Correo Busca en CG
Subscríbete
Inicio


Helder Costa: A arma do teatro
"Se a valorizamos, a cultura popular pode rematar por se impor"


Por Xermán Hermida.

Helder Costa é un home non moi alto, algo groso e cabelo xa cano. Fuma tabaco negro e fala co seu pousado portugués do Alentejo acompañado de xestos, chamando constantemente a cumplicidade do oínte. Cre que o máis importante de encontros como "Galego no mundo" é coñecer xente e tomar copas con eles. Ten un aquel nos ollos que delata a súa gaña de rir, e as súas obras demóstrano. Desde a compañía independente máis importante de Portugal, A Barraca de Lisboa, leva vintecinco anos facendo rir e reflexionar o país, con obras que tratan os temas socialmente máis conflictivos cun ton sarcástico que lles reportou o éxito. Foi o primeiro que representou a Darío Fo no Alén-Miño, e concibe o teatro coma unha arte que debe promover a reflexión e servir para educar, sen deixar a compoñente lúdica.


Hai uns anos, vostede codirixiu unha obra, "Raíñas de pedra", en Galicia ¿cómo foi a experiencia?
Foi moi interesante, fixen a obra co Ollomoltranvía, xa tivera outro espectáculo coma este e é un bó equipo, entusiasta. É bo atopar un equipo que non está triste, que está feliz. Ficamos moi amigos e con moito pracer coñecermos. A min góstame traballar dun xeito o máis colectivo posible, non son un director autoritario. Eu teño que intentar facer que cada actor co que traballo descubrir que ten dentro de si, e foi un traballo case de psicoanalista, ver como son as persoas, como falan. O ensaio é unha parte do contacto, tan importante como o ensaio son as copas que se toman despois, e aí é onde se coñece a xente, e desde esa identidade é onde podemos crear unha historia, ver onde hai un sentido tráxico, un sentido cómico, ver como somos cada un de nós. O traballo do director para min é conseguir iso, e penso que con Ollomoltranvía foi posible e fiquei moi feliz co traballo. Xa estivera antes en Galicia, en Santiago estreei unha obra hai uns anos, nun encontro de escritores, cara o 92. Tamén montei espectáculos en Cangas, Moaña, Cariño, A Coruña, xa había un contacto coas persoas de aquí. E entón xa teño aquí os meus amigos, e é como se fose a miña patria tamén. Cando estou en Santiago sempre chove, incluso no verán, cando teño estado aquí, a miña concepción de Santiago é sempre con esa milagre da chuvia.

"Ser popular que non é o mesmo que ser populista, é a mesma diferencia entre ser culto e ser elitista"


O martes participou unha mesa sobre teatro popular dentro do encontro Galego no mundo, ¿De que se falou nesa mesa?
Houbo dúas participacións moi interesantes. Unha a de Alexandre Passos, que falou sobre un teatro de títeres que existe en Portugal e que é unha cousa extraordinaria, da que non se sabe a orixe. Ten varias pezas, unha relixiosas e outras profanas. Podemos atopar desde a representación dun baile de aldea e a continuación outra sobre a creación do mundo feita por Deus, con bonecos, con un enorme sentido do humor e unha grande participación popular de ideas. Así aparece Deus representado coma un terratenente, que crea a Adán, acontece o da mazá e Deus, para saber se comeron o froito, sobe á árbore conta todas as mazás, como facían os donos das árbores nas aldeas do Alentexo. Todo isto feito por campesiños, egora foi un grupo profesional que ficou coa herencia diso, e para min, sinceramente é o espectáculo máis fascinante que vin na miña vida, o mellor do mundo. Tamén interviu un poeta popular brasileiro, Zé Laurentino, que fala en verso, fixo unha historia sobre a capital da cultura de Compostela. Nestas cousas é onde se ve a forza impresionante da cultura popular.

"En París aprendín qué é realmente o teatro popular"

Nesa mesa, vostede foi convidado para falar da súa experiencia montando o Teatro Operario de París.
A miña intervención foi para valorizar estas cousas e falar dunha experiencia que eu tiven que foi o Teatro Operario de París. Eu estiven en París sete anos, por unha "bolsa de estudios" que Salazar me ofreceu, en vez de falar exilio, eu digo que foi unha bolsa de estudios. Aló montei o Teatro Operario, só con inmigrantes: obreiros, empregados, criadas... Moitos totalmente analfabetos. Tíñamos o traballo simultáneo de aprender todo. Empezamos facendo varias obras pequenas e rematamos con dúas grandes pezas. Unha era sobre unha revolta obreira que houbo en Portugal en 1934. Foi algo moi interesante, porque os membros do teatro puxéronse a investigar sobre o tema, e partir de aí fixemos unha peza, foi a producción popular a que fixo a peza.
O que aprendín a raíz destes contactos foi que a peza ten que ser construída dun xeito comprensible. Non era un formalismo burgués, non había cartos para escenarios, non había nada.
Facíanse espectáculos gratuítos por bares, con público portugués. Ó finalizar o espectáculo os actores preguntaban ó público quen quería facer teatro. A continuación facíase unha reunión entre os interesados, e un dos actores ficaba encargado de formar un novo grupo de teatro. En tres anos de traballo tíñamos dez grupos só en París, dous no sur de Francia, un en Bélxica, outro en Holanda, outro en Dinamarca, outro en Suecia, outro en Inglaterra... E en cada país facíanse pezas diferentes, sobre os problemas de cada lugar. Todo mediante comunicación, relación, o interese por situacións concretas, qué e o que interesa as persoas.

