Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

A exposición 'Xirarei' fai unha homenaxe a corenta anos de deseño de discos

Xénero: Miscelánea | 22 / 1 / 2020

imaxe non dispoñible

A exposición Xirarei: Deseño de cubertas no disco galego 1955/1995 percorre 40 anos de deseño de cubertas a través de case 600 pezas no Auditorio de Galicia, en Santiago. Comisariada por Fausto Isorna, esta mostra parte do disco de Joselín do ano 1955, primeiro EP con ilustración na portada do que hai constancia; desde aí faise unha viaxe de 40 anos levará aos visitantes desde as primeiras portadas xenéricas, onde o deseño aínda era secundario, ata o momento no que adquire presenza con nomes como Pepe Barro, Xoán Piñón ou Victor Aparicio. En palabras do comisario "estamos ante un proxecto expositivo que non pretende ser unha revisión cronolóxica ou histórica no eido da música en Galicia, senón unha homenaxe ao vinilo e a carpeta nun 'safari tipolóxico' de portadas que se agrupan e relacionan por temas como a Catedral, Sargadelos, os gaiteiros ou o traxe galego, a paisaxe, a bandeira, os deseños máis modernos ou minimalistas, as portadas con fotografías ou aquelas que recollen obras de pintores como Luis Seoane, Laxeiro, Joán Miró, ou portadas como a do disco 'Anduriña' de Juan e Junior ilustrada cun cadro de Picasso".

O grupo de rock Grilo pon música á derradeira carta de Alexandre Bóveda

Xénero: Rock | 17 / 1 / 2020

grilo_dallelume.jpg

O grupo compostelán Grilo presentará o vindeiro día 31 de xaneiro na Sala Capitol de Santiago o seu primeiro disco de longa duración (Seisepés Producións Creativas, 2019), un traballo que se pecha coa canción Xandre, que pon música á derradeira carta escrita por Alexandre Bóveda, asesinado polos fascistas que deron o golpe de Estado o 17 de agosto de 1936. O pasado 15 de xaneiro tivo lugar un encontro dos integrantes do grupo de rock con Valentín García Bóveda e Amalia Bóveda -representantes da Fundación Alexandre Bóveda e da familia Bóveda - co obxectivo de facerlles chegar aos organismos que representan a canción editada pola formación compostelá. No encontro, Adrián, Alberte e Miguel, membros do grupo, fixéronlles entrega a Valentín e Amalia, neto e filla de Bóveda, dunha lámina conmemorativa coa letra completa da canción, así coma de convites para o concerto de presentación e discos en formato físico.

O SonRías Baixas espállase por toda Galicia chegando a Portugal e o Bierzo

Xénero: Miscelánea | 13 / 1 / 2020

imaxe non dispoñible

O Festival SonRías Baixas celebrará a súa 18ª edición os 30, 31 de xullo e 1 de agosto en Bueu pero previamente a iso e por vez primeira o evento espállase esta primavera por toda a xeografía galega, celebrando festas de presentación ao longo do mes de marzo en A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Ourense, Lugo, Bueu e Mos, ademais de en Ponferrada e en Porto. A organización do evento, capitaneada pola produtora Play Plan, quere converter estes "petiscos de música e filosofía SonRías" nun punto de encontro entre artistas e público, ao tempo que achegan a súa proposta musical e festiva a novos públicos dentro e fóra das fronteiras galegas, neste caso en Portugal e León. A idea de levar a marca dun festival máis alá da súa localización e datas xa a viña facendo en Galicia o festival Atlantic cos Atlantic Days e sae dun mellor aproveitamento das estruturas e loxísticas profesionais que o éxito destas propostas van facendo medrar no tecido das industrias culturais. A primeira destas festas coa que SonRías promociona a súa marca terá lugar o vindeiro 5 de marzo na cidade lusa de Porto coa actuación de García Mc & Nación Quilombo + SonDaDúa na sala Maus Hábitos. Sete concertos despois será a festa final na Sala Capitol de Santiago o sábado 21 de marzo con Muyayo Rif e Poetarras coincidindo co concerto en Ponferrada de Dakidarría en acústico + SonDaRúa.

