Documentos>Artigos>Perdendo os papeis

 


Revista TEMPOS Novos n- 39, agosto 2000




Perdendo os papeis

(aproximación ó mundo dos fanzines galegos actuais)

por Anxo Cuba

 

Sempre que tentemos achegarnos ó panorama do cómic en Galicia teremos que facer unha merecida alusión ó universo infinito de fanzines, panfletos e papelotes diversos impresos e distribuídos de mil maneiras distintas de acordo coas posibilidades e o empeño dos seus creadores. É un feito comprobado que o fanzine exerce un importante labor revitalizador do panorama do cómic e que é unha plataforma de lanzamento de futuros profesionais do medio (aí temos a Miguelanxo Prado). Pero á marxe disto, o fanzine supón un agradable sopro de aire fresco en canto ó seu carácter absolutamente libre e anárquico. Un fanzine é algo así coma unha necesidade, un vómito de expresión xuvenil que non se pode conter.

Nos últimos anos Galicia viviu unha efervescencia fanzineira que deu lugar a productos máis que aceptables e a pequenas xoias para calquera afeccionado que se prece. As Xornadas de Banda Deseñada de Ourense (coa súa Expofanzines), así como o Salón «Viñetas desde o Atlántico» (que dedica un stand ó mundo do fanzine autóctono), sen dúbida serviron para dar pulos a un movemento xa de por si ricaz e heteroxéneo.

As xornadas de cómic que organizou o Forum Metropolitano da Coruña no ano 1996 acolleron o nacemento da revista La Carallada, que parecía destinada a substituír á mítica Frente Comixario e converterse na plataforma más sólida do cómic galego. Lamentablemente o proxecto frustrouse por unha penosa xestión editorial aínda cando o primeiro e único número editado se esgotou inmediatamente. Esta publicación coruñesa reuniu a xentes diversas vencelladas a varios fanzines como Lixo, Nicasso, Nova Línea, Andando correndo pola chaira ou El Bolchevique Vespertino. Todos eles deixaron un fato de boas páxinas cheas de ilusión da man de xente como Manel Cráneo, Javier Prieto, Jano, Bernal, Fernando Ruibal, Iñaki Quenerapú,...

Pero iso non era o único que se facía na Coruña durante eses anos. Unha asociación xuvenil chamada Nostromo sacou á rúa interesantes propostas como o fanzine homónimo ou o Pichiglass, Mi amigo el tubérculo,... nos que Adrián López, Urbano, Emma,... mostraban a súa paixón pola cultura trash (series de televisión, tribos urbanas, cine fantástico...). Estes fanzines foron unha descarada e orixinal proposta que máis adiante desembocaría noutros productos como Freak In, Sin Fe, Obsoleto, Ojo por ojo,... Todos eles reivindican as máis variadas formas de expresión xuvenil cunha tendencia ó manifesto ou grupo xeracional. Tendencia moito máis enfatizada en Os Caghondiolas ou O sabe dios ke, fanzines anárquicos de actitude apaixonada feitos por estudiantes de socioloxía. Entre outras cousas entrevistaron a Antonio Blanco, cineasta galaico de culto. Estes proxectos non duraron moito a pesar de se reencarnaren en Un sueño imposible alá polo ano 1997, o cal só durou un número.

Tanto este grupo coma o anteriormente citado, vencellado a La Carallada, seguen actualmente sacando diversos fanzines como Sin Fe, Merienda de Locos, Calamar, ou outros que non podemos afirmar se continuarán ou estarán fenecidos como Macabro, Craneografía, Craneofilia, Ruídos de fondo, Os rústicos da guadaña, Costra de postre, Changhedo, Esto es la guerra, El jardín atómico... Ademais, outra asociación aínda activa, Fun Comic, edita un boletín para socios e o fanzine Nosotros somos los frikis.

Por outra banda, tamén na Coruña hai outras frontes fanzineiras alleas a La Carallada. Entre eles está Malfeito, do cal sairía a xa un pouco máis profesional revista Ovo, que conta ata o momento con dous números publicados. Dirixidos ambos proxectos por Carlos Barros, tamén participaron Manel Cráneo, Javi Montes, Xosé Lois Hermo,...

