Colaboradores
  Búmerang
Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Léns
30/30 Diego Santomé
Non resulta casual que Diego Santomé (Vigo, 1966) sexa o último dos búmerang, e tampouco que hoxe ao mediodía estabamos aínda realizando esta entrevista, grabadora en man, nun diálogo cómplice. Son os modos sociais, prácticos, deste axente que identifica a arte coa vida, coa experiencia, coas actitudes. Un autor que se define a si mesmo como produtor de servizos, antes incluso que artista, e que escapa de calquera etiqueta. O seu traballo é unha das referencias indiscutibles na arte actual galega e do resto da península. Sobresaen os seus proxectos para a galería Bacelos ou o recente en Pilar Parra (Madrid), para o ARTIUM ou A Chocolataría. Estes días, estas semanas, prepara a súa participación na mostra colectiva "Sen xeración" no Auditorio de Galicia, na vindeira Bienal de Arte de Pontevedra e, especialmente, o proxecto que desenvolve para o Espazo Anexo do MARCO, un traballo do que seguro falaremos.
diego_santome.jpg
preme na imaxe para ampliala

Búmeran é participación. un diálogo coas novas voces das artes plásticas e visuais contemporáneas; un proceso aberto con 30 autores de plena actuación creativa.


anteriores búmerang
30/30 Diego Santomé
29/30 Chiu Longina
28/30 Almudena Fernández
27/30 Vicente Blanco
26/30 Álvaro Negro
25/30 Pablo Orza
24/30 Victoria Diehl
23/30 Berio Molina
22/30 Salvador Cidrás
21/30 Isaac Cordal
20/30 Irene González
19/30 Patricia Dopico
18/30 Pablo Pérez Sanmartín
17/30 Iván Prieto
16/30 Amaya González
15/30 Rubén Santiago
14/30 Arturo Fuentes
13/30 Jorge Perianes
12/30 Maribel Castro
11/30 Fran Herbello
10/30 Santi Jiménez
9/30 Jano
8/30 Rubén Ramos Balsa
7/30 Félix Fernández
6/30 Suso Fandiño
5/30 Antón Cabaleiro
4/30 Mónica Alonso
3/30 Antía Moure
2/30 Carlos Maciá
1/30 Carme Nogueira

Búmerang1. Sempre advertimos os teus traballos relacionados coa idea de proxecto, nunha vontade de crítica/reformulación social e pública. Entregas como a realizada na Chocolataría ou a recente na galería Pilar Parra de Madrid, apostan máis na intención, na acción, que na proposta física de obxecto expositivo; ofrecen interrogantes sobre o concepto e a función das exposicións e dos espectadores, claves sempre constantes.

A idea de proxecto nos meus traballos é case, por defecto, o que me permite presentar unha obra constantemente aberta, permíteme ter faios, cambiar de dirección. Non me centra en nada e, á vez, é como unha especie de defensa para acometer os proxectos dunha maneira específica, como normalmente traballo. Se estivera ligado a unha técnica ou a algo acabado, veríame con poucas armas para abarcar diferentes estados ou situacións específicas. Por exemplo, non teño ningunha interese en traballar con chocolate en si, pero cando traballei na Chocolataría vinme condenado a facelo con diferentes materiais; este feito é algo que me obriga a traballar cunha idea de proxecto. Algo que sempre se liga ao tempo.

Traballo dun xeito específico para un sitio determinado, porque non é o mesmo traballar para unha revista que para un espazo como contedor artístico; xa que existen toda unha serie de parámetros que para min interveñen á hora de formular a propia idea. É como se fixeras unha análise do que a rodea. Ademais, todo sumado ás vivencias persoais nese momento, é cando dalgunha manera todo vai encaixando. Normalmente, estou dándome conta, que en vez de escoller un material, vou quitando os materiais. Refírome á técnica, elimino o que non me vale. E ao final atopóme que teño un ou dous materiais ou posibilidades para poder traballar, que engloban conceptualmente ese proxecto. Como no caso da Chocolataría, unha obra moi relacionada coa disciplina da publicidade, facendo unha proposta xenerosa. Para min a arte é unha cuestión de actitude e, esa opción de crear un espazo de ilusión, derivado dun tempo de ilusión —non existe nada, que vai pasar, etc.— para min creou o que vai suceder, que che dá esa sensación de vida, de movemento.

Búmerang2. Son sempre obras que propoñen preguntas, dinamizadoras, lúdicas, como foi a xa referencial “Fundación Diego Santomé”. Traballos como deliberadamente inacabados ou provisionais. Obras públicas, arte útil, práctica, social.

Interésanme moito as formulacións de reutilización, de reciclaxe artístico. No caso da próxima proposta para o MARCO, no Espazo Anexo, estamos traballando cunha serie de asistentes sociais do Concello de Vigo. Entre todos escollimos a persoas que exemplifican determinadas actitudes vivenciais; imos gastar todo o presuposto nunha serie de accións, como pintar as paredes dunha casa, cambiar os electrodomésticos doutra, pagar a gardería dun neno, etc. Vou facer unha serie de accións fóra do museo, que van ter unha relación arte-vida, que a min me interesa por riba de todo. Van saír do espazo museo, xa que eu a arte contémploa como unha cuestión de actitude e, este feito en si, ten moitas connotacións. Neste caso o que menos me interesa é como conseguir a proposta expositiva, será moi humilde xa que teño a sensación de traballar con algo moi delicado e debo ser moi respetuoso.

