Novas | 11 a 20 de 3451

<< Anterior Siguiente >>

07/10/2020
Asociacións profesionais da cultura denuncian trato discriminatorio fronte a outros sectores

Oito asociacións profesionais do sector cultural de ámbitos como o audiovisual, a música, a xestión ou as artes escénicas acaban de publicar un manifesto conxunto no que denuncian "un trato discriminatorio con respecto a outros sectores produtivos con máis capacidade de presión" ante a problemática derivada da pandemia de Covid-19. Segundo explican estes colectivos no texto, "a falta de claridade da normativa sanitaria aplicada, xunto coas restricións debidas a novos gromos en zonas localizadas, dificulta enormemente a celebración de eventos nos espazos, traslada á cidadanía unha mensaxe errónea de que a cultura non é segura".. Amplía a nova>>

06/10/2020
O que arde é un dos tres filmes preseleccionados para representar España nos Oscar

A Academia das Artes e das Ciencias Cinematográficas de España daba a coñecer na mañá deste 6 de outubro os tres filmes que preseleccionou para representar o Estado nos Oscar. O que arde, dirixida polo galego Óliver Laxe é unha das seleccionadas para concorrer ao premio ao Mellor Filme Internacional na 93 edición dos celebérrimos galardóns de Hollywood. A produción compite con La trinchera infinita de Aitor Arregi, Jon Garaño, Jose Mari Goenaga e El hoyo de Galder Gaztelu-Urrutia. O vindeiro tres de novembro darase a coñecer cal das tres películas representa finalmente a España nos premios da Academia americana. Despois será este organismo o que selecciona as 5 propostas de todo o mundo entre as que se disputará o recoñecemento.. Amplía a nova>>

06/10/2020
O portal Fiestra achega o audiovisual aos centros de ensino

Co obxectivo de que o audiovisual forme parte da educación como unha ferramenta pedagóxica en educación infantil, primaria e secundaria ven de nacer Fiestra.gal, a plataforma dixital da Academia Galega do Audiovisual que fixo a súa presentación formal no marco do pasado OUFF. Este recurso que xa está en liña pon a disposición dos centros de ensino un catálogo de curtametraxes galegas seleccionadas especialmente polo seus valores educativos e de calidade artística. Cada unha das obras vai acompañada dunha serie de recursos didácticos cos que poder traballar nas aulas. O catálogo de obras de Fiestra, que actualmente conta con 10 pezas, foi seleccionado polo equipo de programación e asesoramento pedagóxico formado por Marcos Nine Bua, Jorge Rivero e Álvaro Dosil. Fiestra é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual que conta co patrocinio da Deputación de Ourense e a colaboración do grupo de investigación Terceira Xeración da Universidade de Santiago de Compostela.. Amplía a nova>>

06/10/2020
Ficción Producciones levará a Amazon Prime Video a biografía de Amancio Ortega

A plataforma Amazon Prime Video engadirá á súa oferta unha serie de oito capítulos sobre a traxectoria vital de Amancio Ortega, propietario de Inditex. A empresa galega Ficción Producciones, que xa traballara para a división audiovisual de Amazon coa serie 3 camiños será a responsable do proxecto, que se baseará na biografía Así es Amancio Ortega. El hombre que creó Zara de Covadonga O'Shea.. Amplía a nova>>

05/10/2020
O filme francés 'Deux' faise co premio á mellor película do OUFF

A 25ª edición do Festival Internacional de Cine de Ourense OUFF finalizou esta fin de semana deixando un palmarés repartido entre varias producións de todas as temáticas e orixes. O permnio calpurina á mellor película da sección oficial foi para a película francesa Deux, ópera prima de Filippo Meneghetti, que tamén conseguiu para unha das súas protagonistas, Barbara Sukowa, o premio á mellor interpretación (galardón que non discrimina as actuacións por xénero do intérprete). Dos outros sete premios que se reparten neste certame tres foron para a película documental Cartas mojadas, de Paula Palacios e producida por Isabel Coixet. A cinta incide na situación migracional irregular nas augas do Mediterraneo acompañando en parte da metraxe unha misión do buque Open Arms. O filme acadou unha mención especial do xurado da sección oficial, o Premio do Público e o Premio Cimá á mellor Cineasta para Paula Palacios. Na sección que recoñece a calidade das produción galegas a película de Paula Cons, La isla de las mentiras, acadou or Premio Xacobeo, coincidindo coa súa chegada ás salas de cine galegas esta mesma fin de semana. . Amplía a nova>>

02/10/2020
O Náutico de San Vicente recibe o premio de xestión cultural 'Rodolfo Prada'

O Náutico de San Vicente consegue chegar tamén terra adentro cos ecos da súa actividade musical e recibe o Premio "Rodolfo Prada" á xestión cultural 2020 da Deputación de Ourense "polo seu traballo a prol da difusión cultural e musical coa organización de actividades e concertos ao longo de todo o ano". O xurado tamén premiou a Ernesto Romero, responsable de Novocine de Leiro, unha sala que desde unha pequena vila mantivo un alto nivel de acción difusora e innovadora do audiovisual cinematográfico "polo valor que supón para o rural manter unha actividade cultural como a que desenvolve". O premio para persoas voluntarias ou colectivos afeccionados foi para a Asociación Cultural Platea Lúa, "pola creatividade e o labor que desenvolve nas súas visitas turísticas guiadas teatralizadas" que posibilitan recorrer a cidade de Ourense e outros espazos da man de figuras da Xeración Nós ou con outros motivos e guións históricos. O xurado salientou a elevada calidade dos candidatos presentados ao certame, que reparte un total de 6.000 euros en premios. Os galardóns, instaurados pola Deputación de Ourense para destacar a figura deste intelectual ourensán, serán entregados o 7 de outubro no mosteiro de Santo Estevo, no marco da VI Ourense ICC Week. . Amplía a nova>>

01/10/2020
'La isla de las mentiras' chega ás salas de cine este venres

A película de Paula Cons La isla de las mentiras chegará este venres ás salas de cine de Galicia tras pasar por festivais coma o de San Sebastián, o Festival Internacional de Cine de Shanghái, o festival de Cans ou o Festival Internacional de Cine de Ourense OUFF, no que arestora participa en sección oficial. A Sala NUMAX de Santiago acolle unha proxección de preestrea do filme coa presentación da súa directora, que ao remate da proxección compartirá un coloquio co público. O filme poderá verse en cines de Ferrol, Santiago, Pontevedra, Vigo, Caldas, Ribeira, Carballo, Lugo e Vilagarcía. Protagonizado por Nerea Barros, Dario Grandinetti e Aitor Luna, o filme está inspirado no naufraxio do buque Santa Isabel fronte a illa de Sálvora en 1921 e homenaxea as mulleres que salvaron a vida de 48 persoas. La isla de las mentirasé unha coprodución entre a produtora galega Agallas Films, a vasca Historias del Tío Luis, a arxentina Aleph Cine e a portuguesa Take 2000. A película estrouse en España directamente na plataforma dixital Filmin o 24 de xullo, na que está dispoñible. . Amplía a nova>>

01/10/2020
A sala Numax recibe o premio Xela Arias polo seu apoio ao galego

O traballo da sala compostelá de cinema Numax a prol da lingua galega no audiovisual valeulle facerse co III Premio Xela Arias. A Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación acordou outorgalle o seu premio anual a esta iniciativa a valorar que na súa programación "inclúense filmes en versión orixinal con subtítulos en galego que a propia empresa encomenda a profesionais da tradución". A Asociación destaca a importancia deste traballo "dada a falta de apoio por parte das institucións públicas á tradución cara ao galego de produtos cinematográficos noutros idiomas (tan necesarios para a normalización da nosa lingua) e a imposibilidade do público para asistir a filmes dobrados ou subtitulados en galego". Ademais, segundo destaca, "NUMAX respecta as profesionais dando visibilidade ás tradutoras e tradutores e facendo que o seu nome figure sempre nos créditos dos filmes".. Amplía a nova>>

30/09/2020
Amplíase o corpus de investigación audiovisual cos ensaios galardoados nos Premios María Luz Morales

A Academia Galega do Audiovisual entregou onte os premios María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual, comunicando o fallo do xurado nun acto con xeito de gala no salón de actos da Deputación de Pontevedra, incluíndo unha actuación musical e co humorista David Amor como condutor do acto no que tamén participaron represetnantes das deputacións de Pontevedra, Lugo e Coruña así coma Ana Míguez, Presidenta da Academia Galega do Audiovisual . Alba Gallego, Ester García Mera, Iván Villarmea e José Manuel López son os gañadores da cuarta edición dos premios de ensaio e videoensaio sobre o audiovisual. Nesta edición seguiu medrando a participación respecto das edicións anteriores. Os catro traballos galardoados este ano súmanse aos dezanove traballos recoñecidos, incluíndo gañadores e áccesits, nas anteriores edicións, conformando un corpus de investigación en galego sobre o audiovisual moi valorado pola comunidade investigadora. Todos os traballos gañadores están xa dispoñibles na rede e na web da Academia Galega do Audiovisual.. Amplía a nova>>

25/09/2020
Recuperan a cor do documental Pontevedra, cuna de Colón

O 2 de maio de 1927 estreouse en Pontevedra o documental Pontevedra, cuna de Colón co que Enrique Barreiro seguía as famosas teses de Celso García de La Riega, que aínda contan con seguidores a día de hoxe, reivindicando a orixe galega de Colón. Pero o acontecemento foi excepcional por un motivo: foi a primeira película rodada en cor en España. O fotógrafo e cineasta Enrique Barreiro desenvolvera dous anos antes un método experimental para a filmación en cor, o Cromacolor, que empregou para este filme. Agora, a Filmoteca Nacional rematou o laborioso proceso de restauración cromática que permitirá ver o filme de novo coa súa cor orixinal. Para iso, os técnicos da Filmoteca Nacional tiveron que investigar a tecnoloxía e a óptica existentes na época e restituir a cor a 20.000 dos 30.000 fotogramas que forman o filme. O documental a cor poderase ver no Cine Doré (Madrid) o 1 de outubro, así como na canle de Vimeo da Filmoteca Española. O 27 de outubro proxectarase no CGAI. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org