Ir ao contido directamente.


Resurrection Fest presenta a metade do seu cartel para 2018

Xénero: Rock | 17 / 11 / 2017

image not available

O Resurrection Fest 2018 ven de facer o seu primeiro anuncio de bandas para esta décima terceira edición que terá lugar en Viveiro entre o 11 e o 14 de xullo. Cincuenta e tres dos 100 nomes que formarán parte do cartel do festival xa se coñecen desde hoxe e na parte alta, como grandes bandas atraentes de público masivo esta dous das máis míticas bandas de heavy Rock da historia, que forman parte das biografías musicais de milleiros de persoas nacidas nos anos sesenta e setenta: os americanos Kiss e os alemáns Scorpions. Na edición de 2017 contabilizáronse máis de 80.000 asistentes ao longo dos catro días e o festival acadou o Premio á mellor zona de acampada dos festivais españoles nos Premios Fest.

Xoel López retrata o seu momento vital no novo álbum 'Sueños y Pan'

Xénero: Indie | 17 / 11 / 2017

xoel_lopez_suenosypan.jpg

Con só botar unha ollada á lista de cancións do novo disco de Xoel López Sueños y Pan (Altafonte baixo licenza exclusiva de Esmerarte) sabemos que estamos ante un traballo diferente do artista coruñés. Cada un dos dez temas que conforman este traballo denomínase cunha soa palabra, practicamente todas substantivos agás Durme, unha nana en galego dedicada ao seu fillo. Esta proposta nominativa desvela un concepto e un momento diferente que se deixa sentir nas letras e nas melodías deste álbum que é "moi Xoel" pero é diferente na actitude tamén respecto aos dous anteriores Paramales (Esmerarte 2015) e Atlántico (Esmerarte 2012). Sueños y pan está desde hoxe nas plataformas dixitais e López fará unha presentación esta mesma noite no Fnac de Callao, en Madrid. Na capital do Estado gravouse este trababalo e á cidade e ao vencello que o liga a ela dedica tamén unha canción o coruñés neste. Poderiamos dicir que este é o disco máis luminoso e que máis mira ao presente debuxando unha sorte de instantáneas a través das que se retrata unha nova etapa non só profesional senón tamén vital a nivel persoal do artista. A nota máis nostálxica a pon a outra canción en galego neste disco, Serpes, falando das saudades infantís na súa terra. O músico coruñés segue dando mostra do seu estilo musical particular mesturando con naturalidade o pop con sons latinoamericanos e galegos, incluíndo a gaita nalgún tema como nun dos temas adiantados estas semanas, Jaguar. A xira oficial de presentación deste traballo comezará en marzo de 2018.

Lydia Botana alza o voo

Xénero: Fusión | 16 / 11 / 2017

vuelo_lydia_botana.jpg

Cunha proposta "colectiva e internacionalista" a cantante galega Lydia Botana presenta o seu proxecto Bolboreta co álbum Vuelo. O optimismo habitual que a autora deu a coñecer nos seus anteriores EPs e colaboracións, preséntanse nesta ocasión cun combo de colaboradores que inclúen membros de Calle 13, Ojos de Brujo, La Pegatina, Illya Kuryaki & The Valderramas, Bohemian Betyars, Flavia Coelho ou La Troba Kung Fu. As catorce cancións reflicten as influencias musicais de Paris, Madrid, Biarritz, Barcelona, Cardiff, Buenos Aires ou Rabat, cidades nas que se foron gravando diferentes partes do álbum. Rock, pop, reggae, ska, rumba, ou cumbia mestúranse en temas nos que se alternan castelán, galego e outras linguas como o italiano e o francés. Logo de dous concertos en Italia, a xira de presentación pasará por Dinamarca, Xapón ou Canarias, cunha visita a Galicia o vindeiro 25 de novembro no FNAC da Coruña.

A Academia do Audiovisual reedita a semana dedicada ás bandas sonoras

Xénero: BSO | 15 / 11 / 2017

image not available

O Palacio da Ópera da Coruña acolleu a presentación da segunda edición da Semana das Músicas do Audiovisual, un festival singular organizado pola Academia Galega do Audiovisual e pola Orquestra Sinfónica de Galicia coa intención de dar protagonismo ás músicas compostas para cine, televisión e outros medios audiovisuais. Esta segunda edición celebrarase dende o 27 de novembro ata o 1 de decembro na Coruña, Compostela e Narón, baixo a batuta de dirección do evento do compositor Nani García.

aCentral Folque recupera a memoria musical da emigración a través de Maruxa Boga

Xénero: Miscelánea | 14 / 11 / 2017

image not available

A editora e promotora cultural aCentral Folque ven de presentar o libro-disco Maruxa Boga. Recordando a Galicia nun acto no Consello da Cultura Galega. Este volume, que se insire na colección Chave Mestra da editorial, recupera da man de Jesús Blanco Rosas e Norberto Pedro Cirio a memoria da locutora de radio, filla de emigrantes galegos, María Josefina Boga Romaní, máis coñecida como Maruxa Boga (Río da Prata, 1916- B. Aires, 2010), que a través do programa radiofónico Recordando a Galicia divulgou infinidade de músicas xeradas na colectividade da emigración desde 1945, cando crea o programa seguindo a proposta que lle fixera Castelao.

