Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Entre Trastes presenta o seu álbum Umami, gravado ao vivo

Xénero: Folk | 14 / 4 / 2020

umami_entretrastes.jpg

Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding o cuarteto Entre Trastes lanzou Umami, un álbum ao vivo que recolle a actuación da banda na gala dos Premios Opinión de Música de 2019. A seguir a liña da banda, o disco recolle nove temas de folk acústico interpretado polas cortas de Álvaro Iglesias (Contrabaixo), Xosé Liz (Bouzuki, Mandolina), Daniel Vilar (Guitarra acústica e española) e Hugo Franco (Guitarra acústica). Temas propios que beben da tradición musical galega, acompañada de achegas de bluegrass, música bretoa, irlandesa ou escocesa, entre outras influencias.

Puro Ocio é o debut discográfico de Verto

Xénero: Fusión | 8 / 4 / 2020

puro_ocio_verto.jpg

Logo de revolucionar as redes coa súa actuación en Luar a presentar o tema Oie Gayego, Verto lanza o seu primeiro álbum. Puro Ocio achega sete temas nos que o dúo de Alberto Mira "Berto" e Fernando Peleteiro "Fer" continúan coa súa fusión de trap con toques latinos e elementos ambientais, a cantar sempre en galego. Repasos cantados da propia historia do grupo, retratos do ambiente compostelán e expresións de teimas e desexos íntimos combínanse en temas alegres e reflexivos. Puro Ocio, autoeditado e producido de xeito doméstico, está dispoñible en Spotify e Youtube e súmase aos cinco singles previos que o grupo fora publicando desde 2019.

Luar na Lubre avanzan dous temas do seu seguinte disco sobre o Camiño de Santiago

Xénero: Folk | 27 / 3 / 2020

imaxe non dispoñible

Luar Na Lubre estrea hoxe dous temas novos de adianto do seu seguinte traballo discográfico Vieiras e vieiros. Historias de peregrinos. As pezas Benvido e Mártiros e o vákner son os primeiros cortes que se avanzan do 19º disco da banda, un álbum no que Luar Na Lubre explora os escritos, as lendas, as sonoridades e as pegadas que os peregrinos deixaron a través dos múltiples sendeiros que conforman o Camiño de Santiago ao seu paso polo territorio galego. A saída do disco estaba prevista para o vindeiro 17 de abril e foi posposta, aínda sen nova data, ao igual que os primeiros concertos de presentación directo. O primeiro dos temas, Benvido, é un canto de benvida e de presentación aos peregrinos que chegan a Galicia a través do Camiño e conta coa colaboración da voz de Miguel Ríos que rexistra por vez primeira un tema en galego; mentres que o segundo, Mártiros e o vákner, pon o foco sobre a lenda da ruta xacobea que aborda a peregrinación do armenio Mártiros e o seu encontro nos montes de Dumbría cunha besta maligna á que nomeou vákner. O disco conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo. Os temas xa están dispoñibles en plataformas dixitais (iTunes, Deezer, Tidal, Spotify e Amazon).

Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre cantan á Galicia rural en desaparición

Xénero: Folk | 13 / 3 / 2020

catedrais_slienciadas.jpg

Desde hoxe xa está dispoñible As Catedrais Silenciadas (Música de Salitre) o novo e terceiro disco xurdido da xuntanza de Xabier Díaz coas cantareiras Adufeiras de Salitre. Dez temas tradicionais arranxados por Díaz e entre os que hai unha panoplia da riqueza e diversidade da música de raíz: alalás, pasodobres, muiñeiras, ribeiranas e agarrados. O título do disco fai referencia á perda do mundo rural como desaparición cultural da identidade galega, un berro de alerta ante o seu progresivo despoboamento e a perda que isto implica. As Catedrais Silenciadas, din, son os vellos soutos milenarios, o idioma, os alalás, os nomes dos cons, as vacas ou as vellas ribeiranas. Os temas volven amosar a excelencia musical dos intérpretes e a súa sensibilidade contemporánea cara o tradicional. Os concertos previstos de presentación en directo deste traballo quedan pendentes de confirmación ante a alerta sanitaria actual pero xa se pode escoitar o traballo nas principais plataformas dixitais.

Xosé Lois Romero e Aliboria continúan a explorar a percusión en Latexo

Xénero: Folk | 12 / 3 / 2020

latexo_xl_romero_aliboria.jpg

"Trasladar o bruar da terra, algo que chega dende o corazón, pero que pasa polas vísceras, e se convirte nunha sorte de zunido tribal, de folclore racial, de estalido musical" é o obxectivo co que Xosé Lois Romero e Aliboria presentan Latexo, o seu segundo álbum de estudio. Da man da discográfica Raso chega ás tendas este proxecto con dez novos temas catro anos despois da presentación do grupo co seu disco homónimo.

