Novas | 11 a 20 de 3241

<< Anterior Siguiente >>

18/07/2019
Óliver Laxe competirá polo Premio do Público do Festival de San Sebastián

O que arde, filme do director galego Óliver Laxe, foi seleccionado polo Festival de Cine de San Sebastián como unha das producións que competirán polo Premio do Público. A vindeira edición do evento, que se desenvolverá entre o 20 e o 28 de setembro vindeiros, proxectará esta produción no marco da sección Perlak, onde competirá con traballos de Bong Joon Ho, Ken Loach, Nakache e Toledano e Wang Xiaoshuai. A organización anunciará en vindeiras datas outros filmes que participarán nesta sección.. Amplía a nova>>

15/07/2019
Eloy Domínguez leva ás salas Hamada

Logo de percorrer abondosos festivais, chega ás salas galegas Hamada, o novo filme do galego Eloy Domínguez. Nado como unha coprodución entre Suecia, Noruega e Alemaña, o documental explora a vida nos campos de refuxiados do Sáhara Occidental a partir da experiencia dun mozo e da súa irmá. O filme, que se puido ver na última edición de Cineuropa, estreouse no International Documentary Filmfestival Amsterdam (IDFA), e participou en eventos coma o Doc Station da Berlinale ou o Visions du Réel. . Amplía a nova>>

12/07/2019
O Fancine de Lemos outórgalle a Javier Botet o seu premio honorífico

O Festival de Cine Fantástico de Monforte Fancine de Lemos acaba de dar a coñecer o programa da súa nova edición, que se celebrará entre o 25 e o 28 de xullo vindeiros. Entre as novidades, a organización anunciou a entrega do premio de honra do evento ao actor Javier Botet, coñecido polas súas interpretacións a nivel internacional de monstros en producións como Rec, A momia, It ou Slender Man. O programa da nova xeira conta coas proxeccións de vinte curtametraxes fantásticos e de terror a concurso, ademais de sesións de cinema ao aire libre con títulos como Alien, Mamá, Summer of 84 ou Ghostland. Durante o evento poderá verse a exposición Batman 80th Anniversary: In Memoriam Norm Breyfogle, que achega ilustracións orixinais deste debuxante.. Amplía a nova>>

08/07/2019
Baixan espectadores e recadación de cine en 2018

O cine tradicional perdeu no último ano 100.000 espectadores en Galicia, e deixou de recaudar 900.000 euros, así o revela o último Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega do CCG. O impacto do consumo nas plataformas dixitais de pagamento pode ser determinante para comprender este dato. O informe incide en que a asistencia media ao cine en Galicia (44 cines) sitúase en 1,4 películas por habitante, lonxe da media estatal de 2,2 filmes e só por riba de Asturias, Extremadura, Ceuta e Melilla. O informe estima que entre 2013 e 2018 se produciron 141 producións audiovisuais no último quinquenio. Destaca o ano 2015 con 27 películas (15 delas eran longametraxes) mentres que en 2018 se produciron 25 filmes (15 longametraxes e 10 curtametraxes). En relación ao idioma, o 38,3% das producións feitas en Galicia no período analizado están en galego. En 2018 producíronse 13 películas exclusivamente en galego e unha en galego/castelán, e son as que teñen máis apoio económico por parte da Administración. . Amplía a nova>>

05/07/2019
Falece aos 94 anos o actor pontevedrés Eduardo Fajardo

Segundo os rexistros da base de datos de IMDB (Internet Movies Data Base) o actor Eduardo Fajardo (1924-2019) participou en 192 producións de cine ou televisión durante a súa carreira, ademais de ducias de obras de teatro. Nado en Mosteiro (Meis, Pontevedra) criouse en Haro (A Rioxa) a onde a súa familia se trasladou pouco despois do seu nacemento. A Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas española comunicaba o seu falecemento, onte xoves aos 94 anos de idade. Desde a institución cinematográfica lembran a súa contribución na interpretación como “un dos máis prolíficos da nosa industria” nas súas cinco décadas de carreira. Fajardo comezou o seu percorrido profesional no cine como actor de dobraxe a principios dos anos corenta. Pouco despois aparece por primeira vez ante a cámara na película Héroes del 95, de Raúl Alfonso (1947). Participa en cintas de éxito como Locura de amor (1948), de Juan de Orduña, Balarrasa (1950), de José Antonio Nieves Conde ou Alba de América (1951), de Juan de Orduña. Nos anos 50 a súa carreira trasládase a México, onde combina aparicións cinematográficas e televisivas e faise popular, ao seu regreso a España entra de cheo na corrente dos spaghetti westerns que se gravan en Almería conseguindo papeis relevantes de malvado en moitos deles grazas ao seu físico e a a súa, toma parte en cintas de percorrido internacional como Django (1966) de Sergio Corbucci. Nesa época grava unha media de quince películas anuais. Na súa última etapa profesional, dedicouse ao teatro, participando en máis de 75 obras, e tamén tomou parte en teleseries de éxito como La Barraca ou Los gozos y las sombras, baseada na obra homónima do ferrolán Torrente Ballester e ambientada en Galicia.. Amplía a nova>>