La Voz de Galicia saca unha colección de discos senlleiros galegos de pop-rock

Xénero: Miscelánea | 13 / 11 / 2017

image not available

O xornal La Voz de Galicia, o de máis difusión na comunidade, comezará a distribuír o vindeiro domingo 19 unha colección de música en CD con doce discos reeditados seleccionados de pop-rock de artistas e bandas galegas dos derradeiros trinta anos e ata o 2012. Ademais de iconas da época da móvida como Siniestro Total, Golpes Bajos, Aerolíneas Federales ou Los Limones del Caribe, Luz Casal, a selección inclúe tamén ao representantes galegos por excelencia do rock duro, Los Suaves, a bandas inclasificables de longo percorrido como Heredeiros da Crus e a representantes da escena independente que seguen sacando novos traballos e acadando gran recoñecmento actualmente como Triángulo de Amor Bizarro, Xoel López e Iván Ferreiro, estes dous últimos por partida doble cos seus desaparecidos proxectos anteriores Deluxe e Los Piratas respectivamente. Estes doce son os seleccionados polo xornalista, crítico musical e coordinador da colección, Javier Becerra. Os doce discos son considerados pezas fundamentais da escena musical máis recente do país e na maioría dos casos as bandas seguen presentes no panorama musical arestora e triunfando con traballos recentes. Os discos preséntanse nun formato de edición especial de 24 páxinas que inclúe fotografías inéditas dos arquivos do xornal, textos con declaracións dos artistas nos que se analiza a importancia do disco no seu contexto, como se fixo e o momento no que saíu.

'A viaxe de Yoyo' saca os sons de DOUS a pasear polo mundo

Xénero: Fusión | 10 / 11 / 2017

not_28034.jpg

Fernando Abreu e Pablo Carrera, DOUS, presentan o seu terceiro traballo discográfico . Coa súa base de guitarra e clarinete, acompañados ao contrabaixo por Pablo Pérez e na batería por Marcos Vázquez, DOUS segue explorando a súa propia sonoridade de fusión de jazz e swing nesta “viaxe” que os leva pasar por ritmos de Brasil, África ou Europa do Leste nos seus nove temas- paradas. O disco, resultado dunha campaña de crowfunding, foi gravado no Estudio Planta Sónica 2 (Vigo) con Pancho Suárez e mesturado nos Estudios Cormorán (Santiago de Compostela) con Ramón Campos. Cinco anos pasaron desde o seu anterior disco (Autoeditado, 2012) e nove desde o seu debut discográfico con Só son sons (Flacatruada, 2008). En ambos traballos amosaron a súa aposta pola fusión de estilos e ritmos acadando unha personalidade musical propia e distinguible. Hoxe venres, 10 de novembro, estarán actuando na Agrupación de Amigos do MARCO de Vigo, como parte dunha acción en apoio desta institución.

Elba Fernández reencárnase en Mordem e presenta Fragments to Dominate the Silence

Xénero: Electrónica | 8 / 11 / 2017

Fragments to Dominate the Silence_mordem.jpg

Logo de comezar a súa carreira musical como Jane Joyd, Elba Fernández muda de alias e de rexistro para o seu novo proxecto. Mordem é o nome escolleito para esta andaina, na que debuta con Fragments to Dominate the Silence. Editado por The Winter Hunters e gravado nos Estudios Reno, o novo álbum achega dez temas nos que se cruzan influencias de trip hop, R&B, ambient ou pop. Abandonadas as reminiscencias folk do seu anterior proxecto, a cantante propón un disco que sinala como o máis introspectivo dos que ten realizado ata o momento, e para o que conta coas colaboracións de Xavi Font ao piano e de Manuel Cabezalí á guitarra. O proxecto sae á luz en formato dixital, LP e CD, cunha edición limitada de 350 exemplares rotulada pola propia autora. A sede de Afundación na Coruña acolleu o concerto de presentación o pasado 4 de novembro.

O Val das Mouras pon música á Rosalía máis reivindicativa en 'A Xustiza pola man'

Xénero: Fusión | 7 / 11 / 2017

not_28018.jpg

O quinteto de L'Hospitalet de Llobregat con raíces galegas O Val das Mouras ven de presentar o seu segundo disco de estudio A xustiza pola man (la Cúpula Music) no que recuncan na obra de Rosalía de Castro, cousa que xa fixeran no seu anterior e primeiro disco Rosalía (Cases de la Música, 2015). O Val das Mouras é una formación de pop celta formada por cinco artistas e cunha proposta baseada sobre textos da poeta Rosalía de Castro. En A xustiza pola man o grupo escolle aqueles textos da autora sobre abusos do poder, inxustiza social, a explotación ou a emigración. Voz, frauta, guitarra, violoncello e percusión son as súas bases propias pero no disco engádense ademais gaitas, instrumentos da tradición galega, acordeón e teclados. Nos once temas deste traballo achegan diferentes ritmos. Xota, muiñeira, pop ou ska mestúranse coa súa evidente referencia folk. O disco xa pode escoitarse en Spotify e a distribución está dispoñible en outras plataformas dixitais.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer