Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / As aventuras de Sir Tristán na aldea

AS LENDAS ARTúRICAS DEIXARON PEGADA NO ROMANCEIRO TRADICIONAL GALEGO

As aventuras de Sir Tristán na aldea

ANTIGA | maio 31, 2010

imaxe non dispoñible

Non todo na nosa música tradicional son cantigas sobre amor, sexo ou tarefas agrarias. Canda a eses e moitos outros temas, na memoria dos nosos antepasados atopamos temas fondamente entroncados na cultura europea. O Santo Grial, ou a historia de Tristán e Isolda están plenamente inseridos na nosa tradición musical, e revelan relacións temperás con Irlanda e Bretaña.

Carlos Villanueva, catedrático de Música na Universidade de Santiago de Compostela, está nos últimos anos a investigar a presenza da chamada Materia de Bretaña na nosa tradición musical. Segundo nos explica, o seu achado arrincou do estudo dos romances que compilou, no século XIX, Víctor Said Armesto. Para alén de ser o primeiro catedrático de lingua e literatura galaico-portuguesa de España, Said foi un dos pioneiros da recollida da nosa tradición oral, e parte dos romances que rexistrou se integraron no coñecido Cancioneiro Musical de Galicia que compilou Casto Sampedro. “O seu fondo de romances supón como o triple do que se recolle nesta obra. Eu estiven a revisar conferencias que deu e publicacións do seu traballo e levei a sorpresa de que neses romances están as figuras de Tristán e Isolda, Morold, Lohengrin ou Perceval”, lembra Villanueva. “Non son elementos puntuais, estes textos son importantísimos no mundo rural galego. Canda a estas, hai outras referencias como o imposto das cen doncelas ou o Santo Grial, que aparece vencellado ao Camiño de Santiago a través do Cebreiro”. Xa en 1913, Said Armesto fixera unha conferencia, recuperada por Villanueva, sobre a presenza de Tristán na literatura popular española.

Tristán e Isolda
Entre os elementos máis representativos dos romances galegos relacionados con este campo, este especialista cita a presenza de Tristán e Isolda na nosa tradición popular, aínda que a miúdo estes lendarios amantes aparecen baixo nomes diferentes ou con adaptacións da historia. “A de Bernardino e Sabeliña é unha variante que abonda moito. Ata o de agora atopei trinta versións desta historia, e de certo han aparecer máis”. Outra variante aplica a historia ao amor do Conde Liño ou do Conde Arnaldos. A presenza desta historia nos romances esténdese, ademais de no noso país, por toda a zona cantábrica e mais no Norte de Portugal. Nos temas galegos non só aparece a imaxe de Tristán como trobador con harpa, habitual na banda norte do Cantábrico, senón tamén a morte dos dous amantes e o nacemento sobre as súas tumbas de dúas ábores que se entrelazan. “Hai versións nas que se transforman en paxaros que voan xuntos, e outras nas que se fala dun loureiro e unha roseira, un tema que está tamén no cancioneiro de Amberes no século XV”, explica Villanueva. Outro tema presente nas nosas cancións relacionado con este ciclo é a morte de Morold ou Moroud, nome que deriva en Mauregato. “É un xigante que Tristán mata en Irlanda e que era recadador do imposto das cen doncelas, que supostamente lle pagaban os irlandeses a Cornualles nos ciclos medievais, e trasládase aquí, especialmente no Norte, cos romances sobre as cen doncelas e a rebelión contra o pago aos mouros deste imposto”. Aínda a maiores, hai textos nos que se menta o santo Grial, relacionándoo co Milagre do Cebreiro, unha tradición segundo a cal a hostia e o viño se transforman en carne e sangue ante a fe dun parroquiano.

A transmisión
A xuízo de Villanueva, a pegada desta materia “está relacionada con supostas relacións comerciais, de peregrinacións e contactos con Galicia desde Bretaña, Irlanda ou o Noroeste de Francia”. Encol da relación do Grial co Cebreiro, Villanueva engade a importancia dos peregrinos ingleses e irlandeses, xa na altura do século XI. Segundo explica “en Galicia estes temas teñen dúas vías de entrada. Por unha banda, está a vía popular, por tradición oral, que é moi pouco coñecida. Logo hai unha vía culta que vai aparecendo nas Cantigas de Afonso X ou nos cancioneiros vaticanos”. Segundo el, “seguramente eran levados e traídos por trobadores irlandeses que viñan por Europa e que acabaron prendendo nas cancións populares. Logo está a pregunta de por qué están máis presentes na tradición galega e menos en Castela, que é algo que xa pregunta Said”. Nese sentido, a recoller as teses deste investigador, Villanueva sinala que “o tema do Grial conecta moito con Xerusalén e co sangue de Cristo como grande metáfora teolóxica, e a catedral como final do traxecto, coa Xerusalén Terrestre”, o que achega en boa medida os mitos artúricos coa peregrinación compostelá. “Estes personaxes acabaron sendo moi populares e mesmo se introduciron nas festas. Morold mesmo acaba sendo a Bicha que os paisanos perseguen e apalean”, explica. Villanueva advirte, no entanto, que o seu estudo sobre estas cuestións está aínda en marcha, e que no material de Said Armesto, e mais na súa intensa correspondencia con Murguía sobre esta cuestión agarda atopar novas pegadas. “Aínda hai moito que investigar, e ver o xeito en que cada un dos dous vía os romances. Logo hai outras cuestións colaterais relacionadas con estes textos que é o tema da suposta Atlántida, que aparece como fondo en moitos destes textos, e é unha cuestión que haberá que estudar”.

Villanueva exporá máis polo miúdo as súas investigacións sobre Said Armesto no Congreso Español de Historia da Arte que se celebrará o vindeiro mes de setembro en Compostela. De cara aos vindeiros anos agarda avanzar nas súas análises encol destas cuestións, unha investigación que de certo ha amosar novas evidencias das relacións internacionais do noso país durante a Idade Media.

DOCUMENTO

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer