Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Xico de Carinho presenta 'Na harmónica', o seu primeiro disco en solitario

Xénero: Fusión | 5 / 3 / 2020

imaxe non dispoñible

A Associaçom José Afonso-Galiza e a Gentalha do Pichel de Santiago organizan hoxe un acto de presentación do libro-disco Na harmónica, de Xico de Carinho, editado pola Central Folque. O acto, que contará coa cantautora Alba María ademais do propio Xico de Carinho, será ás 20:30 h. na Gentalha do Pichel (rúa de Santa Clara, 21) en Santiago de Compostela. A entrada é libre. Francisco Peña Villar, Xico de Carinho (Cariño, 1940), é unha personalidade singular, que foi punto de conexión de José Afonso con Galiza desde os anos 70, cando se coñeceron en París, até a homenaxe de 1985 no parque de Castrelos, organizada polas Asociacións Culturais e o xornal A Nosa Terra. No limiar de entrar na súa oitava década, Xico presenta o que é o seu primeiro disco propio, coas constantes do seu repertorio galego e luso-brasileiro orbitando arredor da harmónica, o instrumento máis amado por el. Con este libro disco inaugúrase Zeca, a nova colección de Libros-Cd de aCentral Folque.

MJ Pérez amplía rexistro con A luz prendida

Xénero: Cantautor | 3 / 3 / 2020

luz_prendida_mj_perez.jpg

Un proxecto autoeditado e autoproducido, no que a autora desenvolveu mesmo o deseño gráfico. Esta é a proposta de MJ Pérez para A luz prendida o seu cuarto álbum (segundo de estudio) que saíu á venda este 1 de marzo. A cantautora presenta quince temas nos que amplía o seu rexistro musical a explorar ritmos latinos, toques folk ou orientacións cara á música do mundo, indo para alén do seu pop-rock máis habitual.

Son Trío sacan o seu primeiro disco 'Miña Almiña'

Xénero: Melódica | 2 / 3 / 2020

minha_alminha_SonTrio.jpg

Talvez poñer na rúa un disco completo xa non sexa un requisito fundamental para formar parte da escena musical ao cento por cento, pero facelo aínda ten o seu mérito ademais do seu traballo, por iso a presentación do primeiro disco longo de Son Trío, o álbum Miña almiña (Autoeditado) segue a ser un acontecemento. A Casa de Rosalía, en Padrón, acolleu o momento en que o trío formado por Katerina Linke (piano e composición), Su Garrido Pombo (voz) e Susanna Blanco (cello) amosaba en directo os temas que vertebran este seu disco. O sitio era o máis acaído toda vez que Miña Almiña son 9 cancións con música orixinal e letra de Rosalía de Castro. Melodías intimistas e elegantes, aproveitando os rexistros do cello e o piano para viaxar do jazz á clásica e á música tradicional, sempre en códigos contemporáneos.

Emilio Rúa presenta en Mondoñedo Novelovento

Xénero: Cantautor | 28 / 2 / 2020

novelovento_emilio_rua.jpg

Ao longo deste venres 28 de febreiro o Concello de Mondoñedo celebra unha homenaxe a Álvaro Cunqueiro. Na mesma, para alén dunha maratón de lectura de Merlín e familia e dunha ofrenda floral, desenvolverase o nomeamento de Víctor F. Freixanes como "Cunqueiriano de honra". No programa inclúese tamén a presentación de Novelovento, novo disco de Emilio Rúa no que o músico adapta catorce poemas que o mindoniense publicou na súa obra Herba aquí ou acolá. O volume, publicado en formato libro-CD ve a luz da man da editorial Galaxia.

Sés amosa boa saúde en 'Liberar as arterias'

Xénero: Cantautor | 21 / 2 / 2020

Ses_liberararterias.jpg

Un poema de Luz Fandiño dá título ao sétimo álbum de María Xosé Silvar "Sés", que hoxe mesmo sae ao mundo da man de Altafonte. Liberar as arterias é tamén a única das doce cancións do disco homónimo cuxa letra non é da propia Sés, no resto dos temas a cantautora asina letras e músicas. Como se agarda dela, Sés, mantén viva e saudable a súa mensaxe de denuncia social ao longo de todo o álbum que, de novo bebe musicalmente do legado dos cantautores latinoamericanos que desde os anos 60 marcaron a historia musical da conflitividade política tanto nos países americanos como na España da ditadura e a transición. Coherente con esta liña que estaba tan presente no anterior Rabia ao silencio(Altafonte, 2019) están cancións como a que dá titulo ou Quen son os meus, O silencio non marcha e Na fronteira, por exemplo. Pero ademais nesta ocasión Sés ofrece ao longo do disco cortes nos que teñen sitio con bo resultado – como xa fixera en anteriores discos- sons do rock máis electrico, o soul, o blues ou o jazz funk coma en Para a curación, Trampa de odio, Mafia, na que semella saldar contas pendentes moi concretas, ou esa contundente Espiña sen rosa no que se declara con forza: "prefiro ser herba mala que camelia pra lucir". As presentacións en directo en na América do Sul xa tiveron lugar durante este mes de febreiro e agora comeza a súa xira peninsular o vindeiro día 28 na sala barcelonesa Luz de Gas. O primeiro concerto en Galicia terá lugar o 6 de marzo no teatro Afundación de Vigo. Na Coruña e Pontevedra tamén hai previstas actuacións.

