Correo Busca en CG
Subscríbete
Inicio
Avelino Ferreira Gomes: Unha voz portuguesa nos Estados Unidos


"A lusofonía fica coma un concepto académico, pero non se dá a nivel de relacións en Estados Unidos"



 

Se queres saber máis cousas sobre o "Portuguese Times", consulta as súa páxina en internet.
Por Xermán Hermida.

Avelino Ferreira dirixe un semanario en portugués. A peculiaridade da súa publicación é que se publica en Boston, Estados Unidos, e que é lido pola comunidade emigrante daquela zona. Nesta entrevista cóntanos como se organiza a súa comunidade e como funciona un medio de comunicación que se desenvolve nun contorno lingüístico hostil.

¿Como se conformou unha comunidade portuguesa en Boston?

New Bedford, a cincuenta quilómetros de Boston é unha cidade con cerca de 100.000 habitantes. No século pasado era moi coñecida pola caza da balea. A emigración portuguesa a esta zona comezou coa caza da balea. Todos os barcos que saían desta zona e da illa de Nantucket, saían cara o Atlántico Sur na caza da balea en expedicións prolongadas de dous ou tres meses e paraban nos Azores para abastecerse e para refrescar as tripulacións, e entón moitos azorianos embarcaban e ían para New Bedford. A emigración continuou coa industrialización e a necesidade de man de obra. Cerca do 60% dos habitantes de New Bedford son portugueses ou descendentes de portugueses. Se se colle unha lista telefónica e se ollan os nomes son todo Ferreira, Silva, Sousa... nomes portugueses.

"Cerca do 60% dos habitantes de New Bedford son portugueses ou descendentes de portugueses"

Algúns xa son de terceira xeración, nin falan portugués, pero son de ascendencia portuguesa. Hai xa moitos anos comezaron a aparecer institucións portuguesas, clubes portugueses, igrexias portuguesas. Tamén comezaron a aparecer xornais e medios de comunicación. Houbo unha época a comezos do século, nos anos 20 e 30, que a comunidade era moi activa, pero era unha época na que había moitos militantes por motivos políticos, de resistencia a dictadura, e xa tiñan un sentir máis intelectual que a emigración normal. Nesa altura chegou a haber moitos xornais, e grupos de teatro, e asociacións culturais que despois foron desaparecendo. Durante a II Guerra Mundial a emigración case parou, e a finais dos anos cincuenta e comezos dos sesenta iso mudou e entón renovouse a emigración. Algunhas das institucións xa existentes revitalizáronse coa nova emigración e outras foron creadas polas novas xeracións de emigrantes como é o caso do Portugues Times que se fundou en 1971 xa polos novos emigrantes.

¿Como está estructurado o seu xornal?
Nós ocupamos a metade do xornal coa información da comunidade. Temos tamén as noticias máis relevantes de portugal e tamén noticias de Estados Unidos, e moitos colaboradores de todo o país, Canadá, Portugal... Temos tamén varias páxinas sobre deporte, que é algo que interesa moito alí. Antigamente dedicábamos motio máis espacio a noticias de portugal. O xornal está escrito exclusivamente en portugués, os nosos subscriptores forman parte da comunidade portuguesa e o xornal, como todos, vive fundamentalmente a base da publicidade, porque non hai subsidios, ó contrario que en Portugal.

"Os nosos subscriptores forman parte da comunidade portuguesa e o xornal, como todos, vive fundamentalmente a base da publicidade"


Aló vivimos nun país capitalista e o xornal é unha empresa que non pode ter perdas. No xornal anúncianse empresas portuguesas, pequenas empresas de emigrantes, axencias de seguros, vendas de automóbiles, inmobiliarias. Hai compañías grandes que se anuncian no noso xornal para captar a clientela portuguesa. A maior parte dos nosos anunciantes son empresas americanas ás que interesa captar a comunidade portuguesa. O mesmo acontece cos outros medios en portugués.

¿É difícil desenvolver un xornal en portugués nun contorno alleo?
É moi difícil. As infraestructuras do xornal non son as mesmas que as dun xornal portugués. Alí unha mesma persoa ten que sacar as fotografías, escribir, paxinar o xornal. Alá só somos cinco persoas a horario completo, e temos moitos colaboradores. Ademais hai freelancers que traballan en cuestións concretas. Ten que haber moito amor, traballar tódalas semanas, saíndo a miúdo á media noite. É difícil un xornal escrito nunha lingua estranxeira, habido outros proxectos que teñen fallado, pero o "Portuguese Times" mantívose.

