lg3
inicio» lg3»  criticas» Narrativa 

CRÍTICAS SOBRE Narrativa / 125

SOBRE O LIBRO "A CEA"
A impostura
Premio Novela Europea Casino de Santiago 2011
O autor sérvenos en bandexa unha reflexión sobre o que fariamos se descubriramos que os nosos fillos veñen de cometer un crime inxustificable. Encubririámolos? Entregariámolos á policía? Sentiriámonos en parte responsables do que fixeron por sermos os seus educadores e educadoras? O mellor do libro é o seu carácter provocador, a capacidade do narrador protagonista para focalizar un problema detrás doutro e para dar deles unha visión propia coa que el pretende rachar coas opinións politicamente correctas, cara á tremenda impostura na que se converteu a nosa sociedade, onde todo vale se se enmascara de tolerancia e de “bo facer”.


SOBRE O LIBRO "O MALETíN DO MESTRE"
Camiñar detidos
Dous personaxes solitarios atópanse casualmente nunha taberna. O azar convértese en costume e así, entre grolos de sake e festíns gastronómicos, comeza unha curiosa relación. Velaquí unha novela sobre a vida, a amizade, o amor e as expectativas que as persoas temos do noso paso polo mundo. E todo iso a través de diálogos sinxelos, pensamentos e reflexións altamente suxestivas e moitas emocións leves e sutís pero extraordinariamente conmovedoras.


SOBRE O LIBRO "HORA ZULú"
O tempo como construción
O Tempo marca un eixo que atravesa toda a historia desta terceira novela de Santiago Lopo, gañadora da última edición do Premio Manuel García Barros. A dosificación da trama e os temas que ten de fondo, de interesantes e profundas raíces científicas e filosóficas, son o seu maior atractivo.


SOBRE O LIBRO "O GARDIáN INVISIBLE"
Os crimes do basajaun
Dolores Redondo Meira, unha autora navarra de ascendencia galega, constrúe na súa segunda novela un thriller onde se mestura a investigación policial e científica co suspense e coa mitoloxía das lendas navarras. O libro engancha ao lector, transpórtao a espazos que descoñece pero que de súpeto ten ganas de visitar, unha historia na que o ritmo non decae, senón que flúe en fervenza e nos subxuga. Ás veces, coma neste caso, as grandes promocións editoriais avalan historias que paga a pena ler.


SOBRE O LIBRO "OLLADAS"
Detrás das olladas
A novela coa que Adelaida Vidal acadou o Premio Risco de Creación Literaria no 2011 é un catálogo de emocións, teorías e olladas, narrado nunha prosa coidada e fluída, cuns personaxes ben definidos e verosímiles, exuberante no contido e sen fíos sobrantes, un manifesto de vida, filosofía e arte, contundente e fácil de ler.


SOBRE O LIBRO "TONAS DE LARANXA"
Reloxos sen agullas
Construíndo un espazo imaxinario e marabilloso, a novela, escrita a dúas mans por María Lorenzo Miguéns e Manuel Lorenzo Baleirón, filla e pai, narra o que sucede nese espazo, chamado Moreira, no que se van tecendo as vidas, por veces insólitas, de moitos personaxes curiosos, fabulosos, entrañables, que se acomodan na imaxinación dos lectores e lectoras e estimulan os nosos sentidos para crear unha atmosfera intemporal, sutil e poderosa ao tempo.


SOBRE O LIBRO "DA MáQUINA"
AloiaK
Unha novela de ciencia ficción ambientada na Galicia do presente con elementos do xénero policial, da novela psicolóxica e do ciberpunk. Nas súas perfeccións e imperfeccións hai unha proposta diferente, un sentido do humor agre e descarnado, e unha lucidez fonda e sarcástica sobre as nosas vidas que paga a pena saborear.


SOBRE O LIBRO "ATL"
A felicidade dos autómatas
Premio Blanco Amor de Novela 2011, Atl propón un novo achegamento ao asunto da Atlántida desde o eido da creación literaria, mais un achegamento iluminado coas luces converxentes da historia e o mito, a ciencia e a intuición, a crónica e a fábula. Velaquí unha alegoría do noso presente, unha interrogación sobre a falta de liberdades na que vivimos e grandes doses de intriga ata o final.


SOBRE O LIBRO "15.724"
As engrenaxes tras a placidez
Xesús Constela trasládanos a unha Patria «asentada no lombo dunha ave durmida» que está presidida pola figura do Gran Mariscal e ten como símbolo intocable o armadillo da súa bandeira, unha maquinaria que ben podería identificarse con contextos non tan afastados da nosa realidade. O autor consegue deixar á vista dos lectores as engrenaxes do que é unha maquinaria de suxeición cidadá, onde os puntos máis macabros se abren no seu aparello de represión, coa pena de morte como cumio.


SOBRE O LIBRO "DúAS LETRAS"
Que é mellor, o libro ou a película?
A carta que non dá chegado, a misiva do fillo que está na emigración, pelexando co destino e a sorte, e a nai que espera a chegada da carta que lle dará, ademais de novas, algo de esperanza. Invertendo o procedemento tradicional a partir da realización do filme, Fina Casalderrey elaborou posteriormente a adaptación literaria, unha ficción independente do guión, radicalmente literaria co fin de presentar ambos os dous resultados nunha publicación, o texto e máis o DVD. O resultado traduciuse nun libro de esmerada feitura, cunha proposta interesante e de calidade.


