culturagalega.org

Jesús Canabal Fuentes

O papel de Suevia, o amor por Galiza

Retrato de Jesús Canabal Fuentes

O Pino 0 - Montevideo 0

Naceu no Concello do Pino (A Coruña) en 1897. Con 13 anos emigrou cara ao Río da Prata, chegando a Bos Aires onde traballou na casa Iturrat, firma que xiraba en torno ao ramo da papelaría. Despois de botar un tempo na casa matriz foi nomeado xerente da sucursal en Montevideo. A crise producida pola Primeira Guerra Mundial obrigou á empresa ao peche da sucursal montevideana. Canabal permaneceu en Uruguai e continuou incursionando no ramo da industria papeleira. No ano 1921 forma unha sociedade con dous irmáns seus: José, que emigrara a Bos Aires, e Andrés que fora reclamado a España. Organizaron unha sociedade á que denominaron "Jesús Canabal y Hnos. Fábrica de Sobres". O produto vendido levaba a marca "Suevia". Nese mesmo ano, e como consecuencia do desenvolvemento que vai cobrando a empresa, adquiren o negocio de papelaría de Jaime Bech un dos máis famosos da cidade pola súa ubicación céntrica. Tamén nese ano, incorporouse á Sociedade outro irmán seu, Manuel, que chegou desde Galiza. A súa política foi a de ir adquirindo sucesivos negocios vencellados ao ramo da industria papeleira co fin de ampliar locais e capital, á vez que o número de traballadores ascendía a 40 en 1925. En 1930 a sociedade "Canabal y Hnos." fusionada coa firma "Ferro y Romani", contaba xa con catro locais en distintos lugares de Montevideo. Nese ano trasformase en "Canabal y Hnos. y Carluccio" ao adquirir outras antigas firmas denominadas "Lettire y Bengoa" e "Lacaña Hnos." O crecemento da empresa, que co pasar do tempo incorporou novas firmas, levou a que a mesma puxera en funcionamento a súa propia fábrica para a fabricación de papel. Así en 1937 fundou a "Industria Papelera Uruguaya Sociedad Anónima" (IPUSA) e, en 1948, na cidade do Pando outra fábrica de papel que ocupou a máis de 100 obreiros. Nun anuncio de prensa dos anos 40 figura como socio da empresa "Canabal y Cia" (ubicada na Rúa Uruguay, nº 1213) dedicada á papelaría, libraría e material de escritorio en Montevideo. En 1956 foi un dos empresarios que destacou na creación do Banco de Galicia no Uruguai. Esta entidade ademais de funcionar como entidade financieira, foi a promotora dunha serie de iniciativas culturais como concursos literarios, exposicións de libros, de fotos sobre Galiza e axudou á financiación de edición de libros. En atención a este labor cultural no ano 1962 o Consello de Galiza concedeulle o Premio Castelao, e en 1966 o Patronato da Cultura Galega outorgoulle a súa Vieira de Prata.

Desde a súa chegada a América, Canabal estivo sempre vencellado ao galeguismo. En Montevideo presidiu o Banco de Galicia a Casa de Galicia da que foi Presidente, a Irmandade Galeguista, o Patronato da Cultura Galega (foi un dos seus socios fundadores, ademais de Tesoureiro na primeira Xunta Directiva e no exercicio 1965-66; Vicepresidente en 1966-1968) e promoveu a audición radial "Sempre en Galiza", emitida íntegramente en galego por Radio Carve, con cobertura por todo o territorio uruguaio e gran parte de Arxentina. En 1945 foi Presidente da Comisión de Sanidade de Casa de Galicia. En 1956 foi nomeado Presidente do Congreso da Emigración Galega, que se desenvolveu en Bos Aires e no que participaron os máis destacados dirixentes do exilio galego. Durante as décadas dos 50 e 60 Canabal realizou varias viaxes a Europa. Nun deles, en París en 1958, César Alvajar e Ramón Suárez Picallo propuxérono, en representación do Consello de Galiza, como Ministro delegado da República no exilio, cargo que ocupou desde maio de 1958 ata febreiro de 1962.
Faleceu en Montevideo en 1985.




Autor/a da biobibliografía:

OCUPACIÓN...

Acción político - social

Empresarial / Prof. Liberais

Extras sobre Jesús

frecha Jesús Canabal e a emigración no Uruguai

canabal_02.jpg canabal_03.jpg canabal_04.jpg canabal_05.jpg canabal_06.jpg canabal_07.jpg canabal_08.jpg canabal_09.jpg canabal_10.jpg canabal_11.jpg canabal_12.jpg canabal_13.jpg canabal_14.jpg canabal_15.jpg canabal_16.jpg canabal_17.jpg canabal_18.jpg canabal_19.jpg canabal_01.jpg elsa_05.jpg

Bibliografía...

Revista del Centro Gallego de Montevideo número extraordinario, xullo de 1925, Sección Anuncios, p. 135.

Alma Gallega. Órgano oficial de la Casa de Galicia Número extraordinario aniversario XXVIII de "Casa de Galicia. Semana Gallega", decembro de 1945, p.31 e p. 54.

Casa de Galicia de Montevideo en el día de Galicia julio de 1946, p. 18.

Guieiro. Órgano do Patronato da Cultura Galega abril 1965, nº1, ano I, p. 2; novembro de 1966, n º 2, p. 2; xuño-outubro de 1989, nº 16-17, p. 6.

PUIGGROS, E. ET ALII La Inmigración Española en el Uruguay. Catalanes, Gallegos y Vascos Organización de los Estados Americanos. Montevideo: Instituto Panamericano de Geografía e Historia. Serie Inmigración, Volumen VII, p. 82; 84 e 93.

SAMUELLE LAMELA, CRISTINA La Emigración Gallega al Río de la Plata. Facultad de Ciencias Políticas e Socioloxía. Departamento de Antropoloxía Social. Madrid (p. 333 e 337)

Galicia siglo XX La Voz de Galicia S.A. A Coruña(p. 226)

Untitled Document