¿Existen outros medios en portugués na súa zona?
Ademais do xornal hai unha estación de radio que emite exclusivamente en lingua portuguesa 24 horas ó día e moitos programas de radio en estacións de radio de productores independentes que venden espacios de emisións que son ocupados tamén por programas en portugués. Existe tamén unha canle de televisión por cabo que chega a corenta comunidades e emite todo o día, repetindo a programación. Ademais, a televisión portuguesa tamén emite por cabo a RTP Internacional. Por tanto a influencia do xornal diminuíu no aspecto de dar noticias de Portugal, dedicámoslle unha ou dúas páxinas e o groso do xornal son noticias da propia comunidade. Hai moitas actividades das propias asociacións. En New Bedford, en lugar de haber un só clube portugués hai máis de quince clubes portugueses. Son asociacións pequeniñas, que fan festas nas fins de semana. Hai dous ou tres máis orientados cara actividades culturais, pero a maioría son de fútbol, e actividades recreativas.

¿Cantos lectores ten o seu xornal?
Arredor de quince mil. O xornal é distribuido por todo o país por subscripcións. Esta cantidade é pouca e é moita. Entendendo que o índice de analfabetismo dos azorianos era elevadísimo antes do 25 de Abril. Toda a xente que veu nesa época nunca lera xornais nas súas rexións de orixe, iso é unha conquista. Por outra banda en Estados Unidos o mercar o xornal é como mercar o pan, forma parte da cultura das persoas. Hai quen o compra só para cortar os cupóns dos anuncios. Se a mesma regra se aplicase ós portugueses, nós teríamos un índice de lectura moi alto polo menos naquela zona.
¿Mantén a súa identidade a comunidade portuguesa nos Estados Unidos?
Os portugueses mantemos as tradicións e as festas que se facían nas terras de orixe fanse alá, e hai festa case todos os fins de semana do verán. Hai a festa do Señor Santo Cristo, a festa do Espírito Santo, da Nosa Señora de Fátima. Hai algunhas con maior expresión, como a festa do Espírito Santo, que congrega alá milleiros e milleiros de persoa nun desfile e unha comida ó aire libre. Algúns costumes etnográficos que se están perdendo en Portugal mantéñense nas comunidades do exterior, xa cunha certa adulteración da influencia da cultura americana, pero hai un esforzo por reproducir no posible, por exemplo mandando a buscar a portugal carros de bois que participan no desfile.

"Costumes etnográficos que se están a perdendo en Portugal mantéñense nas comunidades do exterior"

Actualmente xa non emigra moita xente para alá, e nas últimas tres décadas moitas tradicións perdéronse, aínda que outras continúan, sobre todo a nivel culinario. Así, os portugueses conseguiron implantar en Estados Unidos o chourizo, algo tipicamente portugués, e un doce que se fai alá e que se chama fartura ou filloas e que é tradición comer no entroido. Agora alá transformouse nunha industria, e hai filloas todo o ano. É algo que ós americanos lles chistou, e ainda que non a nivel nacional, naquela zona os americanos comen iso todo o día.

"Naquela zona os americanos comen filloas todo o día"

¿Está presente o portugués no ensino?
Creáronse escolas portuguesas. A política do ensino do portugués para europa é moi diferente que a de Estados Unidos. Mentres en Europa é o propio goberno o que envía profesores para aló, en Estados Unidos son os pais dos alumnos os que crean asociacións e pagan os profesores para dar aulas de portugués. O ensino particular segue o currículum do Ministerio de Portugal. A nivel secundario e universitario hai portugués como segunda lingua, pero a asistencia é facultativa. Na Universidade de Massachusets existe desde hai moitos anos un Centro de Estudios Portugueses que recentemente ascendeu á categoría de departamento, é a primeira Universidade Pública de Estados Unidos en ter un departamento exclusivo de portugués. Na universidade privada de Brown, Providence, ten un departamento de Estudios Portugueses dirixido por Onésimo Almeida, que ía asistir a este encontro.

¿Sabe se existe unha comunidade galega en Boston?
Non hai, persoalmente coñezo a dous ou tres galegos que se adicaban á pesca, pero non é unha comunidade visible. Eu coñecía os galegos pero non sabía das semellanzas lingüísticas.

¿Cal cre que é a función principal dos medios de comunicación na emigración?
Evidentemente contribúe de xeito decisivo a manter os lazos. Os azorianos cando emigran, ó contrario que os portugueses do continente, normalmente non regresan. De calquera xeito manteñen sempre relacións afectivas coa terra natal, continúan seguindo o fútbol... e os xornais son un elo de ligazón importantísimo para eles. O xornal contribúa tamén a manter ligazóns entre as propias comunidades. Ás veces recibimos chamadas de xente que pregunta sobre festas que se organizan alá. Noutro aspecto informamos a comunidade do que pasa dentro da propia comunidade, incentivámolos a ter unha participación cívica máis activa. É importante saber que pasa en Portugal, pero tamén é importante, para vivir alá, saber que impostos vas pagar, as cousas que van afectar directamente á túa vida. Abordamos aspectos básicos de educación cívica. Cando os portugueses foron para alá durante a dictadura non sabían nada da política, a política era algo que daba medo. Nós tentamos ensinar, convencer á xente de que eles son a política, integrar as persoas no propio sistema, incentivala a obter a cidadanía norteamericana, xa que agora se pode obter sen perder a portuguesa, para que poidan participar politicamente persoas que nós mesmos respectamos, porque alá non se votan os partidos, vótanse as persoas. Nese aspecto a comunidade portuguesa está a gañar maior consciencia cívica, xa merece maior respecto. Aínda non temos a representación política que correspondería ó noso número. Se fose proporcional, os portugueses deberían controlar toda a vida pública da cidade, pero iso ten que ver tamén coa educación e outros problemas.

"Se a representación política fose proporcional á poboación, os portugueses deberían controlar toda a vida pública da cidade"


¿Velle futuro ó seu xornal futuro do xornal?
O xornal, de seguir como está na actualidade, o seu futuro non vai ser moi polongado. Ó non haber renovación da emigración de aquí a dúas décadas... Teño recibido chamadas de persoas que falaban portugués para cancelar a subscripción, dicindo que o seu pai, que era que o lía o xornal, morrera. O que adoita acontecer con xornais en italiano e outras linguas é que foron desaparecendo. O que lle pode acontecer ó Portuguese Times é que pase a ser escrito na lingua inglesa dando énfase á comunidade de orixe portugués. Ás novas xeracións xa non se interesan por ler xornais e coñecer a literatura portuguesa. A nivel académico pode manterse ese interese, pero iso non abonda para manter un xornal. Eu teño tres fillos que naceron nos Azores, falan e considéranse portugueses. Pero os meus netos xa non falan portugués, a miña nora non é portuguesa. Os meus fillos falan portugués pero non len o "Portuguese Times", non ven a televisión portuguesa, son americanos. ¿Qué posibilidades lle ven a internet cara as comunidades extreriores? O noso xornal xa está en internet, pero aínda non estamos sacando ningún beneficio de internet. No aspecto cultural e de ligazón é bo e funciona pero ata que sexa viable económicamente aínda ten que pasar tempo, e na nosa comunidade a xente aínda non está moi divulgada.

¿Que está a atopar neste encontro? Eu partía dun punto cero sobre o coñecemento da comunidade galega. Do que me decatei é que aquí dentro xa hai opinións diferentes, uns son máis de esquerda, outros de dereita, outros de centro. Neste encontro atopei debates, percibín que dentro dos propios galegos non hai unanimidade de pensamento. Quizáis isto provoca o dinamismo das persoas, eu levo aquí só tres días, é unha experiencia moi bonita. Mesmo no aspecto lingüístico nin sequera coñecía a semellanza do inglés co galego.

¿Qué é para vostede a lusofonía?
É un concepto. En Estados Unidos, non hai moita interrelación entre a comunidade portuguesa, caboverdiana ou brasileira. A lusofonía fica coma un concepto académico, pero non se dá a nivel de relacións. Mesmo antes da independencia, os caboverdianos xa se consideraban caboverdianos e non portugueses, e viven en zonas diferentes dos portugueses. Os brasileiros é o mesmo. Aínda que hai máis puntos en común que, por exemplo os italianos, en termos prácticos, este concepto non existe. Mesmo dentro dos galegos hai quen defende a integración do galego da lusofonía e hai quen non.

 

 

 




   

 

 

Cultura Galega.org
Especiais / Arte / Comunicación / Música / Espectáculos / Historia / Lingua e Literatura / Sociedade /
Certames / Arquivos / Participa / Xénese / Alén da Terra / Zona Cultura / Colaboracións
Correo / Acerca de Cultura Galega.org


Cultura Galega.org é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega
©Consello da Cultura Galega, 2000