lg3
inicio » lg3 » críticas

CRÍTICAS / 342

SOBRE O LIBRO"O COMERCIO TARDOANTIGO NO NOROESTE PENíNSULAR"
Comercio xusto?
En grande medida, esta obra é todo un exercicio de Arqueoloxía Pública que pon en valor a propia disciplina, aldraxada por grande parte da sociedade e da clase política que ve nela unha rémora para o Progreso e a Modernidade. Este libro amosa ben as claras a rendibilidade científica da Arqueoloxía Urbana. Nesta obra, o lector poderá achegarse ao complexo mundo do comercio e da economía tardoantiga no só do noroeste, senón tamén do resto do mundo atlántico, do mediterráneo occidental e do máis afastado mediterráneo oriental ademais de coñecer as mercadorías que circulaban nos mercados, que xogou o porto de Vigo neste sistema económico.


SOBRE O LIBRO"GALICIA, UNHA POBOACIóN AVELLENTADA "
Materiais para o debate sobre o futuro
Galicia, unha poboación avellentada é unha síntese xeral, no tempo e no espazo, do proceso de avellentamento demográfico de Galicia ao longo da súa máis recente historia contemporánea. O estudo que o profesor da USC Julio Hernández Borge nos presenta, constitúe un dos eixes desta problemática desde unha dobre perspectiva: a diacrónica e a evolutiva.


SOBRE O LIBRO"OS GOTTEN"
Un libro balsámico, por Xavier Queipo
Os Gotten son unha familia afincada en Vigo e bisbarra dende a segunda década do século XX. Este libro recolle os sucesos e historias dos Gotten contadas polos seus protagonistas, moitos deles os propios membros da familia, ou por outras persoas que preferiron permanecer no anonimato. Alfonso Álvarez Caccamo déixanos fóra de combate, á súa mercé, bailando polas súas páxinas, levados pola man e polo engado de quen consegue evadirnos da realidade cotiá. Os Gotten é un deses libros nos que un sinte que quixera máis, que ten mágoa que remate xa.


SOBRE O LIBRO"O DERRADEIRO LIBRO DE EMMA OLSEN"
Faith como destino
Emma Olsen afronta os seus derradeiros meses de vida afectada por unha enfermidade terminal e sabe que a morte non tardará en chegarlle. Mais Emma Olsen é escritora, e decide dedicar o tempo que lle queda a rematar unha novela que non é exactamente unha novela. O libro acadou o Premio Repsol de Narrativa Breve, o Ánxel Casal a Mellor obra de ficción 2013 e a autora acadou o Premio Álvarez Blázquez a traxectoria creativa dun autor ou autora durante o ano 2013. Segundo a crítica Lorena Domínguez esta novela péchase "coa mesma sensación de desamparo que deixan todas as grandes lecturas: a incerteza de non saber cando volveremos ler algo que nos apaixone ata este punto."


SOBRE O LIBRO"ESPIRAL DE SOMBRAS"
Cantos épicos para pobos desnortados
Desde as orixes, pasando pola historia e polos seus avatares, Xavier Seoane indaga na tensión entre o que xa foi e o que pelexa por ser, nun contexto de globalización imparable que trae ata o presente as ameazas da perda e da demolición. Ao fin descobremos que no canto tratarse dun laio nostálxico amósase como urxente reflexión que xorde da necesidade imperante de fixar o rumbo para un futuro non delimitado.


SOBRE O LIBRO"O CRIME DE PARDESOA"
Máis alá do asasinato
Na madrugada do 23 de novembro do ano 1897, a aldea do San Marcos, pertencente á freguesía de Pardesoa, no concello pontevedrés de Forcarei, converteuse en escenario dun crime horrendo. A investigación hemerográfica sobre o acontecido feita por Calros Solla achega un coñecemento que vai máis alá do asasinato amosando unha radiografía da sociedade galega, do progreso e avance social que estaba a acontecer e da construción dun sistema de goberno semellante ao europeo.


SOBRE O LIBRO"A ILLA DE TODAS AS ILLAS"
Un libro dendrítico, por Xavier Queipo
O escritor Xavier Queipo, desde o seu coñecido vencello coa literatura do mar e de aventuras, comenta este libro co que Xabier P. Docampo quixo render tributo con esta historia a todos aqueles fermosos libros de aventuras cuxas historias sucedían nunha illa deserta ou aparentemente inhabitada, obras que mantiveron, como di no epílogo, «o meu corazón alterado, as miñas emocións abrollando coma fontes da alma e moitas horas entregadas á lectura cando llelas tiña prometidas ao sono ou ao estudo».


SOBRE O LIBRO"PONTEVEDRA NOS ANOS DO MEDO"
Introspección da represión: as formas, as vítimas e os vitimarios
O 18 de xullo de 1936 cambiou a historia de España. Resultado de varios anos de investigación, neste traballo Pepe Álvarez móstranos como se desenvolveu o golpe de estado e a posterior represión sobre a cidadanía pontevedresa por parte dos poderes que secundaron a ruptura violenta da legalidade.


SOBRE O LIBRO"TODO SOBRE O FúTBOL GALEGO"
Algo máis que fútbol
Unha visión panorámica do fútbol en Galicia, un enfoque que permite ver en perspectiva e dun xeito ecuánime a historia deste deporte desde os seus inicios até os nosos días. Estamos ante un fenómeno de masas que vai máis alá do deportivo. O fútbol define xeitos de asociación voluntaria por parte dos que o practican e, sobre todo, dos afeccionados, onde non só acontecen intercambios de experiencias comúns, senón tamén onde se forxan identidades e solidariedades novas que van máis alá da pertenza á un partido político, vila ou relixión.


