Colaboradores
  Búmerang
Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Léns
29/30 Chiu Longina
A vontade interdisciplinar é unha das mellores pautas de seguimento do traballo de Chiu Longina. A súa actividade céntrase nos capítulos que deseñan os proxectos e as iniciativas en proceso. Sobresae a súa tarefa de dinamizador de proxectos como IFI, Sinsalaudio ou Alg-a, entre outros, referencias na súa idea experimental desde a rede e a creación sonora. Presente na mostra Urbanistas do MARCO, a súa traxectoria vén reseñada na participación en colectivas como “Lost in sound”, “Emerxentes” ou “Malas Artes”, e a importante “non o chames performance” no Reina Sofía de Madrid, ademais de iniciativas noutras cidades, como o Observatori de Valencia e o Festival Zemos de Sevilla. Un autor referencial na investigación da arte multimedia, desde a teoría e a presentación de novas canles.
chiu_longina.jpg
preme na imaxe para ampliala

Búmeran é participación. un diálogo coas novas voces das artes plásticas e visuais contemporáneas; un proceso aberto con 30 autores de plena actuación creativa.


anteriores búmerang
30/30 Diego Santomé
29/30 Chiu Longina
28/30 Almudena Fernández
27/30 Vicente Blanco
26/30 Álvaro Negro
25/30 Pablo Orza
24/30 Victoria Diehl
23/30 Berio Molina
22/30 Salvador Cidrás
21/30 Isaac Cordal
20/30 Irene González
19/30 Patricia Dopico
18/30 Pablo Pérez Sanmartín
17/30 Iván Prieto
16/30 Amaya González
15/30 Rubén Santiago
14/30 Arturo Fuentes
13/30 Jorge Perianes
12/30 Maribel Castro
11/30 Fran Herbello
10/30 Santi Jiménez
9/30 Jano
8/30 Rubén Ramos Balsa
7/30 Félix Fernández
6/30 Suso Fandiño
5/30 Antón Cabaleiro
4/30 Mónica Alonso
3/30 Antía Moure
2/30 Carlos Maciá
1/30 Carme Nogueira

Búmerang1. ¿Qué lugar pensas que ocupa na actualidade a arte sonora no panorama galego? ¿e no peninsular?

Ata fai ben pouco era necesario poñerse unha etiqueta deste tipo: a de “Artista Sonoro”, sobre todo pola necesidade que había de difundir e promocionar esta disciplina historicamente deostada. Pero hoxe penso que xa non ten demasiado sentido falar de Artista Sonoro do mesmo xeito que non é necesario falar de “Escultor de pedra”, “Pintor ao óleo” ou “Fotógrafo dixital”. Categorizar é unha necesidade humana, iso é evidente, pero nos últimos anos as técnicas de produción de obra artística romperon todas aquelas fronteiras e agora existe unha nova xeración educada no audiovisual que utiliza o son de forma natural.

Pero ao marxe destas opinións teóricas, a Arte Sonora en Galicia goza de saúde e ten como principal referente a escena portuguesa. Fai un ano escribín un pequeno artigo para o catálogo do Festival Zemos de Sevilla, alí facía un pequeno percorrido pola paisaxe sonora portuguesa (pódese ver aquí: http://longina.com/pdf/portugal_scene.pdf), e fai xa varios anos escribín outros dous artigos, un para A Nosa Terra sobre o estado da cuestión na Galiza dos 90 (pódese ver aquí: http://longina.com/pdf/portugal_scene.pdf), e outro para a revista barcelonesa Suite (aquí: http://longina.com/pdf/revistasuiteejeatlantico.pdf), daquelas non estaba definida aínda a fronteira entre as propostas de música electrónica e o campo das artes plásticas. Tamén lembro un artigo sobre cultura Netaudio para o día das letras galegas do 2004, en galicia Hoxe (aquí: http://longina.com/pdf/netlabels_galego.pdf). A verdade é que sempre foi un tema de interese para min, sen dúbida, dar conta deste novo xeito de crear.

Tres dos grandes eventos (dende o institucional) que sensibilizaron sobre a Arte Sonora foron firmados por Manuel Olveira, que agora está de novo con nós. Un deles foi a sensacional exposición "Poética electrónica. Panorama das músicas electroacústicas 1950/1995" na que había unha conexión directa co GRM francés (unha das catedrais da Arte Sonora europea), outra a exposición viguesa "NOVOS CAMIÑOS: ameazas e promesas da arte electrónica" e a terceira o polémico “Lost In Sound”, no CGAC. Daquelas daba a impresión dunha sintonización galega coa sensibilidade internacional sobre esa disciplina, (para outono o MARCO organiza unha exposición, clásica, pero moi interesante sobre a Arte Sonora. Benvida)

A península ibérica e latinoamérica caracterizáronse historicamente por unha acusada invertebración social e xeográfica. Posiblemente a orografía, o clima e outros elementos relacionados coa historia particular destes lugares contribuíron a esa desvertebración cuxas consecuencias foron, principalmente, a ausencia de importantes frontes de investigación no campo do audio-visual e, máis concretamente, no do fenómeno sonoro. Para poñer un exemplo histórico, no Século XVIII o foco da creatividade musical (do sonoro) desprázase cara ao eixo Rhin-Danubio. Os músicos concéntranse en Viena, na conca do Danubio e no imperio Autrohúngaro e poetas, pensadores e filósofos concéntranse no Rhin e en Prusia ou nos restos do Sacro Imperio Románo-Xermánico. No XIX as forzas intelectuais desprázanse a Alemania, Gran Bretaña e EEUU. No XX é Francia, con EEUU, principalmente, os que lideran os grandes achados en materia sonora. En España e Latinoamérica houbo unha boa colección de grandes vontades e talentos, en moitos casos illados por ese determinismo xeográfico e social, que axudaron ao avance da humanidade, pero estas forzas illadas non lograron a sensibilización necesaria para recibir o apio imprescindible do poder. Agora as cousas cambiaron e Barcelona, por exemplo, xa é outra das catedrais da Arte Sonoro mundial. Pero no só é Barcelona, tamén hai grandes forzas na periferia que xeran Cultura Sonora, ese é o caso do Cluster Sonoro artesonoro.org que lanzamos agora ou mediateletipos.net, outro proxecto no que traballo ao que Ars Electronica (Austria) solicitou información para participar nos Golden Nica.

Búmerang2. Comprendemos sempre os teus traballos nunha sensación de proxecto continuo, de liñas de investigación, no que penetran diversas disciplinas; o exemplo de “Perfect-Byte”.

Efectivamente, o meu traballo non termina de materializarse, responde a algúns valores e principios que considero fundamentais á hora de traballar. Un deles e o concepto de tempo real, moi próximo á esencia do son. Sobre este concepto de “tempo” como percepción subxetal da “dialéctica constitutiva do existir humano que é a vivencia e a palpación do mesmo transcorrer da existencia que é esencialmente transcorrer”, (desculpa que faga unha cita deste tipo, neste caso de Luis Cencillo), é sobre o que baseo o meu traballo. Para min a vida como artista está sendo, e sendo faise o que vai sendo. O son camiña paralelo ao transcorrer da vida, é a súa banda sonora e cando se rexistra (mediante unha gravación, por exemplo) teño a estraña sensación de que algo se conxela, que estou producindo un residuo do tempo. Ese é o motivo polo que cada vez que recibo unha proposta para colaborar nalgún proxecto o que fago automaticamente é contar o que me está pasando nese momento. Como levo varios anos investigando arredor desa gran nebulosa de significado que representa o son (como artista e como antropólogo), tratando de vislumbrar algunha luz ao final do túnel do tempo, que si o son é significante ou significado, o que fago é mostrar no museo o estado desa investigación.

No caso do “Perfect-Byte” tratábase dunha critica ao virtuosismo que necesitaba publicar e conxelar, sobre todo porque nese momento chegaba ao final dunha etapa que, por sorte, sintonizaba con outros proxectos de contido crítico internacionais no eido do son. O paradigma xa non cambia senón que é dinámico, non se pode parar, pero coa asimilación no imaxinario común do ordenador como instrumento musical xa non ten sentido render pleitesía á tecnoloxía do xeito que se fixo nos últimos anos. Só hai dous tipos de música: a boa e a mala, e baixo o paraugas do algoritmo escondéronse grandes bluff-es. Iso é o que crítico na miña obra, soterrando os máis importantes contornos de programación, facendo un funeral por eles.