Outras publicacións coruñesas de menor calado son Tozine, Niño enfermo, Tupperware ou Morrerás esganado; este último contou con tres interesantes números nos que se mesturaba música, cómic, cinema... e no seu último número veu acompañado dunha maqueta de grupos xoves.

Fóra da Coruña houbo unha data importante para o panorama fanzineiro, que foi o I Salón do Cómic de Vigo, dirixido por Carlos Portela e que, desgraciadamente, non tivo continuidade. Alí, ademais de publicarse un catálogo das obras premiadas no concurso, puidéronse ver fanzines vigueses xa veteranos como o Chámalle X ou as súas derivacións Xénese e Whore. Ademais, nunha temática máis ampla que o cómic está tamén o veterano Semanario Corsario, fanzine de librepensamento no que estaba implicada a xente que máis tarde dirixiría o proxecto Bambán especial cómic, que contou cunha grande difusión gratuíta.

Pero non queremos esquecernos doutros importantes fanzines como O Fanzine das Xornadas, editado cada ano nas Xornadas de B.D. de Ourense e dirixido por Henrique Torreiro, ou o lugués Kedeké, interesante proxecto experimental encabezado por Guitián, ou o recente e aínda en activo Alopecia Mental, que xa ten dous números na rúa.

Á marxe das grandes cidades tamén houbo fanzines saídos de vilas de Galicia como O Gharabato do Rato desde Ribeira, que chamou a atención polo seu formato (viña enrolado dentro dun vaso de iogur con etiqueta serigrafada), ou o Comikaze, do Porriño, que ata o de agora conta con cinco números publicados.

Para rematar quero deixar claro o carácter parcial deste listado, algo que leva implícita calquera escolma posible de fanzines, xa que é un mundo inabarcable e en constante cambio, pero coido que cos citados se pode ter unha visión bastante ampla deste apaixonante universo das pequenas publicacións.


Reseñas dos fanzines por orde alfabética

A.C.

Alopecia Mental. 2 números. Formato A5. B/N. Contacto: Miguel Porto, Mide 46, 36390 Vigo. Fanzine que mestura cómic e relatos bastante interesantes da man de xente como Carlos Portela, Víctor Ribas, Miguel Porto, Jano,... Semella consolidarse e mellora en cada número.

Andando correndo pola chaira. 3 números. Formato A4. B/N. Contacto: ver Merienda de Locos. No seu segundo número saíu con portada a cor e case 100 páxinas nas que se fundía o cómic con outros temas como o deseño (entrevista a Pepe Barro). Traballos de Anxo Cuba, Jano, Bernal, Fernando Ruibal,...

Baixo chan. 1 número. Formato A4. Fanzine xestado nun cursiño de cómic impartido por Calros Silvar. Contén obras do propio Silvar e de Jano e Bernal.

El Bolchevique Vespertino. 1 número. Formato A4. B/N. Contacto: Apdo. 4010, 15011 A Coruña Javier Prieto preséntanos dúas historias interesantes nun estilo que recorda ó primeiro El Víbora (especialmente a Iron). Unha parte da edición veu acompañada dunha maqueta de grupos noveis coruñeses da liña máis cañeira.

Calamar. 1 número. Formato A5. B/N. Minifanzine cunha historia muda de corte surrealista firmada por Jano no seu estilo máis simplificado e experimental. Recomendable.

Os Caghondiolas. 1 número. Formato A4. B/N. Fanzine construído na súa meirande parte con recortes de prensa e titulares espectaculares a modo de collage cargados de cinismo e mala hostia. Denuncian todo o denunciable e cáganse na policía e no mundo adulto en xeral.

La Carallada. 1 número. Formato A4. Portada en cor. Revista que reuniu a un bo fato de debuxantes xoves como Robledo, Fernando Ruibal, Manel Cráneo,... Contaba cunha sección de reseñas así como diversos artigos e unha entrevista ó Doutor TNT. Foi unha das propostas máis interesantes do cómic galego polos seus colaboradores, as seccións o deseño...

Chámalle X. 6 números. Formato A4. B/N. Contacto: Nacho Lavandeira, Venezuela 17-7ºA, 36206 Vigo. Integramente dedicado ó cómic, principalmente con influencias dos superheroes americanos e a espada e bruxería. Un dos fanzines que nunca morre e que leva xa bastantes anos.

Changhedo. 1 número. Formato A5. B/N. Contacto: Bernal, Concepción Arenal 1-6ºD, 15006 A Coruña. Fusión dos fanzines Hedoné e Changhai con maior interese polo cómic (Javi Prieto, Bernal, Anxo Cuba,...) aínda que mesturado con relatos e poemas (Daniel Tideo, Miguel E.).

Comikaze. 5 números. Formato A5. Portada en cor. Contacto: Rúa da Coruña 5, 36400 O Porriño, Pontevedra.

Costra de postre. 1 número. Formato A5. B/N. Contacto: Manel Cráneo, Rúa Comercio 13-5º, 15010 A Coruña. Fanzine de temática e estética gore coa aparición estelar de Ana Obregón. Cómics e ilustracións varias así como instructivas fotomontaxes.

Craneografía. 1 número. Formato A5. B/N. Contacto: ver Costra de Postre. Ilustracións diversas de M. Cráneo na súa liña máis experimental e marciana. Interesante.

Craneofilia. 1 número. Formato A6 en papel reciclado. B/N. Contacto: ver Costra de Postre. Minifanzine no que unha serie de autores como Emma, Urbano, J. Prieto, A. Cuba, Bernal, Jano,... mostran as súas ilustracións sobre cranios, instigados por Manel Ídem. Moi interesante.

Diario Apache. 3 números. Formato A4. B/N. Contacto: v. Morrerás esganado. Dirixido por David Facal, trata o tema do rol e o xénero de espada e bruxería, así como o cómic americano. Aparecen os primitivos traballos de Jano.

Esto es la guerra. 1 número. Formato A5. B/N. Contacto: Apdo. 4010, 15011 A Coruña. Fanzine paródico da saga Star Wars cunha magnífica presentación impreso en papel couché e un desternillante contido que lle valeu ser o fanzine máis vendido no último Salón «Viñetas desde o Atlántico».

O Fanzine das Xornadas. 6 números. Formato 24 × 17 cm. Portada en cor. Contacto: Colectivo Phanzynex, Rúa Manuel Murguía 15-5ºD, 32005 Ourense. Desde sempre un dos fanzines mellor editados e máis interesantes de Galicia. Reseña os acontecementos das Xornadas de BD de Ourense e ofrece páxinas de cómic dos mellores debuxantes, tanto galegos como internacionais.

Freak In. 2 números. Portada en cor. A5. Contacto: Cantón Pequeno 26-4º, 15003 A Coruña. Minifanzine apaisado monográfico. O número un é un especial extraterrestres e o segundo, especial underground. Fotos e viñetas diversas sobre o tema tratado, algunhas auténticas rarezas.

O Gharabato do Rato. 3 números. Formato iogur con portada en cor. Interesante e orixinal fanzine de tiras de cómic (o formato obriga). Ademais sacaban abundante merchandising como adhesivos e folletos, todos eles serigrafados. Obras de Breixo Harguindey, Anxo Cuba,…

Jamón endiablado. 1 número. Contacto: ver El Jardín Atómico. Fanzine de formato mini-apaisado con portada en cor. Fotomontaxes e cómics diversos ó máis puro estilo Dave McKean.

El Jardín Atómico. 1 número. Formato A5. Portada en cor. Contacto: rúa Castaño de Eirís 3, 15009 A Coruña. Historia longa de aventuras e monstros varios cun acertado debuxo de Álvaro.

Kedeké. 2 números. Formato A5. B/N. Contacto: Alberto Guitián, Avda. das Américas 30-1º, 27004 Lugo. Fanzine moi interesante de experimentación e ilustracións, no que ademais do propio Guitián están Josetxo e Manel Cráneo. Incorpora o divertido suplemento Biscoito.

Lixo. 7 números. Formato variable en B/N. Un dos mellores fanzines coruñeses. Dirixido por Jano, conta con colaboracións tanto dos habituais como de autores asturianos, madrileños, valencianos,... todos dun gran nivel. O número dous foi un especial cómic de prensa, e o número seis tivo com portadista a Miguel Ángel Martín.

