ÁLBUM DA CIENCIA:
A elaboración desta nova versión do Álbum da Ciencia supón un esforzo investigador e divulgativo dun amplo equipo de especialistas. A dirección foi encomendada a Xosé A. Fraga Vázquez, da Sección de Ciencia, Natureza  e Sociedade do Consello, quen contou coa colaboración do coordinador desa Sección, Francisco Díaz-Fierros Viqueira, na codirección, e de Alfonso Mato na coordinación e redacción.
Olga Moreiras Tuni
A composición dos alimentos españois
Nacemento:Vigo (Pontevedra) 1933. Falecemento: Madrid 2012
Autor/a da biografía: Díaz-Fierros Viqueira, Francisco
Data de alta: 20/10/2013

Ámbitos de ocupación: Farmacia / Bromatoloxía / Nutrición /


Logo de pasar seus primeiros anos en Sarria (Lugo), viviu posteriormente en Málaga e Madrid. Na capital española estudou para profesor e intendente mercantil na Escola Superior de Comercio, e posteriormente fíxose técnico bromatólogo na Escola de Bromatoloxía da Complutense. Casou con Gregorio Varela Mosquera e converteuse na súa máis directa colaboradora. En Granada, a onde fora destinado seu marido, estudou a carreira de Farmacia e, posteriormente, cando este volveu a Madrid, realizou o doutoramento en Farmacia na Complutense. Gañou por oposición a praza de catedrático de Nutrición e Dietética da Facultade de Farmacia da Complutense.

A súa obra

Desde as primeiras enquisas sobre alimentación española postas en marcha polo Instituto de Bromatoloxía e, posteriormente, polo Instituto Nacional de Estatística, Olga Moreiras foi a coordinadora directa dos mesmos. Como complemento destes traballos elaborou unhas Tablas de Composición de Alimentos, fundamentalmente españois, que foron referencia permanente para calquera traballo sobre esta temática (en 2011 publicouse a 15ª edición). Así mesmo, foron moi recoñecidas e utilizadas as súas recomendacións sobre o consumo de alimentos para a poboación española. Outro tipo de estudos que promoveu foron os relativos ao estado nutricional das persoas de idade avanzada e a valoración dos factores dietéticos de risco nas enfermidades cardiovasculares. Participou en proxectos de investigación financiados polo Departamento de Agricultura dos EE.UU., a OCDE e a FAO, e liderou varios proxectos de investigación europeos (SENECA, EUROFOODS, HEALTHTENSE, OPTIFORD, etc.) que son referencia no mundo da nutrición. Publicou 23 libros, 35 capítulos de libros e máis de 200 artigos en revistas nacionais e internacionais, así como 230 relatorios de congresos.



Bibliografía:




Fontes impresas:

MOREIRAS, O.; CARBAJAL, A.; CABRERA, L.; CUADRADO, C. (2011): Tablas de Composición de Alimentos, 15ª ed., Madrid: Ed. Pirámide.


Bibliografía secundaria:

VARELA MOREIRAS, G. (2012): In Memoriam. Olga Moreiras Tuny (1933-2012), Nutr. Hosp. , 27 (5): 1679.

Como citar esta páxina:
Díaz-Fierros Viqueira, Francisco ([2013], “Olga Moreiras Tuni”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. [lectura: 04/10/2023] [URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=478

Máis información e materiales complementarios en http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=478

Un proxecto do
Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2º andar 
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202