Colaboradores
  Búmerang
Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Léns
6/30 Suso Fandiño
Suso Fandiño (Santiago de Compostela, 1971) persiste na paisaxe da arte actual galega desde unha posición de plena experimentación, partícipe como activador dunha vertente de obras que reflexionan sobre a historia desde unha intención apropiacionista, pero sobre todo irónica e lúdica. Estivo presente nos últimos anos en certames de novos artistas, en colectivas de tese (Indisciplinados, Bienal de Arte de Pontevedra, etc.) e gozou de mostras individuais no Centro Torrente Ballester e na galería Ad hoc, coa que traballa habitualmente e coa que participa en feiras como Art Lisboa, Arco ou Loop’04. Na actualidade traballa en dúas exposicións individuais que terá nos próximos meses nas galerías Pedro Oliveira de Porto e T20 de Murcia, e está seleccionado no importante “Salon Europeo de Jovenes Creadores” que se inaugura estes días en París e que viaxará por diversas cidades europeas.
suso_fandino.jpg
preme na imaxe para ampliala

Búmeran é participación. un diálogo coas novas voces das artes plásticas e visuais contemporáneas; un proceso aberto con 30 autores de plena actuación creativa.


anteriores búmerang
30/30 Diego Santomé
29/30 Chiu Longina
28/30 Almudena Fernández
27/30 Vicente Blanco
26/30 Álvaro Negro
25/30 Pablo Orza
24/30 Victoria Diehl
23/30 Berio Molina
22/30 Salvador Cidrás
21/30 Isaac Cordal
20/30 Irene González
19/30 Patricia Dopico
18/30 Pablo Pérez Sanmartín
17/30 Iván Prieto
16/30 Amaya González
15/30 Rubén Santiago
14/30 Arturo Fuentes
13/30 Jorge Perianes
12/30 Maribel Castro
11/30 Fran Herbello
10/30 Santi Jiménez
9/30 Jano
8/30 Rubén Ramos Balsa
7/30 Félix Fernández
6/30 Suso Fandiño
5/30 Antón Cabaleiro
4/30 Mónica Alonso
3/30 Antía Moure
2/30 Carlos Maciá
1/30 Carme Nogueira

Búmerang1. Analizamos mellor a túa obra como parte dun proxecto contaminado, irónico. ¿Cales son os referentes ou claves do teu traballo?

Utilizo a ironía como recurso, en moitas das miñas (pro)posicións, non como un fin senón como un medio lingüístico de achegamento ó contido. Creo que non deberiamos quedarnos na anécdota inicial de como se articula a formulación inicial co espectador en relación ó irónico. Estou interesado en utilizar un tipo de linguaxe directa e pública, por iso, o emprego do sarcasmo ou da ironía como medios de achegamento permítenme abrir un contido ó espectador, cunha posición sobre o contido non “viciada” na literalidade dunha formulación pechada. É un recurso e ás veces un pretexto. En todo caso non hai unha intencionalidade meramente humorística. Os referentes temáticos que utilizo lévanme xeralmente a deambular máis cara ó esperpento que cara ó cómico; intento que esta liña de fronteira sexa borrosa. O sorriso do pallaso é permanente mentres dura o espectáculo, pero está sobredibuxado sobre un rostro humano, esta máis achegada ó aceno que ó sorriso.

Búmerang2. Todo o teu traballo diversifícase entre diversos medios, nunha coherente evolución. ¿Cal pensas que é o lugar do soporte no traballo dun artista?

O tipo de soporte na miña produción pasou por un proceso evolutivo desde o seu emprego aséptico, como medio ou ferramenta ata o momento actual onde xoga un papel temático dentro da obra como dispositivo de significación. Móvome entre as novas tecnoloxías e os soportes históricos, non creo que ambos sexan excluíntes senón máis ou menos apropiados segundo as necesidades de tradución que cada (pro)posición necesite. Intento fuxir da devoción gratuíta ó soporte como fin e non como dispositivo que nos permite a interpretación dun contido.

Búmerang3. Obras que gardan unha atrevida revisión da historia pouco vista en Galicia. ¿Como identificas esta opción apropiacionista?

Cada vez afástome máis do discurso literalmente apropiacionista, aínda o definiría como revisionista ou, no meu caso particular, simplemente transfiguracionista. De calquera xeito, a estratexia que emprego como vínculo co espectador intenta suxerirlle fracturas nos significados iniciais da súa expectación: deste xeito a utilización dunha iconografía facilmente recoñecible é indispensable para establecer o contido. Para iso os xogos desde a transfiguración dos contidos afectan ó continente, neste caso a cita directa ou a apropiación literal. Por outra parte, nos meus últimos traballos o elemento citacionista en relación directa á recente historia da arte diluíuse case por completo, buscando modelos menos directos e próximos no tempo, así como relacións co espectador máis democráticas.

Búmerang4. Insisto na eterna pregunta: ¿consideras correcta a promoción dos artistas máis novos en Galicia? ¿cales serían as solucións ou os matices?

Esta pregunta lévanos irremediablemente a formularnos que tipo de modelo cultural nos interesa. Desde o meu punto de vista, existe una evidente falta de optimización tanto de recursos humanos como materiais. Tanto a industria cultural como as institucións foron incapaces de asumir este novo escenario de convivencia mutua. En principio a idea do amparo institucional alleo á industria cultural paréceme altamente inoperante e sobre todo artificial. Non creo no subsidio social senón na colaboración entre ambos ámbitos e entendo a promoción de capital humano no mesmo sentido. Centrándonos en Galicia e en relación ó noso contorno próximo, entendo que máis que subsidiar ó autor, deberíanse seguir modelos que demostraron ser máis eficaces á hora de exportar o seu potencial humano facilitando a formación, os recursos meramente técnicos ou a posibilidade de exportación.

Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer.

Creo que a idea de proxecto artístico está hiperatrofiada na actualidade. A necesidade de autocomplacerse e xustificarse adquiridos por determinados modelos de xestión cultural levou a idea de proxecto artístico ata a caricatura. A idea de proxecto desde o meu punto de vista, axuntar posibilidades con probabilidades e obviar o contorno xeral dese debate en relación á proxección artística e á súa proxección social (exhibición e distribución), denota a falta de solidez do discurso proxectual por parte dos autores ou no seu defecto a complicidade co ámbito de acontecemento. Estou máis interesado en entender o proxecto de supino proiicêre, transmitindo un concepto máis achegado a termos como lanzar ou lanzamento, que derivan do proxectual ó proxectil e en converter a posibilidade en probabilidade de produción.

Ligazóns:
Suso Fandiño na galería Ad hoc
Crítica sobre a súa obra
Suso Fandiño na colección Caixa Galicia
Apropiacionismo
Sherrie Levine
Fundación Andy Warhol
Loop 04





Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org