Warning: include(header2.php): failed to open stream: No such file or directory in /var/www/html/cultura/html/criticadamemoria2.php on line 62 Warning: include(): Failed opening 'header2.php' for inclusion (include_path='.:/usr/share/pear:/usr/share/php') in /var/www/html/cultura/html/criticadamemoria2.php on line 62
Crítica da memoria pura
Unha reconstrución literaria dos recordos que explora as influencias íntimas sobre a memoria. Anxos Sumai pon sobre a mesa de estudo a memoria, indagando nas súas claves e camiños. Unha reflexión sobre o recordo dos recordos.
oco
Envíalle un correo a Anxos:
<correo@anxossumai.com>
Subscríbete ao fluxo RSS:

oco

ANXOS DE GARDA
Un dos traballos literarios de referencia na rede. Dous libros aclamados saíron destas páxinas nas que Anxos Sumai fixo durante dous anos un diario entre a realidade e a ficción
Consúltao aquí

oco

LIBRO ¿ANXOS OU DIAÑOS?
Roberto Ribao e Anxos Sumai mantiveron durante un ano debates dialécticos cheos de altura, humor e ironía na nosa edición Fin de Semana
Descarga aquí o libro

oco

FIN DE SEMANA
Consulta as anteriores edicións da Revista de Fin de semana. Artigos de viaxes, opinión, personaxes coñecidos e interesantes, etc

 

IMPRIMIR

"Ofelia morta", 1981

Vestín un poncho de fío vermello, cos bordos perfilados por unha ancha liña negra. Non lembro quen mo regalara, pero si a sensación de que cando o poñía o mundo minguaba ós meus pés. O poncho era tan fermoso, tan lixeiro, tan libre que me contaxiaba a súa liberdade e a súa liviá beleza flotante. Nunca tivera nada que cobizase tanto e só houbo outra cousa que chegou a espertarme un desexo de posesión semellante ó do poncho: unha copia da Ofelia morta de Millais que me retaba dende o escaparate dun anticuario.

Case todo o relativo ó meu comportamento importábame moi pouco neses primeiros anos universitarios. Facía o que quería e non admitía que me xulgasen nin me desen consellos. Era o meu proceso de aprendizaxe, era a miña busca, era o guiso que eu estaba a cociñar e irritábanme as intromisións alleas. Non me importaba nada o que dixesen de min por determe tantas veces diante da tenda, non me importaba que o anticuario me mirase con desconfianza mentres eu apampaba ante o cadro de Millais. Era unha copia pequena, condensada como unha pastilla de caldo de avecrén. A primeira vez fascinoume a humidade verde que se estendía por todo o escaparate. Quedei parada explorando a auga, os brións, os recantos agochados entre a ensarillada vexetación. Despois reparei nas flores que flotaban coloridas e alegres como pequenos paxaros tropicais. Despois foron os pés ocultos debaixo do luxoso traxe, que esponxaba coa corrente do río e os últimos espasmos da carne. Despois foron as mans de Ofelia xusto no momento de quedaren durmidas; e o peito, inchado pola última inspiración. E por fin, o pescozo abandonado á entrega, a boca entreaberta como esperando un bico e os ollos a piques de percharse para sentir máis intensa a derradeira caricia, a caricia da morte.

Todos os mortos que vira ata dar con Ofelia estaban pálidos e entregados á pavorosa rixidez dos ósos e creo que nunca, ata entón, pensara seriamente na morte. Nin sequera na adolescencia. Comecei a temela cando me ofrecín ó meu primeiro amor adulto e non podía imaxinar a eternidade separada do lombo da persoa que amaba. Debeu ser por esa época —cando me namorei e cando atopei o cadro de Ofelia— que comecei a entender que non hai amor sen morte, que non hai nostalxia sen presenza. Debeu ser por esa época cando comecei a dexergar que as unidades non só se suman, senón que se fraccionan, que precisan conter polo menos dous elementos para ter sentido. E eu sentíame así, fraccionada: estudaba ata esgotarme e botaba días sen ir á clase, admiraba a beleza de Ofelia pero tamén os corpos das ratas que campaban polos armarios da cociña. Un día chovíame no colo e ó seguinte abríaseme un anticiclón no oco das mans. Non había, porén, unha especial tensión entre ser unha ou ser outra. Só había unha dor pracenteira coma a que produce o lento proceso de medrar.

Lin todo o que se escribira sobre calquera personaxe que levase o nome de Ofelia. Fíxenme asidua das bibliotecas nas que atopei moitas reproducións do cadro de Millais entre as páxinas das historias da arte universal, pero ningunha tiña a consistencia húmida do cadro do anticuario, en ningunha se movían as flores como paxaros tropicais, en ningunha se lle abría a boca con ese desexo obsceno de ser posuída por alguén, aínda que ese alguén fose a morte. Un día, porén, saltoume dende dentro dun manual de pintura do século XIX unha humidade verde e malvácea e, descansdando nela, descubrín a miña Ofelia descansando nela. Ocupaba unha páxina enteira e era preciso xirar o libro para gozar da horizontalidade do corpo e da insistencia da vexetación, e da vida, en ser vertical. Roubeina, non puiden evitalo, aproveitando a seguridade que me daba vestir o poncho vermello.

Aínda conservo hoxe esa Ofelia. Está descolorida pero segue a ocupar un lugar destacado no meu cuarto, enmarcada entre catro listóns de madeira barata. De cada vez que a miro volvo sentir o pracer das cousas roubadas mesturado coa culpabilidade por ter roubado. Hai anos que non me sinto fraccionada. Hai anos que deixei o home sen o cal non podía imaxinar o futuro e non morrín. Hai anos que o poncho fermentou no lixo e avermellou un anaco de terra. Hai anos que a morte me parece unha absoluta estupidez. Nin fermosa nin triste, só estúpida.

Anxos Sumai [correo]


Consello da Cultura Galega. (www.consellodacultura.org)
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Contacto: Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org