Este proxecto documentareino a través de debuxos a bolígrafo, como fixen na mostra para a galería Pilar Parra. Porque o debuxo neste caso e o bolígrafo como elemento cotián, permítenme acometer unha formulación expositiva ligada a un “history board” dunha película, que conta unha historia que é realista; situacións e cousas impresionantes. Así, a próxima semana xa comezamos cambiándolle a instalación eléctrica a un matrimonio.

A idea é facer unha serie de 12 accións a nivel individual en casas e casos determinados, que por outra parte para esas persoas teña un beneficio na súa vida cotiá. Esa relación entre arte-vida xa a puxera de manifesto de maneira importante no obradoiro para nenos que din no CGAC, no parque de Bonaval. O proxecto do MARCO ten estas formulacións. Tamén todos os intereses ligados ao espiritual que tiven nestes últimos anos, non á relixión, aportando moitas claves: a alma, as razóns das obras, o que as sustenta. Podo facer algo, e por defecto producir obras de arte, só por defecto, polo feito de facelo, e conectar a arte coa vida de forma directa. Esta obra é unha posición de actitude, despois doutros proxectos como a “Fundación Diego Santomé”, que tamén era moi xeneroso, moi no plano das experiencias, de vivir o tempo. A sensación desa experiencia é superior na memoria á visión de calquera obra obxectual, porque recorda un olor, un tempo, etc. Para Pilar Parra traballei sobre todo co tempo real, que é unha das cousas que veñen do cine; crear unha ponte entre ese espazo e o sitio onde estivera, e o teléfono servía de nexo entre o espectador e máis eu. Digamos algo que se lle supón a unha obra de arte, a comunicación, isto era comunicación directa, real. Interesábame traballar coa palabra, coa tradición oral; anular ao espectador como público e convertelo en indivíduo, en persoa, e darlle a opción de decisión. Algo moi identificado coa experiencia, algo que non se poida comercializar.

Do mesmo xeito que agora me interesa facer un proxecto para a miña cidade, facer unha obra pública, pero cun contexto privado no seu uso, e cunha reciclaxe do obxecto artístico, que puidese ter outros usos para as persoas, facilitarlle a súa vida cotiá, é un feito en si, unha acción. Aí nace a poética desta obra, non nun obxecto; arte e vida. Cando se clasifica a un autor como multidisciplinar, vexo que é unha mentira, porque é multidisciplinar dentro das disciplinas creativas —un artista que emprega o deseño gráfico ou o cine, pero emprega sempre disciplinas creativas—. Penso que teriamos que dar xa ese paso fóra das disciplinas artísticas e asumir outras “profesións” para ter unha actitude artística como tal. Non producir obras, producir servizos. Debemos saír do gheto creativo-artístico xeral, que tamén me interesa, pero hai outras actitudes que poden valer. É como o proxecto que vou presentar para o MUSAC, no que asumo outra actitude, outra profesión, ou na proposta que presentara en Bacelos para ARCO hai dous anos: “Se ofrece artista responsable”. A miña obra era eu, ofrecéndome para facer calquera obra. Era unha cuestión de actitudes.

No proxecto do MARCO a exposición será como un making-off: como se está facendo. Creo que hai un punto de participación moi importante. É como cando emprego o debuxo neste proxecto. Permite que poida documentar dun xeito veraz pero crea unha instancia, é unha mestura entre o real e o ficticio. Non quero facer un xogo de frivolidade. Porque o bolígrafo dalle un tono humilde, discreto. Son accións, esculturas públicas. Os obxectos artísticos xorden despois.

Búmerang3. Na túa traxectoria, ¿que artistas/autores che interesan?

Case todos os artistas que me interesan son os ligados ao cine, aínda que fun descubrindo autores que me interesan moito, como pode ser Gabriel Orozco, Rirkrit Tiravanija, ou tamén outros ligados ao uso do tempo como Douglas Gordon. Pero penso que me influíron máis autores como Sokurov, Andrei Tarkovski, José Luís Guerín ou Abbas Kiarostami. A través desta forma de construír o cine é como fago os meus proxectos, sempre desde o concepto ligado ao documental, como “En construcción”. Unha obra que se vai facendo a si mesma. No cine que busca o específico do cine, non herdeiro de nada. O cine é unha arte nova que ten cen anos e da que non sabemos case nada.

Búmerang4. ¿Considéraste integrado ou identificado cunha xeración de artistas galegos?

Pois eu, aínda que pareza unha tontería, non sei se son artista. Non me considero integrado porque teño as miñas dúbidas, aínda que fago traballos artísticos, non sei se entro nesa designación. Véxome un pouco fóra de todos.

Búmerang5. Pensa nun proxecto que quixeras facer.

Unha longametraxe na que veño traballando, escribindo, nos últimos dous anos que trata sobre as relación entre pai e fillo.

Ligazóns:
Crítica I (baixo rexistro)

Crítica II

ARTIUM

Galería Pilar Parra

MARCO

A Chocolataría


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org