Documento sin título
culturagalega.org
logo letras galegas 2006 Free CSS Navigation Menu Designs 2 at exploding-boy.com

Inicio > A Coruña > Contexto > A historia da prensa galega: un fecundo espertar

titulo
Rosa Aneiros
Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega

A prensa galega, nacida en 1800 da man de Francisco María del Valle Inclán e co seu El Catón Compostelano, buliu durante o século XIX coa ilusión dun acabado de nacer. A loita contra os franceses, as pugnas liberal-absolutista, o nacemento da prensa política e a de carácter temático –particularmente a literaria- e a aparición de cabeceiras en galego permiten a eclosión da prensa por todos os lugares de Galicia e con ela, eses pequenos grandes pasos cara á modernidade. As páxinas refliten sen ambaxes a convulsa situación histórica e social da España de finais do século XIX cos seus contidos políticos destinados a convencer ao pobo. A Restauración e o fin de século trouxo unha certa modernización e comprensión empresarial das cabeceiras galegas. Nacen os grandes diarios que se perpetuarán no século XX e, nalgúns casos, seguen sendo hoxe referentes inescusables da prensa de noso como son o Faro de Vigo (1853), El Correo Gallego (1878), El Diario de Pontevedra (1889) ou La Voz de Galicia (1882). Nacen as grandes tiraxes e esténdese o pluralismo informativo nun momento en que, ao igual que resto de Europa, comeza a se primar a información sobre a opinión. O periodismo, segundo Barreiro Fernández, deixa de ser “unha aventura na que se embarcaban algúns entusiastas para se converter nunha empresa que, ao mesmo tempo que ofrece un produto, busca o seu beneficio. Desde o momento en que o xornal é planificado deste xeito, é posible que perda gran parte da súa frescura, da súa inxenuidade e incluso da súa boa conciencia, pero en calquera caso, o periódico gaña en firmeza, en organización, en responsabilidade social e estes son tamén valores que a comunidade ten que recoñecer”. A publicidade entra de cheo no financiamento económico dos medios, quen deixan de nutrirse exclusivamente por suscrición e vendas. As axencias de noticias, as fotografías, novos xéneros como a reportaxe ou a entrevista van asomando nas páxinas dunha prensa que segue a amosar o fervedoiro político e intelectual da súa época. Neste amplo período que abrangue dende finais do século XIX ate a primeira década dos anos vinte, grandes profesionais da palabra como Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, Curros Enríquez, Aureliano Pereira, , Martínez Salazar, Basilio Álvarez, Roberto Blanco Torres, Muruais, Galo Salinas, Paz Andrade, Villar Ponte, Xoán Xesús González, Carré Aldao ou o propio Lugrís Freire encherán as páxinas da prensa galega de opinión e información cunha decidida vocación de modernidade.

A prensa galega ao principio do século XX

A inicios do século XX podemos salientar a existencia en Galicia –ademais das xa citadas La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego e Diario de Pontevedra- de cabeceiras de gran repercusión social como El Ideal Gallego (1917), El Noroeste, El Progreso (1908), La Región (1910), El Heraldo de Galicia, La Zarpa (1921), A Nosa Terra (1907) ou o Galicia (1922) de Paz Andrade. No ano 1920 nacerá Nós, a gran revista cultural galega que xorde da man das Irmandades para traernos o cosmopolitismo e situar a Galicia como célula universal. Xosé Ramón Barreiro Fernández, quen recolle datos ofrecidos polo profesor Palomares Ibáñez con respecto á prensa galega e española no período 1913-1927, indica que “a situación non só non mellorou senón que empeorou á altura dos anos vinte xa que temos que en Galicia unicamente hai 95 periódicos por 2.210 do resto de España” . Deste cento de medios impresos, o catedrático Barreiro Fernández salienta que os máis importantes do momento en Galicia, segundo a súa tiraxe, eran Faro de Vigo e La Voz de Galicia (entre 12.000 e 15.000 exemplares); Galicia (12.000 exemplares); El Ideal Gallego (entre 6.000 e 10.000 exemplares), El Noroeste (entre 6.000 e 7.000 exemplares) e, finalmente El Correo Gallego (6.000 exemplares). A prensa galega madurou profundamente nunhas décadas. O desafío do novo século trouxo un xornalismo marcado polas ideas pero tamén polo obxectivo informativo e comercial. A ditadura de Primo de Rivera sería o primeiro aviso do fin deste despegue informativo.

 

 

 

oco
Galicia
Inaugurou un estilo moderno de facer xornalismo

oco
Nós
A revista cultural que xuntou a boa parte do mundo cultural galeguista

oco
A Nosa Terra
O voceiro dos movementos políticos alternativos





Documento sin título
  Un proxecto de culturagalega.org e o Arquivo da Emigración Galega coa colaboración da Sección de Comunicación, a Sección de Literatura do Consello da Cultura Galega e o Arquivo Sonoro de Galicia.
Dirección: Manuel Gago / Marcelino X. Fernández Santiago
Redacción e produción:
Emilia García, Prudencio Viveiro (Arquivo da Emigración Galega)
Xermán Hermida, Santi Montes, Cristina Mouriño (culturagalega.org)
Rosa Aneiros, Daniel Salgado (Sección de Comunicación do CCG)
Montse Pena (Sección de Literatura do CCG)
Deseño: Miguel Alonso, Manuel Gago
Infografía: Manuel Gago
“Co noso agradecemento á Real Academia Galega, a Manuel Lugrís Rodríguez, e á Consellaría de Cultura polos retratos de Lugrís Freire”