culturagalega.org

inicio / colaboradores / Agardando as lagarteiras por Rosa Aneiros
Agardando as lagarteiras

por Rosa Aneiros

O traxe novo do emperador

Cando escoitamos ós nenos dámonos de conta de que os pretendidamente adultos vivimos mergullados nunha gran mentira proclamada a berros. Recoñezo que decote (pre)síntonos protagonistas absurdos do conto de “O traxe novo do emperador”. Véxonos espidos polo mundo, amosando sen pudor a miseria das nosas vísceras e fico abraiada porque ninguén se atreve a sinalar co dedo as cinco evidencias que collen nos dedos dunha man. Ata que fala un neno. Entón, por dignidade, o mundo debería calar. Ante o álbum “¡Nunca máis! A ollada da infancia” que acaba de publicar a editorial Kalandraka, os múltiples mentireiros que ocupan portadas de periódicos debería enmudecer. Por dignidade. Por ética. Por sentidiño.

Agardando as lagarteiras
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
De cando en vez, cómpre mirar para abaixo. A nosa ollada altiva camiña habitualmente cos escaparates (aburrido=seguir/atractivo=parar), os transeúntes (descoñecido=seguir /coñecido=parar) e os semáforos (verde=seguir/vermello=parar) como obxectivo. En poucas ocasións diriximos os ollos cara ó chan. Agás cando pisamos algo que nos gustaría non ter pisado, cando ladra un can ou cando alguén nos amosa os contidos da bolsa das súas últimas compras. Pero, por abaixo dos nosos ombreiros, circulan uns seres do tamaño físico dun anano de xardín (Marta dixit) que, curiosamente, teñen o campo visual bastante máis amplo cós que pasamos do metro cincuenta.

Dubido bastante de termos como inocencia, pureza ou falta de prexuízos, conceptos dos que os nenos nunca fican alleos por máis que se diga. Prefiro referirme á idea de valor para definir a actitude dos pícaros cara á realidade. Eles atrévense a chamarlles ás cousas polo nome, namentres os adultos damos voltas e reviravoltas no politicamente correcto que, oh sorpresa, sempre coincide co obxectivamente incorrecto. Sen máis. A marea negra é unha marea negra e non uns fíos de plastilina. O conflicto de Irak é un ataque unilateral e non unha guerra preventiva.Unha praia con chapapote segue contaminada e non está “aparentemente limpa”. Quén recuperase o valor da infancia para sinalar co dedo as obscenidades morais do emperador.



“¡Nunca máis! A ollada da infancia”



A editorial Kalandraka acaba de sacar un álbum titulado “¡Nunca máis! A ollada da infancia” no que os nenos e o mar son os únicos protagonistas. A colaboración dos alumnos de medio cento de centros de ensino do país permitiu a realización dun volume en que os máis cativos reflicten a súa percepción da catástrofe do Prestige. Non hai lugar para metáforas. Os propios editores definen a intención da obra: “este libro é unha esixencia, unha chamada ó sentido común feito coas mans e as palabras de quen adoitan ser espectadores pasivos da Historia, os nenos e as nenas, que viviron de forma intensa a catástrofe ecolóxica producida polo afundimento do Prestige, aquel triste 13 de novembro de 2002, e levantaron unha marea reivindicativa coas súas mans, coas súas voces”. Resulta moi difícil describir con letras a beleza e a calidade das ilustracións que se suceden en “¡Nunca máis! A ollada da infancia”. As cores negra e azul, símbolos dun movemento cívico que superou as fronteiras políticas para penetrar no mundo da conciencia, lévannos da man por un libro cheo de cores, de aves, crustáceos e peixes, de voluntarios e de bombas navieiras que afunden no cerúleo. Cada imaxe é un amocelo que se crava directamente nas paredes do corazón. Tamén o fan as palabras que non admiten dobres significados. “Miña amiga a centola, quere bailar; pero o fuel negro non a deixa xirar”. “O petróleo mancha todo e o mar ponse furioso, e os peixes morren pouco a pouco”. Doen os animais tinguidos de negro. Doen os barcos que deixan ronseis de morte. Doen as máscaras e as luvas que desesperan ante mareas de fuel que parece non acabar nunca. Doen esas botas amoreadas por números que os “voluntarios” recollerán para tentar mitigar un chisco a traxedia do mar. Doe o amor dos nenos ó mar que lles matan. E eles denuncian, cos “plastidecor”, os “carioca”, os “jovi” e os “alpino” como únicas armas posible.


Peche de Laxe


Lembro que durante o peche en Laxe que o mundo da cultura desenvolveru o pasado mes de novembro de 2002 en denuncia pola traxedia, eran moitos os nenos que nos viñan facer compaña á Casa da Cultura. Como a única persoa que realmente lles facía ilusión ver era a Miguel de Lira (o percebeiro Currás de “Mareas Vivas” que tivo o seu escenario nesa mesma vila coruñesa) optamos por deixarlles pinturas e papeis para que debuxasen. Un calafrío rubiunos a todos polas costas cando os vimos pelexar polo lapis negro. Esborranchaban os papeis brancos con trazos desesperados e nas esquinas do folio escribían con odio as letras p-r-e-s-t-i-g-e. Un deles pintou no folio as letras c-n-n porque foi a única cadea de televisión que tivo a ocorrencia de preguntarlles polos seus sentimentos neses días aciagos. Confeso que, cando vexo o álbum de Kalandraka revivo esa sensación certamente tormentosa da impotencia de ver os cativos sufrir por unha catástrofe que outros negaban.



Por iso, uno os meus folgos á súa súplica: “Os nenos desexamos que os paxaros poidan voar, que as plantas do mar volvan medrar, que os mariñeiros poidan pescar, que os barcos de lixo por aquí non volvan pasar ¡e un futuro sen contaminar!”. Non se pode ficar alleo a esta chamada ó sentido común porque os nenos son os únicos titáns posibles. Malia o que diga por aí o emperador que presume de traxe novo.



NON Á GUERRA



NUNCA MÁIS



Artigos anteriores :

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org