ELADIO
RODRÍGUEZ
GONZÁLEZ. BIOGRAFIA

(San Clodio, Leiro, Ourense, 1864; A Coruña, 1949).

Pasou a infancia na súa aldea natal, nas terras do Ribeiro de Avia. Sendo moi novo trasladouse á Coruña, onde alternou o seu traballo como funcionario municipal (entre 1888 e 1937; empeza de escribente, logo foi oficial da Secretaría e, finalmente, oficial maior) co labor xornalístico, poético e lexicográfico.

Ademais de colaborar en xornais e revistas como Revista Gallega ou Galicia, dirixiu os xornais La Mañana e El Noroeste. No ano 1904 funda con outros xornalistas locais a Asociación da Prensa da Coruña, da que foi presidente.

Como poeta, algunhas das súas composicións obtiveron premios en distintos certames: "A noite de San Xoán" (accésit no certame de Pontevedra de 1886), "Os orfos da emigración" (Betanzos, 1887, primeiro premio), "Desperta" (Tui, 1891, primeiro premio), "Sombras" (Lugo, 1915, primeiro premio), "Alma de raza" (Lugo, 1918, primeiro premio), "Oraciós campesiñas" (Santiago, 1924, Festas da Lingua Galega, premio de honor)... Ó longo da súa vida publicou 3 libros: Folerpas (1894), Raza e Terra (1922) –único número da colección "Céltiga" dedicado a poesía– e Oraciós campesiñas (1927). A súa poesía temos que situala na tradición das últimas décadas do século XIX, non participa dos novos movementos literarios. Os temas son: o mundo rural, a redención de Galicia, a emigración, a recuperación da nosa lingua, o enxalzamento dos costumes populares, o amor pola natureza... Podemos destacar na súa obra un gran coidado da métrica e un bo dominio do idioma.

Excelente coñecedor do léxico galego, traballou moitos anos no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano, que foi publicado despois da súa morte. Saíu en 3 volumes, cun total de 45.673 entradas, cantidade nunca acadada en Galicia ata entón por ningunha destas publicacións. Este traballo destaca polo seu aspecto lexicográfico e enciclopédico: ademais da súa gran riqueza de voces, refráns e modismos populares, ten abundantes datos etnográficos, históricos, xeográficos, arqueolóxicos... A pesar de que foi redactado hai máis de 60 anos, aínda é hoxe en día unha obra útil e de obrigada consulta.

Foi un dos 40 membros numerarios fundadores da Academia Galega; secretario desta durante sete anos, baixo as presidencias de Manuel Murguía, Martínez Salazar e Ponte Blanco; e presidente dende 1926, como sucesor do último dos citados, ata 1934, ano en que renuncia a este posto por motivos de saúde.




 

 

Eladio Rodríguez, vida e obra
Ed. Xerais

Eladio Rodríguez, poeta, xornalista...
Ed. Ir Indo

Oraciós Campesiñas
Ed. facsímile.
Galaxia

 

 

 

Cultura Galega.org
Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000