"Se quero atacar un problema o mellor é empregar o humor"


¿Que cre que vai acontecer coa cultura popular.
Co Teatro Operario aprendín qué é realmente o teatro popular, e como a palabra ten que se escribir do xeito que a xente percibe as palabras, e non as que se aprenden a Universidade. Foi unha abordaxe do que é posible discutir sobre o valor da cultura popular e como podemos axudar á cultura popular. Nós temos unha responsabilidade niso, porque a cultura popular é esmagada da mañá a noite polo intelectual, polo falso doctor, polo falso profesor... Se valorizamos esta forma cultural fortísima pode rematar por se impor. Sei que é moi difícil en Europa, mais se traballamos sobre iso, pouco a pouco haberá algo. Temos falado con intelectuais, artistas ou xornalistas da responsabilidade de comunicar o respecto á palabra, a palabra directa, clara. Isto non é baixar o nivel, e poñer a cultura popular ó noso nivel. Hai que ser claro, ser popular que non é o mesmo que ser populista, é a mesma diferencia entre ser culto e ser elitista.

"Para escribir unha obra ollo a realidade do país ata atopar un tema que me interesa"

Xa de volta en Portugal, vostede organizou a compañía A Barraca, ¿como funciona?
A Barraca ten xa vintecinco anos. Durante a dictadura estaba todo prohibido, corenta e oito anos de fascismo é moito tempo, e non se pode agardar que a xente teña consciencia. Logo do 25 de Abril decidín traballar sobre a historia e a cultura de Portugal. Explicar quen era Gil Vicente, Camões. Isto fíxose durante anos, equilibrando con traballos de propaganda directa sobre a realidade. Por iso estreei a Darío Fo en Portugal en 1980, Woody Allen, Ionesco, "Primeira plana" de Benett para falar dos medios de comunicación. Sempre sobre a historia e a cultura, e entón entrei nas escolas e nas universidades. Esta é unha liña que penso que sempre funciona, porque problemas hai sempre. Para escribir unha obra ollo a realidade do país ata atopar un tema que me interesa. O racismo, os medios de comunicación social... cunha característica da que gosto no meu traballo que é que as pezas son nun noventa e nove por cento humorísticas. Creo que se quero atacar un problema o mellor é empregar o humor, e quizais por iso A Barraca puido manter unha liña sen interrrupción, e crear un público con certo prestixio nacional e internacional que pagamos, porque estamos mal vistos polo goberno. Estivemos dez anos sen un subsidio, e aguantamos mediante dedicación ó público, viaxes, festivais, e un elemento fundamental que é a paciencia. Agora, se o goberno dá a un grupo que ten cen millóns, ou dez millóns, nós temos un, e ó mesmo tempo somos o único grupo do país que ten premios nacionais, e internacionais. Actualmente a barraca ten oito obras sempre peparadas, a partir de xaneiro serán dez. Isto permítenos que se unha cidade nos pide unha obra, imos alí cunha obra e outra parte do equipo vai a outras dúas cidades próximas a facer outras obras. É cuestión de organizarse ben, estar planificando constantemente.

¿Que agarda deste encontro?
Penso que o máis importante é por persoas en contacto e coñecela. Ó final pode haber unha declaración, pero o importante é coñecer as opinións de persoas doutros países, trocar experiencias e facer proxectos en conxunto. Por exemplo agora un actor de mozambique que coñecemos onte xa vai facer unha cousa en A Barraca. Os gobernos nunca farán algo así, temos que ser nós os que facemos as cousas, os que están interesados, teñen semellanzas, falan claramente son camaradas na misma loita, entendémonos.

"Nunca en Portugal se faría un encontro da lusofonía coma este. Alí faríase un encontro de profesores"

¿Que é para vostede a lusofonía?
A cuestión da lusofonía creo que hai un traballo moi importante feito para mover eses lazos. Penso que para que iso se leve ben é preciso converncer a Portugal. O problema é de Portugal e de Brasil. ¿Que é o que pasa alí? Nunca en Portugal se faría un encontro da lusfonía coma este. Alí faríase un encontro de profesores académicos, pechado, e para chamar ó cantor popular, ó escritor mozambicano, non habería diñeiro. É aí que a lusofonía é un grande bluff, porque o que está a pasar na práctica é que hai unha serie de funcionarios que gañan a vida dicindo o que é a lusofonía. Fan unha publicación que fica na biblioteca que ningúen lé, gastase moito diñeiro e a lingua portuguesa non se espalla, non se desenvolve, non é adquirida. E no caso portugués a situación é aínda máis grave, porque, por exemplo, Angola e Mozambique teñen o portugués como lingua oficial, pero tamén teñen os seus dialectos e van falando. En Portugal somos cerca de dez millóns e hai seis millóns de portugueses no estranxeiro. Se eu non trato da lingua en relación a esa xente, ¿que pasa? Esa é unha obriga de investimento con esa xente desprazada é un crime desde un punto de vista político e económico, e eu son pesimista nese sentido, non se fai nada. Habería que crear escolas de portugués na emigración, nos barrios, asociacións populares... do mesmo xeito que eu o fixen, outros o poden facer, sen diñeiro.

 

 

 




   

 

 

Cultura Galega.org
Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000