Documento sin título
culturagalega.org
logo letras galegas 2006 Free CSS Navigation Menu Designs 2 at exploding-boy.com

Inicio > A Coruña > Turnistas solidarios
turnismo

O turnismo baseouse na creación de dous grandes partidos de notábeis (liberal e conservador) aos que lles correspondía agrupar ao máximo número posíbel de grupos e faccións, co único requisito de aceptar a monarquía alfonsina. Por este motivo coñecíanse como partidos dinásticos. Estes dous partidos turnáronse no poder (de aí o nome de turnismo). A cada mandato dun partido sucedíao un goberno do outro. Deste forma, aínda que deixaban fóra ás minorías carlista e republicana, garantindo unha importante estabilidade, que se traduciu na longa duración do réxime. Para iso había que basearse nun sistema non democrático, aínda que fora de carácter representativo, é dicir, elixíase un parlamento, pero as prácticas caciquís e o gran pacto entre os dous partidos fixo sempre que gañara as eleccións o partido que as convocaba. No sistema da Restauración, o rei nomeaba o goberno, e despois facíanse as eleccións para ese goberno tivera maioría parlamentaria coa que gobernar.

A representación parlamentaria de Galiza, desde 1876 até a caída do sistema liberal en 1923, foi exercida de forma case paritaria polos dous grandes partidos dinásticos: partido liberal e partido conservador. Nas 21 eleccións celebradas naquel período foron elixidos 945 deputados, repartidos case a partes iguais entre liberais sagastinos e conservadores canovistas. Esta posición aínda se reforzou máis no século XX , coa aplicación do artigo 29 da Lei electoral de Maura, a partir das eleccións de 1910. Máis dunha cuarta parte dos deputados galegos foron proclamados sen haber votación, vía o famoso artigo 29. Os distritos electorais, antes e despois de 1910, eran moi estábeis nos seus resultados. De feito, case un terzo destes escanos parlamentarios (302 sobre un total de 945) foron ocupados por tan só 26 persoas. Figuras como os Ordóñez, Vincenti, Urzáiz, Osma, Canido ou Espada foron deputados de forma ininterrompida durante vinte ou trinta anos.

alternativa

O desastre colonial de 1898 e a fragmentación dos partidos turnistas puxeron en cuestión o sistema político da Restauración. En efecto, baixo o pulo do rexeneracionismo prodúcese unha crítica da corrupción política, a denuncia do caciquismo e, polo que toca á periferia, censúrase a ineficacia do centralismo da Administración. Fronte a isto, todos os sectores políticos que permanecían fóra do sistema turnista procuran unha modernización da vida política.
En Galicia, a converxencia dos sectores opostos ao réxime da Restauración dá lugar á creación da Solidaridad Gallega en 1907, seguindo o exemplo da Solidaritat Catalana que en 1906 acadara a maioría dos deputados en Cataluña. Que era Solidaridad Gallega? Inspirada nos ideais rexeneradores de finais do século XIX, esta organización era unha coalición de tres sectores:

  1. Os republicanos liderados polo “Médico Rodríguez” (José Rodríguez Martínez) e Segundo Moreno Barcia. Tiñan a súa área de influencia na Coruña e Ordes. Este bando publicou na Coruña o voceiro Galicia Solidaria.
  2. Os rexionalistas da cidade da Coruña. A este grupo pertencían Manuel Murguía, Galo Salinas, Eugenio Carré Aldao e Manuel Lugrís Freire. Lugrís era en 1907 presidente da organización rexionalista Liga Gallega.
  3. Os tradicionalistas liderados por Juan Vázquez de Mella, con moita influencia no distrito de Arzúa.

En setembro de 1907 ve a luz o Manifiesto Solidario, que fixaba o programa político da organización. A partir deste momento vanse creando os Comités Solidarios en cidades e vilas, celebrándose asemade varios mitins de propaganda, actos nos que interviñeron dirixentes solidarios cataláns.
Desde o punto de vista político a Solidaridad Gallega non acadou os seus obxectivos, ao non conseguir ningún deputado nas eleccións. O fracaso electoral contrasta coa súa influencia social, pois a Solidaridad Gallega favoreceu a creación de moitas sociedades agrarias, que deron un pulo significativo á mobilización campesiña.

Unha herdanza destacada da Solidaridad Gallega foi a creación do voceiro A Nosa Terra. Esta revista, que se publicou entre agosto de 1907 e outubro de 1908, estaba vencellada ao sector rexionalista da Solidaridad Gallega, sendo dirixida por Uxío Carré Aldao. A Nosa Terra publicouse inicialmente en castelán; habería que agardar até 1916 para que este xornal se editase integramente en galego, xa como voceiro das Irmandades da Fala.

 

 

 

Documento sin título
  Un proxecto de culturagalega.org e o Arquivo da Emigración Galega coa colaboración da Sección de Comunicación, a Sección de Literatura do Consello da Cultura Galega e o Arquivo Sonoro de Galicia.
Dirección: Manuel Gago / Marcelino X. Fernández Santiago
Redacción e produción:
Emilia García, Prudencio Viveiro (Arquivo da Emigración Galega)
Xermán Hermida, Santi Montes, Cristina Mouriño (culturagalega.org)
Rosa Aneiros, Daniel Salgado (Sección de Comunicación do CCG)
Montse Pena (Sección de Literatura do CCG)
Deseño: Miguel Alonso, Manuel Gago
Infografía: Manuel Gago
“Co noso agradecemento á Real Academia Galega, a Manuel Lugrís Rodríguez, e á Consellaría de Cultura polos retratos de Lugrís Freire”