Búmerang3. Gustaríame que nos falases da importancia de iniciativas como IFI, Alg-a ou Sinsalaudio, entre outras, nas que participaches/participas.

Dos tres proxectos fun co-fundador e membro activo, e sigo sendo hoxe. Os tres colectivos teñen en común varios aspectos. Por exemplo, os tres parten da periferia e están afastados dos centros máis dinámicos de produción. Isto supón un esforzo considerable porque dalgún xeito teñen que loitar coa produción doutros lugares nos que existe unha sensibilidade por parte do poder político e da sociedade en xeral. O que quero dicir é que aquí necesitamos facer un dobre esforzo: por unha banda encher de contido ese proxecto, formarnos e formar os usuarios, e por outra tratar de crear unha nova necesidade na sociedade que faga soar a alarma dos xestores da cultura local. Temos que facer o que facemos e explicar porque o facemos para lograr o apoio (noutros lugares este apoio do diñeiro público, que é de todos, xa forma parte das prioridades dos xestores culturais).

Outro aspecto que teñen en común os tres é que teñen como principal obxectivo crear cultura, e estano conseguindo, sen dúbida, unha cultura rica e moi próxima ás necesidades dunha xeración de persoas: a nosa xeración. Un aspecto máis en común é que fan todo este traballo con ferramentas de produción propias (ou do pro-común), este é quizais o elemento máis importante porque esta autoxestión evita a fogocitosis tan típica doutros tempos.

Pero ao marxe de todos estes aspectos que comento, temos a necesidade de participar na sociedade con todos os elementos que ten, refírome ao apoio institucional de diñeiro público, tamén noso, de toda a nosa xeración. Gustaríanos sentir a sintonía do noso traballo coa vida social en tódalas súas dimensións (a política, a económica, etc.). Para poñerte un exemplo, en SINSALaudio levamos poñendo cartos do peto dende o ano 1999, pero tamén fomos capaces de programar más de 400 concertos ou eventos culturais (como foi o caso das xornadas Copyleft na Universidade de Vigo, cos principais protagonistas deste movemento, por citarche o último).

Búmerang4. Es un dos autores que participa na colectiva “Urbanitas”, ¿considéraste integrado dentro dunha comunidade ou xeración galega de finais dos noventa?

Por suposto. Para que entendes porque estou tan seguro dicirche que case un noventa por cento dos artistas que participan en Urbanitas participaron tamén nalgunha edición do IFI de Pontevedra. E con eles participaron tamén algúns dos mellores proxectos internacionais relacionados coa Arte Sonora. Algún día poñerase en valor aquel esforzo que, na maioría dos casos, foi obviado e ninguneado; lóxico, sempre o entendín. Tamén estaba a nosa deliciosa incompetencia, que foi tamén un ingrediente importante.

Daquelas eu impartía talleres de audio na Facultade de Belas Artes, e esa é a única relación que tiven con esa xeración. Outro foco quente de relación eran as programacións que faciamos no Colectivo SINSALaudio ás que asistían moitos alumnos da facultade. Lembro que nas reunións que faciamos en IFI eu sempre insistía na necesidade de atopar unha liña de traballo común entre todos nos, pensaba moito nos valores e principios que tíñamos e dábame conta de que había algo que nos unía. Ata pensei en forzar a situación (como Atlántica), pero non me vin o suficientemente preparado para liderar algo parecido, necesitaba máis experiencia e ese é o motivo polo que marchei a Escocia, despois a Logroño (para estudar Musicoloxía) e máis tarde ó Centro de Creación Experimental de Conca, con Xosé Antonio Sarmiento, un clásico da Arte Sonora dos anos 70-80. A derradeira viaxe foi á Complutense de Madrid para estudar Antropoloxía (que remato este verán).

