María convértese tamén na protagonista de "O malentendido", a primeira peza teatral de quen será o seu amante durante anos, Albert Camus. Con apenas vinte anos, comeza a ser coñecida e admirada en todo París, tendo que rexeitar a numerosos pretendentes. Entra no cinema cun papel secundario nunha película de Marcel Carné, "Os nenos do paraíso" e pouco despois, en 1944 protagoniza "As damas do Bosque de Boloña" de Robert Bresson.


Acada o papel protagonista na estrea de "Estado de sitio", de Camus, e comeza a súa relación con Sartre, Simone de Beauvoir, Picasso ou Cocteau.