química de los cuerpos y la determinación de pesos moleculares, Ourense: Imprenta La Editorial.

BESCANSA CASARES, F. (1911): Memoria sobre el Estudio de las Algas, Anales de la Junta para Ampliación de Estudios é Investigaciones Científicas, IV, 8: 333-351.

BESCANSA CASARES, F. (1948): Herborizaciones algológicas en La Coruña, Nigrán y Bayona, La Coruña: s.n.


Bibliografía secundaria:

BARBARA CRIADO, I.; CREMADES UGARTE, J.; PÉREZ CIRERA (1995): Contribución de Fermín Bescansa Casares a la Ficología española: datos biográficos, estudio de su obra y herbario, Studia botanica, 13: 39-46.

DOSIL MANCILLA, J. (2001): El estudio de las algas marinas en España (1814-1939): De la catalogación florística al aprovechamiento industrial. Tese doctoral. Universidade da Coruña.

DOSIL MANCILLA, J. (2007): Los albores de la botánica marina española (1814-1939), El estudio de la flora y vegetacion marinas en España, Madrid: CSIC.

GREDILLA Y GAUNA, A. F.(1903): Notas y comunicaciones. Datos nuevos que incluir en la Flora Hispano-Lusitana, Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat., III: 273-276.

NEGRÍN FAJARDO, O. (2006): La depuración franquista del profesorado en los institutos de segunda enseñanza de España (1937-1943). Estudio cuantitativo para Galicia, Sarmiento, 10: 59-99.

R.S.E.H.N. (1903): Acta de Sesión 4 de noviembre de 1903 de la Real Sociedad Española de Historia Natural. Presidida por Zoilo Espejo, Bol. R. Soc. Esp. Hist. Nat., III: 357.

Como citar esta páxina:
Bugallo, Ánxela ([2012], “Fermín Bescansa Casares”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 08/12/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=243

Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=243

Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar 
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202