Seguindo con esta Xeración galega da que estamos falando, voume atrever a poñerlle nome: A Xeración IFI (fíxate que a propia palabra IFI é unha crítica prematura á alta tecnoloxía porque é unha forma de dicir Hi-Fi dende a nosa lingua, ja, ja, ja).

Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer.

Vouche falar dun proxecto que sempre quixen facer e que estou ás portas de conseguilo. Levo xa varios anos traballando nel e agora xurdiu a posibilidade de lanzalo e poñelo en marcha. Estou falando dun Cluster de Artesonoro, é dicir, dunha comunidade de artistas que están inmersos no traballo co audio na península ibérica. Vaise lanzar o día 20 de marzo previa presentación no Festival Zemos98 de Sevilla. Está composto por un sistema dixital de teletipos (algo parecido a unha axencia de prensa especializada), un portal de proxectos sonoros en lingua hispana, un foro aberto e unha multi-radio que abarca a maioría dos estilos, dende a poesía sonora, pasando pola música concreta, as tendencias post-dixitais, a improvisación ou a instalación sonora. Van traballar unha boa morea de persoas, unha boa parte dunha xeración de artistas enredados na investigación co son. Pódese ver en www.artesonoro.org

Afondando un pouquiño máis, dicirche que se trata dunha comunidade en rede aberta cuxo principio fundamental é a liberdade (fronte ó máximo beneficio). Este Cluster ten vocación de contribuír á xeración de novos modelos de sociedade adaptados ás condicións sociais actuais. A innovación fortalécese si se comparte, (todo o que non se dá pérdese), e ese é o principal valor dese proxecto comunitario cunha importante dimensión ética baseada no compromiso e no valor da cooperación. Este proxecto reflexiona sobre en qué medida o espírito open source empeza a chegar aos compoñentes esenciais do poder; en qué medida a mobilización de recursos, fora das institucións do estado, contribúen a diluír o poder das corporacións e cuestionan a teoría económica do valor. O proxecto sóbese ao barco da dinamización social apoiando a forza e a garantía que xa ofrecen outras comunidades en rede. A guerra de guerrillas. Sitúase en contra das posicións neutrais e, ao mesmo tempo, reflexiona sobre os perigos do fundamentalismo tecnolóxico (aínda que, paradoxicamente, mediateletipos, unha das canles de información do Cluster) presenta as opinións de tódalas frontes sociais sen sometelas a xuízo. A cultura é unha construción social dinámica e relatar/rexistrar o seu tempo real é un dos obxectivos do proxecto.

Respecto ás preferencias desta comunidade que che comento, é a difusión e a promoción do fenómeno sonoro, por unha banda, e a loita contra a hexemonía do visual, por outra, o seu principal leitmotiv. O sentido do oído foi historicamente desprezado fronte ao poder do visual. Existe un elemento subversivo e incontrolable no fenómeno sonoro que o apartou dos intereses do poder, e ese elemento é un dos obxectos de estudo desta comunidade. Nas derradeiras décadas asistimos a un feliz encontro entre o sonoro e o visual (sinestésico e multisensorial) que enriqueceu as capacidades humanas de comunicación. Sobre este feliz encontro o Cluster Sonoro centra a súa análise cultural. Unha das liñas de investigación deste proxecto (que posiblemente será o miña liña para o doutoramento) é o estudo das tecnoloxías de control social, sobre todo as baseadas en son, que é un campo moi interesante e pouco estudado. O artigo introdutorio a esta liña de investigación pódese ver aquí: http://longina.com/pdf/control_social_con_sonido_chiu_longina.pdf

E para rematar, anunciar tamén que estamos traballando nun proxecto que lanzaremos, si todo vai ben, en agosto. Trátase dun software social baseado nas API de Google. Un google-map hack que permitirá a participación libre de calquera internauta, pero prefiro falar diso máis adiante. O nomeo aquí porque estamos traballando nel unha boa parte do equipo de persoas que montamos as primeiras edicións do IFI.

Ligazóns:
Páxina web persoal


Sinsalaudio


artesonoro.org


Medialetipos


Alg-a


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org