Documentos>Libros>Para lermos cómics

Agustín Fernández Paz naceu en Vilalba (Lugo), no ano 1947. Perito Industrial Mecánico; Mestre de Ensino Primario; Licenciado en Ciencias da Educación; Diplomado en Lingua Galega. Traballou como profesor de EXB e, entre 1988 e 1990 foi membro do Gabinete de Estudios para a Reforma Educativa, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. É membro da Ponencia de Lingua do Consello da Cultura Galega. Na actualidade, é profesor de Lingua Galega e Literatura no IES Os Rosais 2, de Vigo. Desde mediados dos anos setenta estivo ligado ós movementos de renovación pedagóxica e participou na elaboración de numerosos materiais didácticos. É autor de diversos traballos espallados por xornais e revistas. Polo conxunto dos seus escritos sobre cómics concedéuselle, en 1992, o "Premio Ourense de Banda Deseñada". É un dos actuais directores da Colección "Merlín" de literatura infantil e xuvenil.
Agustín Fernández Paz ten traballado sobre a banda deseñada, en bos libros de divulgación. Un deles, Para lermos cómics (Xunta de Galicia, 1984) , podes descargalo para o teu ordenador e profundizar na linguaxe da banda deseñada. Aquí podes ler un anexo deste volume no que se fala sobre a situación da banda hai 17 anos, e descargar o libro completo en formato html. Non ten perda.

Está en formato ZIP. Descarga o libro enteiro aquí.

 

UNHA OLLADA O COMIC GALEGO.

Falar do cómic galego é falar das súas dificultades para existir, xa que a súa historia é a dunha doble marxinación. Por unha banda, o cómic sofre -o mesmo que os outros productos culturais, sobre todo os que precisan dunha infraestructura industrial- as consecuencias da anormal situación lingüística e cultural do noso país. Cunha lingua socialmente minusvalorada e cunha oficialización máis retórica que real, cunha escola que está ben lonxe de asenta-las súas bases na lingua e cultura propias, cunha poboación que foi educada nun contexto alleo, cando non contrario, á súa lingua, cuns medios de comunicación -sobre todo os escritos- que refugan o emprego da lingua propia... ¿como se pode agardar que medre e se desenvolva unha industria cultural forte, condición indispensable para que os productos culturais -o cómic entre eles- superen o estadio de cultura de resistencia?

A cousa non é nada doada, e se a iso se lle engade o tradicional reparo que, dende sempre, se lle tivo ó cómic, considerándoo como un subproducto cultural, menos importante que as manifestacións "serias" da cultura, comprenderase que hai razóns de abondo que expliquen a situación actual.

Porque, ¿que posibilidades teñen hoxe as persoas que, dende o noso contexto cultural, escollan o cómic como medio de expresión? É evidente que moi poucas, xa que non existen as canles para a difusión das súas creacións: os xornais non publican tiras de autores galegos, non hai unha revista específica de cómics (nin infantil, nin xuvenil, nin para adultos) que vaia máis alá dunhas tiradas e dunha distribución minoritarias, e tampouco hai dende as editoriais o ofrecemento dunha colección de álbumes de cómics que acollese tanto traduccións como creacións dos autores galegos.

E, sen embargo, autores hainos, e mesmo algúns dunha calidade excepcional, como é o caso de Miguelanxo Prado. Pero ou ben publican os seus traballos no contexto da cultura en castelán (Miguelanxo Prado, Suso Peña, Das Pastoras), o que lles facilita a súa difusión posterior noutros países, ou ben se adican a outros mesteres máis productivos, relacionados tamén coa ilustración e a industria cultural, (Pepe Barro, Xosé Díaz, Fausto, Chichi Campos, etc), aínda que haxa o caso singular de Xaquín Marín que, mercede ás súas colaboracións na prensa, vai conseguindo unha certa continuidade na súa obra.

Unha ollada á moi breve historia do cómic galego permite entender mellor os periódicos esforzos por saír á luz, frustrados sempre por esa ausencia dunha industria cultural que faga posible a existencia de canles estables. Logo dos acontecementos sociais dos anos 68-69 empezan a aparece-los primeiros intentos de traballar en serio este novo medio de expresión. Xaquín Marín e Reimundo Patiño inician o seu labor, publicando X. Marín algúns dos seus traballos na desaparecida revista Chan, e Reimundo Patiño explora as posibilidades expresivas do medio, acadando resultados tan complexos e fascinantes como o seu O home que falaba vegliota, editado en enormes viñetas serigrafiadas.

Nos primeiros anos setenta tamén comezan a traballa-los compoñentes do que se chamaría Grupo de Cómics de O Castro (Chichi Campos, Xosé Díaz, Lois C. Esperante), que fan unha sonada exposición dos seus traballos na Escola de Maxisterio de A Coruña, exposición que logo levarían a outros sitios de Galicia. Tratábase dun cómic a cabalo entre o underground e a experimentación formal, do que se publicaría unha selección nunha revista que se chamou A Cova das Choias, editada en Suíza e da que só saíu un número.

A morte de Franco e os anos de efervescencia posteriores trouxeron consigo diversos intentos máis. Apareceu a revista infantil Vagalume (en xaneiro do 75), na que se publicaron os primeiros traballos dunha xeración de autores (Oitabén, Xiráldez, Gonzalo Navaza, Saavedra Pita, etc) que non puido ter continuidade por falta de canles. Xa un ano antes, no suplemento infantil Axóuxere, do xornal "La Región", Paco Martín, Ulises Sarry e Xan Balboa elaboraran, entre outros materiais, unha serie de cómics cun carácter de continuidade.

Apareceron tamén os primeiro álbumes: Dous viaxes, de Xaquín Marín e Reimundo Patiño e Gaspariño (1 e 2), de Xaquín Marín, que tamén publicou a historia longa Ratas, nunha editorial castelá. E ata hai intentos de face-lo primeiro fanzine cunha certa calidade, como foi Xofre. Historieta galega, con tres nomes a reter (Miguel Angel Prado, Fran Jaraba e Xoán C. López Domínguez). Asimesmo, algúns xornais e revistas publican diferentes tiras: Caitano (en "Teima"), Lixandre (en "El Ideal Gallego"), Historias de esmagados e Don Augusto, as catro de Xaquín Marín; Os homes da pedra (en "La Voz de Galicia"), de Miguel Anxo Prado e Tino Fdez. Maceiras; Sabeliña (en "A Nosa Terra"), de Xosé Lois, O silueta (en "A Nosa Terra") de Anxo Baranga, etc.

Salientable é tamén o intento da Asociación Cultural "O Facho", de A Coruña, que promoveu en 1979 un "Concurso de Cómics en galego", coas miras de conseguir uns resultados semellantes ós acadados cos seus concursos de contos infantís e de textos teatrais. O concurso produciu unha boa colleita de cómics, con nomes como os de Siro, Fran Jaraba, Xoán C. López Domínguez e outros. Pero unha vez máis se constatou a dificultade dunha iniciativa deste xeito, pola inexistencia dunha canle para a publicación dos traballos e o empeño non tivo continuidade.

Nos anos oitenta o cómic en galego seguiu a se desenvolver nuns niveis semellantes. Hai algúns feitos aillados, como a aparición dalgunhas revistas de carácter marxinal, como Valiumdez, A Ameixa Cacofónica ou a recente Das Capital. Ou o traballo desenvolvido pola xente que levaba o suplemento "O Pizarrín", de "Faro de Vigo", no que colaboraron autores de interese, como Evaristo Pereira ou Pepe Carreiro, e se publicaron cousas moi estimables, algunhas das cales se editaron posteriormente en álbume (a serie Os homes do fin do mundo, de Bofill e Xesús Franco, da que apareceron tres álbumes). Ou a publicación dalgúns álbumes: Dos pés á testa, no que Xaquín Marín facía unha escolma antolóxica do seu labor; Os viaxeiros do tempo, de Urbano Fra e Fausto Isorna; Castelao, de Siro, Mazaira e Cubeiro. Algunhas publicacións de carácter didáctico, entre as que hai que salienta-lo álbume A nosa cultura, obra do grupo catalán Nono Art. E diversas produccións, sempre esporádicas, que foron aparecendo en revistas ( Tintiman, La Naval, Luzes de Galicia, etc) e nalgúns libros de carácter escolar (de texto, de lecturas). Moi pouca cousa.

Todo o dito revela non a pouquedade do noso cómic, senón a da nosa industria cultural. Porque o interese existente polo cómic é evidente e hoxe, por exemplo, está plenamente introducido como ferramenta didáctica nas escolas . Convócanse concursos, como os da Casa da Xuventude de Ourense e o da Asociación Cultural "Medulio", de Ferrol, e proliferan diferentes mostras, como a recente (agosto, 89) "Cine e Historieta galega"(encadrada en "Xociviga"). Pero os atrancos de fondo que impiden un despegue real seguen sendo os mesmos.

O eido das traduccións, que podería contribuír á creación dun certo mercado para o cómic galego, é tamén moi escaso. Só se pode sinala-la publicación na nosa lingua da serie As aventuras de Tintín, a famosa creación do belga Hergé, feita pola catalana Editorial Juventud. Anos antes, dende unha librería coruñesa, promovérase a edición en galego das aventuras de Asterix, o galo, dos franceses Goscinny e Uderzo, pero as deficientes traduccións invalidaran parcialmente o resultado.

E o futuro non ten trazas de ser mellor. Non hai unha axuda institucional e dende as Editoriais non se sente a necesidade de abrir unha nova frente de publicacións, que permitise a edición de cómics en galego, aínda que se limitase ós de en branco e negro, tanto de materiais traducidos como de autores de aquí. É imprescindible unha revista de cómic infantil, que podería servir ademais para consolida-lo espallamento do galego, e que precisaría -alomenos nuns primeiros tempos- da imprescindible axuda institucional.

Todo o dito no párrafo anterior sería ben doado de conseguir, a pouco que houbese vontade de facelo. Pero parece evidente que teñen que cambiar algunhas cousas, no plano político e social, para que iso sexa posible. Agardemos que sexa así, porque a cultura galega non se pode permiti-lo luxo de estar de costas a un medio con tantas posibilidades creativas e de futuro.

Agustín Fernández Paz


 
 


 

 

Cultura Galega.org
Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000