Osa do Mar confirma edición e avanza cartel

Xénero: Alternativa | 8 / 1 / 2020

imaxe non dispoñible

O festival Osa do Mar de Burela, ven de adiantar unha parte do seu cartel e confirmar as datas da súa vindeira edición. O evento, un dos poucos festivais gratuítos de música independente e alternativa, resiste co seu modelo entre o acénao de festivais de verán e celebrarase de novo na localidade lucense arredor da praia da marosa da que sacan o seu nome os días 14 e 15 de agosto. Once nomes de banda de moi variados estilos chegan neste primeiro anuncio da organización do festival e entre elas hai moitos grupos da escena musical galega. Así pasarán polo Osa do Mar o combo caboverdiano- burelán Batuko Tabanka & Bando Krioula e tamén están os composteláns Blanco Palamera e Ezetaerre, os muradáns The Rapants, os coruñeses The Wonderminds e o vigués Sen Senra. Ademais deles actuarán en Burela unha das bandas máis populares da música alternativa independente como Derby Motoreta's Burrito Kachimba, os madrileños KITAI, Parquesvr, Grande Amore e Grande osso.

aCentral Folque lanza Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade

Xénero: Folk | 12 / 12 / 2019

memoria_mus_cotobade_fraguas_groba.jpg

Xavier Groba asina o último lanzamento de aCentral Folque na súa colección Chave Mestra. Antonio Fraguas e a memoria musical de Cotobade é un libro-CD que recolle un cancioneiro musical inédito do homenaxeado no Día das Letras deste 2019, unha colección de partituras de Cotobade compilada por Saturnino Cuiñas e gravacións dos traballos de campo realizados na zona por investigadores como Alan Lomax, Gustav Henningsen ou María Vidal entre outros.

GZMúsica edita unha video-lista dos temas galegos máis escoitados en 2019

Xénero: Miscelánea | 9 / 12 / 2019

imaxe non dispoñible

A colleita musical deste ano que xa está a dar os derradeiros pasos resultou, unha vez máis, moi completa e variada, chea de calidade e de creatividade. O magazine GZMúsica ven da presentar unha lista de reprodución en YouTube de 101 videoclips de artistas galegos que este ano foron os que máis soaron, os máis reproducidos. Para iso, a equipa de estatísticas de GZmúsica levaron a cabo, segundo eles mesmos din, unha análise das reproducións de cancións nas diversas plataformas habituais de música : número de reproducións en Youtube e Spotify, o número de seguidores nestas plataformas dixitais e noutras como Deezer, bandcamps dos artistas, tempo de publicación, etc. O resultado son máis de 6 horas de creatividade musical e tamén audiovisual feitas no país. A meirande parte das cancións son en galego, pero tamén hai espazo para algunha en outros idiomas. Os estilos son do máis variado, desde o rock ao reggae, a música electrónica, ou o trad, entre outros e os nomes daas bandas e artistas poden ser daqueles máis coñecidos como de outros emerxentes ou que teñen un nicho fiel de seguidores.

A Banda da Loba presenta o seu segundo disco 'Fábrica de Luz'

Xénero: Fusión | 5 / 12 / 2019

fabrica-da-luz_banda-da-loba.jpg

En decembro de 2017 saíu á rúa o primeiro traballo discográfico da Banda da Loba, Bailando as rúas (Seispés). Tras o gran éxito acadado e despois de dar máis de setenta concertos en ano e medio, dentro e fóra do noso territorio, preséntannos agora o seu novo traballo, Fábrica de luz no que estas cinco mulleres ofrecen doce novas cancións baixo o seu particular estilo ecléctico e heteroxéneo que bebe do rock, do pop, do folk, etc. Segundo elas Fábrica de luz é un traballo de creación, reflexión e homenaxe en torno á idea de nai entendida nun sentido amplo. Así, a banda ve na lingua e a terra as primeiras nais, fábricas de luz. "As creadoras que nos precederon e as que nos acompañan nesta viaxe son tamén fábricas de luz. As nosas nais, as vosas nais, todas as nais son fábricas de luz. Son fogar, tempo e amor incondicional. Son poder, loita e memoria. Son todo o que nos permite ser hoxe tamén fábrica de luz", din no comunicado de saída deste traballo. Ademais o disco fai unha chiscadela á música dos 80 coas súas luces e cores, que xa é visible no seu primeiro vídeo Fabricando luz cunha chamada ás discotecas, tanto no ritmo de base como na estética de luces e brillos. Xiana Lastra (voz), Estela Rodríguez (violín), Andrea Porto (guitarra e baixo), Inés Mirás (guitarra e teclado) e Marcela Porto (percusión) son os "cinco motores" desta formación que se define como banda feminina que fai música "con M de muller". O traballo xa foi obxecto dunha presentación no Culturgal, pero será o vindeiro1 8 de xaneiro de 2020 na Sala Capitol de Compostela onde se fará a presentación principal antes de continuar cunha xira que as levará por toda Galicia nos vindeiros meses e que pronto anunciarán.