SOBRE O LIBRO"FANECA BRAVA"
A verdade como caída
A familia Pereira, o clan de Concha, alicerzaba a súa identidade na gran mentira da aparencia. Só Fernando foi quen de buscar a verdade da súa curmá. A historia da Faneca Brava non é das que se escriban con pomposas letras maiúsculas, pero é tan real e intrigante que enche ao lector ou lectora do desexo de pescudar toda a verdade sobre esa «ovella negra» dunha familia que a fixo desaparecer da súa existencia.


SOBRE O LIBRO"CARNE DE LEVIATáN"
Cando as palabras non existen
A poesía de Chus Pato reafírmase como discurso inclasificable para o que non existen (nin existirán) adxectivos que o describan, signos de puntuación que o limiten ou lecturas que o reduzan. Este libro sitúanos na fenda existente entre o mundo prelingüístico e o mundo configurado, segundo o mito, a golpe de voz. Carne de Leviatán poderá ser bestiario, mito, pléroma, cuestionamento ou revelación pero nunca poderá ser peche.


SOBRE O LIBRO"FIN DE POEMA"
O avance do silencio
Fin de poema é o terceiro libro de Juan Tallón publicado en galego e gañador da XIX edición do Premio Lueiro Rey de Novela Curta. Unha obra na que o autor tece datos biográficos e ficción para recrear os últimos momentos na vida de catro poetas antes de que se quiten a vida, catro voces célebres e de referencia na literatura occidental: Cesare Pavese, Alejandra Pizarnik, Anne Sexton e Gabriel Ferrater.


SOBRE O LIBRO"A CEA"
A impostura
Premio Novela Europea Casino de Santiago 2011
O autor sérvenos en bandexa unha reflexión sobre o que fariamos se descubriramos que os nosos fillos veñen de cometer un crime inxustificable. Encubririámolos? Entregariámolos á policía? Sentiriámonos en parte responsables do que fixeron por sermos os seus educadores e educadoras? O mellor do libro é o seu carácter provocador, a capacidade do narrador protagonista para focalizar un problema detrás doutro e para dar deles unha visión propia coa que el pretende rachar coas opinións politicamente correctas, cara á tremenda impostura na que se converteu a nosa sociedade, onde todo vale se se enmascara de tolerancia e de “bo facer”.


SOBRE O LIBRO"O MALETíN DO MESTRE"
Camiñar detidos
Dous personaxes solitarios atópanse casualmente nunha taberna. O azar convértese en costume e así, entre grolos de sake e festíns gastronómicos, comeza unha curiosa relación. Velaquí unha novela sobre a vida, a amizade, o amor e as expectativas que as persoas temos do noso paso polo mundo. E todo iso a través de diálogos sinxelos, pensamentos e reflexións altamente suxestivas e moitas emocións leves e sutís pero extraordinariamente conmovedoras.


SOBRE O LIBRO"HORA ZULú"
O tempo como construción
O Tempo marca un eixo que atravesa toda a historia desta terceira novela de Santiago Lopo, gañadora da última edición do Premio Manuel García Barros. A dosificación da trama e os temas que ten de fondo, de interesantes e profundas raíces científicas e filosóficas, son o seu maior atractivo.


SOBRE O LIBRO"BREIZH"
Superposición de filtros
A lectura de Breizh provoca unha inmediata apertura de fronteiras ao tratarse dun poemario que, formalmente, participa dunha tradición poética oriental e, tematicamente, nos transporta a xeografías bretoas. Así, situado nunha encrucillada de tradicións e xeografías, Villar acomoda experiencias, olladas e percepcións no breve espazo poético que os haikus lle ofrecen e fornece ao lectorado da posibilidade de percorrer xeografías distantes pero semellantes.


SOBRE O LIBRO"O GARDIáN INVISIBLE"
Os crimes do basajaun
Dolores Redondo Meira, unha autora navarra de ascendencia galega, constrúe na súa segunda novela un thriller onde se mestura a investigación policial e científica co suspense e coa mitoloxía das lendas navarras. O libro engancha ao lector, transpórtao a espazos que descoñece pero que de súpeto ten ganas de visitar, unha historia na que o ritmo non decae, senón que flúe en fervenza e nos subxuga. Ás veces, coma neste caso, as grandes promocións editoriais avalan historias que paga a pena ler.


SOBRE O LIBRO"OLLADAS"
Detrás das olladas
A novela coa que Adelaida Vidal acadou o Premio Risco de Creación Literaria no 2011 é un catálogo de emocións, teorías e olladas, narrado nunha prosa coidada e fluída, cuns personaxes ben definidos e verosímiles, exuberante no contido e sen fíos sobrantes, un manifesto de vida, filosofía e arte, contundente e fácil de ler.


SOBRE O LIBRO"ONDE O MUNDO SE CHAMA CELSO EMILIO FERREIRO"
Novo punto de vista
Ramón Nicolás preséntanos a biografía de Celso Emilio Ferreiro cun novo punto de vista, o que leva a novas conclusións e novas formulacións ante a súa figura e ante un período da nosa historia que por recente non está estudado na intensidade desexada.


SOBRE O LIBRO"TONAS DE LARANXA"
Reloxos sen agullas
Construíndo un espazo imaxinario e marabilloso, a novela, escrita a dúas mans por María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón, filla e pai, narra o que sucede nese espazo, chamado Moreira, no que se van tecendo as vidas, por veces insólitas, de moitos personaxes curiosos, fabulosos, entrañables, que se acomodan na imaxinación dos lectores e lectoras e estimulan os nosos sentidos para crear unha atmosfera intemporal, sutil e poderosa ao tempo.


CRÍTICAS POR XÉNERO


Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
culturagalega.org | RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.gal
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.gal