Monoulious DOP presenta o seu Black Album cun concerto en Compostela

Xénero: Pop | 13 / 2 / 2020

black_album_monoulious_dop.jpg

Catorce novos temas compoñen Black Album o novo lanzamento do dúo Monoulious DOP, cancións de ton festivo e humorístico que ironizan sobre os máis diversos aspectos da nosa sociedade. Os selfies, a hipocrisía, as redes sociais ou o Tinder non escapan da crítica desenfadada do grupo. Desta volta, os ritmos funk, o pop e mesmo toques disco (Millenial) substitúen os sons máis roqueiros do seu anterior traballo. A banda presenta este sábado 15 o seu último traballo cun recital na Sala Capitol ás 21 horas. Os estudios Bungalow acolleron a gravación do disco, para o que o grupo desenvolveu un crowdfunding co que recadaron 6.800 euros.

O Festival Metropolitano Elas son artistas achegará 10 de días de música e arte a oito concellos

Xénero: Miscelánea | 12 / 2 / 2020

imaxe non dispoñible

Unha das citas máis refrescantes do país, o Festival metropolitano de música e artes pola igualdade, Elas Son Artistas, ven de presentar a súa terceira edición. O Teatro Colón da Coruña, cidade epicentro do evento que se desenvolve en oito concellos da área metropolitana, acolleu o acto de posta en público do festival. Os concellos de A Coruña, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Oleiros e Sada acollerán este ano 10 días de actividades que irán do 17 ao 26 de abril, e que farán unha homenaxe á raíña da música soul, a desaparecida Aretha Franklin. Así un dos grandes atractivos da programación deste ano é a estrea na cidade da Coruña do documental Amazing Grace, unha peza de cine en directo en torno á gravación dese álbum, unha das cimas creativas de Aretha Franklin. O programa multidisciplinar ten as mulleres creadoras como protagonistas e vai dirixido a un público de mente aberta, que se achega a diversas artes e diversos espazos, e incluso a diversos estilos dentro da música.

Ruxe Ruxe presentan o seu novo traballo 'O estraño falar dun monstro da aldea'

Xénero: Rock | 12 / 2 / 2020

ruxeruxe_estranofalardunmonstrodealdea.jpg

Ruxe Ruxe presentan un novo traballo de estudio e con este xa van 12 discos nos 23 anos de traxectoria da banda compostelá. Con O estraño falar dun monstro da aldea (Autoeditado), a banda liderada por Vituco Neira ofrece 15 novos temas coherentes coa súa traxectoria de punk rock en galego e combat rock, compostos polo propio Neira. O novo traballo consegue ademais un son moi pulido e eléctrico, potente como corresponde a unha banda que nunca perdeu de vista as súas maneiras loitadoras, pero dando ademais un paso adiante grazas á calidade da gravación efectuada nos estudios Gárate (Euskadi) coa produción de Kaki Arkarazo (Negu Gorriak, Kortatu). Como xa é marca da casa, a contundencia guitarreira e da percusión vese ben acompañada con instrumentos de vento como a gaita, harmónica ou saxo en varios dos temas do novo disco. As letras, sempre apegadas no amor ao país e ás súas mensaxes de punk combativo crítico co poder reflicten tamén nalgún dos temas reflexións de perspectiva vital engadindo variedade e profundidade a un sempre potente discurso. A banda xa presentou en avance tres vídeos con primeiras cancións e este vindeiro venres, 14 de febreiro, na Sala Capitol de Santiago farán a presentación en directo ante a súa numerosa parroquia de fieis cun moi posible cheo. O disco xa está dispoñible en tendas e plataformas dixitais.

As primeiras Xornadas sobre a festa galega tratarán a reivindicación das verbenas como BIC

Xénero: Miscelánea | 11 / 2 / 2020

imaxe non dispoñible

O mundo profesional da festa tradicional galega e a verbena vai dedicar os vindeiros días 12 e 13 de febreiro a reunirse na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e levar a cabo a primeira edición das Xornadas sobre as festas onde se celebrarán diversas mesas redondas con debate más cales se analizarán as principais cuestións que afectan o mundo das Festas nestes intres (Patrimonio, Lei de Espectáculos, Convenio Laboral, etc.). O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, inaugurará as xornadas dando paso a unha mesa de debate sobre A festa como patrimonio da cultura galega, no que se tratará da petición de declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) inmaterial da verbena galega que está a ser impulsada desde o mundo das orquestras. Outra das mesas tratará o tema da representación artística na verbena. As xornadas promovidas pola Asociación de Orquestras de Galicia (AGO) e a Asociación de Representantes Técnicos de Galicia (ARTEGAL) contarán coa presenza de especialistas en cada tema para aclarar as últimas novas con respecto as festas e coa representación de tódolos axentes do sector (Oficinas de Espectáculos, Axentes e Orquestras) ademais da colaboración de ASEVEGA (Asociación de Empresarios da Verbena). Os debates están abertos ao público en xeral.

Paco Montero musica oito poemas de Carballo Calero nun libro CD

Xénero: Cantautor | 4 / 2 / 2020

paco_montero_carvalho_calero_cartaz2.jpg

Logo de o presentar o pasado dez de xaneiro no Teatro Jofre de Ferrol, está a chegar ás tendas o libro CD Paco Montero canta a Lumieira Poética de Carvalho Calero. O que foi cantante dos Tamara musica oito poemas do homenaxeado no Día das Letras deste 2020 nun volume que conta con prólogo de Vicente Araguas e no que colaboran intérpretes como Francisco Teixido (Treisi), Jesús Fernández, Frank Rodríguez, Carlos Godel, Ramiro Cartelle e mais Belén García e Ana Buche, que interpretan A Canzón das Lavandeiras. O álbum complétase con catro temas do propio Montero nos que homenaxea a Pucho Boedo, a cidade de Ferrol, o atleta Javier Gómez Noya e mais o actor Javier Gutiérrez. O disco gravouse nos estudios Penteo de Ferrol.

<< Inicio / Anterior . 11 a 20 de 1110 . Seguinte \ Fin >>

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer