Atalaia

Jesús de la Iglesia. Os seis vídeos protagonistas da mostra Cento oitenta segundos. Zona "C", Santiago de Compostela, 2012.
> Jesús de la Iglesia. Cento oitenta segundos
Datas: 28/11/2012 - 03/02/2013

Descrición

Jesús de la Iglesia (1978, Salamanca), presenta un proxecto expositivo inédito, baseado nunha liña de investigación que vén estudando ao redor do retrato dentro da videoarte. Cento oitenta segundos retrata persoas de todo tipo e condición, mostrando a súa individual historia de vivencias. Nesta exposición, o artista céntrase nos rostros, con nomes e apelidos, dalgúns artesáns que desenvolven o seu traballo na cidade Santiago de Compostela, un entorno historicamente relevante para este tipo de profesionais. Jesús de la Iglesia mostra o seu traballo encauzado entre a tradición e a modernidade na historia da arte, ao tempo que o presenta nun espazo de similares condicións, convertendo a Zona "C" nun marco dentro do marco.

Cento oitenta segundos, non son máis que tres minutos. Os tres minutos de exposición nos que deben posar os protagonistas das obras de Jesús de la Iglesia ante a súa cámara. O artista, cun encadre en plano medio, retrata persoas de todo tipo e condición, mostrando a súa propia historia, a través dos moitos detalles con que se debuxan os seus rostros; un mapa cartográfico de vivencias escrito sobre a pel. Nesta ocasión o obxectivo enfoca directamente a tradición, o traballo dos artesáns, ferreiros, imaxineiros, ourives, marroquineiros etc. Eses oficios, cada vez máis en desuso, que sobreviven grazas ao afán incansable daqueles que non se renderon á produción industrial e ás novas tecnoloxías.

Jesús de la Iglesia toma este tema particular dentro dun contexto máis amplo que incide sobre a importancia do retrato e da identidade. Supón o pretexto perfecto para reflexionar sobre o concepto de tempo e sobre o poder de fascinación da imaxe. Unha constante construción do presente a través da revisión do pasado, nunha época, a nosa, na que se impoñen outros modos e outros formatos de narración.

O artista alude directamente a referentes clásicos da pintura da arte europea, véndose influenciado por artistas como Hans Holbein, Vermeer de Delft ou Velázquez. Tamén observa a artistas modernos e contemporáneos como Pierre Gonnord, Bill Viola, Ori Gherst, ou Andy Warhol que xa nos anos 60 fixera os seus Screen Text, unha serie de videoretratos filmados en branco e negro.

O artista traballa coa luz, e coas cores como se fosen pigmentos; coa mesma dedicación, como o máis puro artista no seu obradoiro, elaborando, configurando, plasmando. O dominio da técnica que aplica e a edición final resultan determinantes na súa produción.

Neste caso, a pintura defínese así como pensamento, como idea, máis que como acto físico. Pintar imaxes non é máis que plasmar algo imaxinado en algo tanxible, e polo tanto non exclusivo da pintura no seu concepto máis clásico como disciplina académica. En lugar de traballar con pincel fino en óleo sobre táboa, configura luz e cor, sobre un tecido de píxeles, enmarcado nunha pantalla de cristal líquido. As no­vas técnicas alíanse co artista, como noutros tantos mo­mentos anteriores da historia da arte, para iluminar obras, quizais imaxinadas, pero nunca antes materializadas.

Jesús de la Iglesia reivindica contemplar, como un acto necesario, ao que parece que a sociedade actual renunciou. Debe­mos retomar o dereito a deternos, a fixar a nosa atención en algo, e ter un xuízo crítico individual, desligándonos do colectivo, para non ver a través dos ollos doutros, senón para observar a través dos propios.

A intervención de Jesús de la Iglesia, Cento oitenta segundos, queda enmarcada na convocatoria de selección dun proxecto para o fomento da práctica profesional de especialistas en arte contemporánea na Zona "C" que organiza o Concello de Santiago e xestiona o Auditorio de Galicia en colaboración co Máster en Arte, Crítica e Museoloxía Contemporáneas da USC.

Jesús de la Iglesia é licenciado en belas artes pola Universidade de Vigo, recibiu o premio extraordinario fin de carreira, na especialidade de escultura. Despois realizou o Máster en Arte Contemporá­nea, Creación e Investigación, da mesma universidade. É experto en deseño multimedia, especializado en web e vídeo dixital. Actualmente compaxina o seu labor pro­fesional e artístico coa realización da súa tese de doutoramento sobre videoarte. A súa investigación artística radica na busca dun ámbito procesual produtivo que posibilite un diálogo multimedia fluído entre disciplinas tan dispares como o vídeo, a insta­lación, a fotografía, a escultura ou a pintura.

Rocio Figueroa Guisande, comisaria da exposición, é licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente centra a súa actividade na crítica de arte, e na colaboración en varios traballos editoriais, así como na creación de proxectos de comisariado con artistas novos.

Fonte: Zona C