O xornalista

Introducción

Eladio Rodríguez, un compromiso coa cultura desde a prensa

Traballo coma xornalista


Asociacionismo e rutinas laborais

Paixón por Galicia

Nós. Páxinas Gallegas

A xeito de conclusión

ELADIO RODRÍGUEZ,
un compromiso coa
cultura desde a prensa


"Nos ledizosos días do Ribeiro, no balbordo e ridual da festa, e no calado silencio da noite percorrida por ecos desfiados de cántigas, arranxando na mesa da oficiña informaes, deixando exercitárese a pluma nun artigo limpo, sempre intresante para un xornal da Cruña,
Don Eladio engadía, tollía, milloraba, aseguraba un membro, ningún cativo, todos valentes, da grande basílica da língoa falada. E o mesmo cando escolmaba ditosos ritmos belidos, para compor en honra de unha terra galega, un costume, un lembrar fondo e gasalleiro, os arcos de froles de unha poesía".

Estas son palabras de Ramón Otero Pedrayo no prólogo á primeira edición do Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano de Eladio Rodríguez. Supoñen un resumo agarimoso das actividades de Don Eladio relacionadas coa vida cultural galega, pero, sen dúbida, non chegan para abrangue-la cantidade de eidos nos que este participou dende a cidade da Coruña, a súa cidade de adopción.

Chegou á cidade herculina no ano 1887, e nela viviu ata o ano da súa morte, en 1949. Eladio Rodríguez nacera en San Clodio, na comarca do Ribeiro, un 24 de xullo de 1864. Esta paisaxe da infancia será unha fonte constante de inspiración no poético e mesmo no xornalístico, onde, como veremos, adicou páxinas á crónica de viaxes polas súas terras. Iniciou os seus estudios no lugar de nacemento, nunha escola dentro da casa conventual en ruinas pero, ós sete anos, mándano á Coruña completar estudios, e vive na casa dun seu tío. De mozo regresa ó Ribeiro, ata o seu establecemento final na Coruña.

Eladio Rodríguez exerce como mestre, o que lle provoca un conflicto co profesor oficial porque lle roubaba a clientela. Xa na Coruña traballa no concello como funcionario, para obter un soldo fixo e así poder mante-la súa participación en moitos campos culturais. Eladio Rodríguez toma parte, como membro da Liga Gallega, en tódalas iniciativas políticas e culturais do galeguismo, movemento co que sempre estivo comprometido dende as páxinas escritas nos xornais. En concreto, participou nas reunións que deron lugar á fundación da asociación musical "Cántigas da terra", da que saiu elexido presidente ó ano da súa creación. "Cántigas da terra" foi unha das actividades inscritas do programa de difusión da cultura tradicional promovidas polas Irmandades da Fala.

A Real Academia Galega é outro dos centros intelectuais nos que Eladio Rodríguez participa. É membro numerario fundador, nun momento no que, dende os medios solicítanse pautas que unifiquen os criterios de uso da lingua galega. Da Academia será primeiro secretario, dende 1920 ata que, seis anos máis tarde, resulte nomeado presidente. Permanece no cargo ata 1934. Por outra banda, Eladio Rodríguez pertence á "Cova Céltica", un grupo de intelectuais rexionalistas coruñeses que mantiñan faladoiros na libraría de Leandro Carré Aldao.

O nome de "Cova Céltica" non foi decidido polos asistentes ás súas reunións, entre os que se encontraban intelectuais como Manuel Murguía, Galo Salinas, Manuel Lugrís Freire, Sofía Casanova ou Emilia Pardo Bazán. O pontevedrés Celso García de la Riega creou este calificativo, coa colaboración de Leopoldo Pedreira e José Mª Riguera Montero, como mostra de desprezo polas aspiracións galeguistas do grupo. Eles traduciron o "insulto" e nomeáronse a si mesmos "coveiros". Promovían diferentes iniciativas políticas como a que se levou a cabo pouco despois da súa constitución como grupo, que tiña como lema "Autonomía para Galicia". Este e outros proxectos rexionalistas son recollidos na Revista Gallega, publicación que se mantivo dende 1985 a 1907.