03/07/2019
O primeiro Atlantic Pride busca colocar A Coruña no mapa das celebracións LGTBQI

A asociación Orgullo Coruña (ORCO) organiza entre os vindeiros días 7 e 14 de xullo a primeira edición de Atlantic Pride, unha semana de eventos lúdicos, culturais e reivindicativos cos que visibilizar a diversidade afectiva-sexual. O evento xurde co obxectivo de ser o referente no noroeste destas reivindicacións e colocar A Coruña no mapa nacional e internacional de cidades que conmemoran o Día Internacional do Orgullo LGTBQI. ORCO ven de presentar o cartel completo de actividades da Atlantic Pride que inclúen moitas propostas musicais, proxeccións audiovisuais, obradoiros infantís e diversos tipos de encontros coa literatura e as artes. Varias prazas e espazos da cidade acollerán os actos previstos, como a Fundación Luís Seoane ou a Casa-Museo Casares Quiroga. Os xardíns de Méndez Núñez acollerán boa parte das celebracións ademáis do fin de festa coa actuación do grupo catalán La Casa Azul. No programa tamén están previstas as actuacións de Dj’s e artistas galegos como Ortiga, o dúo Presumido, Los Jinetes del Trópico ou Os do fondo da Barra, entre outros. . Amplía a nova>>

28/06/2019
Os editores estatais premian a serie Fariña

A serie Fariña, producida pola empresa galega Bambú Producións, acaba de recibir o recoñecemento da Federación de Gremios de Editores de España. A entidade outorgoulle a esta produción o seu Premio Liber 2019 á mellor adaptación audiovisual polo seu traballo de translación do libro Fariña de Nacho Carretero, á pantalla. Segundo destacan os editores "a serie concitou un consenso case unánime sobre a súa calidade como produto televisivo" a ser "a serie máis premiada dos últimos anos". Tamén sinalan que o proxecto "plasma en imaxes de enorme realismo a durísima realidade do narcotráfico dos años 80 e as súas implicacións sociais e políticas". Os premios Liber entréganse no marco da Feira Internacional do Libro de Madrid. . Amplía a nova>>

27/06/2019
Quince guións, curtas e longametraxes reparten as axudas ao talento audiovisual

A Axencia Galega das Industrias Culturais fixo pública a resolución das subvencións para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego. En total son 15 novos proxectos de escrita de guión e de produción de curtas e longametraxes, dous máis que no pasado ano, os que reparten os 150.000 euros con que conta esta liña de axudas, que viu incrementada a súa contía nun 7,5 por cento a respecto de 2018. Dos mesmos, 30.000 euros destínanse á escrita de seis guións de longametraxes cinematográficas en galego, 36.000 euros á realización de seis curtametraxes en versión orixinal galega e 90.000 euros a tres proxectos de longametraxes con dirección novel, segundo explica a Agadic.. Amplía a nova>>

07/06/2019
A sombra da lei de Dani de la Torre obtén un galardón no Celtic Media Festival

A 40 edición do Celtic Media Festival de Aviemore (Escocia) acaba de galardoar o filme A sombra da lei do galego Dani de la Torre co Premio Torc ao mellor filme. Canda a esta produción protagonizada por Luís Tosar participaban no certame o documental Caso Diana Quer: 500 días na categoría Current affairs, o Diario Cultural da Radio Galega, a competir na sección Radio music programme e mais o programa da TVG Historias mínimas no apartado Factual Series. . Amplía a nova>>

04/06/2019
Comeza a rodaxe dunha nova serie coproducida por Galicia e Portugal

A produtora galega Portocabo, en colaboración coa lusa SP-i, comezan esta semana na comarca de vigo a rodaxe de Auga seca. Esta nova serie, un thriller sobre o tráfico de armas, xorde3 dunha coprodución entre Galicia e Portugal. A TVG e a RTP portuguesa emitirán esta produción, que conta cun apoio de 260.000 euros da Axencia Galega das Industrias Culturais. Vitoria Guerra, Monti Castiñeiras e Sergio Pazos encabezan o elenco deste proxecto do que tamén fan parte Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e João Arrais canda a preto de 150 profesionais e 300 figurantes. A rodaxe, que se presentaba onte en Vigo, continuará en vindeiras datas en Lisboa.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org