Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / / As cancións que agochaban as cubertas

A INVESTIGACIóN SOBRE A MúSICA MEDIEVAL EN OURENSE SITúA O NOSO PAíS NA ELITE MUNDIAL DESTE áMBITO

As cancións que agochaban as cubertas

ANTIGA | febreiro 8, 2011

imaxe non dispoñible

Unha árdua busca de partituras a desventrar as cubertas de antigos códices. A reconstrución dun patrimonio musical que se esquecera no século XV. A gravación dun disco que rescata cancións que levaban case mil anos sen se interpretar. Galicia entra na primeira división mundial da música medieval co proxecto de investigación e mais o disco A música medieval en Ourense.

Como é sabido, na Idade Media a música supuña unha parte fundamental da liturxia católica en todo o occidente europeo. Non era nisto unha excepción Galicia, que atesouraba nas súas catedrais e igrexas un importante catálogo de composicións destinadas a acompañar os oficios relixiosos. Ademais, a importancia de Compostela como núcleo de peregrinación fixo da Cidade do Apóstolo un importante foco de difusión de música a nivel continental, xa que moitos viaxeiros achegaban e levaban temas de diferentes partes do mundo cristián, o que deu nunha importantísimca colección. Estas pezas estaban escritas sobre pergameo con caracteres góticos e visigóticos. Aínda que tiveron unha grande difusión durante os séculos XI e XII, co tempo este modelo foise substituíndo por partituras con textos latinos de tal xeito que, xa no século XV, as vellas pezas resultaban incomprensibles para os responsables do repertorio das diferentes catedrais. Deste xeito, aqueles pergameos empregáronse como o material idóneo para facer as cubertas de libros parroquiais ou de actas notariais, e alí quedaron esquecidos. Ata hoxe.

O material agochado
“O proxecto comezou coa tese doutoral do musicólogo Manuel Rey Olleros sobre esta cuestión. Comezou a se falar entón da posibilidade de rescatar a música dos séculos XI e XII”, explica Carlos Núñez Deza, responsable do proxecto e mais da editora Armonía Universal, que publicou este material. “Desde 2007 publicamos tres volumes que recollen o material que se conservaba na Catedral de San Martiño, no Arquivo Diocesano de Ourense e mais no Arquivo Histórico Provincial. En total foron centos de partituras medievais que tiveron unha grande aceptación por musicólogos e curiosos de todo o mundo. Tivemos demandas de Italia, Francia, Reino Unido, Estados Unidos ou Alemaña”, lembra Núñez. Segundo apunta, “somos pioneiros na Península neste tipo de traballo, temos moitos ollos ollando para nós, mesmo de varias universidades onde se dá musicoloxía. Neste momento somos un exemplo a seguir”.

Atopar as partituras
Dar coas partituras desta época, como é de imaxinar non é sinxelo. Para comezar, “o problema é que estes protocolos e libros parroquiais están perdidos polos arquivos. E que para alén de chegar a estes libros, logo está a cuestión de conseguir os permisos para os desencadernar e descubrir os pergameos que se agochan nas súas cubertas”, explica Núñez, que participou canda a Rey Olleros desta investigación. “Foi apaixoante pero un labor moi árduo. Primeiro era imaxinar o que podía haber en cada cuberta, despois ir desencadernando e comprobar o que vai aparecendo. E logo aínda ter na mente como pode soar o que atopas, todo rodeados por po de cinco seculos”.

A adaptación
Unha vez localizadas as partituras, compría intepretalas, o cal non é sinxelo. “Teñen un grande interese paleográfico, están cheas de abreviaturas, e se non coñeces ben a fondo o material, é moi difícil de saber o que queren dicir. No século XV xa eran completamente incapaz de as entender, e aí vese o enorme traballo de Rey Olleros, que as transcribiu e as puxo en notación moderna”, explica Núñez. E é que na época non se empregaba o pentagrama, senón que o temas rexistrábanse coa notación coñecida como aquitana na cal as notas se transcriben sobre unha única liña. Canda a isto, incluíase o estudo sobre o contido desta música e unha ficha sobre cada un dos temas recuperados, así como a notación aquitana actual para os mesmos.

