Correo Busca en CG
Subscríbete
Inicio


Fausto: O ritmo do pobo
"En Portugal a música popular salvouse e desenvolveuse dentro dos muros da universidade"

 

Entrevistamos a Fausto, queizais o mairo cantautor portugués depois de José Afonso, que visita Galicia dentro do encontro "Galego no mundo-Latim em pó" que se está a celebrar en Compostela. Aquí podes ler unha versión resumida da entrevista, se queres lela completa (non ten perda), preme aquí. Tamén dispós dalgunhas ligazóns para saber máis sobre el.
Por Xermán Hermida.

Naceu nun barco, viveu en Angola, no último cuarto de século encarnou, onda outros cantores coma José Afonso, o espírito da música popular portuguesa e do Vintecinco de Abril. As súas letras, oscilando con mestría entre unha ironía constante e unha grande profundidade poética, a súa fidelidade renovadora dos ritmos tradicionais e a súa fonda temática social fixeron del unha figura mítica na historia da música portuguesa. Discos como "Madrugada dos trapeiros" ou "Por este río acima" forman xa parte da banda sonora do país. Odia as entrevistas, mais aceptou a concedernos esta, e ata semellou ficar contento.


Vostede xa estivera por Galicia.

Si, hai algúns anos que non veño. É curioso, eu comecei a gravar discos nunha editora portuguesa, e foi cando eu mudei para unha multinacional os discos deixaron de ser editados en España. Agora que non se edita acó, eu tampouco lle pido nada á editora, aínda que o lamento porque estamos preto un dos outros aínda que un pouco diferenciados, non é que o río Miño sexa unha grande fronteira. Tampouco estou moi ó tanto de que é o que se está a facer en Galicia, infelizmente. Sei que hai festivais en Portugal ós que van grupos galegos, pero non coñezo a obra deles. ¿Como ve as relacións entre Galicia e Portugal? É lamentable que culturas tan próximas, cunha lingua tan próxima, que en realidade é a mesma falada nun ton diferente, que é algo riquísimo, estean tan incomunicadas. Existe unha certa comunicación, polo menos no campo do comercio e da industria, pero na cultura non hai. Hai un esforzo dalgunhas persoas neste sentido, pero é preciso que sexamos un mesmo espacio en termos culturais, pero infelizmente non é así. Pode ser que a creación de grandes espacios coma a Unión Europea, pode favorecer a tendencia a se aproximar máis. Non comprendo por que cando eu lanzo un disco en Portugal e vai ás radios, non vai tamén ás radios galegas ou, por que cando un grupo galego saca un disco, non se distribúe nas radios portuguesas. Hai algún problema, a industria discográfica está dominada polos intereses americanos. Eu teño idade de abondo para que cando lanzo un disco, saia na radio, pero os máis novos ¿como poden ser divulgados?.

"É lamentable que culturas cunha lingua tan próxima, que en realidade é a mesma, falada nun ton diferente, estean tan incomunicadas"

¿Que tal está a transcorrer o encontro?
Xa asistín a algunha sesións, sobre literatura e música, e foron moi interesantes. Espero que sexan tamén interesantes os que vamos facer. Creo que é algo moi importante porque é un xeito de darse a coñecer e constatar que vivimos nun mesmo universo. A ver cales son os resultados prácticos. Estou moi agradecido de que se teñan acordado de min.

¿Como resumiría o panorama musical en Portugal?
A situación en Portugal en termos musicais é que se hai dez anos a música popular portuguesa tiña unha divulgación minoritaria, había unha divulgación enorme do chamada rock portugués ou pop portugués. A música tradicional é minoritaria no seu propio país. Agora estamos pasando unha fase insólita, e é que grupos de rock que cantan en portugués xa non son divulgadas na radio, son as bandas que cantan en inglés as que teñen grande éxito. Estamos a negar a nosa propia identidade dunha forma vergoñosa e somos poucos os resistentes, estamos ante unha concepción que corresponde á dislocación dos éxitos napoleónicos no eido da cultura.


Precisamente a súa intervención tratará sobre a música popular.
Na miña intervención vou falar das fases por que pasou a música popular Portuguesa, sobre todo a partir dun periodo estraño que foi cando o poder salazarista instalou o Secretariado Nacional de Información, á fronte do cal estivo un home chamado António Ferro, un home moi intelixente que comprometeu o poder coa cultura. Foi un home que pensou antes o que eu penso agora que é desenvolver a música portuguesa a partir da música tradicional. Seguramente temos ideas diferentes, el tivo un bo propósito pero obtivo resultados perversos. Este home que entendeu que todo o que ofendese o oído cristián e burgués devía ser censurado, promoveu o folclore, pero o folclore suave, mentres que cre expresión máis vernáculas e sobre todo máis telúricas, foron prohibidas. Outra cousa negativa que fixo foi ter erixido o fado en canción nacional, porque o fado é unha expresión urbana, de Lisboa e arredores, e hai expresións moi variadas do cristiano e burgués debía ser eliminado, e isto afectaba a moitas formas da música tradicional, e moitas perdéronse, e outras foron escondidas e mesmo Norte ó Sur. E non se pode erixir unha canción nacional. ¿Por que unha canción nacional e non as variadas músicas que temos?