Estrea de 'O Loro de Carlos V' de Nani García e a OSG

Xénero: Clásica/Lírica | 3 / 12 / 2019

imaxe non dispoñible

Os vindeiros días 5 (xoves) e 6 de decembro (venres), o Teatro Colón da Coruña acollerá as representacións de estrea da primeira ópera buffa galega. O Loro de Carlos V. A coprodución de Favola in Mvsica co Teatro Colón da Coruña e o Centro Dramático Galego conta coa participación de Miguelanxo Prado, o barítono Borja Quiza, e o compositor Nani García, autor da música e co-autor do libreto con María Inés Cuadrado, xunto a outras grandes figuras da escena e da lírica. A OSG , con Diego García Rodríguez na dirección, leva o peso musical desta obra a medio camiño entre o teatro e a ópera que escenifica un conto infantil de Michel de Ghelderode. A produción conta coas voces de Borja Quiza, Francisco Corujo e Helena Abad. Miguelanxo Prado como deseñador de personaxes e escenografía, María Peinado na dirección escénica e Baltasar Patiño na dirección técnica. O formato recitado-cantado do libreto permitira seguir perfectamente o devir dunha historia cómica pensada para toda a familia. O día 7 a obra se representará no Pazo da Cultura de Narón.

María Fumaça presenta 'O veleiro verde'

Xénero: Infantil | 28 / 11 / 2019

MariaFumaca_veleiroverde.jpg

O tren de María Fumaça segue percorrendo novas rutas e agora faise á mar con O veleiro verde (Sonárbore Galaxia, 2019), un novo libro-disco no que Uxía Senlle e Sérgio Tannus volven encabezar este proxecto musical integrador coas composicións de Chus Domínguez e as ilustracións de Pablo Pastor. Desta volta a familia María Fumaça ofrece un percorrer que vai medrando en gustos e influenzas do mesmo xeito que medra Ruí, o maquinista arredor do que se fai o proxecto e que xa está na adolescencia o que conduce a unha evolución lóxica nun proxecto vivo e en constante movemento, que deste xeito tamén acompaña a aquela rapazada que creceu con el. Así, buscan unha maior contundencia sonora con "máis flow, ventos, metais, rock rebelde, co noso Ruiguetón, e funk, sen esquecer o tradicional, marca da casa", aseguran. A dirección musical segue a cargo de Sérgio Tannus quen nesta ocasión tamén se encargou da edición e as mesturas conseguindo un son depurado e brillante. No capítulo das colaboracións este libro-disco conta con varias importantes. O recoñecido actor e humorista Carlos Blanco compuxo e canta Estou plof, dedicada a Ruí e a todas as nenas e nenos que teñen un mal día. Ico (do grupo O Sonoro Maxín) pon a súa forza e a defensa dos nosos xogos populares en Fago o camiño. Alfonso Pato, guionista e director do Festival de Cans, escribiu dúas letras ás que pon música Chus Domínguez: A pita de Fita e A árbore de Manolo, dedicadas aos avós de Ruí. O veleiro verde iniciará o seu percorrer o próximo domingo 1 de decembro na carpa do Culturgal ás 17.30 horas.

Unha xornada e un documental recuperan a figura do trobador Martín de Padrozelos

Xénero: Antiga | 26 / 11 / 2019

trobador_no_caminho_a_quenlla.jpg

Sarria acolle o vindeiro 30 de novembro a xornada Trobador no Camiño. Andares pola lírica de Martín de Padrozelos, un encontro que quere reivindicar a figura do está considerado o primeiro trobador do país. A iniciativa conta cunha mesa redonda na que Lois Celeiro, José Martinho Montero Santalha, Baldomero Iglesias, Xulio Pardo de Neyra e Dulce Fernández Graña abordarán esta figura do século XI e a súa importancia na lírica medieval galego-portuguesa. O proxecto, promovido pola Asociación de Xornalistas e estudosos do camiño de Santiago inclúe tamén a proxección dun documental do mesmo nome que a xornada, no que Xoán Piñeiro percorre as paisaxes vencelladas a este personaxe histórico.

<< Inicio / Anterior . 21 a 30 de 1106 . Seguinte \ Fin >>

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer