Té con madalenas achégase á intimidade do artista á vez que revela as evocacións, sensacións e lembranzas propias do visitante. Begoña Ante, Paula Cabaleiro, Carolina Cruz Guimarey, Christian García Bello, Lula Goce, Jorge Perianes, Laura Piñeiro e Neves Seara son os oito artistas que protagonizan a exposición work-in-progress.
Este proxecto pretende mostrar o ser e o crear das oito persoas que o conforman e que desenvolverán, ao longo de tres meses e especificamente para NORMAL, oito proxectos polifacéticos (instalacións, obradoiros, workshops, performance, proxectos de colaboración cidadá) nos que nos falan deles mesmos e dos tempos, espazos e memorias que os constrúen.
No seu proxecto para Té con madalenas, Begoña Ante presenta Memoria no que traballará, coa colaboración de alumnos da Universidade Serior, coa fotografía e a palabra arredor dos espazos que nos representan e que recreamos na memoria.
En Niño de erros, Paula Cabaleiro traballa, cun colectivo de nais, coa vestimenta e a costura en torno á capacidade da indumentaria para representarnos.
Carolina Cruz Guimarey, en As que habitan a memoria, presenta a súa proposta a partir dunha serie de antigas fotografías de ámbito privado que, transferidas a diversos materiais e convertidas en instalación, pretenden facer visible o patrimonio humano da cidade.
Para este proxecto Christian García Bello, amosa Atalaia (Pena Branca), no que parte dunha investigación documental sobre un espazo moi concreto, para crear unha instalación final en torno á idea da paisaxe como proceso de construción persoal.
Lula Goce, con Bosque, gramática do efémero, reflicte sobre a idea da paisaxe mariña como representación da nosa propia simbiose entre fraxilidade e brutalidade con materiais tan cotiáns como o papel ou aparellos de pesca.
Historias cunha escaleira é a proposta de Jorge Perianes. Empregado materiais reciclados (escadas de madeira) indaga arredor dos conceptos de realidade e a súa reinterpretación.
Laura Piñeiro na súa proposta Oda á longánime mirada traballa coa costura e o patchwork sobre a idea do quefacer artístico e os procesos como medio de procura persoal.
E, por último, Neves Seara pescuda, a través da escrita e a performance, arredor das capacidades dos obxectos de representar esencias e ausencias na proposta titulada As cadeiras da avoa Esperanza.
Fonte: Normal