culturagalega.org

inicio / colaboradores / Atrapade o mensaxeiro por Xosé Manuel Lens
Atrapade o mensaxeiro

por Jose Lens

Nin antes nin despois

A obra de Carmen Nogueira, relatos feministas, dialoga co espacio pleno de memoria do coro da igrexa da Univerdade, en Santiago, dentro do proxecto expositivo Procesalia, que poderemos descubrir durante todo o mes de novembro.

Atrapade o mensaxeiro
11 / 11 / 2004
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Procesalia é un deses proxectos que nunca sabemos cómo existen, ou mellor, cómo sobreviven nun terreo de institucións e grandes verdades; sempre sabemos que nacen desde o voluntarismo e a acción comprometida, pero que logo se dilúen entre impedimentos e grandes burocracias. Esta non é, polo de agora a fin da novela deste proxecto, e todos seguimos aplaudindo a súa firmeza e continuo crecemento. Quizais en todo isto teña moito que dicir que se é un programa que se centra principalmente na elaboración dun ciclo de exposicións-intervencións individuais no coro da igrexa da Universidade de Santiago de Compostela, pero sobre todo que estea baixo o comisariado de dous capitáns como Montse Cea e Eduardo Valiña. Desde hai dous anos estase realizando coa afluencia de artistas de grande interese, de autores que fan da acción de intervir, de dialogar a súa pedra angular. Nisto tamén reside o pretexto da súa continuidade. Non sei se quedou claro, pero gústame Procesalia, a todos non debería de gustar.

Habitar no diálogo
O coro da igrexa, ó cal se accede a través dunha escaleira de chanzos elevados, presenta unha planta en tres direccións, os dous triforios con bóvedas de arcos faxóns e o propio coro, dominado por un cadeirado de madeira, dende onde aínda agora se pode seguir outra liturxia, a das exposicións que se realizan na planta baixa da igrexa. Procesalia actúa, deste xeito, como irmá pequena das actividades expositivas programadas pola USC. A aposta é directamente pola creación, pola interacción de presente e futuro, nunha sorte de propostas de diálogo coa existente, coa memoria dun lugar onde se dan cita diferentes disciplinas.

Nestes días o espacio vese invadido pola obra dunha das artistas que me resultan máis suxestivas da arte galega: Carmen Nogueira, baixo un tranquilizante epígrafe “refuxios”. Sempre é preciso construír refuxios, onde recollernos ou baleirar os medos, en sortes de estudios, en tempos de letargo. A xeración de artistas como Carmen Nogueira naceron da mesma promoción de artistas saídos da fresquiña Facultade de Belas Artes de Pontevedra e en toda a súa traxectoria recolleron reflexións baixo mínimos refuxios institucionais. Moitos deles viviron un forte apoio inicial, outros continúan, moitos viviron a euforia dos anos “medios” e incluso a madurez e reforzamento despois de case unha década; agora toca facer análise. O mesmo que Andrés Pinal, Sandra Nogueira, Carlos Nieto, Montse Amigo ou Ruth Massó, Carmen Nogueira seguiu os seus propios pasos, no camiño de salvación e estabilidade creativa; moitos deles son hoxe moi coñecidos xunto a outros que tiveron que desviarse cara a outras direccións de supervivencia. Manter a liña de traballo-resposta pública non sempre resulta doado. Pero nesta paisaxe todos, institucións públicas e privadas, teñen que poñer e construír estantes para o apoio a artistas novos, e sobre todo que non caian nada máis facelos.

A traxectoria de Carmen Nogueira sobresae nestas dúas facetas, nunha progresión de escalas de presentación en certames como Novos Valores, “20 anos no 2000” ou proxectos importantes como a Bienal de Pontevedra, pero tamén como parte dos artistas representados pola galería Ad-hoc. Procesalia prende mechas nesta dirección de apoio, na presentación dun espacio de reflexión e de posibilidades para os artistas galegos.

Camas e non lugares
Volver á súa obra, nun espacio tan emblemático-atípico como o actual, sempre resulta unha suxestión de literaturas íntimas, todo antes de recoller as reflexións inter-xénero de Xoan Anleo e María Ruído o próximo mes de decembro. Non resulta casual que o nome da súa proposta expositiva sexa “refuxios”, xa que os que seguimos a súa obra ó longo destes anos sempre a asimilamos nunha continua construcción de espacios de reflexión, íntimos, pero tamén públicos, en espacios de investigación corporal, vivencial. É quizais a condición de cohabitar, de sobrevivir, que ten esta e outras instalacións o que fai de proxectos como o presente apostas de creatividade intelixentes, nunha continua inestabilidade. Dialogar coa inmensa memoria, que cheira a moreas por cada esquina, débese coller coas man e ollos abertos, cos pasos curiosos, por iso o visitante que se achegue ten que dedicarlle tempo a mirar detrás de paredes, de paneis que foron movidos do seu sitio, alterando miradas e percorridos. Acadar os nosos refuxios, xa que os que Nogueira non describe son resortes de linguaxes femininos, resortes de miradas desde e contra o cotián.

A alteración do espacio expositivo, algo inevitable nun lugar destas características, vese alternado por variacións na presentación das obras, vídeos e fotografías que buscan as súas propias habitacións, os seus propios formatos, desembocando en estructuras de madeira, en caixas de cartón ou nas propias paredes brancas, encaladas, baixo arcos de medio punto, outra das notas identificadoras deste proxecto. Estructuras provisionais para depositar imaxes e escenas tamén provisionais, non lugares de estradas en curva onde unha muller é observada na noite, despois lugares íntimos, camas desfeitas que logo, case por arte de maxia, se volven feitas, o mesmo que sucede no vídeo onde a artista percorre a súa casa facendo desaparecer obxectos ou prendas desordenadas. ¿Ironía ou relato cotián?. Carmen Nogueira consegue facer de algo case banal, un sentimento de culpa, de complicidade co espectador, ou mesmo de acción política no piar da nosa existencia.

Artigos anteriores :

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org