Colaboradores
  Búmerang
Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Léns
19/30 Patricia Dopico
Os traballos de Patricia Dopico (Fene, 1977) remiten a unha obra en proceso, unha poética do tránsito. A súa traxectoria vén representada pola selección e premios en certames como o Novos Valores 2002, o Auditorio de Galicia, o Premio de Artes Plásticas da Deputación de Ourense ou a Bienal de Vilanova da Cerveira, mentres sobresae a súa presenza en mostras individuais no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol (Miradas Virxes), e produtos expositivos de tese como “Figuracións desde Galicia”, “Plugged-unplugged”, “Miradas cómplices”, “No lugar do corpo” e “Unha película de pel VII”. Vén de regresar de Londres, onde gozou dunha bolsa no prestixioso Goldsmiths College, participando na mostra “Current” na Nolia Gallery.
patricia_dopico.jpg
preme na imaxe para ampliala

Búmeran é participación. un diálogo coas novas voces das artes plásticas e visuais contemporáneas; un proceso aberto con 30 autores de plena actuación creativa.


anteriores búmerang
30/30 Diego Santomé
29/30 Chiu Longina
28/30 Almudena Fernández
27/30 Vicente Blanco
26/30 Álvaro Negro
25/30 Pablo Orza
24/30 Victoria Diehl
23/30 Berio Molina
22/30 Salvador Cidrás
21/30 Isaac Cordal
20/30 Irene González
19/30 Patricia Dopico
18/30 Pablo Pérez Sanmartín
17/30 Iván Prieto
16/30 Amaya González
15/30 Rubén Santiago
14/30 Arturo Fuentes
13/30 Jorge Perianes
12/30 Maribel Castro
11/30 Fran Herbello
10/30 Santi Jiménez
9/30 Jano
8/30 Rubén Ramos Balsa
7/30 Félix Fernández
6/30 Suso Fandiño
5/30 Antón Cabaleiro
4/30 Mónica Alonso
3/30 Antía Moure
2/30 Carlos Maciá
1/30 Carme Nogueira

Búmerang1 Sempre identificamos o teu traballo nunha lectura do corpo, da súa relación co experimento, co descubrimento/identificación. ¿Cales pensas que son as notas ou fíos que poden agrupar o teu traballo nestes anos?

Máis que corpo, individuo en xeral. Cando eu utilizo a palabra corpo, como fago na miña tese doutoral, non me refiro soamente ó carnal, como se adoita pensar, senón ó individuo como conxunto, como corpo composto de materia pero tamén, e sobre todo, de todo aquilo que non é materia ou carne en si mesmo, como os pensamentos ou os sentimentos e as conexións invisibles que debuxa o contacto e a relación cos demais. Nese punto está moi presente a tecnoloxía e como está influenciada polo individuo.

No meu traballo está moi presente a relación que existe no día a día entre o individuo e as novas tecnoloxías nas actividades máis cotiás, tanto ó saberse a sí mesmo cada mañá que se ergue da cama, como relacionarse cos demais ó longo dese día. Eu entendo isto como un proceso aberto, en constante movemento, en cambio, de aí que moitas das miñas obras sexan abertas ou en lugar dun final teñan un loop.

Supoño que o meu traballo ten como base intentar entender e polo tanto analizar algo que eu vivo todos os días e, como non o entendo de todo, nunca pode estar completamente pechado. Creo que a miña obra está relacionada co in-between, co que está no medio e non é nada completamente, co proceso, con algo que está en continuo cambio, con algo que se constrúe e se destrúe sen parar.

Búmerang2 ¿Cal pensas que é o lugar do tecnolóxico, do soporte, no proceso da obra de arte?

Supoño que por tecnolóxico te refires ó relacionado coas novas tecnoloxías. É que moitas veces falamos de tecnoloxía como se as máquinas fosen un invento da nosa época e apareceran de súpeto na face da terra. Ás veces a xente fala mal de tecnoloxía (sobre todo cando se refire á arte) porque pensa no ordenador, nos novos medios en xeral, como algo daniño, pero esquece que outros elementos utilizados con anterioridade e que non son postos en dúbida tamén eran tecnoloxía. Non sei, ocórreseme por exemplo os aparellos ópticos usados por Vermeer, por non falar das máquinas fotográficas dos impresionistas.

Eu entendo o tecnolóxico dentro da obra de arte fundamentalmente en dous sentidos: por un lado como concepto, e polo outro como “materia”, se é que se pode chamar así.

En primeiro lugar, creo que actualmente é imposible que o tecnolóxico non estea detrás do concepto, posto que, queirámolo ou non, vivimos na era electrónica ou dixital. É complicadísimo pensar en algo que fagamos no que non estean involucradas as novas tecnoloxías. Se están dentro de cousas que usamos todos os días, como o ordenador ou o frigorífico, ¿como non as imos usar para a arte? Sería ridículo pensar que a arte ten que estar á marxe. Practicamente todo na actualidade é tecnolóxico ou depende do tecnolóxico e os artistas viven nese mundo e pensan sobre el. Como na vida cotiá, cada artista usa a tecnoloxía na medida en que a necesita, ben para falar dela, ben como soporte ou como ambas as dúas. Creo que, como con calquera cousa, cada un ten que tomar a decisión de usalo ou non usalo dependendo das súas inquedanzas e necesidades, de forma coherente, nunca gratuíta.

De todos os xeitos, supoño que a controversia respecto ó carácter tecnolóxico ou non tecnolóxico da arte rematará algún día. Creo que na actualidade está alimentada principalmente por unhas xeracións que vivimos o cambio do analóxico ó dixital e que non sempre acabamos de asumir a nova realidade que nos rodea, completamente asumida polas novas xeracións, que nin sequera ven a necesidade de formularse os posibles problemas do uso das novas tecnoloxías.

Búmerang3 ¿Con que nomes ou narracións te identificas para contextualizar ou relatar o teu traballo?

A verdade é que non o sei. Son máis de quedarme con determinadas obras que me gustan que de seguir traxectorias enteiras de artistas, a excepción dalgúns clásicos como Bruce Nauman, Bill Viola ou Dan Graham. En España gústanme moitas obras de Daniel Canogar, pero iso non quere dicir que o meu traballo estea relacionado cos seus. Ou quizais si podería estar nun sentido: creo que todos eles involucran ó espectador dunha maneira moi sutil, e a min gústame iso tamén. A maioría dos traballos que coñece a xente son os meus vídeos, pero teño instalacións anteriores, por exemplo, que traballaban moito máis con esa participación do espectador. Aínda así, gústame pensar niso incluso nos vídeos, de aí os tempos ou algúns finais. Por exemplo, o outro día alguén díxome que un dos meus vídeos era un pouco lento, pero esa era tamén a miña intención, porque intentaba, dalgún xeito, de desesperar ó espectador. Evidentemente corro o risco de desesperalo ata o punto de que se vaia antes de que remate e que odie a peza, pero iso tamén forma parte dela. Por outro lado hai outros nos que o tempo vén marcado por unha acción concreta e, aínda que podería modificar a velocidade, gústame xogar coa pausa e co tempo de espera, pois á xente gústalle ver a resolución. Iso é parte do in-between do que falaba antes.

Búmerang4 Vés de gozar dunha bolsa do recoñecido Goldsmiths College de Londres ¿Como observas a promoción de novos autores en Galicia, a todos os niveis e plataformas? ¿Considéraste parte ou integrante dunha xeración/tendencia de artistas galegos?

Sí, acabo de chegar de pasar un ano en Londres cunha bolsa Barrié de la Maza, que alí a nivel de arte é máis potente que a Saint Martins, ainda que aquí o coñecemos menos. Agora ademais acaban de inaugurar un novo edificio para Visual Arts, que no final show funcionaba case como se entrases nun novo centro de arte contemporánea. Creo que eles son moi bos en mercadotecnia, pero tamén conseguen máis patrocinadores porque a cultura é diferente á de aquí. Alí por exemplo ves como a xente leva ós nenos ós museos dun xeito que aquí non pasa. Tamén é verdade que ás veces o achegan moito ó entertaiment e Tracey Emin aparece nos xornais como unha celebrity máis. Eles respáldanse no sentimento británico para promocionar ós seus autores, e cometemos o erro de pensar que o de fóra sempre é mellor que o de aquí. Ás veces o é, pero non sempre.

En canto a Galicia, creo que nos últimos anos hai unha serie de galerías, pero sobre todo certames que deixan ver o traballo da xente nova. A Facultade de Belas Artes tamén ten moito que ver niso, pero o problema é que moi poucos acaban saíndo de Galicia. Non me refiro a vivir, senón a mostrar o seu traballo fóra dun xeito relativamente constante. Supoño que os motivos son diversos e hai moitos factores que afectan; sería moi longa a análise.

Por último, non, non me considero integrante dunha xeración, aínda que si é verdade que vivín unha especie de “transición”. Refírome a que agora é común e entra dentro da normalidade ver vídeos case en calquera exposición que se fai en Galicia ou que mesmo nas bases dos concursos se fai referencia a eles. Sen embargo, o primeiro vídeo que me premiaron foi enviado a un concurso de xeito case arriscado porque nas súas bases non se falaba nada de admitir obra audiovisual e naquel momento non se premiaban e case non se vían nas exposicións, sobre todo nas de xente nova. Parece que falo de hai moitísimo tempo, pero isto foi só hai tres ou catro anos. Agora xa non nos lembramos diso e ás veces estamos saturados de tanto audiovisual.

Búmerang5 Pensa nun proxecto que quixeras facer
Gustaríame facer mil cousas. Despois de ano e pico no que estiven máis centrada en finalizar cousas teóricas como a tese e un master en Londres, e de case unha seca en canto a produción e un bache de inseguridades tremendas, agora teño varios proxectos en mente. Algúns deles, como sempre, non se chegarán a facer por falta de presuposto, e outros espero que vaian adiante. Unha das últimas cousas que fixen (e no que aínda estou metida) foi un proxecto sobre o proceso, sobre as ideas e os corpos en movemento, sobre como é o meu proceso de pensar e facer unha peza. Agora gustaríame facer un proxecto sobre os proxectos que non chego a facer, sobre aqueles que penso, que debuxo,… pero que nunca chegan a materializarse, que quedan na intimidade do caderno que sempre vai comigo. Quizais só teño que pensar no modo de desvelalos, de mostralos, pero aínda non sei exactamente como me gustaría facelo. Tamén estou involucrada en novos proxectos de traballo, así que a ver se dispoño de tempo…

Ligazóns:
CGAC

Premio Auditorio de Galicia

Mostra “Figuracións desde Galicia”

Mostra “Plugged-unplugged”

Mostra “Miradas cómplices”

Mostra “Unha película de pel VII”

Bienal de Vilanova da Cerveira

Goldsmiths College London


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org