Macabro. 3 números. Formato A5. B/N. Contacto: Anxo Cuba, rúa Sofía Casanova 8-2ºD, 15007 A Coruña. Fanzine gratuíto de temática escura que contou con colaboracións de Cristo Aleister, Bernal, Jano, Manel Cráneo, Javi Prieto,...

Merienda de locos. 3 números. Formato A5. B/N. Contacto: ver Macabro. Artigos, ilustracións e cómics de estética psicodélica.

Malfeito. 4 números. Formato A5. B/N. Contacto: ver Ovo. Fanzine de humor salvaxe e abundante cinismo con interesantes e graciosos cómics.

Marmoflagia. 2 números. Formato A5. B/N. Contacto: Iago Camacho, Capitán Juan Varela 13-7º, 15007 A Coruña. Aventuras duns personaxes chamados marmóflagos.

Mi amigo el tubérculo. 11 números. Formato A5. Portada en cor. Contacto: Juan Pil, Alcalde Folla Yordi 10-3º, 15002 A Coruña. Artigos sobre o cómic no cine, porno stars, vampiros,... É algo así como o 2000 maníacos galaico.

Monográfico. 1 número. Formato A4. B/N. Fanzine antecesor do Lixo dedicado especialmente ó cómic norteamericano máis experimental.

Niño enfermo. 1 número. Formato A5. B/N. Contacto: Ronda de Outeiro 244-3º dta., 15010 A Coruña. Divertido fanzine de monigotes con aspecto infantil e lingua moi afiada.

Nosotros somos los frikis. 1 número. Formato A4. B/N. Contacto: Fun Cómic, Apdo. 879, 15080 A Coruña. Repaso polos acontecementos máis importantes do salón coruñés e das actividades da asociación.

Nostromo. 1 número. Formato A5. B/N. Cómics de Emma, Urbano e Adrián López e información sobre a asociación homónima.

Obsoleto. 2 números. Formato A5. B/N. Contacto: mioclonic@yahoo.com. Fanzine de relatos, cómic, poesía, ilustracións,… dirixido polo incombustible M. Glon.

Ojo por Ojo. 1 número. Formato A5. B/N. Contacto: ver Freak In. Bocetos e debuxos soltos de Adrián López.

Ovo. 3 números. Formato A5. Portada en cor. Contacto: Apdo. 816, A Coruña. Un dos fanzines con presentación máis profesional. Contén cómics dos mellores debuxantes galegos.

Pichiglass. 2 números. Formato A5. B/N. «El fanzine para mentes enfermas» reuniu nas súas páxinas cómics sobre os freaks, as lobas, os jichos, moda xuvenil,… todo cun gran sentido do humor e interesante maquetación.

Ruídos de Fondo. 1 número. Formato A5. B/N. Contacto: ver Esto es la guerra. Sen dúbida o máis interesante dos productos da factoría Bolchevique Vespertino, especial dedicado ó mundo da música con cancións de clásicos do pop e rock pasados ó cómic por Jano, Manel, Javi Prieto, Anxo Cuba, Bernal,… Moi recomendable tanto polo seu contido como pola súa presentación.

Sin Fe. 4 números. Formato A5. Contacto: v. Freak In. «El fanzine humanista pop» é do máis interesante que se fai na Coruña a pesar do baixón do último número. Relatos, poesía, debuxos, cómic…

Tozine. 2 números. Formato A5. B/N.

Tupperware. 1 número. Formato A5. B/N.

Un sueño imposible. 1 número. Formato A4. B/N. Contacto: Luis Liñares, Eirís de Abaixo 100, 15008 A Coruña. «El fanzine de la era del post-desencanto». Contén preto de cen páxinas de reflexións varias e cómics de Javi Prieto e Anxo Cuba.

Whore. 2 números. Formato A4. B/N. Contacto: Jorge Coello, rúa Caldas de Reis 20-7º esq., 36209 Vigo. Interesantes cómics do propio Coello e de Carlos Portela, Víctor Ribas, Norberto Fernández,…

Xénese. Fanzine herdeiro do Chámalle X tamén dedicado ó cómic.

 

Publicado na revista mensual "TEMPOS Novos", Nº39, agosto 2000. Reproducido aquí co permiso da publicación.
Outros artigos do monográfico:



 




 

 

Cultura Galega.org
Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000