David Regueiro Trío afonda no jazz Manouche con Areal

Xénero: Jazz/Blues | 9 / 3 / 2020

areal_david_regueiro_trio.jpg

O guitarrista e compositor David Regueiro continúa o seu traballo no ronsel de Django Reinhardt. Desta volta, en formato trío, presenta Areal, un LP no que o o jazz manouche, con influencias de swing americano e be-bop, impregna nove temas de composición propia. Acompañado de Iago Reigosa á guitarra e de Juyma Stévez ao baixo, a formación incorpora colaboracións de Sarunas Pupelis ao clarinete en dous temas e de Ismael Cabaleiro ao violín noutro máis. O proxecto, autoeditado e gravado polo propio Regueiro está a iniciar este mes de marzo a súa xira de presentación. O Garufa Club da Coruña acollerá o vindeiro día 15 a presentación do álbum, e o tour continuará por Vigo (20 de marzo), Compostela (2 de abril), Zaragoza (9 de abril), Barcelona (10 de abril) e Bueu (14 de maio).

Xico de Carinho presenta 'Na harmónica', o seu primeiro disco en solitario

Xénero: Fusión | 5 / 3 / 2020

imaxe non dispoñible

A Associaçom José Afonso-Galiza e a Gentalha do Pichel de Santiago organizan hoxe un acto de presentación do libro-disco Na harmónica, de Xico de Carinho, editado pola Central Folque. O acto, que contará coa cantautora Alba María ademais do propio Xico de Carinho, será ás 20:30 h. na Gentalha do Pichel (rúa de Santa Clara, 21) en Santiago de Compostela. A entrada é libre. Francisco Peña Villar, Xico de Carinho (Cariño, 1940), é unha personalidade singular, que foi punto de conexión de José Afonso con Galiza desde os anos 70, cando se coñeceron en París, até a homenaxe de 1985 no parque de Castrelos, organizada polas Asociacións Culturais e o xornal A Nosa Terra. No limiar de entrar na súa oitava década, Xico presenta o que é o seu primeiro disco propio, coas constantes do seu repertorio galego e luso-brasileiro orbitando arredor da harmónica, o instrumento máis amado por el. Con este libro disco inaugúrase Zeca, a nova colección de Libros-Cd de aCentral Folque.

MJ Pérez amplía rexistro con A luz prendida

Xénero: Cantautor | 3 / 3 / 2020

luz_prendida_mj_perez.jpg

Un proxecto autoeditado e autoproducido, no que a autora desenvolveu mesmo o deseño gráfico. Esta é a proposta de MJ Pérez para A luz prendida o seu cuarto álbum (segundo de estudio) que saíu á venda este 1 de marzo. A cantautora presenta quince temas nos que amplía o seu rexistro musical a explorar ritmos latinos, toques folk ou orientacións cara á música do mundo, indo para alén do seu pop-rock máis habitual.

Son Trío sacan o seu primeiro disco 'Miña Almiña'

Xénero: Melódica | 2 / 3 / 2020

minha_alminha_SonTrio.jpg

Talvez poñer na rúa un disco completo xa non sexa un requisito fundamental para formar parte da escena musical ao cento por cento, pero facelo aínda ten o seu mérito ademais do seu traballo, por iso a presentación do primeiro disco longo de Son Trío, o álbum Miña almiña (Autoeditado) segue a ser un acontecemento. A Casa de Rosalía, en Padrón, acolleu o momento en que o trío formado por Katerina Linke (piano e composición), Su Garrido Pombo (voz) e Susanna Blanco (cello) amosaba en directo os temas que vertebran este seu disco. O sitio era o máis acaído toda vez que Miña Almiña son 9 cancións con música orixinal e letra de Rosalía de Castro. Melodías intimistas e elegantes, aproveitando os rexistros do cello e o piano para viaxar do jazz á clásica e á música tradicional, sempre en códigos contemporáneos.

Emilio Rúa presenta en Mondoñedo Novelovento

Xénero: Cantautor | 28 / 2 / 2020

novelovento_emilio_rua.jpg

Ao longo deste venres 28 de febreiro o Concello de Mondoñedo celebra unha homenaxe a Álvaro Cunqueiro. Na mesma, para alén dunha maratón de lectura de Merlín e familia e dunha ofrenda floral, desenvolverase o nomeamento de Víctor F. Freixanes como "Cunqueiriano de honra". No programa inclúese tamén a presentación de Novelovento, novo disco de Emilio Rúa no que o músico adapta catorce poemas que o mindoniense publicou na súa obra Herba aquí ou acolá. O volume, publicado en formato libro-CD ve a luz da man da editorial Galaxia.

<< Inicio / Anterior . 11 a 20 de 1103 . Seguinte \ Fin >>

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer