Atalaia

Manuel Patinha. Naroina. 2009. Aceiro galvanizado e inoxidable. 282 x 82 cm.
> Manuel Patinha. Suave e preciso
Datas: 08/03/2012 - 06/05/2012

Artistas

Manuel Patinha

Descrición

O escultor de orixe portugués Manuel Patinha (Póvoa Santa Iria, 1949), presenta a mostra Suave e preciso, no Centro Cultural da Deputación de Ourense; un traballo onde a escultura participa nun diálogo permanente coa poesía. Por este motivo, o catálogo editado como compaña desta exposición inclúe poemas de quince escritores, entre os que están Eva Veiga, Cruzeiro Seixas, Xosé María Álvarez-Cáccamo, Jorge Letría, Vicente Araguas, Xulio Valcárcel, Miguel Anxo Fernán-Vello ou Xavier Alcalá, entre outros. O catálogo, editado pola Deputación de Ourense, inclúe un texto analítico da obra de Patinha realizado por Mercedes Rozas, no que a crítica e comisaria de exposicións abunda sobre o peso que o debuxo ten no traballo final do escultor e “a complicidade do debuxo coa escultura, un cruzamento de vontades formais e conceptuais que arrancan dun mundo inmediato”. Rozas engade que “os seus cipreses, augamares, flores ou froitas reinterpretan o temperamento da escultura con formulacións contemporáneas distanciadas do academicismo trasnoitado”. Patinha presenta no Centro Cultural da Deputación preto de coarenta pezas realizadas en aceiro e consegue dominar o carácter frío e duro deste material ata darlle un matiz onde a suavidade, delicadeza e precisión acaban impoñéndose.

Fonte: Centro Cultural Deputación de Ourense