"En Portugal a música popular salvouse e desenvolveuse dentro dos muros da universidade"

Vostede forma parte dunha xeración que recuperou eses ritmos tradicionais.
A xeración á que pertenzo tentou ir contra iso. Eu creo que en Portugal a música popular salvouse e desenvolveuse dentro dos muros da universidade. E isto aconteceu porque o pobo estaba amordazado, e quen pensou en preservar iso foi un grupo social extremadamente atípico que son os estudiantes, que percibiron que estaba a acontecer. E aí comeza o movemento, con José Afonso, aínda que José Afonso non caeu do ceu. Antes del existiron António Manano e Edmundo Betancourt, a quen José Afonso admiraba.


¿Pensa que no futuro a música popular vai estar en mans de elites intelectuais ou vai seguir ligado ó pobo?
Ligado ó pobo penso que infelizmente non. A ferida feita entre os anos 1933 e 1950 ó apagar unha memoria, creo que é prácticamente irrecuperable. Ó comezo da nosa rodase coincidimos cos intereses da industria musical, que teñen intereses moi instalados e prácticamente mafiosos. Agora ó pobo chegan outros, a música popular é minoritaria. Tampouco creo que o pobo a siga a facer, infelizmente porque non hai noticia dun compositor popular ou tradicional. Pode soar terrible, pero a recolla da música tradicional portuguesa está prácticamente feita, ¿onde está a nova? ¿Qué é o que se fai nas feiras, nas vilas, nas aldeas...? Non se está a facer nada, e sobre iso tamén teño unha visión moi negativa. Agardo que persoas intelixentes e inquisidoras prosigan. Considero que a xeración musical á que pertenzo, que eu chamaría a "Ínclita Xeración da Música", e estou orgulloso de ter pertencido a ela.

"O 25 de Abril Ficou aquén dos meus soños, eu soñaba moito máis"

¿Que ficou en Portugal do 25 de Abril?
Fundamentalmente a liberdade e o réxime democrático. Ficou aquén dos meus soños, eu soñaba moito máis. ¿O que? Eu esperaba que a riqueza do meu país fose mellor distribuída, que houbese máis igualdade neste aspecto. Aínda así, prefiro a liberdade e a democracia que o réxime anterior. E ¿quen sabe?, ó mellor a xente avanzar no futuro cara outras cousas que beneficien máis o pobo portugués e sobre todo combatan a pobreza, a exclusión e a marxinalidade.

"A lusofonía significa para min, sobre todo, a descuberta dunha fala e dun universo común"


¿Que é para vostede a lusofonía?
Antes de nada quero dicir que estou totalmente de acordo co termo, aínda hai moita xente que ten algúns prexuízos polo de "luso". E a lusofonía para min ten sentido. Non ten sido moi ben tratada, a CPLP (Comunidade de Países de Língua Portuguesa) debería ser máis activa. A lusofonía significa para min, sobre todo, a descuberta dunha fala e dun universo común. Non teño ningún problema sobre a palabra luso, porque nos é común, porque de aquí partiu a lingua, a mesma lingua. Hai unha sensibilidade común, esa lingua uniu millóns de persoas.

¿Ve aspectos positivos na mundialización?
Vexo aspectos positivos, pero só como forma de divulgación das outras culturas, non a través da homoxenización das formas de ser, sentir e pensar. Estou en contra do chamado pensamento único. Eu son un home de esquerda, e curiosamente nunca estiven en contra da formación da Unión Europea, porque entendo que a formación dese grande espacio é positiva e próxima ós pobos, aínda que podo estar en desacordo coas políticas adoptadas por ese espacio.

"Son un home menos de certezas que de dúbidas, son practicamente un cartesiano e confróntome comigo mismo"

¿Cales son os seus próximos proxectos musicais?
Estou a escribir un disco de orixinais pero con moita calma, sen presa. Eu podía escribir máis rápido, pero non teño presa. Teño ciclos de creación alongados pero non teño presa. Eu racho moito papel, sobre todo ó día seguinte, cando oio o que escribín o día anterior. Son un home menos de certezas que de dúbidas, son practicamente un cartesiano e confróntome comigo mismo.

 

 

 




   

 

 

Cultura Galega.org
Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000