culturagalega.org

Manuel Magariños

Fundador de "El Diario Español"

Retrato de Manuel Magariños

Pontecesures 1871 - Montevideo 1941

Nace no Concello de Pontecesures (Pontevedra) o 18 de novembro de 1871. Fillo de Antonio Magariños e Antonia Castaños. Emigra de mozo a Uruguai onde traballa como dependente de comercio, empregado de rematador e máis tarde rematador por conta propia. Nesta profesión encargábase da venda de terreos, propiedades, etc., en subhasta ou entre particulares.
Posteriormente iniciase no mundo do xornalismo traballando para o xornal brasileiro "A Actualidade", onde exerce durante algún tempo o cargo de administrador. Anos máis tarde traballa no xornal "La España", onde ten ao seu cargo a Sección Comercial e Sociedades Españolas, sendo ademais empregado de confianza na administración do xornal.

Tras a desaparición de "La España" Magariños considerou que a colectividade española do Uruguai precisaba dun órgano de prensa que fora voceiro dos seus intereses e receptor das súas inquietudes sociais e mesmo intelectuais. Deste xeito fundou "El Diario Español", en Montevideo o 15 de maio de 1906. Este foi o único xornal creado por un galego que tivo como razón de ser os intereses da colectividade española no Uruguai, e que perdurou no tempo. Un comentario da editorial do primeiro número resume o pensamento do seu fundador e sinala o camiño a seguir polo xornal que nacía: “Una agrupación de españoles hemos tomado a nuestro cargo dar a publicidad un órgano periodístico que sea expresión fidelísima de la manera de sentir y de pensar de la comunidad de compatriotas nuestros residentes en el Uruguay. El Diario Español nace sin enemigos. No puede tenerlos quien como él surge para realizar una labor altamente patriótica y regeneradora”.

Coa morte do fundador en 1941 o xornal pasa a ser dirixido polo seu fillo, Manuel Magariños Spadafora, que falecería pouco despois pasando a dirección a dous netos do fundador: Carlos Reinante Magariños e Fernando Magariños Ascone.

O seu amor por Galicia levouno a integrar o Centro Gallego no cal desempeñou cargos directivos.

Falece en Montevideo en 1941.



Autor/a da biobibliografía:

OCUPACIÓN...

Fachada da sede de El Diario Espanol.jpg Selo El Diario Espanol 2006.jpg Visita do Profesor Blas Cabrera.jpg Portada Suplemento Gallego de El Diario Espanol.jpg

Bibliografía...

VV.AA.: "Revista del Centro Gallego", número extraordinario, de 30 de xullo de 1925, p. 28.

VV.AA.: "Revista Centro Gallego", número 114 de 1926, p. 8.

VV.AA.: "Revista Centro Gallego", número 125 de 1927, p. 4.

ZUBILLAGA BARRERA, C.: "Los Gallegos en el Uruguay. Apuntes para la historia de la inmigración gallega hasta fines del siglo XIX", Ediciones Banco de Galicia, Montevideo, 1966, pp.135 a 137.

VV.AA: "Suplemento Gallego. El Diario Español", número 4, 20/05/1979, p. 1; 4.

SAMUELLE LAMELA, CRISTINA: La Emigración Gallega al Río de la Plata. Universidad Complutense de Madrid. Facultad de Ciencias Políticas e Socioloxía. Departamento de Antropoloxía Social. Madrid, 1999 (p. 333)

Untitled Document