culturagalega.org

inicio / colaboradores / por

por

3. Ensaio sobre a relectura

Hai unha máxima ven coñecida que di: “nunca regreses a onde fuches feliz”. O meu amigo Huo-Chuan Wang, chinés de Formosa e home viaxeiro por razón da súa profesión artística, aplícao á escolla das súas vacacións e daquela nunca repite un destino turístico. Se cadra o meu amigo chinés aplica o principio de que a vacación en si, como rachadura radical co traballo rutineiro, leva aparellada a felicidade. Eu non comparto no seu radicalismo nin a máxima tradicional nin a opinión sobre as vacacións do meu amigo chinés, mais concédolles o valor da orixinalidade, da procura dunha renovación constante nas sensacións. A negación do regreso a onde algunha vez fomos felices leva aparellada a prevención da desilusión que a idealización dun lugar suscita ,como tamén o suscita a idealización dunha persoa, dun obxecto, dunha idea e mesmo dun libro, que é o que aquí nos ocupa.

10 / 5 / 2007
Chuza   del.icio.us   technorati      Imprimir   Escoitar   Enviar  
Mais o retorno, a onde fomos felices ou non, ten tamén o seu aquel de experimentación cos propios sentimentos, a sempre arriscada aventura da rememoración, a dúbida de se o que lembramos é unha imaxe deformada (anamorfose) do que aconteceu na realidade ou do que sentimos, a deconstrución dun mito, ou a recreación dunha auto mitoloxía necesaria.

No seu libro “Die Niese nach Portiuncula”, Stefan Andreas fala de Porciúncula nos seguintes termos: “Aldea situada no Monte Cervati, próximo do Val de Lucania, no Sur de Italia. (...) Os viaxeiros que regresan a Porciúncula a ven diferente de como a lembraban, aínda que lles resulte difícil precisar os cambios”. Coa lectura pasa o mesmo que co retorno a Porciúncula, o coller certos libros, para follealos, para admiralos, para relelos, pode entenderse dalgún xeito como retorno a onde fomos felices ou en todo caso como retorno a onde estivemos de vacacións, mais leva aparellada tamén a perplexidade de que os libros son sempre diferentes, mesmo que algunhas veces non sexamos quen de precisar os cambios. Isto é así sobre todo se entendemos a literatura como unha arte e porén o seu goce como unha vacación, un lugar a onde partir sen se mover de casa ou o que é o mesmo, “travelling without moving”, rememorando o título dunha canción de Jamiroquai.


Necesidade do retorno

Hai quen diga que entre tanta cousa que hai para ler, tanto libro como se publica, non queda tempo para a relectura. Eu non son desa opinión, pero entendo o seu desacougo na paixón sen saída de todo querer abarcar. Hai libros que gañan co tempo, como gaña a voz desgarrada de Janis Joplin ou os lenzos inquietantes de Ad Reinhardt, as esculturas de Oteiza ou a voz como de pavía de Blossom Dearie. Hai outros que non, mais esa é a esencia do xogo.

Asáltannos de tal xeito e con impacto tan brutal a publicidade omnipresente co seu engado de novidades editoriais que cando un se decide a seleccionar dos andeis da biblioteca un libro que xa fora visitado con anterioridade, un pode ter unha sensación de “dejà vu”, de que aquilo xa o leu certamente en máis dunha ocasión, de que esta mesmo perdendo o tempo en troques de ler a última novela de X ou Z. Regresan así do pasado recollido nos inesgotábeis arquivos da memoria certas asociacións de ideas, de cando limos por primeira vez aquela historia, aquel poema, aquela novela. Créase así, de xeito descoñecido unha serie de conexións –neuronas espello?- e daquela lembramos o lugar e as circunstancias de cando nos recreamos naquelas páxinas pola primeira vez.

Prodúcese unha retroalimentación positiva nos mais dos casos: algunhas frases soan coñecidas e amábeis, identifícanse varias pasaxes como marcadoras de territorios, como linde entre dous mundos, como parte de nós mesmos e pouco a pouco, de vagar, vai xurdindo a maxia do reencontro, a ledicia pneumática do xa vivido, do que foi berce dos soños, do que nos marcou no día, se cadra afastado, do primeiro contacto.

Noutros casos, nos menos, o “feed-back” é negativo e daquela abandonamos o libro cunha mestura entre xenreira e abraio: Como é que nos puido agradar aquela prosa empastada, aqueles versos insulsos e infantís, aquela cadencia plúmbea? Sentimos así o paso do tempo, percibimos que os nosos gustos mudaron, que os nosos intereses e a natureza do noso gozo foi evolucionando (evolución non entendida como un proceso lineal como pensan certas mentes raquíticas, senón como sucesión de mutacións, de cambios de dirección, de derivas estocásticas) de tal xeito que xa non nos recoñecemos naquelas lecturas (as máis das veces lecturas de mocidade, impostas pola moda ou pola coacción, polo grupo ao que pertenciamos ou pola ideoloxía que sustentabamos).


