ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza  e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
José González López
Militar con altas responsabilidades técnicas en armamento e boa formación matemática
Nacemento:Ferrol (A Coruña) 1864. Falecemento: Trubia (Asturias) 1901
Autor/a da biografía: Sisto Edreira, Rafael
Data de alta: 14/08/2012

Ámbitos de ocupación: Técnica / Armas / Matemáticas /


Ingresou no corpo de Artillería da Armada en 1881 e foi promovido a tenente en 1884, a capitán en 1887 e a comandante en 1890. Sendo un novo oficial realizou importantes cometidos en Alemaña e Francia e desempeñou os seguintes destinos: oficial de talleres no arsenal da Carraca, auxiliar de negociado de material no Ministerio de Mariña, subdirector da Escuela de Condestables, comandante de Artillería da escuadra formada durante a guerra de España cos EEUU para operar en Filipinas, vocal da Junta Facultativa de Artillería e, por último, xefe da Comisión Inspectora da Mariña nas fábricas de Trubia e Santa Bárbara (Huelva). Recibiu dúas cruces brancas do Mérito Militar, unha delas con pensión.

Pertenceu á Xunta mixta de armas portátiles que elixiu o fusil regulamentario Mauser. A el débeselle un proxecto de transformación de tiro rápido cos canons ordinarios de retrocarga de 9 cm., modelo 1879. Coa colaboración do capitán do Corpo José Ristiri, propuxo un solígrafo para o recoñecemento do ánima das pezas, que foi declarado de regulamento pola Mariña e premiado na Exposición de Chicago.

A súa publicación máis importante fíxoa en colaboración co tenente de navío Manuel García Velázquez: Tratado de aritmética y elementos de álgebra (1900), declarado obra de texto nas Escolas de Condestables e Maquinistas. Escribiu en varias revistas profesionais, como a Revista General de Marina ou o Memorial de Artillería, onde sostivo unha polémica co coronel D. Onofre Mata sobre o Modo de obrar las pólvora sen las armas de fuego. Entre os seus estudos cómpre salientar o titulado “Condiciones balísticas de los cañones de 10, 12 y 14 cm. de tiro rápido, modelo español, comparados con los extrangeros de calibres equivalentes” (González, 1891), elaborado por orde do Inspector xeral de Artillería da Armada, no que se comparan cinco tipos de canóns en función do seu peso e do tipo de proxectil, e se analizan polo miúdo as variables: velocidade inicial, enerxía total, penetración en ferro, relación enerxía/penetración, etc.



Bibliografía:



Fontes impresas:

GONZALEZ LOPEZ, J. (1891): “Condiciones balísticas de los cañones de 10, 12 y 14 cm. de tiro rápido, modelo español, comparados con los extangeros de calibres equivalentes”, Revista General de Marina, II: 734-741.

Bibliografía secundaria:

Anónimo (1902): “Don José González López”, Anuario Ferrolano, 1903, Ferrol: Imp. El Correo Gallego.

COUCEIRO FREIJOMIL, A. (1951-54): Diccionario bio-bibliográfico de escritores, Santiago: Imp. Paredes; II: 190-191.

Como citar esta páxina:
Sisto Edreira, Rafael ([2012], “José González López”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 20/08/2019] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=336

Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=336

Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar 
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202