Ir ao contido directamente.


Dous e Uxía aparecen como favoritos nos XVII Premios Opinión

Xénero: Folk | 23 / 2 / 2018

image not available

O xornal La Opinión publica hoxe os traballos que aspiran aos XVII Premios Opinión de Música de Raíz. Nesta xeira, destacan de xeito especial as candidaturas de Uxía e de Dous, presentes en todas as categorías dos galardóns. Así, as dúas propostas compiten polo galardón ao mellor disco, a primeira con Uxía-o e os segundos con A vaixe de Yoyo, nunha categoría na que tamén están presentes Samarúas con Prólogo e Pancho Álvarez co seu Celtis Australis.

aCentral Folque publica unha escolma das recollidas musicais de Gustav Henningsen

Xénero: Folk | 21 / 2 / 2018

gravacions6868_Henningsen.jpg

Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968 é último título da colección "A chave mestra" que publica aCentral Folque. O novo libro CD recolle unha escolma de 38 cortes das gravacións de carácter musical que este antropólogo dinamarqués realizou durante o seu traballo de campo no noso país, maiormente na comarca de Ordes. Os etnomusicólogos Xavier Groba e Sergio de la Ossa foron os responsables de escolmar o material dun estenso arquivo fonográfico que ata hoxe estaba inédito. Ademais do CD, a publicación inclúe un ensaio divulgativo, a transcrición das melodías e unha escolma de fotografías inéditas realizadas por Henningsen.

Juan Durán faise co Premio Reina Sofía de Composición Musical

Xénero: Clásica/Lírica | 19 / 2 / 2018

image not available

O Premio Reina Sofía de Composición Musical 2018 que convoca a Fundación Ferrer-Salat, ten nome galego. O xurado deste prestixioso galardón seleccionou a obra Whispers in the Dark, do vigués Juan Durán, como traballo gañador da última xeira. Este premio, "destinado a estimular a creación musical para orquesta sinfónica nas súas diferentes modalidades e facilitar aos compositores a posibilidade de que a súa música poida ser interpretada, escoitada e difundida" está dotado con 35.000 euros en metálico. Ademais, a Orquestra Sinfónica de Radiotelevisión Española estreará o vindeiro mes de outubro a peza premiada no Teatro Monumental de Madrid. O xurado do premio estivo formado por Martín Matalón, David del Puerto, Antonio Lauzurika, Jesús Rueda e Michael Thomas.

Quinito Mourelle presenta hoxe en concerto o disco 'Suite de las ocho'

Xénero: Jazz/Blues | 14 / 2 / 2018

not_28366.jpg

O Teatro Colón da Coruña acolle hoxe ás 20:30 horas a estrea absoluta de Suite de las ocho, novo traballo de pezas propias do compositor, pianista e xornalista Quinito Mourelle, arranxadas para orquestra de cámara por Roberto Somoza. Este é os segundo disco de Quinito Mourelle. Os oito temas orixinais que se reúnen neste traballo percorren transversalmente a música jazz e a clásica xuntando a sonoridade e a narrativa da música clásica cos valores da improvisación jazzística. A Orquestra de Cámara Galega. Dirixida por Roberto Groba acompaña ao piano de Mourelle e o clarinete de Somoza na posta en escena da suite. O disco gravouse no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela con produción de Pablo Barreiro.

O compás de Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre sinala o futuro do norte

Xénero: Folk | 6 / 2 / 2018

noro_xabierdiaz&adufeirassalitre.jpg

O novo álbum de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre leva por nome Noró (algunhas músicas do Norte) (Músicas de Salitre, 2018) e chega hoxe a todas as tendas e plataformas marcando coa súa saída unha das datas relevantes do ano no que á musica galega se refire. Noró ofrécenos 13 temas de carácter tradicional pero de composición propia que sitúan o combo formado por Díaz e as Adufeiras de novo na punta da contemporaneidade con raíz.

A banda Oh Ayatollah presenta o seu primeiro disco longo

Xénero: Pop | 2 / 2 / 2018

ohAyatollah_28322.jpg

A Sala Capitol de Santiago acolle hoxe o concerto de presentación do primeiro disco longo da banda Oh! Ayatollah. O grupo compostelán presentarán Volve a canción protesta (Autoeditado) que sae en edición dixital e vinilo e para a ocasión estarán acompañados por outras bandas amigas (Familia Caamagno, Atrás tigre, Ataque Escampe e The Homens). Nove temas propios en galego enchen o disco Volve a canción protesta ofrecendo unha liña musical emparentada co pop-punk dos primeiros tempos máis contestatarios da movida dos oitenta, cunha actitude claramente sarcástica e irreverente. Mentres pezas como Animal poden levarnos a unha escoita "mod" moi británica hai outros como Case todo é o que parece conéctanos directamente cos ecos daqueles Aerolíneas Federales. Na lista de cancións tamén hai lugar para propostas máis guitarreiras como en Ei Ei. A frescura, variedade e coherencia da lista son promesa de bos directos. O álbum foi gravado e mesturado por Hevi no Laboratorio Soyuz en xullo do 2017 e masterizado por Cem Oral en Jammin' Masters (Berlín). O tema de lanzamento, que da nome ao disco, xa foi lanzado previamente en decembro cun videoclip. O concerto comeza ás 21:15 na Sala Capitol.

Ith presentan o seu segundo disco 'O mínimo que o contén todo'

Xénero: Rock | 1 / 2 / 2018

Ith_minimocontentodo.jpg

Tres anos despois do seu primeiro álbum Forte (2015), a banda de rock de Mesía, Ith, ven de sacar un novo traballo que xa está á venda na Fnac e no Corte Inglés, e tamén pode conseguirse contactando directamente con Ith. Co título O mínimo que o contén todo, os Ith ofrecen seis temas de composición propia, así como un poema musicado do poeta samanense Fiz Vergara Vilariño nun disco gravado, producido e mesturado en Abrigueiro Estudios (Friol - Lugo) por Arturo Vaquero. En O mínimo que o contén todo a banda -Lucía, Miguel, Toxo, Gonzalo e Folgueira- segue a manter o espírito de facer rock galego e en galego, aínda que con novas ideas e sons que a banda quixo deixar plasmados nel. A temática das cancións vai dende a reivindicación social ata o máis puro sentimento e emoción. A primeira data coñecida da xira de presentación deste novo disco será o 17 Marzo, no Pub Óxido de Lalín, e a banda xa ten máis citas para os seguintes meses en outros locais.

Variacións sobre Martín Códax inicia as propostas musicais sobre o Pergamiño Vindel

Xénero: Miscelánea | 31 / 1 / 2018

image not available

Unha reinterpretación das cantigas de Martín Códax a empregar vídeo, son e danza. Esta é a proposta que achegará o trío Ulobit ao Museo do Mar de Galicia este 2 de febreiro. O grupo contará con Ánxela Blanco, a cantante Alba María, a percusionista Lucía Martínez e o clarinetista Fernando Abreu como convidados e iniciará con este proxecto o ciclo Homenaxe ás trobadoras e trobadores do século XXI, co que fechará a exposición sobre o Pergamiño Vindel deste centro. A grande aposta do programa é o concerto O primeiro elepé vigués, que se celebrará o 3 de marzo no Teatro Afundación. Pablo Novoa, Nicolás Pastoriza, Amaro Ferreiro, Rosa Cedrón, Susana Seivane, Wöyza, Iván Ferreiro, Patricia Moon, Eladio Santos, Víctor Coyote e Lucía Fernández participan no espectáculo que presentará Lydia Botana.

Outro que tal baila é o terceiro álbum de Tiruleque

Xénero: Folk | 30 / 1 / 2018

outro_que_tal_baila_tiruleque.jpg

O vindeiro 17 de febreiro chega ás tendas e preséntase ao vivo na Sala Capitol de Compostela Outro que tal baila, terceiro álbum de Tiruleque. Cinco anos depois de Mu!, o grupo lanza dez temas novos nos que continúa a explorar as posibilidades da música de raíz para a festa e o baile. O álbum autoeditado recolle tres temas propios, "nos que se xoga cos límites dos xéneros", segundo explica a presentación do proxecto, canda a "seis versións de temas tradicionais recollidos por investigadores como Pablo Carpintero ou o americano Alan Lomax. Os temas propios son Ribazo de Razo, definida como unha muiñeira contemporánea de corte tradicional; Mazo té, mazo, xota para dúas gaitas e resto de instrumentos, ou Rumbanera, composición a medio camiño entre a rumba e a habanera. Nas versións, destacan temas tradicionais como a Muiñeira dos dous golpes, o Romance dos paragüeiros ou Asubíame de lonxe.

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer