» banda deseñada »  autores
neveira.jpgConstantino Regueira Peña
A Coruña  1967  A Coruña  2012
Tino Regueira
Investigación

No eido do cómic fixo case de todo, desde labores editoriais, crítica e guión, ata mesmo venda ao público, pois de novo atendeu no antigo quiosco da rúa Rego de Auga -cando na Coruña non había librarías especializadas- e anos máis tarde, no Baúl de los Recuerdos. Porén fundamentalmente Regueira foi un experto investigador.

Destacou de mozo na súa cidade natal, realizando o fanzine Continuará a finais dos oitenta. Daquela asinaba como Tino Reguera. Axiña marcharía para Cataluña, onde desenvolveu diversos proxectos relacionados coa BD. En palabras do editor Joan Navarro, Regueira foi a "alma e motor" da revista Krazy Comics, que marcou un antes e un despois na información e crítica do cómic a nivel estatal. Unha das teimas compartidas con Navarro foron os anuarios, e o coruñés participou no Anuario 1989 de Krazy Comics e coordinou tanto o Catàleg d´Autors 1991 e El Tebeo del Saló (ambos do Saló de Barcelona) como Un año de tebeos. 1993 (Glénat). Este último foi o primeiro, e ata a data único, anuario da BD española editado e distribuído profesionalmente.

Regueira traballou como grafista en Glénat España e colaborou en Radio Ciutat Barcelona, e tamén colleitou experiencia como tradutor trasladando ao castelán obras como Sambre I: Ya nada me importa (Glénat España, 1993). Tal como indica Jesús Cuadrado no seu Atlas español de la cultura popular traballos seus viron a luz en cabeceiras como Phoenix 89, Blade Runner Magazine, De la Historieta, El Maquinista, El Wendigo, Imágenes ou Viñetas, entre outras.

Como investigador probablemente o seu título fundamental é a descatalogada Guía visual de la editorial Bruguera. (1940-1986) que editou Glénat en 2005. Na altura xa estaba de volta na Coruña, onde viviría ata o seu prematuro falecemento.

Na súa postreira etapa estaba a traballar nunha ambiciosa historia da BD que quedou inconclusa. Co seu pasamento ficou tamén inédito un traballo sobre o autor estadounidense Richard Corben, a guía visual Jean-Claude Forest: Barbarella y el guiñol simbólico ademais de dous álbumes de BD guionizados por el da serie Browning, que viran parcialmente a luz na revista Creepy.

Browning merece mención á parte na súa faceta de escritor para a novena arte. En palabras a Culturagalega.org, Regueira declarou que "estuve prendado por el fantasma del cineasta hasta que saqué el libro fuera de mí". Esta biografía apócrifa data de 1991 e catro capítulos da mesma saíron na segunda época da revista Totem editada por Toutain.

O debuxante de Browning foi Manolo López, aínda que os grises os realizaba o padriño da iniciativa, Fernando de Felipe. Regueira escribía os guións, facía os storyboards e acometía tamén grises e correccións. Os diálogos dos dous primeiros episodios foron supervisados por Vane, guionista colaborador de De Felipe a primeiros dos noventa. Browning aínda non foi compilado como álbum.


publicacións
Fanzine
Continuará
Editor, Crítico,


Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org