Nesta revista coruñesa, como en moitas outras da cidade e as editadas polos galegos na emigración americana, Eladio Rodríguez colabora moi activamente. O xornalismo escrito será unha das súas actividades preferentes, non só como redactor senón tamén desempeñando cargos de responsabilidade en xornais e participando no asociacionismo profesional na cidade de Coruña. Un dos labores máis calados de Eladio Rodríguez será a recollida, escolma e redacción coidadosa das entradas do seu Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano, o traballo de toda a súa vida.

Di Otero Pedrayo que Eladio Rodríguez "coidaba baleiro e pecadento o día decorrido sin apañar unha verba, ou a sombra vagoenta de unha verba espreital. Acolle a fala como deita dos labres dos falantes". Serán estas mesmas palabras as que empregue nos seus escritos xornalísticos coa mesma vontade de divulgación. Finalmente, outra das actividades principais de Eladio Rodríguez foi a que desenvolveu como poeta, que, o mesmo que a súa sistemática recollida de palabras, foi constante.

El mesmo se definiu como poeta, igual que moitos dos seus contemporaneos. Iníciase como literato xa na súa estadía no Ribeiro. As súas primeiras publicacións aparecen en O Tío Marcos da Portela, da man de Lamas Carvajal que, segundo dixera o propio Rodríguez, o amparara nos seus primeiros poemas. Francisco Fernández del Riego sitúa a obra poética de Eladio Rodríguez no que el denomina "Xeneración de Tránsito", tránsito de carácter temporal, do século XIX ó XX. O seu traballo como poeta tivo críticas moi desiguais pero, segundo apunta Xoán Carlos Lagares, a súa obra poética non ocupa un lugar relevante na historia literaria galega.

Lagares engade que a sona de Eladio Rodríguez no seu momento dependeu da trascendencia dos premios literarios, que lle deron recoñecemento social xunto coa súa activa participación na vida intelectual galega, pero que este recoñecemento non durou máis aló da súa morte. A profesora Dolores Vilavedra, aínda que lle recoñece os seus valores, apunta que é un poeta epígono en dúas direccións porque traballa "de xeito continuísta pero con gran coidado da métrica e un excelente dominio do idioma, boa parte das liñas temático-estilísticas que cultivaron os escritores do rexurdimento pleno e mesmo as actitudes do primeiro Cabanillas". Nos seus tres poemarios, Folerpas (1894), Raza e Terra (1922) e Oracións campesiñas (1927) o tema preferente é o ruralismo, tanto na recreación da paisaxe, sobre todo a súa visión do Ribeiro, o seu espacio poético de referencia, como na descripción da vida no campo e das loitas agrarias nas que se implica como poeta.

Como veremos no seu traballo xornalístico, Eladio Rodríguez recorre a estes mesmos temas, igual que a unha marcada defensa da lingua e literatura galegas. O compromiso galeguista está tamén representado na súa poesía pola incorporación de mitos de orixe céltico. No tránsito do XIX ó XX, non hai que esquecer que nas publicacións periódicas da época proliferaban este tipo de temas, cun nomeado interese polo enxebre, o entendido como propiamente galego. Sen embargo, resulta significativo que o grupo de Eladio Rodríguez rexeitara o calificativo de enxebres. Concretamente, Anxo Tarrío cita unha carta que Eduardo Pondal dirixe ós coruñeses da Revista Gallega, entre os que se atopaba o propio Rodríguez, na que se omite na súa publicación tal calificativo. En concreto, emiminan a frase "Bien, muy bien, por nuestros enxebres" e manteñen outras expresións como "os chaufeurs do match intelectual".

 
 

 

Eladio Rodríguez, vida e obra
Ed. Xerais

Eladio Rodríguez, poeta, xornalista...
Ed. Ir Indo

Oraciós Campesiñas
Ed. facsímile.
Galaxia

 

 

 

Cultura Galega.org
Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000