Atalaia

Enrique Lista. Políptico. 2012. Detalles e vista xeral da mostra na sala Zona C. Santiago de Compostela
> Enrique Lista. Políptico
Datas: 23/05/2012 - 23/09/2012

Artistas

Enrique Lista

Comisariado

María Marco

Descrición

Con Políptico. Un comentario sobre a posta en valor do patrimonio, Enrique Lista (Malpica de Bergantisño, 1977), convídanos a reflexionar a partir de imaxes-icona do noso patrimonio cultural vencelladas á tradición xacobea como a repostería-souvenir: tartas de Santiago ou doces con forma de vieira que se teñen consagrado como símbolo e identidade da cultura galega.

A mostra presenta unha serie de fotografías cunha salientable cualidade ténica e formal, realizadas seguindo a tradición do bodegón barroco español. Tamén conectan coas prácticas artísticas máis contemporáneas vencelladas ao potencial simbólico da comida, como nos traballos de Rirkrit Tiravanija ou Félix González-Torres, ou nas fotografías de Vik Muniz ou Fischli & Weiss.

O dispositivo da instalación, como proposta conceptual, une no mesmo espazo discursivo a identidade cultural, os costumes alimenticios e a tradición relixiosa. A mística da alimentación, a espectacularización da tradición ou a capitalización do patrimonio simbólico por parte de empresas, institucións ou eventos multitudinarios orientados ao turismo de masas, todos estes ingredintes tentan, dunha ou doutra maneira, seren reveladas aquí.

Mostra producida coa colaboración do Máster de Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC.

Fonte: Zona “C”