Correo Busca en CG
Subscríbete
Inicio


Mesturando azucre


"Galego no mundo-Latim em pó", unha idea nova chega a Compostela. Un encontro cultural de todos os países de fala galego-portuguesa. Unha chamada a recapacitar sobre as posibilidades da lingua e as relacións de Galicia coa comunidade lusóffona. Elías Torres, coordinador do encontro, explícanos polo miúdo qué é"Galego no mundo"

¿Como xurdiu a idea de organizar estes encontros?
Desde hai moitos anos hai unha serie de persoas que entendemos que o problema da lingua e o problema da cultura galega non é un problema puramente ortográfico, nin se resolve pola vía da súa castelanización progresiva. Estas persoas pensamos que é na aproximación ó mundo lusófono onde atopamos a nosa razón de ser, a nós que nos inflúan os portugueses e os brasileiros é un xeito de mesturar azucre con azucre, que nos inflúan os casteláns, sen ningún tipo de deprezo, é unha maneira de mesturar azucre con auga, e esta é unha idea que leva moitos anos aí.
Eu co tempo pensei na necesidade de organizar uns econtros deste tipo, que permitise ós galegos dicir que somos importantes e que a lingua, se está ben engraxada, é unha chave que abre moitas portas, e dicirlle ó resto da lusofonía que estamos aquí, que exisitimos e que temos potencia para facer.
Cando Manuel Portas, concelleiro de Normalización Lingüística me veu pedir unha idea, propúxenlla, e foi para adiante. É unha idea que se aprobou tarde, en xuño, e mesmo así chegamos a isto. Houbo problemas orzamentais, pola suba do prezo do petróleo, o que fai que as viaxes sexan moi caras, e en termos dos compromisos da xente.

"Que nos inflúan os portugueses e os brasileiros É un xeito de mesturar azucre con azucre"


¿Qué obxectivos se perseguen?
Os obxectivos son prestixiar na sociedade santiaguesa e galega a lingua galega. O de prestixiar ven en dous sentidos. Primeiro, fronte á idea de chamada ó martirio e sufrimento que se asocia á normalización lingüística, a chamada ó goze e ás posibilidade que a lingua nos abre. En segundo lugar, reparar nesoutras posibilidades, que un individuo de Vite, de Vista Alegre, do Ensanche ou da Zona Monumental vaia e coa súa lingua "de segunda división" que é o galego articule unha comunización cun mozambicano ou cun escritor do Nordeste brasileiro. Ese é un obxectivo fundamental, de prestixio e de estima polo propio, que nos identifica e que nos une a outros.
Outro obxectivo do econtro é crear espacios de relación concreta entre todos os participantes en cada unha das cuestións, que de aquí saian proxectos concretos. Xa antes de comezar hai sete ou oito proxectos en marcha, e agardamos que cando isto remate haxa máis e que isto teña continuidade.
Ademais destas cuestións hai outra, que é tentar que as institucións públicas galegas reparen nisto e vexan que é un camiño que sitúa a Santiago e a Galicia no centro, con capacidade de enviar e de recibir e non como pura periferia, e que ademais isto acádase da maneira máis natural, isto é simplemente un grupo de case duascentas persoas que veñen porque a lingua os chamou. Isto non é máis que por en realidade obxectivos xerais e por en práctica o que está sempre no lado do mito, coma o de dicir que os portugueses son os nosos irmáns. Isto é a posta en práctica disto.

"A lingua, se está ben engraxada, é unha chave que abre moitas portas"

¿Cres que "Galego no mundo" pode reavivar o debate sobre a normativa do galego ou potenciar unha nova política institucional cara a lusofonía?
Nós non imos tratar a cuestión ortográfica nin normativa. O que é evidente na miña opinión é que, sendo a normativa un intrumento, podemos ter corredoiras ou autoestradas. Eu prefiro ter autoestradas que nos comuniquen sen perder o que nós somos, e iso sería a reforma normartiva. Pero todo iso é unha consecuencia, é dicir, eu quero autoestradas porque teño vontade de comunicarme. Cada vez máis a relación social e cultural de Galicia co mundo lusófono pode ser maior. Por iso cada vez vai ser máis evidente se existe unha vontade política de que non se quere estar por aí. Haberá que xustificar e dar razón disto, haberá que explicarlle ó pobo galego por que se lle nega o acceso a unha cultura que tamén é parte do seu patrimonio. Camões, Jorge Amado ou Mia Couto, en parte tamén pertencen a Galicia. Este é o dilema que terán que enfrontar, se facer de Galicia un lugar periférico, sen identidade ou situa-la no mundo con todas as súas potencialidades. Son as dúas alternativas.


"Isto é simplemente un grupo de case duascentas persoas que veñen porque a lingua os chamou"


¿Que criterios se seguiron para seleccionar os asistentes?
É difícil, de sinalar, algúns son criterios obxectivables. Por unha banda, estivo presente a posibilidade de coñecer o que é descoñecido, e, complementario a esta, a posibilidade de convidar a quen xa coñece Galicia e a súa realidade.

"Sendo a normativa un instrumento, podemos ter corredoiras ou autoestradas. Eu prefiro ter autoestradas que nos comuniquen sen perder o que nós somos, e iso sería a reforma normativa"


¿ Pódesnos adiantar que proxectos están e marcha?
O que podo adiantar é, na esfera de teatro, proxectos de actuacións comúns, na literatura xa está no séptimo capítulo a narración "O cránio de Castelao". En canto ás comunidades no exterior está previsto manter por rede ou por outro soporte informativo a ligazón entre as comunidades que van participar. Na música está a idea de realizar proxectos concretos con tódolos participantes. Alén disto está a idea de manter a marca "Galego no mundo- Latim em po" como elemento aglutinador, tanto dos que organizaron isto como de todos os que se asociaron a esta idea, para realizacións futuras deste encontro ou para outro tipo de proxectos que desde aquí poidan emanar.


"Camóns, Jorge Amado ou Mia Couto, en parte tamén pertencen a Galicia"


¿Está previsto que o encontro teña continuidade?

Porto ten na súa man a continuación de todo isto, se o fai ou non xa será cos seus criterios. O que é evidente é que con este encontro nós, galegos da periferia, demos unha idea ó resto da lusofonía, e estamos dispostos a obrar xenerosamente con ela para que se repita sempre que se considere oportuna.

 

 

 




   

 

 

Cultura Galega.org
Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000