l

 

 

 


[NARRADOR]

Allariz, 1945. Estudiou Náutica e durante moitos anos adicouse ó ensino privado. A súa obra narrativa foi traducida a diversas linguas. O seu primeiro libro aparece en 1968, o poemario Mencer de lúas. Como narrador publicou os libros de relatos Mementos de vivos (1974); A casa de Adara (1996) e as novelas O contubernio (1978); O barco é do amo (1978); Breixo (1981),

Premio da Crítica Española e Premio da Crítica de Galicia; Memoria de Noa (1982), Premio Chitón de Novela e Premio Ícaro; Xa vai o Griffón no vento (1984), Premio Blanco Amor de Novela, Premio da Crítica Española, Premio Nacional de Literatura, Premio Grinzane Cavour á mellor novela estranxeira publicada en Italia en 1990; Los otros días (1991), Premio Nadal de novela; Sempre me matan (1995). Sacou á luz unha longa entrevista con Fidel Castro titulada Una conversación en La Habana (1989). Neste mesmo ano tirou tamén do prelo Música sacra. Alfredo Conde foi o primeiro presidente do PEN clube galego.

 

necesitas:



 

Temblo, pero non de emoción, senón de Parkinson. Reconozo que non llo debín dicir tan bruscamente cando ó baixar do coche vin que estaban a agardar por min. O certo é que prefería ter chegado só, ocupa-la vella casa tranquila e sosegadamente, e ir valéndome por min mesmo. Pero non foi así e non sei se me culpar por elo. Pode que sexa unha teima de vello, pero así é. Chegada a edade provecta na que me atopo tendo, con donidade abonda, a me sentir culpable de caseque todo. De ter feito isto ou de non ter feito aquelo; de me adiantar na realización de algo ou de considerar que me retrasei na súa execución. Iste desasosego debe ser cousa da vellez ou, o que é pior, a vellez mesma. Rosmar por todo, maldicir de todo e todo criticalo, atopalo ruín ou excelso, segundo o teña atopado quen comigo estea e con tal de lle leva-la contraria, non é máis ca un signo de afirmación propio de vellez. Consólame o pensar que ó ser conscente disto aínda teño algunha esperanza de vida e aínda me podo ir zafando da desintegración final.

Posiblemente se trate dun proceso semellante ó dos nenos só que no sentido involutivo, pois coma un neno é como eu me sinto logo de me ter afirmado de xeitos tan peculiares coma o que cometín ó baixar do coche. Coma un neno que pra se afirmar vai baleirando do berce o axóuxere, a chupeta, todo canto por ver de entreteñelo foron depositando sobor del e que, cada vez que acada a arredar de xunto súa unha imposición feita polos seus maiores, rosma satisfeito e afirmado da súa propia decisión. Coma un neno que vai chuspindo as papas de millo, ou o xantar prefabricado que alguén mercou pra el na farmacia viciña e, ó facelo, surrí malévolo e dono de maior confianza en si mesmo da que deica entón endexamais tivera. Coma un neno que se nega a repeti-las frases, ou tan só as verbas que os seus intentan lle aprender e logo tatexa aquelas outras que a el lle petan e que non din ou non teñen nada que ver coas que del se agardan. Coma un neno...

Foi o meu exabrupto un xeito de mandarlles aviso do que me levara alí, de lles dicir a miña palabra e de lles impor a miña visión dos feitos, o meu concepto das cousas; de os encanar polo rego da miña propia e inútil afirmación de vello. A miña vontade, non os meus sentementos, fora o que me levara alí. A miña propia decisión, non a idade da vida. E debía ser así. Non coñecía a casa e non me podía emocionar; tampouco non me coñecían eles a mín e a noticia dun vello que sae nos xornais non era razón abonda como pra que os conmovidos fosen eles.

Tampouco non había maior xustificación pra que estivesen a agardar por mín; a non ser un aviso do xeito de "mañán chega o novo dono, a eso das catro" non había razón ningunha pra que me agardara tanta xente. Nin tanta, nin tan pouca, porque tampouco non mandara eu recado ningún; nin deixara dito que fora dado por ninguén.


[Versión orixinal en galego de Los otros días. Barcelona. Destino, 1991]

 

 


Cultura Galega.org

Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000