culturagalega.org

Juan R. Álvarez

Entre o comercio e as sociedades da Habana

Retrato de Juan R. Álvarez

O Valadouro 1880 - A Habana 1932

A vida de Juan R. Álvarez estivo dedicada á emigración. Primeiro en Madrid e máis tarde na Habana traballou e prosperou sen por iso esquecer nunca a súa terra natal: O Valadouro. Achegámonos, en breves liñas, ao seu percurso vital.

Juan R. Álvarez naceu na parroquia de Santo Tomé de Recaré (O Valadouro) o 9 de xaneiro de 1880. Fillo de labregos acomodados, na Preceptoría de Ferreira do Valadouro estudou Latín e Humanidades durante tres anos. En 1893 ingresou no Seminario Conciliar de Santa Catalina de Mondoñedo para seguir a estudos eclesiásticos.

Non obstante, o noso protagonista non chegou a concluír a carreira sacerdotal. Así, marchou a Madrid para se dedicar ao comercio, ocupación que desenvolvería o resto da súa vida. Comezou a traballar nunha xoiaría da Carrera de San Jerónimo, negocio do que chegaría a ser socio. Na capital de España comezaría a súa actividade societaria, pois foi membro do Centro Gallego de Madrid. No entanto, Juan R. Álvarez non esquecía O Valadouro. En efecto, en Ferreira foi cofundador do xornal El Valle de Oro, medio a través do cal denunciou ás persoas que se enriquecían co tráfico migratorio.

En 1906 trasladouse a Cuba, pertencendo desde ese mesmo ano ao Centro Gallego da Habana. Na primera institución mutual dos galegos de Cuba Juan R. Álvarez desempeñou os principais postos. Así, ocupou os cargos de vogal da sección de instrución e da sección de recreo e adorno; por outra parte, foi vicepresidente da sección de sanidade. Ocupou o cargo de secretario da xunta directiva durante o bienio 1912-1914. En 1915 ocupou un posto de secretario na primeira mesa da Asemblea de Apoderados do Centro Gallego. En 1917 foi elixido como vicepresidente da comisión executiva do Centro Gallego.

Estivo entre os fundadores da sociedade de instrución El Valle de Oro, entidade da que ocupou o cargo de vicesecretario da primeira xunta directiva. En 1915 foi elixido sétimo presidente de El Valle de Oro. Esta entidades microterritorial, creada en outubro de 1907, tiña por obxectivo fundamental o fomento da instrución nas parroquias dos concellos do Valadouro e Alfoz.

Profesionalmente en Cuba dedicábase ao comercio, sendo importador, entre outros produtos, dos reloxios "Lohengrin". Antes de se estabelecer pola súa conta, formaba parte da razón social Santos y Álvarez. Tiña o seu negocio en Muralla 117.

Juan R. Álvarez pertenceu tamén a outras entidades. Así, foi secretario fundador do Comité Representativo de las Sociedades Gallegas de Instrucción, entidade que pretendía agrupar ás sociedades microterritoriais da Habana. Membro da Asociación Iniciadora y Protectora de la Real Academia Gallega e da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia.

En 1922 foi elixido como conselleiro da Caja de Ahorros y Banco Gallego do Centro Gallego da Habana. Foi elixido como consiliario da directiva da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia para o periodo de 1924/1925, repetindo neste cargo en anos posteriores.

Juan R. Álvarez faleceu na Habana en marzo de 1932.



Autor/a da biobibliografía:

OCUPACIÓN...

Acción político - social

Empresarial / Prof. Liberais

Extras de Juan R. 

frecha   Noticia da fundación da sociedade El Valle de Oro

Extras sobre Juan R.

frecha Un anuncio da xoiaría de Juan R. Álvarez

gal_108_01.jpg gal_108_02.jpg

Bibliografía...

VV.AA.: Suevia, nº 1, 08/02/1912

VV.AA.: La Alborada, nº 6, 11/02/1912

VV.AA.: Labor Gallega, 05/01/1915

Untitled Document