Diacronía na percepción das lecturas e construción do canon persoal

Mais non falemos de derrotas, senón de vitorias. Cando relemos un libro que nos gustou e nos gusta aínda, que tiñamos subliñado e que fai agromar un sorriso, que tiñamos anotado na marxe e que fai revivir o interese, daquela imos construíndo, de vagar mais sen pausa, o noso canón literario particular, “gañado” se tivemos sorte do azar das lecturas, “acadado mimeticamente” se sempre fomos xente de seguir ao abandeirado (á crítica, aos comisarios políticos dunha tendencia ou outra, aos ditados da publicidade, aos costumes da tribo), “racionalizado”, se tivemos a sorte de desenvolver un espírito crítico e aberto.

Se así fose, o canon do desexo arrincaría dunha recodificación das lecturas, como afirmaba Jorge Luis Borges nos prólogos da súa Biblioteca persoal: “A lo largo del tiempo, nuestra memoria va formando una biblioteca personal, hecha de libros o de páginas, cuya lectura fue una dicha (...) que nos gusta compartir (...) los textos de esa biblioteca no son forzosamente famosos”. Constrúese así, contra o canon normativo (o canon xerárquico, tipo Harold Bloom), o canon do goce, necesariamente mudábel e revisábel en todo momento.

Para iso é necesario ler sen previo fervor, sen prexuízos, sen seguir o canon normativo imposto pola academia (en sentido amplo, non me refiro á Academia da Lingua, nin a das Ciencias ou a Historia, refírome ao estrato académico, xente triste) sen esa necesaria lealdade á norma que se manifesta nos que caen reiteradamente no engado absurdo de que o interesante en literatura é o que se vende máis (aviados estaríamos se o canon galego o constituísen “os que máis venden”).

En realidade, a construción do canon particular é sempre autobiográfica, inzada de anamorfoses e labirintos; e proxecta a necesidade (tamén propia) da activación da memoria, da renovación do compromiso, da construción dunha topoloxía propia, de investigar na pegada dos textos.

A diferenza entre o canon persoal e o canon normativo estaría non tanto na consideración do canon como algo dinámico, senón na xerarquización normativa e no seu caracter paleo-literario. O canon normativo fala sempre da literatura do pasado, da recodificación de obras anteriores, de obras cunha forza estética que permaneceu por xeracións .


Que e cando reler: Os ritmos da relectura

A relación entre lector e libro, trataríase en realidade dunha co-evolución de dous entes, o lector e o libro, que funciona en certo sentido cos mesmos resortes evolutivos que funciona a co-evolución dunha especie animal cunha especie vexetal. As relacións van mudando en intensidade e ritmo, mais a pegada inicial (si existiu) vai xerar un tipo especial de dependencia, de xeito que xa nunca mais se poderán separar por completo. Os libros xa non son os mesmos logo de nós lelos, nin nós somos os mesmos tampouco. O que acontece , como acontece tamén na natureza das interaccións no noso ecosistema, é que algunhas destas interaccións deixan “pegada” e outras non ou mesmo resultan espurias (eses libros que deitamos ao lixo ou condenamos ao esquecemento de por vida)

O propio proceso de elaboración do canon particular, tendo en conta o seu carácter exploratorio, e en moitos casos labiríntico, non permite un plan. Os que adoitamos anotar os libros, facer fichas de lectura, subliñar certas pasaxes ou todas as cousas a un tempo, temos a posibilidade, en revisando eses apuntamentos, de poder acadar, levados polo can-guía da memoria, a nosa lista de libros que pretendemos revisitar.

O proceso da relectura non é por forza homoxéneo, de xeito que hai veces que son unha constante no noso plan de lecturas (momentos de reflexión, de acamar conceptos, de obsesionarse e darlle voltas ás ideas para construír un futuro) e outras se dan de xeito esporádico ou desaparecen por completo da rutina (momentos de procura de novos camiños, de excitación literaria maior, do que poderiamos chamar psicose de busca, ligada dalgún xeito a unha crise).

Non estou agora, precisamente nunha crise, senón nunha xeira de reflexión e por iso sinto chegado o intre da relectura, que é como unha especie de chamada interior, como unha sensación de fastío resultado dunhas últimas experiencias de lectura pouco ou nada interesantes, pero non lles vou relatar as varias relecturas que fixen nos últimos anos para non lles revelar o meu canon particular, que é fariña doutro muíño.

Xavier Queipo
Bruxelas, 14 de abril de 2007


(Cabodano da instauración da Segunda República no Estado español, salvaxemente abortada pola xenreira acamada nas clases poderosas, se cadra as mesmas que agora saen á rúa para negar o diálogo, para permanecer ancoradas na barbarie que constitúe a reiteración absurda da mentira.)

Artigos anteriores :

Outras colaboracións

Atrapade o mensaxeiro
por Jose Lens
Entre as viñetas
por Henrique Torreiro
Puntadas do Xastriño
por Xastriño
A banda de La Opinión
por Diario La Opinión
Os dados do reloxeiro
por Xurxo Mariño
Melodixit
por Melo

anteriores colaboracións

Agardando as lagarteiras
por Rosa Aneiros
Novenoscopio
por Miguel Porto
Cartas Marcadas
por Xavier Queipo
Zona RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org