SOBRE O LIBRO "HISTORIAS DE OREGóN"
Corte limpo
Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia 2011 é este un nobelo de historias sinxelas, crueis, patolóxicas algunhas. O autor amósanos, como adoita, a forza dos que seguen vivindo a pesar de todo o sufrimento que levan ás costas unha prosa feita a escalpelo.


SOBRE O LIBRO "MORGANA EN ESMELLE"
O meu nome é Morgana
A chegada de Morgana racha a aparente serenidade coa que Merlín vive na fraga de Esmelle. Na novela de Begoña Caamaño, a medio irmá e amante de Artur entra na casa de Miranda en procura de respostas á súa infelicidade. A autora non se amedrenta ante a reescritura do mito, nin ante o peso das culpas dos seus personaxes e franquéanos con sabedoría e lucidez inusitadas as portas de Esmelle-Ávalon-Britania.


SOBRE O LIBRO "DARK BUTTERFLY"
Unha dura vivencia
Esta novela enfróntanos ao proceso da enfermidade mental como unha lenta e consciente deriva cara á escisión e a exclusión. Un literal descenso aos infernos ante o que a psiquiatría revela toda a súa impotencia. Merece a pena entrar a fondo na lectura para chegar a sorprendernos coa intensidade que cobra o relato. Rexina Vega acomete a difícil tarefa de facernos partícipes dunha realidade complexa.


SOBRE O LIBRO "NINGUéN"
Paredes de papel
Fran Alonso aborda os actuais xeitos de relación entre as persoas nas sociedades urbanas e o modo en que a cidade e a tecnoloxía inflúen para mudar os medios que empregamos para comunicarnos. O libro está centrado na convivencia entre os veciños dun edificio, pero tamén no uso da tecnoloxía como paradigma das formas de relación. Desde a presenza do teléfono móbil ata o contacto persoal a través das redes sociais.


SOBRE O LIBRO "AS FIANDEIRAS"
As febras do recordo
Na vila da Estrada, no contexto convulso das insurreccións cantonais de fins do século XIX, debúxase un triángulo afectivo arredor do cal se desenvolve unha trama inquisitorial. A cadencia narrativa que desenvolve Piñeiro adquire a forma dun coidado fiado a man, onde se repasan as febras da narración con esa prosa lenta, dos detalles, e que lle valeu o XXIII Premio García Barros.


SOBRE O LIBRO "O PREZO DA FAMA"
O príncipe Capitalismo e a princesa Rusia
Este libro inclúe os relatos que Sławomir Mrożek escribiu a principios da década de 1990. Un libro que ten relatos para que ama o humor crítico, conseguido con diferentes receitas: historias cotiás nas que se insire un elemento igualmente verdadeiro pero perturbador, relatos totalmente fantásticos, relatos nos que realidade e ficción se mesturan en distinta dose… E neles hai espazo para falar de política, de relixión, de consumismo, de valores... mesturados co márketing, os soños, as fantasías sobre o paraíso, as fábulas retocadas ou as historias de piratas. Rinoceronte traduce e publica en galego unha obra de lectura altamente recomendable.


SOBRE O LIBRO "OS FíOS"
No final, o absurdo
Tres historias que camiñan pola fronteira do cotián e do absurdo, enfiadas por Xurxo Sierra. Unha historia de vidas cruzadas na que o destino dos personaxes introduce un plus de intriga que sorprende ao lector. Unha narración que bebe da incerteza do cotiá en cada páxina. Que ninguén é quen parece e que todos gardamos no peto un segredo para os demais é a primeira conclusión que se pode tirar desta obra. A segunda é que a casualidade e o absurdo son elementos consubstanciais á propia existencia, tanto que ás veces semella que son elas as que dominan a vida das persoas.


SOBRE O LIBRO "FANTASMAS DE LUZ"
Literatura para cambiar o mundo ou o orgullo da nosa LIX
Unha novela cargada de homenaxes ao cine, tanto ás vellas salas que foron esmorecendo como ás grandes películas que, sen ser a vida mesma, «axudan a entendela e enchen de esperanza o corazón»: unha novela cargada de paixón, de sentimentos, de reflexións sobre a contemporánea exclusión social, unha novela fantástica lonxe dos amores románticos de vampiros e anxos, ateigada de luz literaria e de mensaxes de esperanza por un futuro mellor no que todos temos un papel. De novo unha novela que podemos ler todos e todas, “tamén” a mocidade.


SOBRE O LIBRO "LUME DE COBIZA"
Frank Soutelo xoga na casa (ou O vicio de ler)
Activismo ecolóxico, incendios provocados e especulación urbanística, tres piares do fío argumental desta potente novela cuxa lectura queima nas mans e nos ollos e nos agudiza o vicio de ler. A cuarta entrega das peripecias do detective Frank Soutelo coloca ao seu protagonista desta vez en Galicia en 2006, nun escenario incendiario onde demostra ser incombustible.


SOBRE O LIBRO "O MUNDO SECRETO DE BASILIUS HOFFMAN. O LADRóN DE SOñOS"
O nacemento dunha saga
Aquí comeza a saga do profesor Basilius Hoffman: historiador, arqueólogo, cabaleiro a tempo parcial e truán a xornada completa. Un conxunto de ingredientes converten esta historia nunha engaiolante lectura, na que o escritor demostra a súa condición de coñecedor das claves do xénero, introducindo chiscadelas de doado recoñecemento; o seu sentido narrativo, a súa habilidade á hora de crear personaxes en absoluto planos; e mesmo unha clara influencia cinematográfica ben palpable na profusión de descricións que espertan a imaxinación do lectorado.


CRÍTICAS POR XÉNERO


Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
culturagalega.org | RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.gal
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.gal