A importancia
Todo este traballo permitiu revelar un inmenso patrimonio que se descoñecía e que pon a Galicia na vangarda da recuperación deste tipo de material. Para alén, o estudo permitiu verificar algunhas hipóteses sobre o xeito no que se transmitía e interpretaba este tipo de música e obriga a cuestionarse outras ideas sobre esta materia. “Por exemplo, non se sabía se o Códice Calixtino se chegara a interpretar algunha vez, porque fisicamente está moi novo. Agora atopamos transcricións dalgunhas das obras que contén, polo que podemos deducir que se interpretaba a través de copias. Tamén atopamos que o Códice da Catedral de Ourense ten música propia de aquí, cun valor extraordinario, e supomos que noutros lugares acontecerá o mesmo”. De xeito especial, a investigación verificou a importancia das catedrais galegas como foco da música sacra na época medieval. “Os fondos musicais que había en Galicia son verdadeiramente incribles” confirma Núñez.

O disco
Malia á importancia que este proxecto de investigación ten en si mesmo, o feito de que os promotores apostasen por gravar un disco cunha escolma dos temas recuperados outórgalle aínda máis orixinalidade. “A finalidade da música é que poida ser escoitada. Hai moi pouca xente que saiba ler as partituras, así que quixemos facer accesible este patrimonio”, explica Núñez. “Para isto buscamos un dos mellores coros do mundo, o Gregoriani Urbis Cantores”, de Roma. E é que non é sinxelo atopar intépretes axeitados para estas pezas. “A música medieval era monódica, interpretábase cunha soa voz a capella e sen acompañamento, e logo ten a cualidade de ter ritmo libre” lembra este editor. “Da selección que fixemos todas teñen o seu interese. Hai por exemplo dúas pezas do Códice Calixtino que son incriblemente fermosas. A verdade é que esta música chega directamente ao corazón, é compresible que no século XII fose unha arma poderosísima para facer que a xente crese”. O resultado, para este investigador “é, sen querer ser pretencioso, o mellor disco de música medieval de España. E dígoo sen ser eu nin o autor nin o intéprete da música, é o noso patrimonio, e como galego estou orgulloso de dicir isto. A interpretación da música é fantástica e o ritmo está estupendamente solucionado”.

A continuación
O proxecto non acaba, nin moito menos, coa edición deste disco. “Queremos seguir a investigación polo resto das catedrais do noso país". De xeito paralelo, Núñez e Rey están a traballar na posibilidade de crear unha formación especializada na interpretación deste tipo de pezas. “Queremos impulsar un coro de música medieval en Ourense. Sería o único da comunidade galega deste tipo e dos poucos de España. Temos os coñecementos necesarios e hai xente con calidade abonda para o facer. Queda como algo aberto, pero gustaríanos impulsalo ao longo deste ano e ao mellor gravar xa con el o vindeiro disco ou, cando menos, actuar nas presentacións e noutros eventos”. Para alén disto, o proxecto é continuar a investigación a partir dos arquivos de todas as catedrais que existen no país, onde estes investigadores están convencidos que quedan aínda moitos tesouros por localizar. En total a estimación é tirar oito volumes e catro discos. “Se cremos en nós mesmos e o facemos ben, Galicia terá verdadeiras xoias e será un centro de referencia a nivel mundial, que xa o é”.

AUDIO
Fragmento de Sancte Iacobe Christi, tema incluído en A música medieval en Ourense
AUDIO
Fragmento de Venite omnes christicole, tema incluído en A música medieval en Ourense

 

 

 

Sponsored Links: No Frills Flyer, Freshco Flyer, Food Basics Flyer, Walmart Flyer, Giant Tiger Flyer